domingo, 28 de febreiro de 2016

A CAMPÁ DA CAPELA DE SANTA IRENE

O prometido é debeda. Fai uns meses, tentando dar co paradoiro dun home relacionado cunha das empresas de Salvamento máis senlleiras deste país, de rebote, déronme un dato sobre outra persoa a priori interesante, tanto pola súa elevada idade coma pola vida que levara relacionada co mar. Onte tiven a sorte de falar por fin con el, despois de varios intentos, pois ten 92 anos e atopeino ben pretiño da casa, seu nome é Alfonso Núñez; primeiramente foi armador de barcos de pesca e finalmente de barcos mercantes. 


Á entrada da súa vivienda de verán, ao carón da lagoa de Baldaio, estivo moitos anos pendurada unha campá ata que este sino foille pedido para dar badaladas no campanario na capela de Santa Irene, na parroquia de Lema, Carballo. Alfonso, foi convencido pola opinión da súa muller que lle dixo: "Regálalle a campá a capela, total para qué a queres ti na casa!". A persoa que dera o paso de pedirlla e de trasladala á pequena ermida onde está colocada hoxe, falecería anos despois en circunstancias tráxicas. 




Actualmente, a capela está ben pintadiña de branco e a súa contorna. Cal sería a miña sorpresa despois de falar con Alfonso Núñez uns vinte minutos, que a famosa campá de Santa Irene, pertencía ao actualmente archicoñecido pecio do mercante español Aries. Este mercante cun cargamento de aproximadamente 500 toneladas de marmolita en póo a bordo, que cargara no porto almeriense de La Garrucha, navegaba na viaxe de volta rumbo ás costas galegas, cando a noite do 7 de decembro do ano 1977, padecendo un forte temporal, o Aries petou cunhas pedras ao carón da Illa de Rúa, no interior da ría de Arousa, índose a pique, sinistro do que afortunadamente salvouse a totalidade da súa tripulación, cando o barco navegaba rumbo ao porto da Póboa do Caramiñal a descargar a súa mercadoría. Díxenlle a Alfonso que o pecio do seu barco na actualidade é moi visitado por mergulladores e que entre seus restos habita moito marisco... El, contestoume: -A noite do naufraxio había un temporal forte de suroeste e o barco ainda por riba tiña unha avaría no goberno do timón... Cando o capitán veu que tocaran fondo e que o barco íase a pique, lanzou unhas bengalas que foron vistas por un pescador, que foi o que salvou á tripulación do Aries, abarloando ao seu casco seu barco de pesca... O Aries está afundido a vinte metros e o primeiro buzo que mandou baixar o seguro, foi o que extraíu a campá e algunhas outras cousas que nos repartimos os dous socios que formabamos entón a armadora, Exmar S.A., con sede no porto de A Coruña-. 







Alfonso Núñez contoume ademáis que foi neto de Antonio Núñez Montero o cal trasladou a sede da antiga Axudantía de Mariña ubicada en Ponteceso a carón do Anllóns para Corme a finais do século XIX, xesto que lle valíu a xenreira e o desprezo dos seus propios veciños pontecesáns, especialmente dos famosos Pondal, (pai e irmá do bardo que aportou a letra do himno galego) ata tal punto que tivo que emigrar ao País Vasco a exercer o seu cargo de funcionario estatal. Outra confidencia que me revelou Alfonso, e que foi amigo de Pocholo Santa Cruz, o famoso chatarreiro de A Coruña do que tanto temos falado e falaremos nesta páxina, do cal me dixo: -era moi bo rapaz pero el era moi grande e eu moi pequeno. Amistamos despois de ter unha liorta (rise)-.

Alfonso volta sobre a historia da campá do Aries. Cóntame que tras doala e ser ésta finalmente pendurada do campanario da capela de Santa Irene, soupo logo polos propios veciños que a campá do barco non soaba ben... que daba unhas badaladas moi estranas e que non se sentía ao lonxe, como o fixera a anterior... Alfonso rematou laconicamente:  -Seghuro que a amarraron de máis ao campanario e non abaneaba como tiña que abanear-.




O día está solleiro. Séntome no banco de madeira de Lema, xusto nunha curva da estrada que vai cara Razo, na súa marxe dereita. A vista é espectacular. A lagoa de Baldaio en todo o seu esplendor, as espectaculares dunas e ao lonxe, como a marea está baixa, vense aflorar as cabezas dos baixos de Baldaio que pintan de branco o nidio azul que hoxe amosa o atlántico neste cemiterio de barcos dende a noite dos tempos…ao fondo a liña do horizonte é rachada por un gran portacolectores... aquí comeza a Costa da Morte para un servidor.



© Fernando Patricio Cortizo 2016

Foto: lagoa de Baldaio. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: campanario da capela de Santa Irene. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Aries. jrvarela.net
Foto: capela de Santa Irene. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: o banco de Lema ollando aos Baldaios. Fernando Patricio Cortizo.

O DERRADEIRO LOBO DA SERRA DA PENA FORCADA



Hoxe vexo cumprido un sono despois de ser pai. Tras percorrer no decurso de 23 anos de arriba a abaixo o Concello de Camariñas, de vivir nel e relacionarme coas súas xentes e de aprender a súa historia e admirar o seu patrimonio, tanto material coma inmaterial, especialmente o do meu querido Camelle, a miña filla Lira máis eu vos agasallamos a todos e a todas nesta data especial de Nadal co noso primeiro conto: O derradeiro lobo da serra da Pena Forcada, pertencente á colección Contos da Costa da Morte.
Esta creación escrita é froito do amor, da sensibilidade e da paisón pai-filla. Lira con 7 aniños actualmente, ten acudido conmigo a xuntanzas culturais, presentacións de libros, a roteiros, a charlas, a visitar museos, facer cursiños, acudir a talleres, incluso estivo presente en numerosas entrevistas que eu fixen a persoas maiores cunha memoria infinita para procurar novas para as miñas propias publicacións, vivindo eses intres xuntos e vendo coma a súa faciana e os seus ollos reaccionaban como só reaccionaría unha nena ou un neno fronte a historias que ela pensaba que "habitaban" somentes nas páxinas dun conto.
Teño que dicir que compartir con ela todos estos intres de aprendizaxe e a súa esperta inquedanza por preguntar e facer cousas resultou e resulta un premio que me tocou vivir na vida e que non desaproveitarei. Este conto é unha proba delo.
Lira, enchoupada de historias nadas dos naufraxios e da paisaxe costeira onde se produciron e que nós visitamos e coñecemos, sementou o pracer de que lle conte contos que ela ilustra mentres eu falo. Este traballiño que tendes fronte a vós e o resultado da nosa primeira edición e estrela mundial, para pequechos e tamén para maiores.
Os xoguetes nun neno son importantes pero imprescindibeis son o amor e a atención que requiren, e a cambio nos dan un TODO que ninguén nin nada pode compensar.
Soñade, ride, xogade, lede e desfrutade da vida e compartídea cos vosos fillos e fillas… Asolagádevos nun mundo do que xamáis deberiamos de afastarnos: o dos nosos fillos e fillas que é máxico, na que grandes e pequechos nos mesturamos nun mundo imaxinario (ás veces real), marabilloso e voamos xuntos rumbo aos sorrisos máis fermosos e tamén cara ás bágoas máis emotivas… Os nenos están a agardar a que ollemos para os seus ollos e pronunciemos as verbas: “Había unha vez…”.






























xoves, 25 de febreiro de 2016

PUBLICACIÓNS

A miña primeira colaboración no mundo da escrita iniciouse no 1998, e tería coma resultado a publicación do traballo: Manual do alumno de mergullo con tubo, publicado por Edicións Lea no 1999, no que colaboraría Xoán Carlos Rodríguez. Como ben reza seu título, foi un manual deseñado para os mergulladores que comezaban a súa actividade de lecer nas piscinas e posteriormente no mar, repasando algúns aspectos físicos e técnicos da apnea.


Nese mesmo ano do 1999, saíu publicada a miña primeira listaxe de naufraxios nun CDrom, editado por Laverde Producciones y Ediciones, que levaba por título: Tesoros del mar de Galicia, traballo que contén grabacións dos sons do mar e da navegación, numerosas narracións de historias de naufraxios, debuxos, fotos e cartografía relacionada coa costa galega e coa súa historia marítima.


A miña primeira publicación de naufraxios no ano 2000, editada por Edicións Lea... Comezaba a andaina neste fascinante mundo dos afundimentos e das historias do noso mar. 384 sinistros marítimos fican rexistrados neste traballo, no que a perda da embarcación foi total; 225 eran inéditos. Nunca foran publicados con anterioridade por ningún outro autor. Na foto da capa do libro, Historia da costa galega e os seus naufraxios S.I-S.XIX, pódese aprezar o debuxo realizado especialmente para dita publicación polo artista Pablo Gallo.


No verán do ano 2002, participaba coa reportaxe, O naufraxio do Nantes, na publicación do nº 2, páxina 11,  da revista cultural O Talieiro. de Malpica. 



No ano 2004, afondando nas investigacións sobre naufraxios, publico Historia da costa galega e os seus naufraxios S.XX, editado por Edicións Xerais de Galicia. Este traballo saca á luz 1.585 naufraxios, dos cales un milleiro deles son inéditos, non sendo publicados antes por ningún autor. Remata o período estudado nesta obra, no mes de novembro do ano 2003. Este libro contén tamén unha relevante entrevista co buzo de Riveira, José Teira Gude " O Cabalán", e co mariñeiro xubilado de O Vicedo, Francisco "de María de Merlo" adxuntado no propio traballo importantes fotografías acadadas no Green wich Maritime Museum, nos arquivos estatais e nos arquivos fotográficos privados.



As semanas previas á celebración do XLIX Campeonato de España de pesca submarina, na cidade de A Coruña, os días 10 e 11 de xullo do 2004, edítase a revista conmemorativa de dito evento deportivo, onde teño o pracer de participar co meu artigo: El patrimonio sumergido en Galicia, nas páxinas 13 á 15. Dito campeonato sería excelentemente organizado polo meu clube, o Club del Mar de San Amaro.



No ano 2005, e froito das pescudas feitas no decurso dos tres anos anteriores no ecocidio causado polo desastre e posterior naufraxio do Prestige, e da experienza vivida nas costas de Lira (Carnota), en concreto no areal de Ardeleiro e no Ximprón, limpando chapapote coma voluntario, autoedito, Escarnio: la tragedia gallega del Prestige, na Imprenta San Esteban de Perlío (Fene). Un traballo que xurde das miñas entrañas nun intre de escuridade e de aldraxe ao pobo galego polos seus propios gobernantes, fronte a unha catástrofe ecolóxica de brutal magnitude, causada pola desidia e ignorancia do Estado español, que dirixe a manobra do petroleiro de Bahamas, dende os despachos de Madrid por persoeiros postos a dedo polos políticos de quenda sen o máis mínimo coñecemento sobre navegación e rescate marítimo nun lugar como a costa galega. Na miña contra, e facendo autocrítica, (sempre moi saudable) argumentarei, que este traballo editeino con presa e a ausenza dunha segunda revisión ortográfica provocou que o mesmo teña numerosas erratas e erros ortográficos.


Estando de vacacións na costa do Mar Menor en Murcia, a mediados de setembro do 2004, recibo a chamada do entón presidente de o xornal O Progreso de Lugo, Benxamín Casal (falecido no mes de agosto de 2013, sendo presidente da Editorial Galaxia) que me encomenda a tarefa de escribir nada máis e nada menos que para a gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, as entradas Naufraxios y Mareas Negras. Lembro perfectamente a súa chamada, como se fose hoxe mesmo...
"Ola Fernando, son Benxamín Casal, vouche encomendar un traballo ao que non te vas poder negar...!". Eu evidentemente cumplín e ditos traballos incluiríanse nesta prestixiosa publicación editada no ano 2005.



Na Galiza, nacía unha revista adicada ás actividades subacuáticas no ano 2005, Espacio Submarino. Nela participei ao longo deste ano 2005 e 2006, como redactor das seccións de actualidades e bioloxía, nos seus números 0, 1, 2, 3, 4, 5. 




Nun espazo temporal que abrangue do ano 2006 ao 2013, seguín a escribir e a colaborar na prensa, radio e televisión, e a dar charlas e conferencias e acudindo a calquera acto cultural relacionado coa nosa historia marítima, alí onde era requerido para elo, máis ainda hoxe teño moito material inédito destes anos que agardo vaia vendo á luz neste blogue, ferramenta indispensable para mín e que ata o de agora non atopara nin o intre nin as gañas de crealo. 
Neste ano de 2013, publícase o excelente libro de Xabier Maceiras Rodríguez, O mar de Arteixo e os seus naufraxios, editado pola AC Monte da Estrela, e no que teño a honra de participar escribindo o seu limiar e ser convidado para presentala na súa posta de gala na librería arteixá de A Lus do Candil, cun éxito de participación coma poucas veces vin nun acto destas características.


Cando me atopaba inmerso na elaboración do meu libro, Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899, recibín a chamada de Xabier Maceiras Rodríguez, o cal convencíume para facer un proxecto común, a edición do libro: De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, que editaría Edicións Embora a principios do ano 2014, co galo do 125 cabodano do naufraxio nas Illas Sisargas, do paquebote británico, Priam, a madrugada do 11 de xaneiro do 1889. Experienza marabillosa a de traballar arreo con Xabier e un bo traballo de documentación con máis de 40 entrevistas realizadas ás xentes do mar, completan este traballo con ducias de historias alucinantes relacionadas coa pillaxe e o raquerismo que ao longo de 60 km de costa (de Malpica ata A Coruña) deron conta as xentes da súa rica e abondosa carga. O día da presentación inaugural deste libro en Malpica, erexíuse unha placa conmemorativa do acto no paseo marítimo desta vila, rendéndoselle homenaxe aos bravos mariñeiros desta vila mariñeira que acadaron salvar a 37 náufragos do Priam dunha morte segura, cando a bordo dos seus botes xa se dirixían rumbo ás rompentes, no medio da noite e no medio do temporal... Unha das máis alucinantes e extraordinarias historias deste libro nace da chegada á ribeira arteixá dun piano (outro chegaría á zona de Malpica e sería desfeito a machadazos polas xentes que o atoparon) que ía a bordo do Priam, o cal tras estar en varios lugares de Arteixo e de A Coruña se lle perde a pista definitivamente na década dos 60 do século XX...



A miña primeira colaboración na prestixiosa Revista Cultural, Columba, que edita esta sociedade cultural de Cobas, na comarca de Ferrolterra, levou por título: Notas dun antigo naufraxio en Cobas, e foi editado no seu nº 14, no mes de marzo de 2014, das páxinas 40 á 81, sendo eu coautor da reportaxe xunto a José López Hermida. Neste graballo nárrase pormenorizadamente o alucinante episodio da captura da fragata británica Speed, polo corsario norteamericano Lion de Baltimore, nos arredores do Cabo Fisterra no mes de decembro do ano 1814 e o posterior naufraxio da Speed no areal de Ponzos, na costa de Cobas (Ferrol). Este episodio constitúe o primeiro achádego documental na historia de Galiza, onde fica rexistrada a captura dun corso norteamericano a súa presa e ésta remata perdéndose na costa, contendo o seu expediente de naufraxio, (rescatado dende a data do seu arquivo no 1815, nos fondos de Viso del Marqués, provincia de Ciudad Real e que para acceder ao mesmo houbo que sacar os seus selos orixinais) todo luxo de detalles, incluida a propia patente de corso do Lion, rubricada polo presidente dos Estados Unidos de América da época.


Realizo un censo de naufraxios de embarcacións mariñeiras afundidas no Golfo Ártabro e da historia da pesca no mesmo para a empresa 8 Mares, que leva por título: Naufraxios na pesca artesanal do Golfo Ártabro, para unha exposición que se inauguraría no mes de outubro de 2014, no Acuarium Finisterrae da A Coruña. Na foto que adxunto sae a miña filla Lira, sinalando os créditos do meu traballo exposto nos cartaces da expo no propio acuario herculino.


No mes de febreiro de 2015, o Centro Galego de Lleida, publica a súa revista Xurdimento, nº 28. Nela, nas páxinas da 26 á 28, publícase O naufraxio da fragata Speed (I) traballo, que editamos conxuntamente, José López Hermida, máis un servidor, sobre a fragata mercante inglesa Speed, apresada nos arredores do Cabo Fisterra, en decembro do 1814, polo corsario norteameicano Lion, de Baltimore, no contexto da II Guerra da Independencia entre USA e Inglaterra, acontecida no decurso do 1812 a 1814.


Tiven a honra de participar no excelente e marabilloso traballo que o Concello de Riveira artellou, co galo do naufraxio do Santa Isabel, na Illa de Sálvora o fatídico 3 de xaneiro do ano 1921. Dito catálogo editado na primaveira do 2015, leva por título: Santa Isabel. Emigración, traxedia e heroísmo. Neste groso e ben documentado catálogo, non que non se escatimaron medios, eu participei no mesmo co meu traballo: Catálogo de naufraxios da comarca do Barbanza até finais do século XIX. (Concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Riveira). que se atopa da páxina 64 á 77, incluindo un mapa que sinala os sinistros marítimos acontecidos na zona indicada e a descripción dos mesmos coa súas fontes bibliográficas.


No ano 2015, e de novo no seu mes de marzo, publico un artigo xunto a José López Hermida, que levará por título: O pecio descoñecido de Santa Comba, que será editado na Revista Cultural Columba nº 15, ocupando as páxinas desta publicación da 87 á 96. No mesmo, faise unha exposición de como vivíu a veciñanza de Cobas e os medios de comunicación galegos e españois a "descuberta" dun antigo pecio na praia de Santa Comba, por efectos do forte temporal que desareou o nomeado pecio e as accións que moitos socios de Columba e veciños da propia zona, fixemos fronte á desidia e inactividade de Patrimonio da Xunta de Galicia, que enviou a un arqueólogo ao lugar, cando o pecio xa fora completamente enaquizado polo mar e xa a S.C. Columba enviáramos requerimentos ao parlamento de Galicia e un email ao Museo Vikingo de Oslo, pedindo actuación e colaboración, repectivamente, para identificar a orixe da nave perdida na costa de Santa Comba e para que se actuara de contado sobre os restos desta histórica nave, que estaban sendo guindados polo mar ao longo do litoral.


Agradecido de por vida estareille ao mestre de Camelle, José Baña Heim, de que caera nas miñas mans no inverno do 1985, o seu excelente libro: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, unha publicación que trocou a miña vida para sempre; obra que releo todos os invernos e que segue a ser un referente para a historia dos naufraxios na Galiza, e sobor de todo un referente excepcional e único para a Costa da Morte, retratada paisaxísticamente e socialmente coma ninguén, por un Baña Heim, inconmensurable. Grazas a este libro tamén naceu en min a ansia por coñecer Camelle e a súa xigantesca historia relacionada coas empresas de salvamento de buques, pero tería que agardar ata o mes de febreiro do 1992, cando a bordo do meu querido e xa abandoado fiat tempra, vehículo co que vivín aventuras por esta costa cando ainda non había internete e moitas das súas infraestructuras estaban ainda como a mediados da centuria. Dende que arribei a Camelle nese inverno non puiden esquecerme nin desa fermosa vila, nin das súas xentes, nin de Man, o alemán. Froito da paisón e do idilio que vivo coa Costa da Morte, sempre que poido me achego a Camelle, onde hoxe teño amigos, incluso saimos a pescar... 
No 2008 producíuse o feito máis importante na miña vida, o nacemento da miña filla Lira, que non se chama así por casualidade (ollar a publicación de Escarnio: la tragedia gallega del Prestige). Lira foi medrando e xa de pequerrecha acudía conmigo ás xuntanzas que sobre Man, o alemán de Camelle, facíanse nesta vila, para difundir, salvagardar e dar proxección mundial á súa obra. Hoxe Camelle ten ergueito un Museo do Alemán, onde se amosa a súa vida e a súa obra, curiosamente nun antigo solar que pertenceu a numerosas empresas de salvamento de buques. A súa caseta e vivienda construida ao final da costa que da entrada ao dique de Camelle estase actualmente a restaurar... Manfred vive!. Lira, enchoupábase en todo este tempo de aneidotas, de historias e a súa áxil e rápida mente, paría debuxos, incluso seus propios contos cando en moitas xornadas dende o Vilán a Camelle, costeábamos polo baixo litoral co resto da familia dende a nosa base loxística en Camariñas... Arliña, Reira coas súas praia, seu foxo dos lobos e seu polifemo, Porto Desastre, a furna dos Defuntos Queimados, o Cemiterio dos Ingleses, O Monte Branco, o Carreiro da Caghada, Santa Mariña, Arou e Camelle...
Froito destes catro anos de acompañarme a todos os lados, na nosa costa paradisíaca persoal, a miña filla Lira e máis eu decidimos o día de nadal de 2015, editar libremente polo facebook o conto: O derradeiro lobo da Serra da Pena Forcada, pertencente á colección Contos da Costa da Morte, e na que xa estamos a traballar arreo para aumentala noutras tres historias que irán vindo á luz cando desexemos e creamos oportuno. Neste traballo e con sete aniños Lira participou coas súas ideas no conto e foi a súa ilustradora, corrixíndonos o texto a nosa amiga e mestra, Sesé García García.


No mes de febreiro do 2016, o Centro Galego de Lleida publica a súa Revista Xurdimento nº 29. Nela, nas páxinas da 25 á 27, publícase O naufraxio da fragata Speed (II) traballo, que editamos conxuntamente, José López Hermida, máis un servidor, sobre a fragata mercante inglesa Speed, apresada nos arredores do Cabo Fisterra, en decembro do 1814, polo corsario norteameicano Lion, de Baltimore, no contexto da II Guerra da Independencia entre USA e Inglaterra, acontecida no decurso do 1812 a 1814.


Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899, constitúe o meu último gran traballo. Editado pola Libraría Náutica Cartamar, o 29 de abril de 2016, un núcleo cultural referente para a Náutica galega e coruñesa. Este libro é o producto dos meus últimos once anos de traballo, pescudando en arquivos civís, eclesiásticos e militares ao longo da península Ibérica. Contén preto de 400 naufraxios inéditos, moita antiga talasonimia xa en deshuso, que foi publicada por vez primeira nos antigos cadernos da Dirección de Hidrografía e sobor de todo moito traballo de campo desenvolvido en vilas e aldeas costeiras, rescatando da memoria popular dos seus habitantes, historias alucinantes xunto ás obtidas das numerosas entrevistas feitas a antigos buzos de escafandra de cobre e traballadores das empresas de salvamento adicados ao despece de barcos, principalmente na Costa da Morte. Unha das principais fontes de riqueza deste libro, o son precisamente as testemuñas destas xentes do mar, sen as cales este traballo, nunca tería sido o mesmo. Capítulos como as da Frota de Padilla de 1596; ¿Un pecio de la Invencible en la ría de Ferrol?; Desguazadores de pecios; De Alejandría a Londres pasando por Ferrol (a historia do monolito de Cleopatra que foi remolcado de Exipto a Inglaterra polo barco Olga, e que tras irse a pique éste último, quedará á deriva no Cabo Ortegal, sendo finalmente atopado por un barco inglés que o remolcará e o levará ao interior do porto de Ferrol para ser reparado no decurso dun mes, ata qeu ao final arribará a Inglaterra); La antigua talasonimia camariñana y el pecio del correo real La Cantabria; El caso Douro, e tantos outros que agardo fagan unha composición fidedigna da cronoloxía que se repasa neste volume, dende as pegadas gregas, fenicias e romanas na nosa nazón ata a chegada da luz eléctrica ao faro do Cabo Vilán no mes de xaneiro do 1896.


No mes de maio do 2016, publícase a revista Columba nº 16, correspondente ao seu ano 2016 e pertencente a Sociedade Cultural Columba da que son socio e colaborador. Neste exemplar, publico o artigo: A perda da histórica embarcación Espartero, incluido nas páxinas desta publicación da 38 á 45. Navío con folla de matriculación de Corme, que embarranca na costa de Cobas, con tropas e armamento a bordo, no contexto histórico da II Guerra Carlista, no período coñecido na historia de España, como a Década Moderada.