sábado, 21 de xaneiro de 2017

Serpes e Dragóns (VI) Os dragóns dos "Trinacras"


Os dragóns dos “Trinacras”
Pasada a Enseada de Trece, acadamos as Baleas de Tosto; Roberto vai nomeando con exactitude, todos os nomes que nos atopamos: xusto enfronte delas, en terra, está Porto Lucín, e entre ambos está o Canal do Lucín. No medio desta canle, están o propio baixo do Lucín, os Trinacras, a laxe de Muxía, e o baixo do Sindicato, antes de chegar a As Baleas, onde Petrallo contoulle a seu pai José que hai un pecio que lle da ese nome que botaran alí as nasas que era un bo sitio de Nécoras. Son todos lugares de naufraxios xa esquecidos polo tempo. Os famosos baixos dos Trinacras, lugar onde foise a pique o paquebote británico Trinacria o 7 de febreiro do 1893,  con carga xeral, en ruta do porto escocés de Greenock a portos do Mediterráneo, -e por terra Os Difuntos, que se queimou todo-. Refírese aquí Roberto á arrepiente historia que ficou na memoria popular e que se producíu nos días posteriores ao naufraxio deste navío inglés, onde pereceron trinta persoas, entre elas seu capitán e catro mulleres que ían de pasaxe, sendo dúas delas nenas. Pasados os días non había xeito de extraer os cadáveres que frotaban nunha furna mesturados cos restos do barco e da súa carga, decidíndose finalmente, plantarlle lume a esa masa informe, polas autoridades locais. Esta arrepiente historia está recolleita no libro de naufraxios do mestre de Camelle, José Baña Heim, no seu magnífico libro: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios.

Cando ainda non estaba recuperado do descobrimento “do escudo do Serpent”, Roberto Brión, conta que nos Trinacras, talasonímico co que foi bautizado o baixo co que colidíu este buque inglés, no 1893, que cando el e máis seu pai andaban ao espello desde a embarcación, aló polos anos cincuenta do século pasado nesta mesma zona, a unhas 7 ou 8 brazas de fondo atoparon unha figura. Cando a izaron á superficie decatáronse que era un dragón de bronce e levárono para terra. Nunha segunda ocasión na que Roberto e seu pai, estaban acompañados a bordo do seu bote de Alfredo Lobelos Carracedo, Alfredo O Paquete que vivía en Arou, (xa falecido) os tres mariñeiros andaban á procura de ferrancho pola mesma zona, (especialmente os días de surada pois este vento deixaba o mar planchado e as augas clariñas coma espellos) tras localizar no fondo unha prancha de ferro, trincáronna cun raño especial que eles mesmos fabricaran para ditas operacións e logo amarraban dito trebello á súa embarcación, (co obxetivo de ir bogando rumbo a un lugar abeirado mantendo a peza suspendida a medias augas, ata achegarse a terra e unha vez varada a embarcación ir cobrando o cabo do gancho ata poñer en seco o anaco de chatarra, pertencente a un pecio). Unha vez a prancha afastouse do fondo de pedra, que estaría según lembra Roberto a 4 de profundidade, viron con moita claridade outra figura de dragón, idéntica á primeira que eles rescataran no mesmo lugar, con anterioridade.


Xa en terra e recuperada tanto a figura do dragón como a prancha de ferro, José, o pai de Roberto, preguntoulle a Alfredo se lle importaba que el se quedase co dragón, ao que Alfredo respostou: -leva coño que a mín non me importa!-. Ambas as dúas pezas de bronce que representaban a este ser mitolóxico, unha vez pesadas, acadaron os 18 kg cada unha medindo aproximadamente un metro de altura. Lembra Roberto ademáis, que as enigmáticas figuras estaban totalmente cubertas do óxido verdoso, característico da reacción do bronce ao entrar en contacto co auga do mar e que tiñan a boca aberta, estando cubertos de escamas coma os peixes e que de abaixo a arriba ían estreitándose. Apunta o veterano mariñeiro: -Tiñan a feitura da miña perna-. Os dragóns acabaron na casa familiar dos Brión.  

© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: SS Trinacria. www.maritimeheritage.com
Foto: Furna dos Defuntos Queimados. Fernando Patricio Cortizo.





























































































Ningún comentario:

Publicar un comentario