venres, 11 de maio de 2018

Á memoria de José Baña Heim, no trinta e catro cabodano do seu finamento



Ainda lembro coma se fose hoxe mesmo o tesouro literario que atopei nun recuncho da extinta libraría Colón, na rúa Real de A Coruña, no lonxano mes de novembro do 1986 e que remataría por trocar a miña vida. Ese mesma noite, trala recompoñedora ducha, senteime no meu escritorio e abrín as primeiras páxinas do libro: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, de José Baña Heim. A choiva petaba con forza na fiestra dobre e a luz do faro máis antigo do mundo en funcionamento, xa penetraba polo teito da miña habitación e o vento zoaba con forza. Sen sabelo, estaba a facer a viaxe máis fermosa, impactante e abraiante da miña vida. Os soños de se converter nun buzo de escafandra a bordo do Nautilus, de ser un pirata na Illa do Tesouro ou de ser mariñeiro no Gransol, esvaecíanse e, un mundo novo a carón do meu fogar chamaba por mín, ávido eu por percorrer e coñecer os lugares que o mestre Baña ía describindo con tal realidade e exactitude que un semellaba estar alí mesmo, viaxando á noite dos tempos, ollando unha paisaxe atlántica, brava, marabillosa… única.

Historias relacionadas con naufraxios nunca antes soñadas, relatadas de xeito brilante e excepcional por un mestre do pobo de Camelle, que xa o fora antes de Corme e de Arou, ían enchendo a miña cabeza de datos e de episodios que íanse almacenando na miña mente, para non abandoarme xamáis. Pepe Baña, tamén describíu, recollíu e amosou oficios, costumes, ritos, e crenzas das xentes da franxa de litoral comprendido entre o Cabo Roncudo e o Cabo Fisterra.

Pero se algo é excepcional na obra de José Baña Heim é o feito de que fixera aos seus propios alumnos partícipes do seu proxecto, no decurso do verán do 1974, mesturando a investigación documental sobre os 201 sinistros marítimos publicados na súa magna obra, co metódico e impresionante traballo de campo, non só fallendo recolleita dos contos das xentes do lugar sobre a perda destas embarcacións, se non tamén da súa riquísima toponimia costeira ou talasonimia. E todo isto cos limitados medios de estudo e documentación da época, onde nin sequera as hemerotecas, como a do xornal coruñés, La Voz de Galicia, (ampliamente consultada por Baña) estaban dispoñíbeis en fotolito.
Hoxe, cúmplense 34 anos dende que o polifacético José Baña Heim nos deixou; na súa vila natal de Camelle, exerceu de mestre de educación xeral básica e de orientación marítima, de correspondente do Banco Pastor e de secretario da Confraría de Pescadores, sendo a de Camelle a primeira en crearse en toda a Costa da Morte.

Pepe Baña, foise un 12 de maio do 1984, a idade de 60 anos, pero a súa obra segue moi viva e debería de estar presente nas bibliotecas, nas escolas, institutos e universidades galegas, porque forma parte da historia da nosa nazón marítima.

Dende a nosa asociación, Naufraxios Galegos, fixémoslle unha pequena biografía ilustrada que foi colocada nun cartaz do paseo marítimo de Camelle, a carón do monumento adicado ás empresas de salvamento desta vila, representado por unha áncora sacada dun pecio da ría de Viveiro. Dita biografía, sería descuberta polas súas fillas Marisol e Lourdes Baña Romero (colaboradoras imprescindíbeis neste proxecto) e pola súa neta, Antía Baña, o 10 de outubro do 2015, na celebración do I Roteiro Marítimo e Cultural por Camelle, homenaxe a José Baña Heim e que dende esa día, vense a celebrar todos os anos polas mesmas datas. Deste xeito, calquera persoa que se achegue a Camelle e camiñe a carón do mar, saberá quen foi José Baña Heim e que significou este home para o seu pobo natal e para o conxunto de toda a Costa da morte.


Mestre Baña, só me queda antes de me despedir de vostede, nun día tan sinalado coma o de hoxe, agradecerlle que escribise a súa inmortal obra e que a mesma caera nas miñas mans fai trinta e catro anos e que me servise para facer un punto de inflexión na vida dun adolescente, coñecendo grazas a ela a fermosa vila de Camelle, ás súas xentes e á súa impresionante historia.

Somos salitre.

© Fernando Patricio Cortizo 2018

Foto: retrato de José Baña Heim no 1950. Familia Baña Romero.
Foto: portada do libro de José Baña Heim, V edición do 1980.
Foto: actuación de Mar Devalado, na III edición do Roteiro Marítimo e histórico por   Camelle, homenaxe a José Baña Heim.