domingo, 11 de xuño de 2017

Lémbrome da praia das Conchas


Lémbrome cando íamos á praia das Conchas con miña nai, experimentando a diario a odisea de baixar por aquela Ronda de Montealto sen asfaltar ata chegar aos pradíos da Terma, deixando á dereita a fonte do Picho, o antigo pavillón dos deportes do Club del Mar e a carpintería de ribeira de Manolo e Pepe Barbosa, descendendo a costa deixando o resplandecente e rebuldeiro areal de San Amaro e seu club social, por estribor ata chegar á gran explanada branca, onde hoxe érguese o barrio de Adormideiras… pasado éste, adentrabámonos noutra dimensión… chegabamos ao noso paraíso.


Lémbrome de canto xogabamos polos espectaculares e fermosos microcosmos das pozas na baixamar ata O Grelle, collendo lorchos, camaróns e queimacasas, mentres víamos pasar barcos cara o porto de A Coruña…

Lémbrome de cómo o señor Fiúza e outros, metían os ganchos e as varas encarnadas con sardiña nos buracos das pedras e pescaban moitos polbos e barbadas neles…

Lémbrome de cómo meu pai cando podía vir con nós, guindaba á miña irmá Bárbara ás ondas para que aprendese a nadar…

Lémbrome de escoitar de cando en vez as conversas inintelixíbeis dos maiores mentres descansabamos por un intre na toalla, ata que algunha nai pronunciaba a palabra “crema” o que remataba con nós de novo saltando por riba das ondas…

Lémbrome de cando ollamos por vez primeira ás touliñas nadando e saltando ao redor de nós, Almudena estaba conmigo... de como xogabamos na area grosa desea areal facendo castelos ata que un día atopamos un gran oso  de balea soterrado…

Lémbrome do intre diario de xantar o bocadillo na compaña dos nenos da gran familia ás presas, sentados á beira do mar, mentres o salitre que escorregaba polo noso pelo e pola nosa faciana mesturábase coa fariña do pan de bola…

Lémbrome de meter os dedos nos buracos feitos polas balas nos muros do Cemiterio dos Moros…


Lémbrome de cando Moncho o cojiño, fixo pintadas polas pedras cun “esprai” vermello: “Limpia la playa”… de como o propio Moncho queimaba todo o lixo que apañábamos pola praia e polos arredores e o queimaba nun bidón e de cómo chegaba co seu vespino ao noso cativo areal coa súa filla Iria de paquete...

Lémbrome de cando aquel fermoso areal aínda virxe, non fora colonizado polos macroedificios da Terma e os habitantes daquela praia ainda familiar, axudabamos a subir as lanchas, botes e chinchorros ata a rampa de terra, poñendo troncos baixo as súas quillas para que subisen a reparar e a pintar á unha das derradeiras carpintarías de ribeira: a de Julio Barbosa…

Lémbrome de xogar con Rosa, unha nena da miña idade, unha das tres fillas deste carpinteiro que tiña alí a súa casa e taller feitos con táboas… de como as súas longas mans rodeaban a súa tenra faciana sobre a que se pousaba unha melena loira, case que branca… de como seus vestidos semellaban aos das nenas da serie de televisión, La Casa de la Pradera

Lémbrome de cómo a perseguín por toda a praia un día de vaga de mar de verán, para que me dese unha gran barbada que a resaca depositara na area, ata que ela detívose diante de mín, achegándome o peixe que descansaba nas palmas das súas mans ata case tocar o meu nariz, mentres as bágoas escorregaban polas súas meixelas… eu collín as súas finas mans conxeladas que estaban a tremer e baixeille os brazos… e tamén chorei con ela.


Lémbrome de cando se perdíu meu irmán e toda a praia buscouno ata que apareceu tres horas máis tarde da man de Enrique e Nandi: os Güigüis. (Así se lles coñecía, non me preguntedes por qué) …

Lémbrome da nosa gran familia: Daniel e María Luisa eas súas fillas Ruth e Raquel e de Pol, o irmá de María Luisa; de Carlos e Elvira; de Mari e de Julio (irmán de Daniel) e de seus fillos, Julito e Natalia; de Ana, a prima de Julito e da súa nai Loli; de Meli e Manuel, e de seus fillos Enrique e Nena; de Elsita e Jaime, e de seus fillos Nandi,  Elsa e Jaime; de Moncho, da súa muller e da súa nena, Iria; de Luisita e de seu home Jaime Mariñas e da súa filla Isabel, matrimonio que nos acollía no seu chabolo cando as mareas vivas comían a praia; de José o policía nacional viúvo; de Agustín e de Chon e das súas fillas Gemma e Almudena... a miña gran amiga; de Fanny e das súas fillas Nuria, Pilar e Xoán Alberte; de Fina, a súa filla pequena e seu sobriño maior, dos que o tempo borroume os nomes, pero especialmente lembro seu 127 vermello ao que tanto cariño lle collín porque antes de nacer a miñá irmá, a propia Fina tenos subido a casa nel, aforrándonos a prolongada costa de volta a casa… cando entrabas neste coche era coma un forno cun intenso olor a escay da tapizaría que queimaba as pernas ao sentarse, tendo que poñer as húmidas toallas por baixo…

Lémbrome de todos esos instantes, de cando xogabamos polas pedras meu irmán máis eu con Miguel Ángel e con Enrique, os fillos do Director da Cadea da Torre…


Lémbrome de Aion, así soaba o nome dun neno holandés xigantesco que no decurso de numerosos veráns, viña xunto a súa irmá Esther e seus pais, a pasar a tempada estival á nosa praia, nunha furgoneta desas ás que se lles erguía o teito… todos agás o pai tiñan o pelo branco, de loiros que eran. Xente agradable, amable e discreta que se relaxaban neste areal que só uns anos despois ía ser colonizado polas huestes do progreso…

Lémbrome de cómo víamos pasar a todos os barcos arribando e zarpando do porto de A Coruña no decurso de todos estos anos de infanza, e como nunha ocasión, nunha tarde de agosto a brétema convertíu en noite un día de calor intenso e nos fastidiou a tarde de baño… de entre este manto branco de cerrazón diurna, de súpeto aparecíu un pesqueiro de cor azul co seu cintón pintado de branco que coa súa proa pantasmal atravesou a mesta brétema estando a piques de embarrancar nas cons da ribeira da mesma praia … a marea alta no seu punto álxido e a parada a tempo do motor dando atrás, salvou aos seus mariñeiros de esnaquizar o seu sustento flotante.


Lémbrome de cómo vía saír aos ranas do mar cos seus aros cheos de peixe e de polbos e ficaba coma un parvo ollando para eles e para o seu equipo, pedíndolle a meus pais de contado unhas gafas de mergullar que traían o tubo incorporado… Ohhh, que mundo descubrín!… que marabillas amosábanse fronte aos ollos deste neno ávido por aprender… que pintos máis fermosos, que maragotas máis escurridías!... o movemento das algas abaneando ese gran pasto asolagado de vexetais mariños polo que de cando en vez  agromaba un claro ateigado de vida… meu primeiro polbo que me deixou o brazo esquerdo cheo circuliños morados… as facianas de ledicia de meus pais… os aplausos da gran familia… fixera da lectura e da interpretación do mundo creado por Verne, en 20.000 leguas baixo o mar, (un dos meus libros preferidos) unha realidade...

Xornada de choiva que refrescou na costa... ao abeiro das lembranzas e da lenta dixestión, martelea no meu cerebro unha e outra vez o retrouso da canción the Idol, de Wasp...

© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Baixada dunha lancha de pesca pola costa da praia das Conchas. Isabel Mariñas Rumbo.
Foto: Enseada de San Amaro co complexo deportivo do Clube do Mar ata o comezo da Avda. de Navarra. Anos sesenta do século pasado. Autor descoñecido. 
Foto: Cemiterio dos Moros, Fernando Patricio Cortizo.
Foto: praia das Conchas II, III e V (chamada tamén playa de los Moros) wwwturgalicia.com.