Chamoume sempre a atención nestos últimos anos, a presenza de dúas señoras maiores
palillando, no lugar que orixinariamente ía ser o espazo reservado para a cafetaría
do Museo do Alemán, na vila de Camelle. Fai tempo que nos coñecimos neste mesmo
edificio, por ter coincidido en diversos actos e actividades culturais
relacionadas coa propia figura de Man, ou
coa vida e historia mariñeira deste senlleiro pobo.
Hoxe mesmo,
mentres agardaba a que baixara a marea para coller auga de mar nas pozas do
lugar do Alemán para facer caldeirada, decidín pasar á sala onde se atopaban
para conversar un anaco con ambas as dúas.
Pregunteilles
que lembranzas tiñan de cando eran nenas e de contado a Pastora e a Angélica,
coñecidas en Camelle, como Pelocha e A Muxisca, respectivamente, ilumináronselle
os ollos, enumerándome os xogos cos que elas desfrutaban de nenas, cando as
deixaban ir a xogar se non había ningunha tarefa da casa que as retuvera.
Xogababan co palán á billarda, á rueda, a mariola, (marcando cun anaco de tella
o chan, antes de comezar o xogo) á corda, “os escondites” para ir “aos ajochos”
ás agachadas, diversión na que pintaban “o circo” (círculo) no chan tamén antes
de escomenzar, onde ían entrando todos os nenos que ían sendo descubertos nos
seus respectivos agochos.
Conta Pastora
que é natural de Arou, que alí a escola dos nenos estaba a carón da coñecida
actualmente, como a Casa do Pillo,
onde impartía coñecementos o mestre de Camelle, José Baña Heim. A escola para
as nenas tíñanna no Rueiro de Arriba, onde había unha fonte onde corría moita
auga, feito que proba a existencia na época de dous muíños, tamén alí. Doña
Olga era a súa profesora. Angélica e Elita, que cursaran os estudos de
maxisterio, pero que non sacaran a praza por non ter aprobado as oposicións,
eran dúas mulleres naturais de A Ponte do Porto, as cales sustituían á súa
profesora cando ésta non estaba. Lémbrase Pastora ademáis que Elita era irmá do
Doutor Blanco.
Angélica, de
neniña, acudía a unha pequena escola que estaba na súa aldea natal de Santa
Mariña, pero non puido adicarlle moito tempo, pero Pastora que estivo nela ata
os 13 anos, lembra o reparto do leite en pó e de mantequilla en barra que se
facía na súa escola de Arou; entón, cando chegaba o tan desexado tempo de
lecer, o recreo, había catro rapaces na cociña da escola, que valéndose duns
bidóns grandes, eran os encargados de facer o leite, botando no seu interior
auga quente mesturándoa coa leite en pó. Para que che serviran o leite había
que traer da casa un pocillo e con el, un anaco de pan para che untaran a
mantequilla. Eran tempos de moita fame e de moita miseria que se arrastraba
dende o remate da Guerra Civil española.
Angélica que
na actualidade ten setenta e catro anos, comezou a palillar con cinco. Lembra
como ela e súa nai, ían á feira de A Ponte do Porto, para vender alí mensualente,
a labor. Di que “foi unha vida esclava
pero bonita”.
Pastora comezou
a coser e a bordar en Camelle, onde cos anos aprendeu o oficio de costureira
(como súa nai) ao carón dunha modista, onde cada unha cosía para a súa casa.
Seus pais compraríanlle despois unha máquina de coser, e con ela comezou a
facer seus primeiros traballos e coas propinas que sacaba, mercaba telas coas
que se confecioaba unha blusa ou un vestido para ela. Falamos das famosas
Singer, das cales un bo número delas sairon das adegas do paquebote francés, Nil que embarrancara na enseada de Xan
Ferreiro en Arou, no 1927 e da sona que colleron, pois logo as costureiras da
zona mercaban tamén máquinas de coser desta casa para o seu traballo polo seu
excelente rendemento. Lembra Pastora que cando traballaba para unha casa,
pagábanlle o seu xornal e máis lle daban o xantar.
Lémbrase Pastora
aos seus setenta e tres anos, que nas naves de O Portiño salgábase a sardiña,
secábase o congro e o abadexo, e que a este último se lle sacaba a cabeza para
vendela aparte. Elas axudaban a encarnar as nasas dos seus homes e logo cando
chegaban a porto coa pesca, tiñan que ocuparse tamén de vendela. A muller traballaba
o doble que o home.
Seguemos a
falar da arte do encaixe de bolillos ou palillos que é como lles chaman elas.
Estes palillos están feitos de madeira de buxo e algún de pau, unha madeira que
recibe este nome, máis Pastora non sabe exactamente cal é. Contan estas dúas
palilleiras veteranas que hai moitas rapazas da zona que saben palillar, pero que
ao comprobar o número de horas que empregan elaborando as puntillas en
comparación aos cartos que obteñen polas súas creacións, acaban procurando
outro oficio mellor remunerado.
Confésanme
tanto Pastora como Angélica, que lles gusta moito o encaixe. Elas teñen ansia
por ese traballo. Din que se faltan un día de aquí (do lugar que ocupan a
diario na sala da planta baixa da Casa do Alemán) a xente estráñase e pregunta
por elas. Afirman tamén que desde que ocuparon este lugar, dentro das
instalacións deste novo edificio, comezáronse a desenrolar alí outras
actividades para nenos e xóvenes de Camelle.
Falamos tamén
da procedencia do encaixe, e elas confesan que este oficio xa o facían as súas
bisavoas. Antigamente, había unhas compradoras de puntilla que se lles chamaban
punteiras, que eran de A Ponte do Porto, de Camariñas e de Vimianzo.
Precisamente, o fío co que traballan elas é de algodón mercado en Vimianzo a
unha punteira, coñecida por Isabel a
filla de Carril. Angélica e Pastora véndenlle a esta muller as súas
produccións que xa lle vendían anteriormente a seu pai.
Lémbranse as
palilleiras afincadas ne Camelle, desde fai moitos anos, tamén do forte parón
que sufriron nas ventas a raíz da crise do 2007. Elas elaboran puntilla en
metros, principalmente empregada para elaborar coleccións de prendas de roupa,
ou para pezas concretas como manteis, sabas, xogos de cama, toallas, centros de
mesa, mesas de noche, coquetas e ata fermosos broches de frores. Din que se
tiveran que pagarlle os seus traballos por horas, serían millonarias.
Imos rematando
o faladoiro e dinme que hoxe van a visitar xunto a outra palilleira de
Camariñas o plató de Luar, o lonxevo
programa da TVG, que xa visitaron máis veces para promocionar o seu oficio. Recentemente,
estiveron convidadas en Padrón, Betanzos, na Illa de A Toxa e en Castela León
para amosar o encaixe de bolillos. Tamén estaban animadas polo preto que se
atopaba xa, unha nova edición da Mostra do Encaixe de Camariñas.
Agora teñen o
encaixe de bolillos como pasatempo, pois como di Pastora, os fillos xa están
criados e seus homes xubilados.
Despídome
delas e camiño ata pasar a caseta de Man, con catro botellas valdeiras dentro
dunha bolsa. Nótase xa a chegada do mal tempo… paseniño, descendo polas pedras
ata chegar á beira do mar, pisando nas laxas ben forradas de arneirón que
impiden esbarar na baixamar. Aquí, nestas vizosas pozas ateigadas de caramuxos,
encho as miñas botellas con auga salgada e lembro a figura de Man, na procura
de crebas que o mar deitaba nesta costa ateigada de vida e de historia.
© Fernando Patricio Cortizo 2018
Foto: Pastora e Angélica
palillando na Casa do Alemán. Fernando Patricio.
Foto: Angélica palillando na Casa
do Alemán. Fernando Patricio.
Foto: Pastora palillando na Casa
do Alemán. Fernando Patricio.
Foto: broches de frores de
puntilla, elaboradas por Pastora e Angélica. Fernando Patricio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario