venres, 22 de decembro de 2023

A LENDA DO LOBO VIKINGO

 


Ulyses Fingal. Sinatura que figuraba no ángulo inferior dereito dunha lámina feita a carbón vexetal na que se podía aprezar, entre a negrura que simbolizaba a noite, a silueta dun antigo vapor de pas embarrancado entre o que semellaba un illote e unha pedra con forma de molete, a cal situábase ao costado de babor deste malogrado navío e tentando gabear por ela, uns náufragos con facianas de pánico que vivían nas súas propias carnes o estreito fío que afastaba a vida da morte. Este efecto que creaba e transmitía un espazo angurioso, foi acadado grazas á xenialidade que tivo o seu artista, de proxectar dende a cuberta semiasolagada do derrelicto, un foco de luz que alumeaba aos seus tripulantes un dantesco e arrepiante escenario Atlántico varrido por un grande temporal. Na parte inferior esquerda do debuxo, destacaba unha criatura xigantesca, peluda e abominable, de cuxos enormes brazos penduraban, perfectamente debuxadas, extremidades arrincadas dalgúns infaustos náufragos que xacían despezados na ribeira, tras ser deitados polas ondas… 

Mariano fitara miles de veces esta lámina. Levaba ingresado dous anos na residencia Avós Felices no lugar de Arén (A Laracha). Gustaba de ollar os campos e a foresta que lle ofrecía coma paisaxe a gran fiestra do seu cuarto situado no segundo andar deste retiro para a xente maior, onde pasaba horas sentado na súa cadeira de rodas. Aquel debuxo que atopara un caloroso 25 de xullo do 1965, cando traballaba polo entón en Santiago de Compostela, na casa de comidas de Dona Amalia que tamén tiña cuartos para alugar. Lembrávase que trala súa esgotadora quenda diurna, dispoñíase a botar unha soneca ao fresco do abafante calor. Ao erguerse, decatouse que lle faltaba a foto da súa filla que estaba apoiada contra o seu frasco de colonia. Afastou a cómoda da parede atopando o retrato de Demelsa e tamén un debuxo algo estrano cheo de póo. Na súa teima de saber a quen podía pertencer, Dona Amalia contoulle que o cuarto que ocupaba agora fora alugado facía tempo por un excéntrico pintor coruñés, algo bohemio e moi carallán que ás veces, falto de cartos pero non de arte nin de labia, pagaba as súas débedas coas súas creacións. No rexistro da pensión figuraba aínda o seu nome… Urbano Lugrís.

No 844, as primeiras razzias vikingas asolaron a costa galega. Jacobsland, chamábanna os nordemanos. Nunha historia lendaria que forma parte da mitoloxía escandinava, un guerreiro nórdico afastado do grupo que asaltou a entón aldea mariñeira de Mugardos, asasinou e violou a unha muller meiga, sendo maldicido. Ao seguinte día cando os vikingos reembarcaban rumbo as súas afastadas terras, ollaron con total claridade a presenza dun xigantesco lobo negro que camiñaba coma os humanos levando collida da man a unha meniña, identificándoo a este monstro como Fenrir ou vánagandr. 

Pasaron seis séculos sen ter nova algunha en Galicia da presenza física deste lobo xigante, mais a súa lenda foi conservada e narrada por xoglares de feira en feria e de aldea en aldea, mesmo Romualdo de Guimarei, un monxe copista rexistrou nun códice de finais do século XV, o encontro que un frade tivera cun monstro na súa peregrinaxe dende Muxía a Fisterra, no actual territorio pertencente ao Concello de Dumbría. Tal criatura foi descrita por este crego, como: “de pelo mesto e negro o cal cubría todo o seu corpo, acadando uns catro metros de altura; tiña grandes gadoupas e unhas prominentes mandíbulas cuns afiados e temíbeis cabeiros. Semellaba un lobo bípedo xigante… Un lobishome.”

Do tal Fenrir ou Vánagandr presente na mitoloxía nórdica, ficou na nosa tradición oral só o segundo dos seus nomes, chamándoselle primeiro Vangarder, evolucionando despois a Vagader, logo a Vagder para, finalmente, chegar ata os nosos días como Vákner… 

O amanuense Antón Leiro de Gondar coñecedor da existencia do Códice de Guimarei, posuía uns documentos únicos no mundo: misivas, ensaios e mapas, partillados ao longo de trinta anos co seu amante Anselmo de Montenegro, inquisidor e afeccionado ás historias pagás, prohibidas pola Sante Sede. Seis anos despois con Anselmo xa finado, Antón, horas antes de expirar o seu derradeiro alento, encomendoulle a Deus a custodia do epistolario, agochándoo nun pequeno cofre de caoba forrado de alquicel morado, na igrexa de Santa María de Fisteus, en Curtis. Alí estivo no decurso de case catro séculos ata que no 1959 foi atopado accidentalmente polo crego Luis Santos, cando facíase en dito templo unha reforma da sacristía. Este levou o achádego para a súa rectoral e alí no decurso de todo un ano púxose ao corrente da abraiante historia e do misterio que gardaban aqueles antigos escritos: a existencia en Galicia dun lobo xigante, bípedo… Un lobishome devorador de homes. 

A comezos do 1962 achábase Luis Santos comendo na Casa Amalia, en Santiago. Na sobremesa coñeceu a un divertido e corpulento pintor coruñés, que convidouno a sentar á súa mesa. O xantar e máis a pesada dixestión foran regadas con numerosas cuncas de ribeiro, o cal motivou que a lingua de ambos os dous homes saíse a pacer. Lugrís ao final da conversa, non era quen de manterse ergueito na cadeira, confesándolle ao crego que perdera unha maleta con moitos debuxos e proxectos propios e que descoñecía onde se atopaba. Estaba desfeito por dita perda. Ao crego doulle mágoa e non se lle ocorreu outra cousa para animalo que contarlle a historia do Vákner que viñera a bordo dos barcos vikingos do cal sospeitábase que, no decurso do século XIX, salvara á mulleres náufragas, asasinando e despezando aos seus compañeiros de tripulación ao longo da Costa da Morte…

          Lugrís abandoou a pensión de Dona Amalia ao día seguinte, deixando unha nota enriba da cómoda: “Non me busquen... Fun devorado por un Vákner. Aquí lle deixo un debuxo que de seguro fará as ledicias dos seus futuros hóspedes. Quédense coa volta.” A lámina coa que principiara este conto, cravouna o pintor herculino nunha punta solitaria que no seu día termara dun cadro.


© Fernando Patricio Cortizo 

Ilustración: Gravado atopado en Öland, Suecia, amosando a Odín seguido por un berserker. Wikipedia.