José Brión Ajeitos, o pai de Roberto, lía e escribía
na súa casa á luz dunha candea cando chegaba do mar, ainda que fora de madrugada.
Non era un mariñeiro común. Aquí collían centolas e llas trocaban por patacas.
Namorouse dunha muller de Arou e xa casou e afincouse aquí. Estivera
traballando anteriormente de planchador en Barcelona, antes de a adicarse á
vida do mar. Foi dunha xeración de bos patróns, e de grandes oficiais da marina
mercante que paríu o pobo mariñeiro de Corrubedo. Chegou a ser o único socio do
casino de A Ponte do Porto, que non era da mesma Ponte. Privilexio que na época
non lle era concedido a ninguén. Vestía elegantemente sombreiro e traxe e tiña
unha boa planta. Era moi amigo de Evaristo Mouzo Vázquez, un xuíz oriundo da
parroquia de Xaviña, nado no pazo de Tasaraño que comezou a súa profesión tras
sacar a carreira de dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, entre
os anos 1911 e 1917, sendo precisamente nesta cidade galega, onde exercíu por
vez primeira como xuíz de instrucción, no 1933. O 28 de xaneiro
do 1936, o xornal El Pueblo Gallego, publica
a nova onde Evaristo Mouzo Vázquez é
elexido candidato polo Partido de Izquierda Republicana. Tras ser suspendido de
emprego e soldo, (estamos no inicio da Guerra Civil española) tal e como indica
o xornal santiagués, El Compostelano,
na súa edición do 7 de xaneiro do 1937, mes e medio despois lle serán restituidos
ambos. Tras contraer matrimonio coa señorita Carmen Álvarez, na vila de Melide,
foi trasladado a Santa Cruz de Tenerife, concretamente á vila de Telde, onde
traballaba seu sogro na adxudicatura. O xornal, La Noche ,
publica o 13 de xullo do 1957
a nova que amosa o nomeamento de Evaristo Mouzo Vázquez,
como Maxistrado do Tribunal Supremo.
Cinco anos despois, en concreto no BOE nº
188, con data do 7 de agosto do 1962, sae publicada a nova da entrega da
Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort a este xuíz camariñán, o cal recibirá
polos seus veciños unha calurosa homenaxe, no casino desta localidade costeira,
no mes de agosto do 1963.
Co Decreto 3545/1970 do 3 de decembro, xubilábase por cumplir a idade
reglamentaria, como Maxistrado do Tribunal Supremo, pero pouco podería
desfrutar do seu retiro, pois falecería na súa casa do lugar de Paxariña, na
parroquia de Xaviña, (Camariñas) ao ano seguinte, sen descendencia.
Ao mariñeiro José Brión Ajeitos, uníalle unha gran
amizade con Evaristo Mouzo Vázquez, e ás veces xantaban xuntos. Nunha destas
xuntanzas, o mariñeiro agasallou ao nomeado xuíz coas dúas espectaculares figuras
de dragóns de bronce que atopara nos arredores dos baixos dos Trinacras, co seu fillo Roberto e con
Alfredo O Paquete. Tendo enfronte semellante
historia, tentei pescudar sobre o paradoiro das marabillosas e inusuais obras
de arte que constituían as pezas dos dragóns dos Trinacras.
Tras procurar atopar a
descendentes ou familiares de Evaristo Mouzo Vázquez, o cal morrera sen
descendencia, no mes e xullo do 2016, localicei a Antonio Vázquez-Guillén, na
páxina web do seu bufete internacional de abogados VCGH (Vázquez-Guillén,
Canals, Gaspar, Herrero) ubicado en Madrid. Noutrora éste home fóra avogado do
Estado no caso Prestige, Tras conseguir
o seu número de teléfono, chameino e tras identificarme á súa secretaria,
estiven agardando un intre ata que me pasaron con directamente con el. Falamos
por espazo de sete minutos. Comenteille a que me adicaba, e a continuación
conteille a historia pola cal o chamaba, que non era outra que saber do
paradoiro das famosas figuras dos dragóns doados a seu tío avó, Evaristo Mouzo,
polo mariñeiro José Brión Ajeitos de Santa Mariña. Pero desgraciadamente,
Antonio nunca os víu no pazo familiar de Tasaraño, tamén chamado dos Mouzo,
onde nacera Evaristo e os seus nove irmáns, na parroquia de Xaviña, nin
escoitou nada relacionado con estas pezas, ou outras relacionadas con
naufraxios na zona que foran parar a
inmobres da familia. El mesmo ademáis, reformou ese pazo e afirmou que nunca
apareceran tales pezas, nin as vira nunca alí. Dixo que seu tío avó, Evaristo,
pouco desfrutara da xubilación pois morríu un ano despois de trasladarse a
vivir a outra casa da familia preto do pazo, ubicada no lugar de Paxariñas, tamén
na parroquia de Xaviña. Agradecíame que contactase con el e que sentía non
poder axudarme. Si algún día tiña novas ao respeito, avisaríame. El xa ía pouco
polo pazo de Tasaraño, en Xaviña, pois pasaba os veráns en Vilagarcía de
Arousa, de onde é a familia da súa dona. Tampouco lembraba a presenza destas
míticas pezas no interior da casa que ocupara seu tío avó, Evaristo Mouzo
Vázquez, no lugar de Paxariñas, (aldea pertencente ao Concello de Camariñas) que
pertencera a un marquesado e fora trasladada pedra a pedra desde o lugar de
Dor, pasada A Ponte do Porto ata o seu actual emprazamento en carros de bois
pola veciñanza quen axudou na reconstrucción do inmoble, na súa actual
ubicación de xeito “gratuito”, pois na época contan que dito maxistrado era un
home de moito poder e que ninguén se negaba a facer traballos “de xeito
altruista” para el. Algún veciño da zona asegura que víu no interior desta
noble edificicación, unha especie de celda con cepos e cadeas e cóntase pola
contorna que se aparecían xéneros na ribeira cuspidos polo mar, había que
entregarllos a el en persoa para non ter problemas.
Pero, que foi logo do paradoiro
das figuras dos dragóns de bronce atopados no pecio do Trinacria?
O vento zoa con forza. As ondas do Atlántico estouran nos cantís, purificando praias e coídos. A choiva escorrega polas fiestras... A invernía arribou para ficar ancorada unha tempada... Claudico ao poder da dixestión, adormecendo e sentado a carón do lume, cun libro entre as mans... Soa de fondo, O mar de Madredeus.
© Fernando Patricio Cortizo 2017
Foto: Aldea de Santa Mariña en agosto. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: nota de prensa, xornal La Noche, edición do 13 de xullo do 1957.
Foto: Vivenda de Evaristo Mouzo, nas Paxariñas. Pepe O Prixelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario