sábado, 22 de abril de 2017

A áncora do paseo marítimo de Camelle


Lembro que fai dous anos mantiven a primeira conversa en Camelle con Pepe de Lucha. Este home que na actualidade supera xa os oitenta anos e que traballara coma mariñeiro a bordo do Ameixide, o barco do ferro de Agustín Sánchez Alonso, Tío Aghustín, (coma era coñecido na súa vila natal) contárame entre un cento de anécdotas e historias vencelladas cos naufraxios e co despece de barcos que a áncora situada no paseo marítimo de Camelle, (monumento aos náufragos e as empresas de salvamento deste porto) pertencera a un barco afundido na ría de Viveiro do que non lembraba o seu nome e que o propio Tío Agustín despezara xunto aos seus socios, os Boallos de Muxía. Mais os meses pasaban e a pesares de ir entrevistando a outras persoas do mundiño do despece de barcos e aos mariñeiros máis veteranos de Camelle, o paradoiro do barco que portara dita áncora seguíase a resistir…

O pasado 11 de outubro, no acto de inauguración das xornadas culturais, II Conversas Atlánticas, celebradas na vila de Camelle, a AC Naufraxios Galegos organizadora deste evento coa colaboración do Concello de Camariñas, presentou a súa edición en papel do Roteiro Marítimo e Histórico por Camelle. Homenaxe a José Baña Heim, traballo no que ficaron inmortalizados esta áncora, xunto ao escafandro de pedra de Santa Cruz, a Rampla dos Buzos, o Petón dos Ferros e os obxectos de pecios expostos permanentemente no bar O Estanco, correspondentes a un portillo do HMS Serpent e pezas do leme da draga Rosario, constituindo todos eles actualmente, os únicos vestixios materiais dunha esplendorosa época, na que chegaron a traballar no porto de Camelle ata 16 empresas de despece de buques, entre o 1898 e o 1966, convertíndose esta base de salvamento marítimo nunha das máis importantes de Europa, como non nos cansaremos de repetir. 

O punto onde se atopa esta áncora de ferro na actualidade, constitúe a parada nº 11 deste roteiro nun terreo gañado ao mar, estando antigamente fronte a ela a desaparecida Rampa de Lema, no lugar de Os Casales.

Proseguindo coa teima de atopar información sobre esta áncora, e esgotadas xa as fontes en Camelle, trasladeime a Muxía onde lle preguntei ao carteiro desta vila se quedaba alguén aquí da familia dos Boallos, dándome este home unha valiosa información que me serviu para atopar a Chucho dos Boallos. Este home ía facerme dúas descubertas que levaba perseguindo desde facía moito tempo. Era fillo de José Pérez Leis, o cal xunto ao seu irmán Manolo, asociáranse con Tío Agustín de Camelle, para montar unha empresa dedicada ao salvamento e despece de buques. Fora precisamente esta fuxidía empresa, Pérez Leis, a cal xa nomeara Baña Heim na súa imortal obra: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, da que agora sabiamos que era coñecida popularmente co alcume de Os Boallos, pois precisamente esta familia era oriunda da aldea do mesmo nome, situada na estrada que vai de Berdoias a Muxía. Máis avanzada a conversa, pregúntolle a Chucho, se lembraba un barco no que estivera a traballar o seu pai con Agustín pola zona de Viveiro… tras un silenzo, respóstame que el tamén estivera traballando co seu pai a bordo do Ameixide e que o barco polo que lle preguntaba era un mercante de 7.000 toneladas que se partiu á metade na punta Roncadoira, no ano 1951 e do cal estiveron extraendo ferrancho no decurso de máis de dous anos… seu nome seguía sen aparecer.
Aproveitando a oportunidade de poder entrevistar a este home, o cal gardaba na súa memoria detalles espectaculares de toda unha vida dedicada ao despece de buques e, cando xa estaba a piques de rematar a miña visita, transcurrida no interior do taller que  montara o seu pai e onde ainda segue hoxe un neto seu a traballar o ferro e o aceiro, Chucho exclamou: Casteldor! por fin a bombilla iluminábase e lembraba que ese barco fora o que eles despezaran e de onde saíra a áncora que hoxe adorna o paseo marítimo de Camelle, traída a bordo do mesmo Ameixide de Tío Agustín, desde a mesma punta Roncadoira.


Recentemente, os compañeiros do CAS Buceo Viveiro, subiron unhas magníficas fotos deste pecio ao facebook, tras facer nel unha inmersión aproveitando o espectacular clareo das augas, ás cales quixera eu corresponder hoxe con esta pequena historia.

Coma información final, apuntaremos que o cargueiro británico Castledore, tiña 7.176 toneladas de rexistro bruto e que o 28 de xaneiro do 1951 afundíuse na Punta Roncadoira, a carón do peirao de Portocelo, tras quedar sen goberno a varias millas do litoral ata que o vento foino aconchando contra a costa. Non houbo que lamentar vítimas entre os seus 38 tripulantes que foron rescatados na súa totalidade por un pesqueiro galo que os desembarcou no porto de La Rochelle. O Castledore era un cargueiro tipo Liberty, construido nos USA, no 1944. (Puentes Novo 2003:280)

Pregúntome se somos conscientes do noso inmenso patrimonio marítimo, mentres O son do ar de Luar na lubre, asolaga ata os recunchos máis afastados do noso litoral, enfeitizando ribeiras entre as temidas e impenetrabeis brétemas, causantes de centos de naufraxios…

© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Áncora lucindo a ofrenda feita polos nenos e nenas do CEIP Campo da Area de Camelle, aos náufragos deste porto, no acto a súa lembranza, nas II Conversas Atlánticas. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Castledore. http://www.wrecksite.eu/wreck.aspx?86861.

luns, 3 de abril de 2017

DE BUZOS E DE DOUS ESCAFANDROS DE PEDRA


No ano 1844, inaugúrase en París a gran Exposición Industrial Francesa que entre outras autoridades, vai ser visitada polo príncipe Alberto, esposo da raíña Victoria de Inglaterra. Entre a comitiva real, está o deseñador británico Henry Cole o cal faille ver ao propio príncipe a importancia de celebrar un evento semellante en Londres, a capital do Imperio Británico. Este precedente histórico, remataría coa celebración da primeira Exposición Universal no ano 1851, en Londres, para a cal os británicos construiron ex profeso, o fermoso edificio The Cristal Palace, no londinense Hyde Park.

Catro anos despois, en concreto, o 15 de maio do 1855, inaugurábase a gran Exposición Universal de París, evento internacional de moita relevancia baixo  o título de: Exposition Universelle des produits de l'Agriculture, de l'Industrie et des Beaux-Arts de Paris 1855 (Exposición Universal de los productos de la agricultura, de la industria y las bellas artes de París 1855) a cal estaría aberta ao público ata o 15 de novembro do mesmo ano. Era a segunda edición dunha Exposición Universal, ésta celebrada na capital do imperio francés, París (capital gala que repetiría edición, no 1889 construíndose para a ocasión a famosa Torre Eiffel) sendo organizada polo recén establecido goberno do emperador Napoléon III o cal tentou para a ocasión, superar aos británicos (anfitrións da edición anterior) erguendo un edificio inaugurado para dito evento: o Palais de l'Industrie (Palacio de la industria), acadando que as exhibicións artísticas e industriais fosen posteriormente consideradas pola crítica internacional, superiores ás da Exposición Universal británica, celebrada catro anos antes.

Feita esta pequena introducción histórica, podemos dicir agora que foi precisamente, nesta Exposición Universal de París do 1855, onde o francés Joseph-Martin Cabirol, obtivo a medalla de prata da mesma ao presentar un revolucionario e integral equipo de buzo que constaba dun traxe impermeable de lona cauchutada e un innovador escafandro provisto de catro claraboias, á cal ía soldada unha válvula manual de regulación de aire, un dispositivo que facía gañar moita seguridade ao propio buzo.
Seis anos despois, os tamén galos, Benoit Rouquayol e Auguiste Denayrouze, inventan o aeróforo, un trebello semiautónomo para dar aire aos buzos. Éste tamén se alimenta dunha mangueira de aire que procede da superficie pero comprímese a 30 atmósferas nun depósito que os propios mergulladores levan amarrado con correias ao seu lombo, e este á súa vez, pasa a unha válvula que fai as veces de regulador de presión o cal funciona según a demanda de aire que requira o buzo a través dunha boquilla que por vez primeira, este introduce na súa boca. Unha excelente representación deste invento a temos na parte baixa do parque do Pasatempo de Betanzos, tristemente abandoado e que no seu tempo foi o primeiro parque temático de Europa, un espazo marabilloso e preciosista, deixado esmorecer pola ignominia do home.


Eu descubrín por vez primeira, aos oito anos de idade, estos antigos escafandros de buzos, na inmortal e fantástica novela: Vingt mille lieues sous les mers (20.000 leguas baixo o mar), do visionario e universal escritor francés, Jules Verne, o cal seguramente, valíuse dos deseños dos seus paisanos Cabirol, Rouquayol e Denayrouze, para describir e ilustrar a súa marabillosa obra editada no 1869, onde nela, os buzos do mítico Nautilus capitaneados por Nemo, chegaron a descender aos fondos da ría de Vigo para “aprovisionarse” do ouro e da prata que portaba a Frota da Prata española, afundida alí. Esa foi a primeira nova que anos despois me levaría realmente a descobrir que na Badía de Rande, o 23 de outubro do 1702, acontecería a mundialmente famosa batalla naval que enfrentou a unha frota aliada francoespañola, contra unha inimiga angloholandesa.


Moi pouco seguemos a saber hoxe do que foi a época dos grandes buzos de escafandro galegos, que agás os formados na Escuela de Buceo da Armada española en Ferrol, o resto deles, aventuráronse nun medio que descoñecían por completo no que ademáis desenrolaban unha ocupación profesional ateigada de perigos cunha elevada tasa de mortalidade laboral. Na meirande parte dos casos, era total o descoñecemento das táboas de descomprensión necesarias para facer as debidas paradas antes de ascender á superficie, o que provocaba que seus corpos se enchesen de burbullas de nitróxeno baixo a pel, pola rapidez coa que ascendían. Ditas burbullas, formabanse especialmente ao longo da columna vertebral e nos pes, téndolles que aplicar fregas de alcohol unha vez estaban fora da auga ata facerllas desaparecer; operación esta que tenme contado Pocholo Santa Cruz, (un dos protagonistas deste artigo) que lles aplicaba aos seus buzos sobre a cuberta do España, o barco do ferro de seu pai, José Santa Cruz López, que foi un dos pioneiros das empresas de despece de buques na península ibérica.

A propia metodoloxía que empregaban ditos buzos no seu oficio baixo as augas, case sempre en solitario, resumíase prácticamente no estandarizado número de veces que tiraban do cabo guía amarrado ao seu cinto do cal termaba permanentemente un mariñeiro desde a cuberta do barco, mentres que outros dous viraban a roda do compresor para enviar aire á mangueira que saía deste, desde a cuberta do barco ata o escafandro do buzo. Dito código de tiróns, previamente establecido entre buzo e mariñeiros,  podía significar entre outros: arrear máis mangueira, recollela, izado do buzo, izado de carga, auxilio e en moitos casos, por desgraza, ningún… a morte.

A primixenia xeración de buzos de escafandro galegos, podemos afirmar sen erro a trabucarnos, que foron homes afoutos e autodidactas que a base das súas propias experienzas e de esforzo persoal sacaron ás súas familias adiante, con sacrificios que moitas veces por desgraza, remataban en traxedia. Mergullabanse e traballaban estos buzos nos diversos fondos cambiantes e perigosos das frías e sempre difíciles augas do Atlántico e do Cantábrico galego, embutidos naquel aparatoso equipo que ás veces superaba os 100 kg de peso que constaba dun mono de lona recauchutada flexible e impermeable, sobre os que penduraban dous escapularios de chumbo, un no peito e outro no lombo cun peso de entre 15 e 20 kg cada un; os zocos de chumbo cun peso de entre12 e 15 kg cada un, de onde nacería a famosa frase “de andar con pes de chumbo”; cubrían as súas cabezas cos románticos, aparatosos e pesados escafandros que acadaban un peso de entre 10 e 20 kg según o modelo e o metal co que estaban confecioados (principalmente bronce e latón, pero tamén se fixeron de latón e cobre e de bronce e chumbo) e que estaban compostos de dúas pezas que encaixaban entre si: o peto do escafandro que pasábase pola cabeza e descansaba sobre os ombreiros, o cal uníase ao traxe por medio dun axuste hermético a unha arandela metálica da que este ía provisto; a esfera de visión que se axustaba ao pescozo do peto e en cuxo interior aloxábase a testa do buzo. Dita esfera, tiña unha claraboia na parte frontal que se colocaba e se sacaba por medio de dúas chaves que se accionaban desde o exterior, completando a visión baixo o auga, dous buracos que se situaban á ambos lados da cabeza, e que estaban cubertos dun groso cristal con reixa de bronce para protexelos dos golpes e que tiñan a función de permitir a visión lateral. A esfera ou casco que compoñían no seu conxunto o antigo escafandro de buzo, levaba dúas comunicacións esenciais:  a entrada da mangueira do aire limpo que desde o exterior facíase chegar ao buzo por medio da bomba de compresión (trebello compresor Siebe Gorman & Co) e que tamén regulaba no interior do propio escafandro a presión do aire en función da profundidade á que o operario traballaba, e a saída de aire viciado cheo de CO2.


Foron por unha parte, a deficiente administración de oxíxeno aos buzos en función á profundidade na que se atopaban traballando, e por outra, as rápidas ascensións á superficie destos sen facer as debidas e obrigadas paradas de descomprensión, motivos que causaron non poucas mortes neste antigo oficio ao longo da historia, como vimos reiterando. Tráxico exemplo do que conto, é a propia experienza vivida polo buzo de Ribeira, José Teira, O Cabalán. Cando este aínda era un neno, o seu avó, primeiro buzo da estirpe familiar, fixo un rápido ascenso á superficie portando uns obxetos de valor atopados nun pecio, nos baixos de Corrubedo…”La ignorancia a veces, la osadía otras, hacía desgracias irreversibles como la que malvivió el abuelo el resto de sus días: aquellos calambres en sus miembros inferiores le tulleron de por vida y su figura, arrimada para él, apoyada para los demás a sus muletas, fueron la constante imagen de mi recuerdo.”… “Había sido una inmersión demasiado cara. Pero valió la pena haberla realizado: dos piernas contra seis bocas que alimentar era un bagaje positivo.” Anos despois, Pepe Teira (o 3º buzo da familia despois de seu avó e de seu pai) traballando xa para a Armada española no litoral catalán e destinado a bordo do remolcador R.R. – 18, describiranos a arrepiante morte de dous buzos compañeiros seus, cando fronte ao pobo costeiro de Malgrá, tentaban por a flote o barco correo, Ciudad de Barcelona, traballando por parellas a 35 metros de profundidade… “Arriba, la escena no se me olvidará más. Menéndez y Molina están destrozados por la presión. Al quedarse sin aire, la presión del agua los ha aprisionado de tal modo que se hace difícil quitarles la escafandra. Tienen totalmente la cara pegada al borde interno de la escafandra. Una masa de carne y sangre se esparce por todo el casco.” Parágrafos textuais recolleitos do libro biográfico de José Teira: Gárgolas de muerte, escrito e publicado polo médico, Juan M. Mayán Santos, no 1986, nas súas páxinas 14 e 38, respectivamente.
Pepe Teira crearía unha das empresas de salvamento marítimo e de despece de barcos, máis importantes non só da historia de Galiza, se non de toda a península ibérica. Tiven a sorte e entrevistalo na súa Ribeira natal en marzo de 2003, e o resultado deste traballo foi publicado no meu libro: Historia da costa galega e os seus naufraxios. Século XX, editado por Edicións Xerais no 2004, no capítulo titulado: Xosé Teira, unha lenda viva baixo as augas, pp 296-300.


Estamos a falar logo, dos buzos que comezaron a mergullarse no último cuarto do século XIX, para construir as primeiras grandes estructuras portuarias galegas, colocando os pilotes dos peiraos de ferro de A Coruña (1870) Vigo e Vilagarcía de Arousa (1893) e tamén, como non, dos mesmos buzos que comezan a descender ás ducias de pecios que xa “acougaban” no fondo do mar galaico, desde o apoxeo da revolución industrial en Inglaterra, (do 1830 a 1840) onde se comeza a instalar a máquina de vapor a bordo dos barcos, sendo esta nación a meirande potencia naval de Europa na época, á que pertencían por certo as ¾ partes dos grandes barcos que surcaban a costa galega, nese intre da historia. Moitos desos naufraxios acontecían en lugares illados da Costa da Morte, que non contaban con ningún tipo de infraestructura, xa fose no concerninte á sinalización marítima, (o primeiro faro que se ergueu neste perigoso litoral foi o do Cabo Fisterra, no verán do 1853) ou á inexistencia dunha primitiva estrada pola que poidese moverse algún medio de transporte… todo quedaba reducido a cobrir por estreitas corredoiras a pé ou montado a lombos dalgunha besta, as distancias desde estes puntos afastados na costa até as principais vilas a onde levar en persoa as novas dun novo naufraxio, dando parte sempre á autoridade local, e ás veces se existían, á Ayudantía de Marina, a algún consignatario de buques ou algún axente consular.
Moitos destos barcos perdidos na noite dos tempos, serían descubertos polos mariñeiros deste litoral, ben ao iren a levantar seus aparellos, pois estes viñan oxidados ou reventados polos cortes das pranchas de ferro dos pecios, ou ben polo emprego que estes facían do espello (caixón de madeira con asas que ten na súa base un cristal) ou espallando pola tona da auga aceite de sardiña, o famoso saín. En ambos os dous casos, os mariñeiros eran quen de ollar o fondo do mar se as augas tiñan a suficiente claridade, sendo moito máis efectivo obviamente o emprego do espello para este mester. Ambos os dous métodos servíanlles para capturar centolas, axudados dun raño curvo provisto dunha longa vara, e grandes peixes, axudándose do francado, que era un pau longo que remataba nunha fisga de tres, cinco ou seis puntas de ferro, co que os arponeaban. Noutras ocasións serían os propios buzos, os que descendendo aos restos dun naufraxio recente, atopaban baixo ese mesmo barco ou nos seus arredores, restos doutros navíos afundidos anteriormente e descoñecidos, como no caso que me contou Paco de Bajeras de Camelle, (rana e neto do pioneiro buzo camellán, O Praghiño) sobre o perigosísimo baixo de O Farelo ou Ghalluda, que está na tona da auga con pleamar, nas coordenadas 43º 03.21 N, 09º 18.66 W, exactamente a 0,58 millas ao W do Cabo Touriñán, onde seus fondos están cubertos dun bo número de pecios descansando uns sobre outros, quilla sobre quilla, ata os 45 metros de profundidade…

Os centos de sinistros marítimos acontecidos na costa galega, desde mediados do século XIX ata a década dos sesenta do século XX, especialmente desde os baixos de Baldaio aos de Corrubedo, vai xerar unha incipiente actividade para as empresas de salvamento, no referido ao auxilio, acubillo e repatriación dos seus respectivos náufragos, así como o gran negocio do propio despece e recuperación da carga dos navíos perdidos por estas illadas e bravas latitudes atlánticas. A figura do buzo convertirase nunha peza clave e imprescindible para este negocio, medrando exponencialmente os seus salarios, feito que lle vai permitir a algúns deles xubilarse tras ter traballado por espazo de vinte anos… algo impensable na época.

Esta demanda de buzos e o atractivo dos seus emolumentos na época, obrigaría involuntariamente nalgún intre, a dar o paso a quen non tiña ningunha experiencia no oficio como xa indicamos anteriormente, nun litoral ateigado de historias arrepiantes sobre naufraxios e tamén sobre salvamentos heroicos efectuados polos propios mariñeiros e veciños destes pobos costeiros. A chatarra, o ferrancho e o cargamento que portaban a bordo estos barcos afundidos, era un beneficio moi grande para as empresas de salvamento que nutriríanse da man de obra da propia veciñanza destas afastadas e illadas vilas costeiras, onde as opcións para sobrevivir a diario reducíanse ao que se podía obter da pesca e do marisqueo e dos escasos recursos que daba a terra. Ata ben entrado o século XX, non foi posible gañarse a vida con ditas ocupacións… está ben lembralo.

Pero se houbo dúas vilas na costa galega que sobresaíron por riba das demáis, aportando un bo número de buzos para as puxantes empresas de salvamento, esas foron Lira e Camelle, ambas as dúas situadas xeográficamente na Costa da Morte. Da poboación carnotá nacerían as familas de buzos: Dosil Portela, Maceira Dosil, Lago Dosil, Lago Louro, Lago Senande e Oliveira Lago (estos últimos alcumados en Corcubión, Os Lirachos), e en Camelle, os pioneiros buzos de escafandro, serían: Manuel Sánchez Carril, O Ruchelo; Crisanto Devesa; Manuel Tajes Sánchez, O Praghiño; Agustín Sánchez Alonso, Tío Aghustín; Pepe de Moreno, Manolo do Conde, e José Sánchez López, Petrallo. (As empresas de salvamento na Costa da Morte. Patricio Cortizo, Fernando. Inédito).


Precisamente, coa familia de buzos Dosil de Lira, comeza esta historia…
Téñolles que confesar que descubrín o meu primeiro escafandro de pedra, aló polo mes de febreiro do ano 2003, cando pasei na fermosa vila de Lira unha estadía dunha semana, nas miñas vacacións de inverno, limpando o litoral de Ardeleiro da marea negra máis importante que un petroleiro causara en Europa: a do obsoleto Prestige. Nunha das noites que paseabamos un grupiño de xente a carón da Ermida dos Remedios para baixar a cea, descubrín nunha casa que estaba a súa esquerda, algo que sobresaía da fachada. Achegueime canto puiden á beira da estrada e vin o que semellaba un escafandro de buzo, dato que confirmei na seguinte xornada coa luz do día. Estaba perfectamente talado en pedra e tiña no seu peto a inscripción: Dosil 1970. Estaba no primeiro andar dunha casa de pedra, nunha columna que separaba dúas ventás. Ao carón desta casa había un galpón cun cartel onde tamén había debuxada un escafandro de buzo, nun cartaz que anunciaba: Ferretería Dosil.
No decurso desa semana nós ceabamos no restaurante A Xouba, no centro de Lira, onde nos trataron como se fosemos os seus fillos. Este local de hostelaría convertiríase ao longo dos anos nun gran museo marítimo onde se poden admirar na actualidade, desde maquetas de barcos, a fotografías e obxectos procedentes do despece de barcos que ao longo da vida foi recompilando Antonio Xoubanova Yermo, mariño mercante natural de Corcubión, cuxo pai fora buzo, adicándose este por un tempo ao despece de barcos nesta vila, asociado co Verde, o tamén buzo e familiar seu, José Yermo Mandallo, do cal herdou o oficio seu fillo, José Yermo Trillo. Deste último existen fermosas fotografías expostas no acolledor restaurante A Xouba de Lira, rexentado por Antonio Xoubanoba e súa muller, Maritina Dosil, que tamén se ocupan da pensión Casa Dosil, ubicada no primeiro e segundo andar do mesmo edificio. Ata fai pouco, entre as alfaias que se poden admirar neste fermoso local, ao mesmo tempo que degustas as súas exquisitas viandas nun ambiente mariñeiro, estaba un compresor para buzos coa súa estructura de madeira e roda de latón que ainda se conserva intacto e que foi recentemente trasladado a Cee, á casa de Jose Antonio Yermo, fillo do Verde e primo de Antonio Xoubanova Yermo.


Teño que confesar que desde que pasei a miña primeira estadía en Lira, onde coñecín o restaurante A Xouba, segue a ser este local un lugar ao que me achego tanto como mo permite meu tempo libre e a disposición da familia, onde sempre que acudimos sóos ou con amigos, nunca falla a boa mesa cos mellores produtos do mar e o seu excelente ambiente sementado polos seus donos, tendo ademáis a opción de alugar unha boa habitación onde descansar, tras desfrutar da paradisíaca praia de Xasebe…
E foi alí, no restaurante A Xouba, onde finalmente Maritina Dosil informoume, que a casa que tiña o escafandro de pedra na súa fachada e do que falaba ao comezo pertencía ao buzo José Dosil, home a quen eu faría unha entrevista anos despois na súa propia vivenda, para sair publicada esta xunto á que lle faría tamén ao buzo e parente seu, Domingo Dosil, na miña recente publicación: Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899, no capítulo que leva por título: Desguazadores de pecios, pp. 204-209, publicada por Ediciones Cartamar, no 2016.


No 2015, ano do nacemento da Asociación Cultural Naufraxios Galegos e da súa páxina de facebook na internete, unha das persoas que máis participaba nela subindo fotos e comentarios da época referentes ao despece de buques, era Carlos San Claudio Santa Cruz, actualmente herdeiro das concesións de pecios na costa galega do seu finado tío, José Luis Santa Cruz Rojo. Foi precisamente Carlos, quen nos puso en aviso que nunha casa da vila de Camelle existía un escudo de pedra que tiña talado un escafandro de buzo que coroaba unha roda de leme, a cal no seu interior, contiña a inicial S e unha cruz, que simbolizaban o apelido composto, Santa Cruz. Esa casa coñecida hoxe como a de María de Traba, fronte a farmacia de Camelle, foi propiedade de José Luis Santa Cruz Rojo, Pocholo Santa Cruz, fillo do pioneiro chatarreiro coruñés José Santa Cruz López, quen xa comezara a traballar pola Costa da Morte, e especialmente desde a súa base de Camelle, porto onde posuía un almacén de salvamento a principios do século XX, despezando navíos afundidos na zona co seu barco de ferro, España. Pocholo Santa Cruz herdou a empresa do seu pai e seguiu a traballar despezando barcos na Costa de Morte, entre outros lugares do mundo, co novo remolcador de salvamento Finisterre, establecéndose precisamente a vivir coa súa familia na casa arriba nomeada, na vila de Camelle, no decurso da década dos cincuenta e dos sesenta do século pasado. De aí a existencia dese fermoso escudo do escafandro de pedra, na fachada do inmoble antes descrito.
Para miña sorpresa, cando se realizou o 10 de outubro de 2015 a I edición do Roteiro marítimo e histórico por Camelle. Homenaxe a José Baña Heim, elaborado e organizado pola nosa AC Naufraxios Galegos, numerosos veciños do propio Camelle que acudiron a facer o percorrido entre o nutrido grupo de xente que se deu cita esa xornada, non coñecían a historia e nunca se decataran que na fachada da vivenda de María de Traba, existía un escudo de pedra dun escafandro de buzo que sinalaba a que fora antiga vivenda da familia dun chatarreiro, ben coñecido no lugar…



Foi precisamente Pocholo Santa Cruz, o último habitante desta casa xunto á súa familia o que me narrou unha historia ben abraiante e que reproduzo aquí, pois ten vencello co patrimonio marítimo de Camelle. Lelo e Virxilio, eran dous homes de Arou que traballaran para Pocholo Santa Cruz, vixiando a mercadoría e pertrechos que éste gardaba no almacén de salvamento de Camelle. Unha noite, estando ambos os dous durmindo nos seus catres, comezaron a sentir uns ruidos estranos… unha especie de pequenos estouridos. De contado, cunhas candeas dirixíronse ata o fondo do almacén e revisaron recuncho por recuncho, pero non viron nin voltaron a escoitaren máis nada.

Ao día seguinte e de novo á noite, Lelo e Virxilio descansaban xa nos seus camastros, no interior da estación de salvamento, cando de súpeto, voltaron a sentir os estranos ruidos que escoitaran onte. Realizaron a mesma operación que no día anterior: percorreron cada recuncho do almacén, pero nin viron nin voltaron a escoitar nada fóra do normal.

Os dous vixiantes do almacén de salvamento, ían a vivir a terceira noite no interior deste inmoble, cando se lles ocurreu antes de se deitar, dar unha volta coas súas candeas por todos os recunchos do almacén…non viron nin sentiron nada. Botáronse a durmir e cando a madrugada ía avanzada, comezaron a sentirse uns ruidos secos e fortes, uns tras os outros e que se repetiron no decurso dun bo anaco que remataron por erguer alporizados dos seus catres a Lelo e a Virxilio que sen comprobar de onde procedían, saíron escopeteados do almacén de salvamento.

Ao día seguinte comentáronlle o feito a Pocholo Santa Cruz, que non lle deu máis importancia ao caso, contratando a un novo vixiante que sustituira á parexa que marchara. Cando este home estaba a durmir no seu catre no interior do almacén, comezaron os sons estranos dos que lle falaran, un tras outro, unha serie de pequenos estouridos que remataron por minar a moral deste terceiro vixiante, pois na súa cabeza xa rondaba a historia que escoitara polo día nas tabernas de Camelle, e que se extendera coma un regueiro de pólvora pola vila, pois xa se encargaran de espallala Lelo e Virxilio: no almacén de salvamento había unha pantasma.

O terceiro vixiante contratado por Santa Cruz, tras comentarlle o acontecido a noite anterior ao seu patrón, declinou seguir traballando no almacén e a Pocholo non lle quedou outro remedio que ser el mesmo o que pasara a seguinte noite na estación de salvamento. Durmía Pocholo placenteramente, cando de súpeto voltaron os ruidos dos que lle falaran os seus tres vixiantes. Máis a Pocholo o son, facíaselle familiar. Colleu unha lanterna e foi percorrendo os recunchos do almacén guiado polos sons secos que escoitaba e polo arrecendo a acidez no ambiente. De súpeto un pofff! veu acompañado dun pequeno golpe na súa fronte, alumeou ao chan e alí veu un tapón de corcho abaneándose...acababa de atopar á pantasma que causaba os misteriosos sons no almacén de salvamento de Camelle! Eran unhas botellas de champaña estibadas nas súas caixas de madeira que tras seren rescatadas do casco asolagado do barco grego Maria Laar, que embarrancara no ano 1950 na pedra do Sal, en Santa Mariña, o salitre fixo que empodreceran os alames que suxeitaban o tapón de corcho ao pescozo de vidro da botella e axudado este polo efecto do troco de presión, facía que estes saisen disparados, provocando o ruido que tanto medo meteu no corpo aos tres vixiantes.

O noso patrimonio marítimo é inmensurable… a historia sempre está agardando por nós. Descubrir, divulgar, preservar…

Pérdome na inmensidade oceánica no interior do meu batiscafo imaxinario, alumeado pola luminiscencia dos seres abisais e adormezo co movemento dos peixes, mentres a miña cadeira biónica deita meu lombo, erguendo meus pes… soa Beneath the shining water, dos galeses Dare.

© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Dous escanfandros de pedra. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Buzo co trebello de buceo Rouquayrol-Denayrouze. Parque de O Pasatempo, Betanzos. Fernando Patricio Cortizo.
Ilustración: 20.000 leguas de viaxe submnarino. Ilustrador descoñecido para a novela de Jules Verne.
Foto: traxe completo de buzo de escafandro. José Antonio Yermo.
Foto: Pepe Teira e Fernando Patricio no porto de Ribeira no 2003. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Escafandro, retrato e zocos de buzo de José M. Dosil Portela. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Interior do restaurante A Xouba de Lira. Turgalicia.
Foto: Restaurante A Xouba e Pensión Casa Dosil, en Lira. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Casa de María da Traba, en Camelle. Beatriz Maroño.