sábado, 10 de novembro de 2018

HMS Serpent. O naufraxio inmortal



Hoxe, cando o reloxo marque ás 22:30 horas, cumplirase o 128 cabodano do tráxico naufraxio do HMS Serpent na Punta do Boi, no bravo e maxestuoso litoral de Camariñas. Alí, no medio da noite e no medio dun temporal campal como din na zona, foron engulidos polo Atlántico, 172 homes da súa dotación, sobrevivindo somentes, tres: Edward Bourton, Onesiphorus Luxon e Frederic Gould. Os rudimentarios chaleques salvavidas que levaban postos, salváronlles as vidas. Moitos dos seus compañeiros afogados, foron recuperados do mar grazas a portar este sistema de salvamento persoal. 145 cadáveres pertencentes á tripulación do cruceiro torpedeiro de terceira clase británico, foron soterrados pola veciñanza da contorna no que hoxe se coñece como Cemiterio dos ingleses, no lugar do Porto do Trigo, ao abeiro da Punta do Boi. Xunto a eles, xacen, nunha primixenia fosa, parte dos 36 falecidos do "Iris", vapor mercante, tamén de nacionalidade británica que con cargamento de carbón, perdíuse o 6 de novembro do 1883 no mesmo lugar, e case que na mesma data co Serpent, sete anos antes. Deste antigo naufraxio, só ficou con vida para contalo un único tripulante, George Chirgwin.
   

Un correspondente de prensa coruñés a bordo dun bote, foi quen de arrimarse ao costado do HMS Lapwing, navío británico que se achaba surto no porto de A Coruña, o día 17 de novembro do 1890 tras recoller no porto de Camariñas a aos tres supervivintes do HMS Serpent, afundido sete días antes na Punta do Boi, cando de súpeto olla a Bourton, asomado pola baranda de cuberta do mesmo, situación que vai a aproveitar o xornalista para lle facer unha entrevista histórica que reproduzo aquí, e que xa foi publicada íntegramente no meu último traballo: Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899. Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016, páxinas 371-373.

“Facía moi mala noite e sobre a vista cargaba a borraxeira. O Serpent pasou rozando o Cabo Trece, non víu a luz colocada no Cabo Vilán e foise dereito ao centro da enseada, embicando contra a Punta do Boi.  O golpe foi arrepiante. Por mor do temporal e de ir o barco derivando polo vento o comandante ía sobre a ponte. Eu ía sobre a cuberta porque me tocaba a garda. Outros trinta individuos da tripulación ían preto de mín e en distintos lugares da cuberta. De súpeto, sentimos o golpe, o comandante berrou a orde de arriar botes. Houbo tempo ademáis, grazas á rapidez do comandante e á súa serenidade, para disparar o canón lanza-cabos. Pero foi todo inútil. A ondaxe era terrible e o cable non chegou a terra. O Serpent tardou en afundirse tres cuartos de hora, todos os tripulantes menos os que estaban enfermos subiron á cuberta. Lacsne máis eu estabamos adscritos ao mesmo bote que Gould, que era un cabo. Dirixímonos, pois, a arriar o noso bote, como fixeron os demáis cos que lles correspondían no servizo. Pero cando aínda non comezara a manobra de arriado, un monstroso golpe de mar barríu homes e botes, deixando case deserta a cuberta do barco. Entón escoitei berrar ao comandante: -Sálvese o que poida!-. Gould, Lacsne, eu e outros, antes de comezar a manobra nos puxeramos os chaleques salvavidas. O Serpent permanecía inmóbil e encaixado entre as cons, non flotaba. Varríanno as ondas, cuia forza era espantosa. Axiña non quedou nada enrriba. O mar levouse os botes, os homes, ata a obra morta. Lacsne e outros, levados pola ondaxe, chegaron a termarse a unha pedra na costa. Lacsne foi o único que puido contrarrestar a forza do auga e chegar á area ben que casi exánime. A mín unha onda guindoume ao mesmo sitio ao que chegara uns intres antes, Lacsne.
No mar tropezabamos uns cos outros ao tentar salvarnos. Aquelo era un fervedoiro de homes... Lacsne máis eu, chegamos con moitas dificultades á parroquia de Xaviña. Gould estivo máis tempo no mar, nadando cunha enerxía inverosímil. Saíu por fin á praia do Cabo Trece, case que espido. Pola mañá atopámonos nunha casiña de carabineiros co garda do cargamento do vapor inglés Tumbridge, que foi a pique alí mesmo, meses antes.
O Serpent rachouse á metade. Ao mencer, coa baixamar, víase a cuberta limpa, con seis canóns que se conservaran no seu sitio. Non quedaba nada da obra morta. Poco despois, O Serpent afundíuse. Ao día seguinte, os cadáveres dos tripulantes que se puxeran chaleques salvavidas apareceron flotando nas augas. Todos estaban horriblemente mutilados e algúns tiñan a testa desfeita. Suponse que, ao colidir coas pedras, perderon o sentido e que estos mesmos golpes, os esnaquizaron. Onte, ás 10:30 horas (16 de novembro), soterráranse 48 cadáveres, recibindo terra un, ao anoitecer de antonte, que se cree que é o do comandante.
A sepultura está emprazada nun lugar deserto, chamado Porto do Trigo, moi preto do lugar do sinistro. O Crego da parroquia de Xaviña recolleu e auxiliou a Lacsne. Éste levaba dentro do chaleque salvavidas un anaco de pan de broa que de caridade lle deran uns labregos a quen atopou preto da praia.”

Reproducimos e traducimos tamén un anaco da carta enviada por Luxon, un dos tres supervivintes do Serpent a seus pais, dende Camariñas á vila inglesa de Topsham, de onde residían e eran naturais (Campos Calvo-Sotelo, J. 2002:288) “… Estaba no meu coi dormido no intre que encallou á altura de Fisterra a noite do 10. Corrían ao meu redor pechando as portas estancas cando me espertaron. Apenas tivemos tempo de nada e estaba tan escuro que non podiamos vernos as mans no intre do encallamento. O mar arboraba montañas sobor de nós, e non poidemos dar ningunha sinal.”


Os tres supervivintes do HMS Serpent, marcharon a Inglaterra a bordo do Tyne e con eles levaron tres obxetos pertencentes ao seu malogrado navío: un anaco do barbudo mascarón de proa que está na actualidade, nos sotos do Maritime Museum of Greenwich, mentras que a outra parte máis significativa e máis grande, atópase nunha casa dun médico na aldea muxiá de Morpeguite, tras ficar no decurso de medio século apuntalada nun muíño na aldea de Santa Mariña. un atacador dun canón e un anaco da roda do leme.


Do HMS Serpent, falouse, fálase e se seguirá a falar, porque é un naufraxio tristemente icónico e inmortal que simboliza como poucos o vencello da Costa da Morte ás catástrofes navais. A súa perda, ainda que terrible, servíu para engrandecer o patrimonio marítimo e histórico deste litoral galaico, ser un regueiro innumerable de contos e historias, enclavadas nunha paisaxe salvaxe, espectacular e única, poñendo ademáis coma protagonistas ás xentes dos arredores da traxedia marítima que coas súas propias mans, sacaron do mar e soterraron a 145 cadáveres, na meirande parte dos casos, nun estado lamentable. Esto deixou fonda pegada no patrimonio inmaterial… A memoria popular. O feito que se construíse un cemiterio exprofeso que albergar os corpos que produxo dito naufraxio, dalle se cabe máis misticismo ao lugar.
O naufraxio do Serpent, como os de outros tantos barcos que remataron as súas vidas útiles nesta costa, “deron de comer” a moitos veciños da zona, os cales traballando nas empresas de salvamento e de despece de pecios que tiveron a súa base en Camelle, dende o 1898 ao 1965, poideron sacar as súas familias adiante. Tamén ir a roubar aos barcos embarrancados ou andar ao raque ou as crebas, pagaba a pena… Había que alimentar moitas bocas nunha época de miseria.

Algunha casa de Camelle alberga vaixela, cubertos e algunha vaina de proxectil de cobre, procedente do histórico pecio do HMS Serpent, e na mesma vila, o Bar O Estanco, posúe un portillo atribuible aos restos deste buque. Nunha casa de Camariñas, gárdase unha parella de serpes ornamentais que mallaron nun aparello, prendido nos restos do pecio do navío británico. Na que fora a casa do médico Artaza, no porto de Camariñas, ainda fica empotrado o barómetro do Serpent, trasladado a este emplazamento tras derrubarse o vello edificio do primeiro concello de Camariñas. Pero se cabe, máis valiosos que os obxetos, son as historias saídas das privilexiadas mentes daqueles que viviron os episodios en primeira persoa e que llos souberon transmitir aos seus descendentes e dos que podedes dar conta nas diferentes historias saídas deste blogue. Entre os protagonistas están: Pepe de Lucha, Paco de Bajeras, Juan Mouzo, Pacucho e Jose María Petrallo, Roberto Brión… 


A tradición oral fixo poemas, cancións e levou á literatura en numerosas ocasións este naufraxio, entre elas, as humildes aportacións deste que lles escribe. Incluso, a traxedia marítima do Serpent, chegou a pintores da talla do pontevedrés, Xosé Rodiño, ao cal tiven a sorte de coñecer na súa empresa, á entrada da vila de Sanxenxo, o cal adicoulle un marabilloso cadro que hoxe tras serlle mercado, pódese admirar no Hotel A de Loló, na vila de Muxía. É o cadro de cabeceira deste artigo.

A traxedia do Serpent, acelerou a construcción do novo faro do Cabo Vilán, que inauguraríase, o 20 de xaneiro do 1896, sendo o primeiro en alumear con luz eléctrica de toda a península ibérica.

Unha Costa da Morte, que según o que seguen a pensar algúns, non foi bautizada como tal polos ingleses, a pesares de que éstos sufriron a meirande traxedia da Royal Navy en tempos de paz, a que sería a perda do acoirazado HMS Captain a 6 millas ao SW do Cabo Fisterra, no mes de setembro do 1870, onde pereceron nada máis e nada menos que 483 homes, que se foron a pique co seu buque de deseño experimental. Son as fontes documentais as que nos din que o nacemento do macrotalasonímico ou macrotopónimo mariñeiro, de “Costa de la Muerte”, en castelán, publícase por vez primeira na portada do extinto xornal coruñés, El Noroeste, na edición do 14 de xaneiro do 1904, cando nos arredores de Camelle, tres días antes, prodúcense na mesma xornada, os naufraxios do vapor mercante escocés, Kenmore, nos baixos das Meáns de Traba e o da draga holandesa Rosario nº 2, no baixo da Batedora, a carón da aldea de Santa Mariña. Un mes despois perderíase o vapor mercante británico, Yeoman, na Pedra do Porto, xusto á entrada do porto de Camelle. Van a ser estos tres naufraxios os que farán nacer o nome de Costa de la Muerte.


Hoxe, honraremos de novo a memoria dos 172 desafortunados mariños británicos (algún irlandés ía polo medio) que pereceron sen saber onde embarrancara seu barco, tendo unha climatoloxía moi semellante á da noite do propio naufraxio. Honraremos tamén, como non podería ser doutro xeito, a todos aqueles que pereceron na Costa da Morte, sen esquecer aos que sufriron as súas perdas.


A solemnidade do movemento III, da bso El Greco, comeza a soar cando remato este texto… Lúpulo fermentado á vosa saúde.

Foto: HMS Serpent embarrancado na Punta do Boi. Cadro de Xose Rodiño.

Foto: AC Naufraxios Galegos, roteiro 125 cabodano do naufraxio do HMS Serpent. Polo Castro.

Foto: Lugar do naufraxio do Serpent, no extremo occidental da enseada de Trece. Fernando Patricio Cortizo.

Foto: Metade galega do mascarón de proa do HMS Serpent.  www.finisterrae.org

Foto: Barómetro do Serpent, Camariñas. Fernando Patricio Cortizo.

Foto: Nacemento do nome "Costa de la Muerte", cabeceira do xornal coruñés, El Noroeste, edición, 14 de xaneiro do 1904.

Foto: Lápida á memoria dos náufragos do HMS Serpent, sufragada e colocada polos mariños da HMS Lapwing, no xardín de San Carlos, na cidade de A Coruña. Fernando Patricio Cortizo.

© Fernando Patricio Cortizo 2018