domingo, 1 de xaneiro de 2017

O nacemento dunha idea a prol do turismo cultural de Camelle

O 12 de maio do 1984 finaba o gran mestre de Camelle, José Baña Heim, aos sesenta anos de idade, non existindo desde entón ningunha referenza física na súa vila natal que lembrase nin a súa obra, nin a súa memoria.
Desde a Asociación Cultural NAUFRAXIOS GALEGOS, (creada no 2015) decidimos que chegara a hora de lembrar a esta imprescindíbel figura na historia da Costa da Morte, pois ninguén mellor que o propio Baña Heim, para trasladarnos a outras épocas e describirnos a vida, as costumes, os oficios e as historias dos seus habitantes, xunto a súa salvaxe e impresionante paisaxe nun tramo costeiro illado e bañado por un imprevisíbel e bravo Atlántico, causante de centos de naufraxios por estas latitudes, que Baña descobríu ao mundo dun xeito marabilloso e espectacular, facendo partícipes do seu traballo e do seu proxecto, aos seus fillos, aos seus propios alumnos e ás xentes das aldeas e pobos da Costa da Morte, plasmando todo este cosmos, na súa magna obra: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios.
Foi posíbel facer unha biografía do querido Don Pepe, que é como lle chaman agarimosamente en Camelle a José Baña Heim, grazas á colaboración inestimábel das súas fillas, Marisol e Lourdes Baña Romero, que conformaría xunto as fotos familiares o futuro cartaz que hoxe pódese admirar no paseo marítimo e que foi descuberto polos seus herdeiros, co motivo da celebración do I Roteiro Marítimo & Cultural por Camelle, homenaxe a José Baña Heim, celebrado o pasado 10 de outubro do 2015 e organizado por esta asociación cun gran éxito de participación. Para levar adiante dito proxecto cultural necesitabamos o compromiso do Concello de Camariñas e a colaboración das xentes de Camelle, e en ambos os dous casos, as nosas demandas foron atendidas e cubertas.

Máis Camelle, ainda non ten atopado o verdadeiro lugar que se merece, na historia marítima de Galicia. Comezaremos por sinalar, que no mesmo edificio onde hoxe érguese a Casa do Alemán, non existe nin unha soa referenza a que neste mesmo solar, desde o 1888, existía xa un almacén de salvamento de barcos que trocou de dono a lo menos en tres ocasións ao longo da historia, estando operativo o negocio do despece de buques ata a década dos 60 do século XX, nesta senlleira vila mariñeira.
Voltando ao fío das empresas de salvamento, éstas, adicabanse a auxiliar aos náufragos, rescatándoos, dándolles acubillo, roupas e víveres (sendo atendidos igualmente e de xeito totalmente desinteresado polas xentes da propia vila de Camelle) no almacén anteriormente nomeado. Aquí agardaban a ser repatriados ás súas nacións de orixen, despois que as autoridades locais e os representantes das propias empresas de salvamento, enviaran as novas da perda destos navíos á cidade de A Coruña. As empresas de salvamento, nestas inhóspitas paraxes atlánticas, ao mesmo tempo que se facían cargo dos náufragos, tamén tentaban salvar a carga dos buques naufragados e posteriormente, acudían á poxa dos seus cascos xa abandoados pola navieira propietaria, que tentaba nesta operación, sacar o derradeiro beneficio a un barco que xa era imposible refrotar. Obviamente, eran estos dous últimos negocios nos que obtiñan as empresas de salvamento de barcos, os beneficios máis lucrativos.
É de novo, o gran estudoso e gran coñecedor das súas xentes, José Baña Heim, o que a través do seu libro, ponnos en aviso que na vila de Camelle, chegan a traballar máis homes no negocio do despece de barcos que no propio oficio da pesca, a principios do século XX, por mor ás ducias de naufraxios acontecidos por estas paraxes desde facía décadas e que nese intre da historia, seguíanse a producir.
Na vila de Camelle existen ainda ben visíbeis dous vestixios desta antiga actividade: o primeiro, unha gran áncora de ferro ubicada coma monumento na metade do seu paseo marítimo, nunha pequeniña explanada triangular a carón do mar, onde aos seus pes ten unha placa de mármore coa inscripción que reza: “En lembranza das compañías de salvamento e náufragos deste porto”. En segundo lugar, temos un escudo de pedra colocado na fachada da actual casa de María de Traba, (ubicada fronte a farmacia do pobo) sobre o que foi tallado unha escafandra de buzo, que coroa unha roda de leme que no seu interior contén a inicial “S” e unha cruz, pois no seu día dito inmoble pertenceu a Pocholo Santa Cruz, fillo de José Santa Cruz López, o chatarreiro de A Coruña, afincado en Camelle nas décadas dos 50 e 60 do século pasado, onde traballou no despece de buques tendo esta vila costeira coma a súa base de operacións.

Máis a historia marítima de Camelle esvaécese se non se profundiza  pescudando polos seus recunchos e sobor de todo, “remexendo” nas lembranzas dos seus veciños de máis idade, verdadeiros baluartes da memoria desta vila costeira que atesoura unha boa parte da historia marítima de Galicia, tan grande, como descoñecida aínda para unha gran parte da sociedade; este roteiro que agora editamos en papel, e que presentamos á sociedade, por vez primeira, hoxe, en Camelle, na Casa do Alemán (11 de outubro de 2016 ás 20:00 horas) e que inaugura a semana cultural, II Conversas Atlánticas, é o froito do traballo de campo desenvolvido no decurso destos dous últimos anos pola AC NAUFRAXIOS GALEGOS, cuio único obxetivo é devolverlle a Camelle o seu gran patrimonio marítimo, material e inmaterial, a modo de guía turística… Vila, que era aos comezos do século XX, pouco máis cunha aldea costeira que chegou a albergar unha das bases de salvamento marítimo máis importantes de Europa, e onde existiron ata catro “casas de citas”, (dato aportado por Pacucho de Petrallo) producto do gran negocio que se movía por estas afastadas paraxes, frecuentadas polas máis altas esferas navieiras da época que converxían en Camelle, reiteramos, unha vez máis, para facerse cargo de náufragos, cargamento de buques e pecios.

Calquera que visite Camelle a partires deste intre, poderá facerse co roteiro no Bar O Paella, desfrutando do seu percorrido e contido, de xeito persoal ou ben en grupo, completando dito roteiro admirando a súa espectacular paisaxe, os vestixios dos seus antigos edificios, as súas rúas e camiños, os seus monumentos e sobor de todo, asolagarse na historia que se narran nestas follas.
Sen a imprescindíbel colaboración dos veciños de Camelle e doutras xentes que viviron ou relacionáronse por un tempo con este porto, este proxecto cultural xamáis tería nado. A todas elas, vaia o noso máis profundo, sentido e sinceiro agradecemento.

© Fernando Patricio Cortizo 2017.





Ningún comentario:

Publicar un comentario