Segue Roberto Brión a falar das historias
interminábeis de naufraxios da zona. Petrallo, o buzo de Camelle, traballou nas
Quebrantas e dixo que había moitos barcos alí, pero ao dicirlle eu que podía
ser no Farelo, en Touriñán, respóstame -podía estar eu enghañado-. Seu fillo
José Manuel, interrúmpeo para dicirlle que el mergullou ao erizo moitas veces
nas Quebrantas a 12, 13 e 19 metros e que nunca víu nada cando se adicaba á captura do
ourizo. Di que por toda a contorna hai moitos restos de metal desfeitos. Lembran
ambos que un madrileño que veraneaba en Santa Mariña, estaba interesado en
fotografiar os restos dos naufraxios que eles teñen na casa pertencentes ao Olympie: un molinillo de café, un xogo
de tazas de café e a algunha botella de ron.
Lembra precisamente Roberto Brión
que tras o embarrancamento do Olympie,
casou no 1958 e comezabase entón a reforestar o monte. Que a primeira estrada que
comunicou a Santa Mariña, fixérona aló polo 1959-1960 e que viña de Arou.
Daquela non había ainda luz eléctrica. A luz coa que alumeaban nas casas era
unha pequena candea de gas cun anaco de elástico onde se prendía lume e daba
unha luz moi feble. Fai mención ao detalle que cando soaban o nariz saía todo
negro por que era polo ollín da leña e do carbón que se empregaba nas casas…
Que todo trocou cando chegou a luz eléctrica.
Segue a dicir Roberto que… -Esta é unha costa dura,
aquí xa te curtes de pequeno… Os inghleses xa lle chamaban así Costa da Morte-…
(Aclárolle que foi un periodista coruñés o que fala expresamente do nome de
Costa de la Muerte por primeira vez, no 1904). Prosigue seu fillo Xosé Manuel a conversa
dicindo que facía uns días, unha parexa que viña facendo o camiño da costa
víunos chegar a porto no medio do forte mar de fondo e que o señor cando
arribaron a porto foi a felicitalos e díxolles: -Sois unos héroes los tenéis
bien puestos-.
Roberto Brión Mouzo, despídeme con outra alfaia do noso gran patrimonio marítimo inmaterial, que estaba gardada na súa privilexiada memoria: unha canción popular que se fixo cando foise a pique o vapor trasatlántico español, Larache, no baixo da Ximiela, preto de Muros o 23 de xuño do 1908. Unha gran traxedia marítima na que perderon a vida 85 persoas, entre elas o capitán do buque o señor Ibarnaray, ao que lle fixeron unha canción na época que tiña un retrouso moi retranqueiro: "El capitán del Larache, es capitán de verdad... cualquier buque de carga se le puede confiar... el capitán del Larache tira la gorra al salón y con la mano derecha corta la respiración".
© Fernando Patricio Cortizo 2017
Foto: O Penal-Punta da Caghada, autor: Francisco Amado Castro.
Foto: molinillo de café do Olympie, autor: Fernando Patricio Cortizo.
© Fernando Patricio Cortizo 2017
Foto: O Penal-Punta da Caghada, autor: Francisco Amado Castro.
Foto: molinillo de café do Olympie, autor: Fernando Patricio Cortizo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario