Escollíu
Manfred a Camelle para ficar nel de por vida, ou pola contra, foi Camelle o que
lle ofrecíu a Manfred a súa contorna para que a súa pegada perdurara para sempre
na Costa da Morte?. Que achou o alemán nesta antiga aldea baleeira de finais do
século XV que lle fixo deter ata que finou no mesmo lugar ao que chegou fai 40
anos?... camiñaba na procura de atopar respostas as súas inquedanzas e aos seus
desacougos, tentando acadar a fin do mundo fisterrán, rego do camiño espiritual
ou aventureiro onde se mesturan as xentes relixiosas coas paganas, ou
simplesmente fuxíu do seu pasado ata atopar a paz nun paraíso natural
preconcebido na súa mente?
Agardemos a que os seus diarios e
manuscritos onde fala da súa propia vida, ilumiñen esa parte escura que aínda
descoñecemos deste artista, que engaiolado por esta costa, soterrou nela a súa
vida anterior e renaceu nunha pequena
vila da Costa da Morte en plena simbiose coa natureza e coa súa alma.
Segue a súa obra evocando
sentimentos e unha paisaxe inesquecible e insustituible. Pensemos por un intre
e pechemos os ollos… que pasaría se desaparecese a casa do alemán co seu
entorno escultórico e as súas pinturas ao longo das dúas escolleiras do porto
de Camelle?... botariamolas en falla ou non?. Somos quen de imaxinar a lo menos,
ou seu valdeiro físico e, na súa esencia, ser testemuñas da perda que suporía a
súa inexistenza, unha vez coñecida a súa vida e o seu legado cultural
inimitable? Pois esa perda imaxinaria, estase a converter en dexenerativa grazas
á burocracia, hoxe por fin vencida, pero en xeral pola desidia e desinterese
que amosamos todos os galegos polo propio. Non nos importa que alguén se leve
un coio colocado e empregado por Manfred para darlle sentido a súa obra. Non
nos importa que alguén entre na súa chabola e roube parte do seu legado,
faltándolle ó respeito a él, a súa terra e a todos os que admiramos a súa obra.
Tampouco nos importa que se encha o noso entorno idílico de lixo. Cicais nun
futuro de preto, o lixo forme parte da nosa paisaxe cotiá, e moita xente de
fóra virá para admirar as moreas de residuos e vertedoiros no que estamos a
converter a nosa paisaxe. Unha paisaxe,
e unha riqueza etnográfica, que de non facer unha virada de rumbo a tempo na
súa travesía cara ningures, afundirase na inmensidade oceánica, e agora, como
fai seis anos, tinguirá a nosa costa e a nosa terra de escuridade como a
negrura, do fuel do Prestige que asolagou a obra de Manfred á
vista dos seus ollos cansos, afundidos na tristura e cheos de bágoas que
ollaban a diario esas augas atlánticas que separan a terra da auga, do mar da
vida.
Cicais, sexa de novo a natureza,
a que nos volte a transmitir a verdadeira semente e a fermosura do legado
cultural e etnográfico dos coarenta anos de estancia e traballo de Manfred en
Camelle. As gaivotas séguense a pousar sobre as súas esculturas, amosándose
enchidas de pracer de coroar tan maxestosa creazón. As ondas, seguen a
estrelarse e a bater contra o seu xardín pétreo e contra as súas pinturas,
chaman por Manfred, para que nade entre as súas crestas brancas, as mesmas que
catapultan os salseiros cargados de salitre vaporizado con sabor a invernía. O
vento que zoa entre os buracos da súa chabola, esparexe ao mundo os espazos de
cultura, que aínda agochados non viran a luz. A choiva escorrégase entre as
fendas seculares e co seu son trasládannos ao prefacio dos temporais, grandes
coma mundos nestas terras, para dar finalmente paso ao sol, xa coa encalmada e
no abeiro desexado, onde fica o anacoreta eterno, onde está Man. Hoxe, no sexto
cabodano da súa morte, ríndolle homenaxe dándolle as grazas por ancorar na vila
de Camelle e non facelo en ningún outro lugar do universo.
Manfred vive!
© Fernando Patricio Cortizo 2017.
Texto exposto nas II xornadas,
Man de Camelle, decembro de 2008
Foto: A organización do caos, Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Temporal no xardín pétreo, Fernando Patricio Cortizo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario