mércores, 1 de febreiro de 2017

Serpes e Dragóns (III) Os Dragóns do Carreiro da Caghada.


Xosé Manuel, mariñeiro, mariscador e mergullador, fillo de Roberto Brión, cando andaba á captura de ourizos pola contorna con compresor, axudado desde a embarcación polo seu irmán, tiña atopado polo fondo pezas esparexidas de metal, pertencentes a pranchas e máquinaria, das ducias de pecios que cubren os fondos desta brava costa atlántica, sen darlle a menor importancia, ata que un día mergullando no Carreiro da Caghada, chamoulle a atención unha pequena masa verdosa con algunhas formas redondeadas que tiñan toda a pinta de estar feitas pola man do home. Cando puido tocar o achádego, descobríu as figuras de tres dragóns de bronce que tiñan unha oquedade no ventre: dous estaban intactos e un rachado pola metade. Estaban cubertos dunha pátina verde polo óxido que cubre as pezas de bronce ou cobre, en contacto co auga de mar. Estaban en orixe, seguramente estibados nunha caixa, a cal empodreceu, adoptando as figuras unha forma compacta rectangular, concrecionadas unha con outra. Xosé Manuel, lembrouse da historia de seu pai e da súa avoa que ía ás crebas pola ribeira e que atopaba entre outras, botellas de vidro, moi valiosas na época. Entón collíu as tres figuras de dragóns e os puxo enriba dunha pedra, pero cando quixo voltar por eles tras seguir apañando ourizos, que era o que lle estaba a dar de xantar a el e a súa familia, xa non atopou os escurridíos dragóns que según el, poderían pesar 10 kg cada un. Hoxe seguen a durmir no fondo do mar, nos fermosos fondos da maxestuosa paraxe do Carreiro da Caghada, onde fica tamén un proxectil “ben doradiño”, que noutra inmersión localizou o propio Xosé Manuel, a carón do pecio do Modesto Fuentes soterrado na area e que a forza do mar foi traendo desde os restos do HMS Serpent, localizado na ribeira oposta, na Punta do Boi.

© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Carreiro da Caghada. Isa García.

Ningún comentario:

Publicar un comentario