Nunha solleira
mañá de agosto fai agora un ano, franqueáronme a porta dunha fermosa casa de
pedra con galería que fora ergueita a finais do século XIX, polo buzo, Juan
Bautista Rodríguez Roade, ubicada a carón da Igrexa da Nosa Señora do Bo Suceso,
no pobo de Fisterra. Foi no interior desa acolledora vivenda, coñecida como
unha das dúas casas da familia de Juan do
Buzo que existen na vila fisterrá, onde disfrutei da amabilidade e da
conversa con Feliciano García Rodríguez, coñecido na súa familia por Tano,
e na vila por Tanito de Maruja España ao cal acompañábao a súa filla Ana, grazas ás referenzas que me dera Lourdes González
Rodríguez, sobriña dos famosos nove irmáns González Lago de Corcubión, que
herdaron a empresa de salvamento e despece de barcos que fundara seu pai, José
González Cereijo.
Un dos primeiros datos históricos
que me aporta Tano é que seu bisavó,
o buzo, Juan Bautista Rodríguez Roade, foi o primeiro en descender aos restos do
pecio do Great Liverpool, afundido na
fermosa praia de Gures e que extraeu do mesmo cubertería de prata á que logo
lle fixo acunar as súas iniciais e tamén varios cabeiros de alafante, uns
vendidos a particulares e outros vendidos a igrexa de San Nicolás, na cidade de
A Coruña, ainda que no interior deste templo relixioso na actualidade, non se
atopa xa ningún destos valiosos obxetos de marfil.
Cando levabamos xa case que dúas
horas falando Tano, súa filla, máis eu, sentados en cadeiras a unha mesa,
(mobles todos pertencentes a barcos afundidos na Costa da Morte) entre unha
morea de valiosos testemuños, de súpeto agromou unha gran historia, narrada e
vivida polo propio Tano. Ésta é…
Lembrávase que xa tiña visto de
neno caer avións no Cabo Fisterra, no decurso da II Guerra Mundial, en concreto
na praia do Rostro aterrarían dúas avionetas (seguramente cazas) unha separada
da outra por dúas semanas de diferencia, cuios motores serían desmontados do
corpo dos avións e levados posteriormente a Ferrol.
Na zona de San Roque, exactamente
o 28 de agosto de 1943 polo serán, tras producirse un combate aéreo entre un
avión aliados e outro nazi, nos arredores do Cabo Fisterra, unha aeronave
norteamericana foi acadada polo lume inimigo e perdendo altura, pasando pola tona
da auga na zona da praia da Ribeira, rematou por amerizar a carón do idílico areal
fisterrán de Langosteira. Conta Tano
que: “foise a afundir a 40-50 metros de distancia do
arrecife de As Pardas, xusto enfronte de onde desemboca río Grande.”
Grazas ao excepcional artigo
publicado sobre este accidente aéreo, no blogue: galiciaenlasgm.blogspot.com.es/2008/02/b-24-en-playa-langosteira-finisterre.html,
sabemos que no interior da fuselaxe quedou o corpo sen vida do oficial de
derrota Beckner, cosido a balazos. Os
nove homes restantes que compoñían a tripulación deste bombardeiro pesado, Liberator
B-24D das forzas aéreas norteamericanas, que despegara horas antes da base
aérea en chan marroquí, de Port Lyautei, e que foi posteriormente atacado e
derrubado por un FockeWulf200 alemán, salvaron as súas vidas, sendo rescatados
sete deles, pola tripulación da lancha Dejen
Paso, patroneada por José Canosa; outro pola lancha Lili, patroneada por José López Castreje e o último supervivinte
sacado das augas polos mariñeiros da embarcación, patroneada por Antonio
Romero. Quince minutos despois do sinistro, e evacuados os tripulantes do
avión, con só a cola deste a vista a aeronave estourou, seguramente voada polos
seus propios tripulantes, seis feridos de consideración, e entre eles, catro
por impactos múltiples de bala.
Reseñar tamén, que fora este
avión norteamericano, Liberator B-24D co numeral, 42-40104 e co mesmo piloto, o
que derrubara a un Focke Wulf 200 Kondor nazi, o 13 de agosto do 1943, na ría
de Camariñas.
Os datos deste parágrafo,
reitero, están extraídos do excelente artigo que trata específicamente deste accidente
aéreo, acontecido a carón do areal fisterrán de Langosteira. Recomendamos a súa
lectura pola pormenorizada bibliografía e documentación aportada, para
completar e contextualizar a historia que aquí se narra, froito do noso
patrimonio inmaterial.
Voltando a narración de Tano, el lémbrase que ás dúas semanas da
amerizaxe do avión norteamericano en Langosteira, aproximadamente a mediados de
setembro, houbo un forte temporal de compoñente sur que fixo que o corpo do
tripulante falecido, John L. Becker, fose botado polo mar á praia de
Langosteira, soterrándose éste no cemiterio de San Martiño de Duio. Anos
despois, rematada a II Guerra Mundial, os americanos repatriaríanno ao seu país.
O avión sería finalmente dinamitado polos propios americanos para estragar
probas sobre o seu deseño e tecnoloxía, da que se poideran beneficiar os espías
inimigos.
O pai de Tano, Feliciano García Cordo, como moitos homes da época aos que lles tocou ir á fronte, na Guerra Civil española, fora alistado forzosamente polo bando Nacional, ao ficar nun territorio ocupado polos golpistas, tras o alzamento. Na contenda bélica fóra destinado coma chófer do Comandante do Batallón Navarra 43, e destacouse no seu posto por esquivar as bombas e as minas que acababan de esnaquizar a un dos camións que ían na vangarda do seu convoi. Rematada a guerra, Feliciano volta a Fisterra e aproveitando os seus contactos, fai unha boa amizade na época, co
Comandante General de Marina de A Coruña, valíéndose desta relación para conseguir a concesión do despece do avión norteamericano afundido
na praia de Langosteira, sacando absolutamente todos os seus restos visíbeis do
fondo, incluido seu tren de aterraxe, pois a aeronave estaba afundida a 2,5
brazas de auga. Lembra Tano que ainda
ata ben pouco pola contorna, había xente que coma a súa familia, empregaban bandexas de aluminio elaboradas a
partires dos anacos da fuselaxe extraída do avión sinistrado, para poñer enriba
delas as empanadas e levalas a cocer aos fornos das panaderías da zona. Éstos
foron os únicos anacos que extraera seu pai do fondo do mar en Langosteira, que
non foran enviados a Barcelona, destino final do ferrancho procedente do
bombardeiro norteamericano.
Esta foi a única vez que o pai de
Tano, Feliciano García Cordo,
adicouse ao despece, pois seu xeito de gañarse a vida fora sempre a través
dunha salazoeira e outro negocio de venta de peixe fresco.
Conta Tano que nos restos deste avión había nylon. Fío plástico de enorme
resistencia que contrastaba na época coas fráxiles redes de pesca que poseían
os mariñeiros galegos que daquela eran de algodón, as cales había que cascar cada
tres semanas, máximo, somerxidas en auga quente con coda de piñeiro, para
tinguilas. Lémbrase tamén Tano da
rapeta, esa rede largada dende terra cara mar aberto por unha embarcación, cun
extremo fixo en terra e que unha vez desplegada toda a súa lonxitude, voltaba
de novo á beira da praia facendo un semicírculo, amarrando os dous extremos a
unha carruaxe de bois, os cales encargabanse de tirar dela ata depositala
enriba dos areais. Precisamente Bellamisa, un mariñeiro da zona, pedíulle a Tano un pedazo de aluminio ou de
plástico do avión sinistrado, e éste levoulle un anaco grande de biruta de plástico,
sacado dos restos dunha das ventaniñas da aeronave, pois Tano facía con este material anéis que logo vendía a dúas pesetas, ocupando
tamén o tempo en poñer remaches de aluminio. Cando o rapaz entregoulle a Bellamisa un fío de plástico e díxolle que
tirara del a ver se era quen de rachalo, e o mariñeiro díxolle: “aparta que isto vou collelo e soplándolle
vouno partir!” cando o mariñeiro pegoulle o tirón ao anaco de plástico,
éste fíxolle un corte nun dedo coma un mundo e Tanito do medo, fuxíu correndo.
Tamén recorda Tano, grazas á súa portentosa memoria,
que atopou bolsas de caramelos e de comida prensada, seguramente pertencentes
ao kit de superviviencia das neumáticas salvavidas do avión, entre os restos
extraídos da aeronave, xa depositados en terra. Seu pai, antes de enviar todo o
material atopado do avión a Barcelona, tiña que entregar, os anacos pertencentes
á fuselaxe como a do armamento atopado no seu pecio, á Comandancia de Marina de
A Coruña.
No edificio onde o pai de Tano
tivera unha salazoeira que mercara no ano 1942,
houbera con anterioridade unha conserveira, e despois de vender el a
salazoeira, posteriormente, restaurado o mesmo edificio que se atopaba enriba da
praia, na súa parte occidental, instalaríase alí un dos restaurantes máis famosos
e prestixiosos, non só da Costa da Morte, se non de toda Galicia… estamos a
falar do Tira do Cordel.
Outra curiosa e fermosa historia
que saíu dos restos do avión norteamericano, perdido no areal de Langosteira,
foi a concerninte ao paradoiro das súas rodas de aterraxe, pois non todas foran
entregadas á Armada. No ano 1944 o pai de Tano
conseguíu un soplete para curtar o aceiro das rodas, e deste xeito poder
extraer as gomas das mesmas que na época era un artículo de luxo… un verdadeiro
tesouro. O Caruncho, que era un sarxento que estaba o mando do posto da Garda
Civil de Corcubión e que tiña sona de ser moi mala persoa, un día parou ao
camión de o pai de Tano, decíndolle que
como non apareceran as rodas que faltaban do avión, íalle incautar o camión; pero
Feliciano lle tiña ao seu vehículo un compartimento segredo onde introducía a
mercadoría que non quería que lle atoparan, e así foi como as valiosísimas
gomas das rodas do avión norteamericano, foron finalmente a parar a Pais que
era o zapateiro do pobo de Cee nese tempo, (esta familia ten na actualidade varias
ferreterías na zona) pois Feliciano doulle a goma das rodas do avión para facer
solas para botas, para un montón de xente.
O meu agradecemento a Tano, á súa
filla Ana e a Lourdes González Rodríguez por compartir conmigo as súas historias
familiares, para que poidesen ser difundidas. Somos salitre.
© Fernando Patricio Cortizo 2017
Foto: Liberator B-24. www.warbirdalley.com
Foto: buzo, Juan Bautista
Rodríguez Roade. Pub A Galería, Fisterra.
Foto: tripulación do Liberador
B-24D 42-40104. Juan Carlos Salgado Torres.
Foto: mapa coa ubicación do lugar
do naufraxio do Liberator B-24D. galiciaenlasgm.blogspot.com.es/2008/02/b-24-en-playa-langosteira-finisterre.html
Foto: arrecife de As Pardas, co lugar do naufraxio do Liberator B-24D, a carón da praia de Langosteira. Fernando Patricio Cortizo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario