Aínda facía pouco que mencera
cando un bote a remos achégase á costa para desembarcar un home, nun coído
abeirado do vento. Ao lonxe, aínda é visíbel o casco dun pesqueiro embarrancado
sobre un baixo, afundido de popa. Mentres os mariñeiros alónxanse do litoral a bordo da
pequena embarcación, ollan como seu armador
conversa cuns labregos da zona que teñen pacendo as vacas nun inmenso pradío
que cubre toda a súa vista. Máis tarde, cando o bote acodérase ao barco de
salvamento, principiará a laboura diaria de prestar apoio aos buzos que xa
traballan na operación do reflotamento da baca de arrastre galega cravada
nunha perigosa pedra, no interior dunha fermosa, húmida e ventosa ría, ao SW de
Eire.
Horas despois, o armador fai sinais dende terra requirindo de novo ao bote para que o veñan a recoller. Xa a
bordo, cóntalles aos mariñeiros que foi convidado polos lugareños a entrar na
súa casa que alvíscase no alto do outeiro, onde ofrecéronlle o calor do lume da
súa cheminea, café e licores, intercambiando opinións na conversa que xira sobor do naufraxio,
grazas aos xestos e tamén en boa parte, grazas aos debuxos que o armador corcubionés
debullaba na súa libretiña…
Deste xeito, con este verídico,
fermoso e pequeno episodio que acaban de ler que foi reconstruido e agora
divulgado, grazas á gran memoria do maquinista-motorista, Juan Pérez Areas,
natural de Corcubión, protagonista do mesmo e no que únicamente permitinme a
licenza de converter en ficción o detalle dos debuxos na libreta do armador, podería principiar a historia dunha expedición pouco coñecida que zarpou da Costa da
Morte, en concreto do Porto de Corcubión, a comezos do outono do 1961 a bordo do barco de
salvamento Josefa Cambeiro, con base
neste abeiro e propiedade do armador Antonio Pardiñas e que arribaría á costa
irlandesa da ría de Bantry, para reflotar o pesqueiro coruñés, Andrés G, alí embarrancado e
pertencente ao tamén armador corcubionés, Benigno O peruano. Necesitaría esta empresa dunha segunda expedición que
zarparía do mesmo porto galego no verán do ano seguinte, onde esta vez si, acadaríase
poñer finalmente a flote esta baca de arrastre que tras ser remolcada dende a
costa de Irlanda ata augas galegas, remataría os seus días nos famosos e aínda
existentes estaleiros Valiña, na Coruña, no lugar de Oza, onde perdémoslle a
pista, incluso na hemeroteca, con moitas probabilidades que fose finalmente despezado ao quedar moi danado sendo moi caro o seu arranxo.
De seguido reconstruímos
esta abrainte historia dende os seus comezos ata o seu fin, grazas ás vivencias
conservadas aínda na áxil memoria de Juan Pérez Areas, un dos protagonistas da
mesma, (como xa indicamos antes) persoa coa que tiven oportunidade de
contactar e conversar grazas a Domingo Antonio Lestón Mosquera, máis coñecido
no mundo do salvamento e dos despeces de barcos en Galicia, como Antón Pardiñas, fillo de Domingo Antonio Lestón París, Don Antonio, precisamente o
armador que ía nesa expedición a Irlanda e que faría amizade cos labregos da
zona, visitando súa casa en varias ocasións…
Conta Juan Pérez Areas que conta con vinte anos de idade cando o día 4 de outubro de 1961 saen do porto de Corcubión rumbo a Irlanda, sete homes a bordo
do barco de salvamento, Josefa Cambeiro,
propiedade de Don Antonio Pardiñas, de 100 toneladas de rexistro bruto e que
montaba un motor de 390 cabalos de potencia, remolcados pola baca de arraste Miguel A, con base no porto de A Coruña.
Nada máis dobrar o cabo Fisterra collen un tempo terrible e á altura do Cabo Vilán
teñen que curtar o remolque de 500 metros de longo feito a base de cable e
cadea que os unía ao pesqueiro polo mar de fondo, e para non irse a pique. Ambas
as dúas embarcacións poñen rumbo ao porto da Coruña, non exenta esta
travesía de moito perigo para a tripulación do Josefa Cambeiro, pois o seu motor non respondía nese mar, como lle
informa o patrón Ramón Barreiro a Juan, o maquinista, ademáis de non contar a
bordo nin con radio nin con electricidade. Finalmente, e tras arribar ao porto
herculino e permanecer tres días nel, o armador aproveita para mercar unha
dinamo nova para o Josefa Cambeiro, despéxase de estopa a súa sentina,
e conséguese limpar e arranchar o barco para voltar a navegar, poñendo
a expedición de novo rumbo a Irlanda con bo tempo, arribando sen novidade ao
porto de Bantry, aos tres días, tras penetrar e navegar pola fermosa e profunda
ría do condado de Cork.
A expedición corcubionesa na que
ía o armador Don Antonio Pardiñas a bordo do Miguel A, ía co obxetivo de poñer a frote a súa parella, o arrastreiro
xemelgo, Andrés G, propiedade do
tamén armador corcubionés, Benigno o
peruano. O Andrés G, estaba
embarrancado dentro da ría de Bantry coa popa cravada e afundida nun baixo coa
proa ergueita por riba da superficie do mar.
A tripulación do Josefa Cambeiro, compoñíanna: Juan Pérez
Areas, mecánico naval, maquinista-motorista; unha parexa de buzos valencianos de
nomes Enrique e Adolfo, os cales non rematarían a campaña, pois non estaban afeitos
a estas augas lodas e frías. Serían sustituidos por outra parella de buzos: Valeriano
Cerviño de Corcubión e Juanito Liracho, residente en Corcubión e natural de
Lira. Serían estos buzos os que finalmente rematarían por poñer o Andrés G a flote; Ramón Barreiro, natural de
Noia era o patrón do barco; Alfonso, mariñeiro e cociñeiro, de Corcubión; Alberto
Giminal, mariñeiro de Corcubión; Alejandro Domínguez, alcumado o japonés, mariñeiro de Corcubión. Actualmente
o único que queda con vida da tripulación do Josefa Cambeiro é Juan Pérez Areas.
Os sete homes de tripulación
facían vida a bordo do barco cando chegaban a porto. Tiñan que ir dous homes a
diario a unha fonte a por auga, axudándose para elo dun carretiño sobre o que
portaban un bocoi enriba que lles deixara un patrón dun pesqueiro irlandés. Logo
a bordo, para asearse e co frío que facía, (pasaron dende outubro a principios
de xaneiro en Irlanda) botábanse primeiro un caldeiro de auga por riba, logo
enxabonábanse e finalmente con outro caldeiro de auga por riba, aclarábanse.
O Josefa Cambeiro tiña un rancho na proa onde durmían os catro
mariñeiros; o patrón e o buzo de nome Enrique tiñan dous catres no puente; Juan
fixérase un bo catre no motor e Don Antonio Pardiñas e o buzo Alfonso, durmían
na adega.
Conta Juan Pérez, que a carón do
barco embarrancado, na mesma costa, había casas de labregos irlandeses que tiñan
vacas criándose nos inmensos e verdes pradíos da contorna e que nalgunhas
ocasións arrimáronse á ribeira co bote do Josefa
Cambeiro, que sempre era arriado para axudar nas labouras de refrotamento
do Andrés G que facían os buzos que
eles levaban a bordo. Foi entón cando Don Antonio Pardiñas tomou terra e
visitou aos lugareños e rematou por quentarse no interior dunha destas casas facendo certa amizade con eles. Os irlandeses logo convidaron tamén a café aos
mariñeiros do bote.
Os únicos medios de rescate cos
que contaban en Irlanda a expedición de Corcubión, eran os que levaba a bordo o
propio barco de rescate, Josefa Cambeiro,
o cal tardaba quince minutos en cubrir a distancia de aproximadamente unha
milla que afastaba o porto de Bantry co lugar do embarrancamento do Andrés G. O obxectivo era erguer o barco
e taponar por baixo as fendas que tiña no casco, mais na primeira campaña foi unha misión imposible,
pois estaba moi cravado nas pedras. O tempo foi pasando e os gastos aumentaban. A
pesares que o mar no interior da ría irlandesa permitía traballar sen
contratempos e doadamente, era estrano o día no que o forte vento non fixese acto
de presenza. Finalmente, e fronte a imposibilidade de safar o barco das pedras,
decídese que volte a Galicia a expedición ao completo, ficando amarrado ao
porto de Bantry o Josefa Cambeiro,
sen tripulación a bordo, a pesares que inicialmente barallárase a posibilidade
que Juan Pérez, o maquinista, ficara a bordo agardando á unha futura segunda
expedición.
Esta vez e a bordo do Freire Costas, un barco da mesma
compañía, voltan a casa os sete tripulantes máis o seu armador, abandoando o porto de Bantry o 5 de xaneiro de 1962. O patrón deste
pesqueiro empeñouse en largar os aparellos para aproveitar a marea cando un forte golpe de mar estivo a piques de afundir o barco, arrincándolle
un bote salvavidas, chegando a auga dentro da ponte ata o pescozo do patrón e
no costado de estribor unha porta aberta fixo que o mar metera moitas toneladas de auga a bordo, onde ían 15 homes: sete tripulantes do propio Freire Costas, e outros oito do Josefa
Cambeiro. O patrón do pesqueiro quixo
poñer proa de novo a Irlanda pero Antonio Pardiñas negouse e dixo que seguirían
viaxe ata arribar ao porto da Coruña, como finalmente aconteceu.
Cando o Freire Costas levaba un día de travesía rumbo ao porto herculino, cruzan unha conversa por radio co pesqueiro coruñés, Testal, que navegaba en rumbo oposto a
eles proa ao Gran Sol, e que desaparecería no mar esa mesma xornada, índose con
el ao fondo, os seus 14 homes de tripulación, constituindo este naufraxio, unha
da meirandes desgrazas para a gran familia mariñeira galega que faenaba fóra
das nosas augas patrias. Juan Pérez en persoa, lembra
as terríbeis imaxes que poideron ollar cando eles a bordo do Miguel A arriban ao porto da Coruña, o
día 8 de xaneiro do 1962, onde agardaban en primera liña os familiares, as mulleres e
os fillos dos tripulantes desparecidos do Testal.
En canto pisan terra son abordados polas mulleres que os interrogan
preguntándolles se saben algo do paradoiro de seus homes… familiares que neses intres de
angustia aínda gardaban un esperanzador fío de luz na tensa e dramática espera
polos seus, e que por desgraza, xa nunca chegaría.
Habería que agardar ao verán
deste mesmo ano do 1962, cando a segunda expedición corcubionesa traballando na
ría de Bantry, acada por fin reflotar ao Andrés
G, tras acadar erguelo de popa co guinche do Josefa Cambeiro. Grazas a esa operación por fin os buzos poideron
taponar as fendas no casco do barco e unha vez achicada a auga que tiña no seu
interior, foi remolcado ao porto da Coruña, onde foi reparado ou despezado
nos estaleiros de José Valiña.
Foi nesta segunda expedición para
reflotar ao Andrés G, na que conta
Juan que fora enrolado seu irmán Carlos, tamén de motorista e que foi éste o
que lle dixo que a prensa irlandesa sacara moitas fotos ao barco e a súa operación de
reflotamento. Non se lembra Juan Pérez Areas se o barco
unha vez a flote volviu a navegar. En canto el chegou a Corcubión desta
experiencia irlandesa, embarcouse nun costeiro dunhas 500 toneladas de nome, Sirius.
O propio Juan, lémbrase que
comezou a traballar no mundo do rescate e despece de barcos con 14 anos, a
bordo do Josefa Cambeiro. Lémbrase do
buzo Leopoldo Lamela, (tío de Luis Lamela o xornalista e escritor que traballou
no xornal La Voz
de Galicia) que era de Corcubión e vivía nas casa baratas. Este traballou con
Pardiñas e con outros armadores da chatarra de Muxía (seguramente Pérez Leis)
tamén coñeceu Juan Pérez ao Carrilo, outro buzo de Corcubión. Tamén traballou
na zona Querejeta, (de Querejeta sabemos que traballou no pecio do Highland Warrior, perdido na costa de
Cobas, en Ferrol, no 1915) outro empresario chatarreiro polo que lle escoitara a
seu pai José Pérez Domínguez, que tamén traballlou de maquinillero a bordo dos
barcos de salvamento para Pardiñas. Todos os chatarreiros da zona vendían o ferro extraído dos pecios no lugar de A Viña, Corcubión.
Segue a contar Juan que antes de ir a
Irlanda traballara xa con Pardiñas noutros puntos da costa gelega sacando
chatarra dos pecios, especialmente cos buzos valencianos que eran moi bos.
Traballaran ata 58 metros
de profundidade no baixo de La
Carraca , en Fisterra. Adolfo, un deles, tiña entón 25 anos e non ascendía ata que dende o barco dábanlle o sinal de subir. Lémbrase
Juan que o cabo do que dependía o buzo tiña un nóo cada tres metros. Fora este
mesmo buzo o que localizara na costa de Touriñán, concretamente nos fondos de O
Farelo, un eixo de cola de ferro que tras pasarlle á cadea no fondo para
amarralo, foi izado polo Josefa Cambeiro grazas ao seu
guindastre que era quen de erguer carga por un peso de ata 14 toneladas. Cando
izaron por fin dito eixo, con grave risco de que o barco de salvamento dese a
volta polo sobrepeso, os tripulantes descubriron que viñan amarrados tres eixos á cadea do guinche: un
de cola, un do medio e outro de encaste coa propia máquina do barco, pesando
cada un deles 3,5 toneladas. Dita peza pertencera a un buque de bo porte dos
numerosos pecios que existen nos fondos de Touriñán, estando ademáis revestido
dunha camisa de bronce de 18
mm , feito que o facía máis valioso se cabe. O armador, Antonio
Pardiñas, ficou tan abraiado da descuberta e das ganancias que lle ía reportar
esa rescate que tras ancorar ao Josefa
Cambeiro en Muxía, convidou a toda a tripulación a cear no restaurante O
Rápido da mesma vila, lugar de parada do coche de liña, na época. Alí
preparáronlles unha langosta de tamaño considerable.
Segue a lembrar Juan Pérez Areas que traballar
na zona de Touriñán era terrible, pois no mes de setembro do 1961, estiveron no
porto de Muxía coma base e que ese mes só poideron traballar en Touriñán catro días. Tamén traballaron nos fondos da Praguiña en
Corrubedo, estando de buzo Lamela, sacando moitas toneladas de ferro. Cando non
había traballo no verán, Juan reparaba e arranxaba outros barcos do ferro de
Pardiñas, o Rosalía Matilde e o Santa Isabel, e no inverno traballábase
na marea baixa en A Viña, curtando e carrexando a chatarra que alí depositaban
os barcos do ferro que se extraían dos pecios coa dinamita polos buzos e logo Pardiñas
levábaa en camións para unha empresa de Carballo e outra de Vigo, (da que non
lembra os nomes) ou incluso, ás veces, eran as propias empresas as que facían a
operación á inversa indo a recollela in situ. A chatarra pagábase moito nesa
época; o ferro gordo de 20 mm
de grosor a 14/ptas o kilo, mentres que o de plancha pagábanno menos; o cobre
estaba a 50 ptas/kg… era ouro. Os chatarreiros facianse millonarios, entón.
Tiñan a sona de que pagaban mal, e Juan a punta que non só era mala sona, senón
que pagaban mal, tarde e arrastro.
© Fernando Patricio Cortizo 2017
Foto: Faro de Crookhaven, Bantry Bay, Lola Soto Vilasuso.
Foto: Josefa Cambeiro, Aquiles Garea.
Foto: Josefa Cambeiro a carón do Andrés G, na ría de Bantry, *Irish Examiner, edición do 31 de xullo do 1962.
Foto: Josefa Cambeiro a carón do Andrés G, na ría de Bantry, *Irish Examiner, edición do 31 de xullo do 1962.
Precioso relato que me lleva a personas que conocí y a escenarios muy queridos.
ResponderEliminarMuchas gracias y buena luz!!!
Moitas grazas pola túa fermosa resposta, Carlos Abella Rey. Se queres partillar conmigo as túas vivencias sobre este episodio ou sobre outros semellantes, podes contactarme no meu email: fernando_pecio@hotmail.com
EliminarUnha fonda aperta
Incrible o que pode chegar a facer a xente do mar... excelente artigo
ResponderEliminarMoitísimas grazas, Lino Pazos. Unha fonda aperta oceánica!
Eliminar