venres, 16 de decembro de 2016

De Camelle para o mundo: Pepe de Lucha e as súas descubertas



Motivado por que este mes de decembro de 2016 vivimos no país o terceiro verán anual, tras o estival que ben todos os anos como marca o calendario, máis o de San Miguel, que mellor opción que achegarse un domingo de tempo solleiro a Camelle coa familia, para desfrutar das vistas que ofrece a terraza do bar O Muralla e de paso para probar no seu menú, as famosas brochetas de polbo, a excelente zorza e a caldeirada de bacallau. Mentres tomabamos unha caña e degustabamos unha excelente tapa de marmitako, ía entrando e saíndo xente do local: veciños, coñecidos, algún amigo e como non, tamén un bo número de xente de fora que segue a ter coma referente na zona, principalmente: a visita ao faro de cabo Vilán, a visita ao Cemiterio dos Ingleses e  a visita á Caseta de Man e ao seu museo, ubicado a carón, precisamente, do local hosteleiro onde nós agardabamos polo xantar. 


O arrecendo aos sabores do mar métenselle a un polas fosas nasais... Claudicas sen remisión fronte o poder de persuasión do teu estómago valdeiro. Un feito que sempre faime “esquecer o xantar” é a aparición dunha persoa que me dé conversa… Conversa sobor dos temas con salitre que son os que a min fanme sentir sempre como o neno que abre por vez primeira o seu libro preferido. Desta vez tiven a sorte que apareciu canda min, Pepe de Lucha, (José Suárez Camiño) home que supera por pouco os oitenta anos; persoa de gran memoria e de relatorio fluido e agradábel. Traballou de mariñeiro a bordo do Ameixide, o barco do ferro do seu xenro, Tío Aghustín, (Agustín Sánchez Alonso) buzo de Camelle que foi socio de Os Boallos de Muxía, cando dita sociedade andaba a despezar os pecios da zona. Foi Pepe, co que coincidín en varias ocasións neste local, o que me contou historias e anécdotas incribles, entre elas a da extración dos restos do pecio do paquebote británico Yeoman, afundido na fatídica pedra do Porto á entrada de Camelle, no ano 1904. Entre o feixe de ferros que sacaron á superficie, viña unha culler de metal da vaixela de a bordo. Na actualidade, a pedra do Porto ficou cuberta pola escolleira de Camelle, que xusto onde fai ángulo, cubríuna prácticamente na súa totalidade, sobresaindo unha parte da mesma de entre os blogues de formigón do dique que olla cara Arou. 


Dous naufraxios acontecidos un mes antes, en concreto, os do vapor mercante Kenmore e o da draga Rosario nº 2, perdidos na praia de Traba e na Punta da Batedora, respectivamente, darían lugar a que ao publicarse seus correspondentes sinistros marítimos na capa do xornal coruñés, El Noroeste, na súa edición do 14 de xaneiro do 1904 o redactor herculino empregase por vez primeira que se teña constancia, o macrotopónimo Costa de la Muerte, para denominar deste xeito á franxa de litoral onde aconteceron estos naufraxios, mentres non apareza outro documento ou proba escrita que acredite o contrario.


Afirmar que foron os ingleses os pioneiros en bautizar coma Costa da Morte, a un anaco de costa atlántica galega que abrangue na miña opinión persoal, desde os baixos de Baldaios ata Corrubedo, por mor á gran cantidade de vidas engulidas polo mar neste vértice noroccidental da península ibérica, non foi demostrado documentalmente ata o de agora, reitero. De feito, mergullando e pescudando no seu mellor arquivo xornalístico desde o século XVII até a actualidade, en concreto o nome de The Coast of Death, referíndose a este anaco de litoral da costa galaica, famoso polo seu gran número de naufraxios, amósase por vez primeira na prensa británica o 6 de febreiro do 1907, no xornal, Nottingham Post, é dicir: tres anos despois que nacese este macrotopónimo publicado na prensa coruñesa, como xa indiquei con anterioridade.


Como en Camelle e noutros lugares da Costa da Morte, unha historia leva a outras, cando estaba a falar nesta última conversa mantida con Pepe de  Lucha, contoume dúas anécdotas de gran calibre…
A primeira foi da existencia dun canón da que me puxera en aviso con anterioridade meu amigo Nacho, (José Ignacio Castiñeira Rubido) que rexentaba entón o bar A Muralla, e na actualidade o bar O Paella. Dita historia foi despois corroborada e ampliada polo seu autor, Pepe de Lucha. Un tubo dun canón que Tío Agustín trouxo desde a Punta do Boi ata o mesmo porto de Camelle, cunha lonxitude aproximada aos 2,5 metros, según Pepe. Pero resulta que cando lles dixeron o prezo que se pagaba polo ferro fundido, viron que non lles compensaba nin izalo do fondo onde o deixaran a carón da Rampa dos buzos. Si, como non, estamos a falar dun dos famosos tubos que montaba unha das seis torretas de canóns do HMS Serpent, que despezado en numerosas ocasións por varias empresas que andaban ao ferro ao longo da historia, desde a fatídica data do seu naufraxio a noite do 10 de novembro do 1890, hoxe por desgraza, forma parte do recheo deste paseo marítimo e peirao, con algún que outro obxecto pertencente a pecios da contorna; recheos que por desgraza aconteceron na totalidade dos nosos portos. Pepe laiávase que non fora conservado, -pero daquela non se lle daba importansia a estas cousas… Podía lusir ben aí no paseo-, di.

A fináis da década dos noventa do século pasado ainda se conservaba nas ruinas do Almacén de Salvamento de Camelle, un pau ou unha verga, pertencente ben ao naufraxio do británico Yeoman, ou ao do español Natalia; o primeiro, perdido na pedra do Porto no 1904 como xa indicamos con anterioridade e o segundo, na pedra do Cal no 1915, a tan só uns metros ao oeste do buque mixto inglés.
Pacucho de Petrallo, fillo do famoso buzo de Camelle de quen toda a súa descendencia herdou seu alcume, contoume que no antigo edificio do Almacén de Salvamento que fora empregado polas distintas sociedades e empresas que operaron en Camelle, existía a modo de fiestra un ollo de boi de bronce que indicaba o ano do 1898 como o do comezo da actividade do despece de buques na vila. Dato éste último que tempo despois corroboroume Manolo do Canle, mariñeiro, excelente pintor, veciño tamén de Camelle e gran coñecedor da historia do seu pobo, pero que corrixe a primeira información, pois a inscripción estaba gravada nun ventanuco redondo de pedra que dito edificio posuía pola súa cara norte. Sobre o solar onde estaba antigamente emplazado o Almacén que é como coñecen en Camelle a antiga Estación de Salvamento, ergueuse o inmoble que na actualidade alberga o Museo do Alemán e a Casa de Cultura deste pobo.

Voltando á historia da verga que se conservaba no vello edificio do Almacén de salvamento, Pepe de Lucha e Antonio do Jatiñeiro, quixeran colocar precisamente ese pau a modo de mastro chantado no chan cunha bandeira na súa punta e que poidese lucir unha bandeira ondeando na súa punta, sinal de que aí existira algo que pagaba a pena lembrar para a posteridade: -faser unha cousa bonita-, di Pepe. E non lle faltaba razón. Pero como xa se estaba a construir o actual edificio que alberga o museo coas pezas creadas por  Man e toda a súa gran colección de fotos, obxectos, pinturas, escritos, etc, a idea foi desbotada por Juan Bautista, o entón, alcalde de Camariñas.

A A.C. Naufraxios Galegos, fixera chegar á empresa encargada de xestionar o Museo de Man, a idea de colocar na fachada frontal de dito edificio unha plaquiña que lembrase a historia que albergara con anterioridade ese solar, e que podía ter dita inscripción: 


“Aquí existiu unha das máis importantes Estacións de Salvamento marítimo de Europa que funcionou a pleno rendemento, dende o 1898 ata o 1966.

Á memoria daqueles que fixeron do oficio do auxilio de náufragos e do despece de barcos, un xeito de vida para as xentes de Camelle e que coa súa actividade, construiron a historia marítima deste pobo.”

© Fernando Patricio Cortizo  2016

Foto: Nasas no porto de Camelle. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Recheo onde acouga o tubo do canón do Serpent.  Fernando Patricio Cortizo
Foto: Pedra do Porto. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: 1ª aparición escrita do macrotopónimo, Costa de la Muerte, no xornal coruñés, El Noroeste, edición do 14 de xaneiro do 1904.
Foto: 1ª aparición escrita do macrotopónimo The Coast of Death, nos documentos británicos, no xornal Nottingham Post, edición do 6 de febreiro do 1907.