Xosé Manuel, mariñeiro,
mariscador e mergullador, fillo de Roberto Brión, cando andaba á captura de
ourizos pola contorna con compresor, axudado desde a embarcación polo seu
irmán, tiña atopado polo fondo pezas esparexidas de metal, pertencentes a
pranchas e máquinaria, das ducias de pecios que cubren os fondos desta brava
costa atlántica, sen darlle a menor importancia, ata que un día mergullando no
Carreiro da Caghada, chamoulle a atención unha pequena masa verdosa con
algunhas formas redondeadas que tiñan toda a pinta de estar feitas pola man do
home. Cando puido tocar o achádego, descobríu as figuras de tres dragóns de bronce
que tiñan unha oquedade no ventre: dous estaban intactos e un rachado pola
metade. Estaban cubertos dunha pátina verde polo óxido que cubre as pezas de
bronce ou cobre, en contacto co auga de mar. Estaban en orixe, seguramente
estibados nunha caixa, a cal empodreceu, adoptando as figuras unha forma
compacta rectangular, concrecionadas unha con outra. Xosé Manuel, lembrouse da
historia de seu pai e da súa avoa que ía ás crebas pola ribeira e que atopaba
entre outras, botellas de vidro, moi valiosas na época. Entón collíu as tres
figuras de dragóns e os puxo enriba dunha pedra, pero cando quixo voltar por
eles tras seguir apañando ourizos, que era o que lle estaba a dar de xantar a
el e a súa familia, xa non atopou os escurridíos dragóns que según el, poderían
pesar 10 kg cada un. Hoxe seguen a durmir no fondo do mar, nos fermosos fondos da
maxestuosa paraxe do Carreiro da Caghada, onde fica tamén un proxectil “ben
doradiño”, que noutra inmersión localizou o propio Xosé Manuel, a carón do
pecio do Modesto Fuentes soterrado na
area e que a forza do mar foi traendo desde os restos do HMS Serpent, localizado na ribeira oposta, na Punta do Boi.
© Fernando Patricio Cortizo 2017
Foto: Carreiro da Caghada. Isa García.
Ningún comentario:
Publicar un comentario