Ao longo dos trinta anos que levo pescudando naufraxios,
houbo un especialmente que me chamou a atención. Nel, morreran afogadas catro
mulleres naturais da vila de Malpica de Bergantiños. A pegada que deixou na
miña memoria, fai que hoxe lles adique unhas sentidas liñas, xunto aos sete
homes que compartían embarcación con elas e que por degraza tamén atoparon a
morte esa fatídica tarde, fai agora case que cento vinteún anos. Este tráxico
sinistro marítimo, no que faleceron once persoas, atopeino cando estaba a
peneirar o rexistro do Xulgado Municipal de Malpica de Bergantiños, no decurso
do ano 2013, tentando documentar e ampliar algunha historia oral e algunha nota
de prensa escasa, sobre algúns sinistros marítimos, acontecidos no tramo de
litoral comprendido, entre Caión e as Illas Sisargas. Aproveitando a valiosa
información atopada neste arquivo de reducidas dimensións, fun dando forma
(unhas veces con máis acerto que outras) aos seus respectivos textos e
publicando cada caso, nos libros: “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira
travesía do Priam.” (Edicións Embora, 2014) do que son coautor xunto ao meu
amigo, Xabier Maceiras Rodríguez, e no “Naufragios y crónica marítima de
Galicia hasta 1899.”
(Ediciones Cartamar, 2016).
Os rexistros dos xulgados municipais que comezan aló polo
1870, permitiron entre outros, ir inscribindo e deixando constancia do achádego
de cadáveres de náufragos que foran deitados polas ondas do mar e polo efecto
das mareas na costa, asemade como o posterior traslado de ditos corpos en
presencia dun médico forense, existente nestes confíns oceánicos, para que fosen
examinados e se lles practicasen as correspondentes autopsias, sempre que o
estado dos mesmos o permitía; no caso da acta nº 91, do Tomo VII,
correspondente ao libro de defuncións do Rexistro Civil, do Xulgado Municipal
de Malpica de Bergantiños, escríbese: “No
se pudieron obtener datos para identificar el cadáver ni noticias, por venir
completamente destrozado.”* Ditas actas de defuncións, recollen
con tal nivel de detalle o estado físico no que se atopaba o cadáver achado na
ribeira, que ás veces a súa lectura, como neste caso, produce arrepío, pois
reprodúcese literalmente o escrupuloso examen forense do falecido, polo galeno
destinado na zona.
Remataba o historial do devandito expediente, indicando o
lugar do soterramento do náufrago, que no caso concreto de Malpica de
Bergantiños a partires do último cuarto do século XIX, era no cemiterio
municipal e só en contadas ocasións, dábanselle sepultura no adro da igrexa de
San Xulián, como acontecería concretamente, neste caso, con tres cadáveres de
mulleres pertencentes á pasaxe do vapor británico “Priam” (por non ter a
condición de católicas) perdido nas Olgas da Cistela, xunto a outro sen
identificar e posiblemente procedente do sinistro do mesmo barco**, acontecido
o 11 de xaneiro do 1889.
A información contida nestas actas de defuncións século e
pico despois, foi crucial para mín, xa que grazas á ter acceso a estos
documentos, puiden descubrir ata en once ocasións, (período pescudado de 1870 a 1899) novas de
naufraxios, sendo a meirande parte deles descoñecidos, ou que ampliaban en
grande medida, as informacións que deles se tiñan ata o de agora. Algúns
exemplos destas once descubertas que fixen no Rexistro Civil do Xulgado de
Malpica de Bergantiños, son as seguintes:
Caso 1º. Encabezamento da acta nº 308, correspondente ao
Tomo III, Libro de Registro Civil, Defunciones, onde aparece a inscripción: “se
ignora el nombre y apellidos”. A continuación, escríbese: “En
la parroquia de San Pedro de Barizo, el día 5
de enero de 1874, el Señor Don José Varela Leis, juez municipal de este
distrito, le da en el día de hoy sepultura
en el atrio de esta iglesia (suponse que na de Barizo); en la playa do Pono,
(así no orixinal da
época) perteneciente a la parroquia malpicana de San Pedro de Barizo, apareció
el cadáver de un hombre completamente desnudo
con unas botas puestas, sin pelo en la cabeza y cara, presentando en el
antebrazo derecho una figura de mujer con vestido como hecha a punzón con los
colores coral y verde. Tenía unos 35 años de edad. Hará un mes que acaeció su
fallecimiento y debió de ser marinero del vapor
inglés
que naufragó en las cercanías de Laxe. Después de
haberse instruido las oportunas diligencias por este juzgado, se remitieron al
de 1ª instancia, con lo cual se termina esta diligencia que la firman el juez
municipal, Don Manuel Álvarez y su alguacil, José Otero”. O achádego deste cadáver unido á información
recolleita na propia acta de que pode pertencer a un navío británico afundido
na zona, recentemente, lévanos a pensar que podemos estar ante a constatación
da perda do vapor mixto británico, S.S. Lady Clare,
construído en 1872 de 1.315 toneladas de rexistro bruto e que foise a pique,
concretamente, o 19 de novembro do 1873 entre as Illas
Sisargas e Laxe, cando navegaba de Bona a Rótterdam, tal e
cómo se recolle na páxina www.wrecksite.eu. (Patricio Cortizo, Fernando.
“Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A
Coruña, 2016, p. 287).
Caso 2º. Acta nº 88, pertencente ao Tomo VII, do Libro de Registro Civil, Defunciones, escríbese:
“En el lugar
denominado A Lapachán, volcó la embarcación Vencedora,
con varios marineros a bordo, la noche del
22 de junio de 1881. En el naufragio, fallece Manuel Mosqueira Facal, natural
de la aldea Porto de San Adrián de Corme, de 40 años de edad. Su cadáver fue
hallado el 4 de julio por otra lancha de Malpica, patroneada por Ramón
Chouciño. Estaba casado el fallecido con Nuria Romay, natural ésta de la
parroquia de San Tirso de Vilanova, perteneciente al distrito municipal de
Malpica, teniendo dos hijos en común, de nombres Fructuoso e Isabel.” En
canto o corpo de malogrado mariñeiro arriba oa porto malpicán… “tras habérsele efectuado la autopsia, el
juez local manda darle sepultura y hacer una inscripción en su tumba en el
cementerio municipal de la villa.”
Outro cadáver, éste pertencente a un home duns 30 anos de idade,
foi atopado no mar pola lancha de Malpica patroneada por Nicolás Aguyó, que o trouxo
a porto o día 12 de xullo, transcurridos vinte días dende que afundira a
embarcación, Vencedora.
Unha vez foi depositado no muelle dito cadáver, en avanzado estado de
descomposición… “el juez municipal, señor
Ramón Sande, ordena hacerle la autopsia y darle sepultura en el cementerio de
Malpica, poniendo la correspondiente inscripción en su tumba. No se pudieron obtener datos
para identificar el cadáver ni noticias, por venir completamente destrozado”.* (Patricio Cortizo,
Fernando. “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A
Coruña, 2016, p. 308-309).
3º Caso. Recóllense tamén no Libro de Registro Civil, Defunciones,
Tomo VI-VII, correspondente ás datas (5-7-1878/30-12-1882) senllas actas nas
que se dá coma causa da morte: “fallecimiento
por sumersión” o 29 de xullo de 1882. Trátase de dous nenos que
morren afogados ao envorcarlles a embarcación que tripulaban, na praia de Veo,
Malpica.
(Patricio Cortizo, Fernando. “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A
Coruña, 2016, p. 309).
4º Caso. Libro del Registro Civil, Defunciones, Tomo XII, que abrangue as
datas (18-9-1888/ 7-5-1890.) Acta nº 65. Inscrita co encabezamento: “un
cadaver de muger”. No seu expediente, lese: “cadáver aparecido en
las playas del arenal de Seaya, se instruyeron las primeras diligencias,
estando expuesto al público y no ha parecido identificar, hecha practicada la
autopsia y recibió sepultura en el atrio parroquia de esta villa, dicho cadaver
era de mujer y no se ha podido averiguar quién era y según declaración de
facultativo murió ahogada. Fueron testigos D. Manuel Rivas Fernández, casado,
carpintero y D. Antonio Lans Lacaci, fiscal municipal ambos vecinos de esta
villa.” Os carabineiros son avisados da aparición deste cadáver, o
19 de xaneiro do 1889. Trátase do corpo dunha muller, en concreto, unha das
tres pasaxeiras que viaxaban a bordo do vapor británico, “Priam”, afundido o 11
de xaneiro do 1889 ao carón das Illas Sisargas, tras colidir violentamente no
medio do temporal, e no medio da escuridade nocturna, coas Olgas da Cistela. Existen
moitas posibilidades que fose a señora
Derbyshire que viaxaba a bordo co seu home, John Derbyshire, tamén falecido no
naufraxio, ambos naturais da localidade británica de Wigan. Éste foi o primeiro
cadáver atopado dun náufrago que ía a bordo deste navío inglés e que foi achado
nun punto sen concretar do litoral malpicán. A prensa española da época, faise
eco de que o cadáver desta muller, foi atopado espido e deitado de costas sobre
a area, faltándolle as orellas e os dedos dunha man, que lle foran arrincados
para roubarlle as alfaias que neles levaba postas. (Maceiras Rodríguez, Xabier.
Patricio Cortizo, Fernando. “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do
Priam.” Edicións Embora, Ferrol, 2014, p. 100-101).
Tres días despois, no lugar de Novenllos, ao carón do areal
de Seaia, sería atopado un segundo cadáver de muller, (e segundo pertencente
aos nove náufragos desaparecidos no naufraxio do “Priam”.) éste en avanzado
estado de descomposición, o cal ainda conservaba nos dedos da súa man esquerda,
dous aneis de ouro; un deles tiña engarzados cinco brillantes e outro quince
perlas. Crese que este cadáver podería ser o da señorita Helen Clark,
natural de Liverpool. No libro 12 de
Difuntos, pertencente ao fondo parroquial de San Xulián de Malpica, na súa
páxina 193, especifícase que se trata dunha muller duns 24 anos, que non se
poido identificar e que foi soterrada no atrio deste templo, o día 23 de
xaneiro. (Maceiras Rodríguez, Xabier. Patricio Cortizo, Fernando. “De Liverpool
ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam.” Edicións Embora, Ferrol, 2014, p.
101-102).
O mesmo día, o 22 de xaneiro pola tarde, o mar depositaba
moi preto da praia de Seaia, o cadáver dunha terceira muller, duns 60 anos de
idade que podería ser con toda probabilidade o corpo de Elizabeth Smith, a
criada dos señores Derbyshire, que xunto ao matrimonio falecido no naufraxio, era
tamén natural da localidade de Wigan e tiña o seu pasaxe a bordo rumbo á India.
Este terceiro corpo pertencente a un náufrago do “Priam”, levaba posta unha
camisa branca na que se distinguía o bordado: “B. Labiun Vor.” Sería tamén
soterrada no atrio da igrexa de San Xulián de Malpica. (Maceiras Rodríguez,
Xabier. Patricio Cortizo, Fernando. “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira
travesía do Priam.” Edicións Embora, Ferrol, 2014, p. 101-102).
5º Caso. Libro del Registro Civil, Defunciones, Tomo XII, (18-9-1888/
7-5-1890). Acta nº 109. Ten como encabezamento a inscripción: “restos
de un cadáver.” Correspóndense
a restos humanos atopados na ribeira, o 5 de setembro do 1889. Na súa
entrada, escríbese: “desconocido y reconocido por los médicos D. Pedro
Abelenda y Benigno Romero, dichos restos
cadavéricos en putrefacción consistentes en tronco y extremidades inferiores,
restos aparecieron parroquia Malpica. Desprovistas en su mayor parte de las
partes blandas. Se le dió sepultura en el atrio de la iglesia parroquial de
Malpica”.** Podería tratarse do cuarto e último cadáver atopado e
pertencente a un dos nove falecidos no naufraxio do “Priam”, acontecido a carón das Illas
Sisargas o 11 de xaneiro do 1889. (Maceiras Rodríguez, Xabier. Patricio
Cortizo, Fernando. “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam.”
Edicións Embora, Ferrol, 2014, p. 103).
6º Caso. Libro de Registro Civil, Defunciones,
Tomo XV-XVI que
abrangue as datas (9-11-1892/8-7-1893) Acta nº 43.
Recolle a inscripción do cadáver do mariñeiro Eusebio José Ramón Bruz, natural
de Pontedeume, o cal foi atopado aboiando no mar, o 2 de novembro do 1893, nun
punto preto á vila de Malpica. Acta nº 46. Aparece aboiando no mar, nun lugar
preto do porto malpicán, o día 8 de novembro, o corpo do mariñeiro, Nicolás
Fernández Doldán de 30 anos de idade, compañeiro de tripulación do anterior,
tamén natural da vila de Pontedeume. O xuíz municipal de Malpica na época, José
Martelo Doldán, ordenará darlles sepultura a ambos os dous no cemiterio
municipal.
Según as novas publicadas o 2 de novembro polo xornal
español, “El Liberal”, o trincado “Villa de Ortigueira”, tras cargar
madeira no porto de Malpica, forase a pique o mesmo 30 de outubro, no Cabo San
Adrián, colidindo contra os arrecifes do propio promontorio empurrado polo
forte vendaval, falecendo afogados no naufraxio, catro dos seus oito
tripulantes, que grazas á axuda prestada pola veciñanza e por outros mariñeiros
dende as mesmas rompentes, auxiliaron e salváronlle a vida a outros catro dos
seus compañeiros. Os náufragos eran naturais da vila de Pontedeume.
(Patricio
Cortizo, Fernando. “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A
Coruña, 2016, p. 385).
7º Caso. Libro de Registro Civil, Defunciones, Tomo XX (11-2-1898/25-8-1899) actas
nº 35, 36, 37 y 38, que se corresponden coas inscripcións dos cadáveres
atopados na costa, pertencentes ás catro mulleres malpicás, falecidas no
naufraxio da lancha do mesmo porto, “Victoria”, o 13 de abril do 1897 fronte ao
porto de Caión.
Eran, Dolores Blanco Villar, de 21 años
e filla do pescador Bonifacio Blanco; Ramona Varela Loureiro, de 19 años;
Dolores Varela Cerdeira, de 27 años, e Dolores Garrido Varela, de 17 años. Todas
elas solteiras. (Patricio Cortizo, Fernando. “Naufragios y crónica marítima de
Galicia hasta 1899.”
Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016, p. 406.)
A tráxica historia do que aconteceu
realmente no naufraxio da embarcación, “Victoria”, propiedade de José Martínez,
patrón e armador de Malpica, amplieina polo miúdo coa documentación achegada da
prensa antiga, tanto galega, como española e foi como sigue…
A embarcación malpicá, “Victoria”
zarpou do seu porto rumbo ao de A Coruña, sobor das 13:00 horas, do día 12 de
abril de 1897. Iniciada a travesía o tempo era bó, pero achegándose á altura da
costa de Caión, sobor das 15:00 horas, desatándose un forte vendaval de NO cun
intenso chubasco que acabou por cubrilo todo cunha mesta cerrazón, non
divisándose, nin o horizonte, nin a costa. A embarcación comezou a abanearse
con inminente perigo de envorcar aparte de ir embarcando moita auga, por mor ás
grandes ondas que se formaban co recén desatado temporal. A
“Victoria” que ía cargada con madeira, con catorce persoas a bordo, con cestos
de peixe e cunha saqueta con moitos duros, vendo o seu patrón que se ían ir a
pique, pois non corríu a driza, cando éste dispoñíase xa a picar a escota, foi
tarde… De súpeto, á embarcación corríuselle a carga e deu a volta pola
costado de estribor. As fontes documentais da época, non se poñen dacordo de onde
aconteceu o punto exacto do naufraxio; unhas sitúanno a seis millas do porto de
Caión e outras nos baixos da enseada de Lourido, lugar precisamente, onde na
actualidade, remata o concello de Arteixo e comeza o de A Laracha, en dirección
oeste cara o mesmo porto de Caión.
Coa embarcación “Victoria” recén
envorcada sobre a superficie alporizada do mar, vese nun primeiro intre, ao seu
patrón e armador, José Martínez, ao tripulante José Torrente, natural de
Pontedeume, á pasaxeira Manuela Castiñeiras, natural de Malpica, unha das pescantinas
que ía a vender o seu producto á rula do Muro, e ao lonxe, a outros dous
mariñeiros, tentando un deles axudar a outra muller, subíndoa a unhas táboas
que flotaban no mar.
Nun primeiro intre, os mariñeiros
acadaron termar do casco da embarcación envorcada, mentres que o patrón nadaba
para facerse co casco da chalana auxiliar que ía a bordo e que agora frotaba á
deriva a unhas cuarenta brazas de distancia do casco da “Victoria”. Pasado un
intre tralo naufraxio, tres mulleres e dous mariñeiros, serían engulidos polo
mar. O patrón acada subir a bordo da chalana que estaba desprovista de remos e
toletes e ve alonxarse a un mariñeiro xunto a unha muller termados a unha
especia de balsa feita con tablóns. Non se voltaría a saber nada máis deles. Posteriormente
subiría a bordo da chalana, o mariñeiro Torrente o cal axudaría a Manuela
Castiñeiras, a facer o propio, pois seu patrón xa estaba exánime. No auxilio da
embarcación sinistrada acudiron outras lanchas mariñeiras da zona que se
percataron do acontecido, pero foilles imposible achegarse para efectuar
labouras de auxilio por mor ao gran temporal.
Recobradas as forzas, a bordo da
chalana auxiliar da “Victoria”, o seu patrón, José Martínez, fronte o perigo de
embarrancar na costa, a onde levábaos o vendaval, guíndase ao mar termando da
chalana para guiala nadando, ata por pé en terra nun abeiro, quen coa axuda do
mariñeiro Torrente, serán quen de baixar a terra á única muller supervivinte. O
patrón, camiñaría entón ata Caión, porto onde pedíu axuda a outros mariñeiros, para
sair na procura da embarcación sinistrada, da que non atoparon rastro algún,
nin tampouco dos malogrados once náufragos desaparecidos.
Ao día seguinte do naufraxio,
José Martínez, achégase ata o areal de Sabón, praia onde hai ducias de tablóns amoreados
pertencentes á carga da súa embarcación, que están sendo cargados en carros por
raqueiros. Unha parella de carabineiros enviados dende Caión, tentaba por orden
no mesmo areal, máis según os testemuños recolleitos na prensa escrita da
época, cando os propios raqueiros enteráronse de que o patrón da “Victoria”,
era o náufrago que estaba alí presente fronte a eles, inmóvil, ollando con
tristura, e ao mesmo tempo con xenreira e impotencia, como lle roubaban
vilmente o que era da súa propiedade, achegáronselle, rodeándoo e curiosamente,
preguntándolle polo lugar da embarcación onde tiña gardada a saca cos centos de
duros que se foran a pique co seu barco e cal era o tipo de xénero que levaba a
bordo. Matínez, afirmaba ao correspondente de prensa que o entrevistou, que se
non estivese tan rendido de cansanzo, alí mesmo houbese feito pagar a algún daqueles
bárbaros a súa cobiza e a súa falla de humanidade, coas súas propias mans. Os
carabineiros vendo que a chusma íase contra o náufrago, enfrontáronse aos
raqueiros disparando ao aire, pois estos fixéronlles fronte con bisarmas (así
no orixinal) e paus, non tendo máis remedio que disparar sobre eles para
defender a súa vida e a do patrón José Martínez, o cal confesoulles que traía
gardados nun saquiño a bordo, exactamente 288 duros, pertencéndolle boa parte
deles, e sendo o resto a suma do fondo de gastos para mentemento do barco. Con
el levaba tamén un xiro de 1.000 pesetas, endosado por Don Santiago Cachón ás
ordes de Don Santiago Cabanillas, de a cidade de A Coruña.
O patrón sería recollido na casa
do seu parente, Ramón Casal, na cidade de A Coruña a onde chegara exhausto,
para descansar, xunto ao seu mariñeiro , José Torrente, mentras que a malpicá
sobrevivinte, Manuela Castiñeiras voltaría dende Caión a Malpica.
Os sete mariñeiros falecidos,
tripulantes da embarcación afundida, “Victoria”:
Miguel e Manuel Leira, de
Maniños.
Juan Cierto, Juan Ríos, Ramón e
Evaristo Vila e José Fernández. Estos, naturais de San Martiño do Porto. Agás
Miguel Leira que tiña 52 anos, o resto dos tripulantes da embarcación tiñan,
entre 24 e 25 anos de idade.
As catro mulleres falecidas,
naturais de Malpica e que se dispoñían a vender o seu peixe na lonxa do Muro,
na Coruña que ían a bordo da “Victoria”: Dolores Garrido, Dolores Blanco
Dolores Varela e Ramona Varela.
Fica pois demostrado, con esta
ampliación da información sobre o naufraxio da embarcación, “Victoria” de
Malpica, acontecida aquel lonxano, 12 de abril do 1897, que o seu sinistro
marítimo foi unha gran traxedia esquecida, como por desgraza acontece con
outras moitas que pouco a pouco imos descubrindo para coñecemento da nosa historia
marítima.
Sirva este texto, coma sentido
recoñecemento e coma homenaxe á perda destas xentes do mar da Costa da Morte, e
tamén para seguir poñendo en valor o gran patrimonio inmaterial e os contos da
tradición oral mariñeira, que seguen a facer se cabe máis importante e máis
grande a nosa nación mariñeira.
Somos salitre.
© Fernando Patricio Cortizo 2018
Fontes:
“EL Alcance”, diario católico,
noticiero independiente, telegráfico, edición do 17 abril 1897.
“El Diario de Pontevedra”,
edición do 16 de abril do 1897.
“El Correo Gallego” edición do 13
de abril do 1897.
Foto: Cruceiro de Santo Hadrián, Fernando Patricio.
Foto: Panorámica das Illas Sisargas, Fernando Patricio.
Foto: panorámica antiga da vila de Caión, autor descoñecido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario