domingo, 28 de febreiro de 2016

A CAMPÁ DA CAPELA DE SANTA IRENE

O prometido é debeda. Fai uns meses, tentando dar co paradoiro dun home relacionado cunha das empresas de Salvamento máis senlleiras deste país, de rebote, déronme un dato sobre outra persoa a priori interesante, tanto pola súa elevada idade coma pola vida que levara relacionada co mar. Onte tiven a sorte de falar por fin con el, despois de varios intentos, pois ten 92 anos e atopeino ben pretiño da casa, seu nome é Alfonso Núñez; primeiramente foi armador de barcos de pesca e finalmente de barcos mercantes. 


Á entrada da súa vivienda de verán, ao carón da lagoa de Baldaio, estivo moitos anos pendurada unha campá ata que este sino foille pedido para dar badaladas no campanario na capela de Santa Irene, na parroquia de Lema, Carballo. Alfonso, foi convencido pola opinión da súa muller que lle dixo: "Regálalle a campá a capela, total para qué a queres ti na casa!". A persoa que dera o paso de pedirlla e de trasladala á pequena ermida onde está colocada hoxe, falecería anos despois en circunstancias tráxicas. 




Actualmente, a capela está ben pintadiña de branco e a súa contorna. Cal sería a miña sorpresa despois de falar con Alfonso Núñez uns vinte minutos, que a famosa campá de Santa Irene, pertencía ao actualmente archicoñecido pecio do mercante español Aries. Este mercante cun cargamento de aproximadamente 500 toneladas de marmolita en póo a bordo, que cargara no porto almeriense de La Garrucha, navegaba na viaxe de volta rumbo ás costas galegas, cando a noite do 7 de decembro do ano 1977, padecendo un forte temporal, o Aries petou cunhas pedras ao carón da Illa de Rúa, no interior da ría de Arousa, índose a pique, sinistro do que afortunadamente salvouse a totalidade da súa tripulación, cando o barco navegaba rumbo ao porto da Póboa do Caramiñal a descargar a súa mercadoría. Díxenlle a Alfonso que o pecio do seu barco na actualidade é moi visitado por mergulladores e que entre seus restos habita moito marisco... El, contestoume: -A noite do naufraxio había un temporal forte de suroeste e o barco ainda por riba tiña unha avaría no goberno do timón... Cando o capitán veu que tocaran fondo e que o barco íase a pique, lanzou unhas bengalas que foron vistas por un pescador, que foi o que salvou á tripulación do Aries, abarloando ao seu casco seu barco de pesca... O Aries está afundido a vinte metros e o primeiro buzo que mandou baixar o seguro, foi o que extraíu a campá e algunhas outras cousas que nos repartimos os dous socios que formabamos entón a armadora, Exmar S.A., con sede no porto de A Coruña-. 







Alfonso Núñez contoume ademáis que foi neto de Antonio Núñez Montero o cal trasladou a sede da antiga Axudantía de Mariña ubicada en Ponteceso a carón do Anllóns para Corme a finais do século XIX, xesto que lle valíu a xenreira e o desprezo dos seus propios veciños pontecesáns, especialmente dos famosos Pondal, (pai e irmá do bardo que aportou a letra do himno galego) ata tal punto que tivo que emigrar ao País Vasco a exercer o seu cargo de funcionario estatal. Outra confidencia que me revelou Alfonso, e que foi amigo de Pocholo Santa Cruz, o famoso chatarreiro de A Coruña do que tanto temos falado e falaremos nesta páxina, do cal me dixo: -era moi bo rapaz pero el era moi grande e eu moi pequeno. Amistamos despois de ter unha liorta (rise)-.

Alfonso volta sobre a historia da campá do Aries. Cóntame que tras doala e ser ésta finalmente pendurada do campanario da capela de Santa Irene, soupo logo polos propios veciños que a campá do barco non soaba ben... que daba unhas badaladas moi estranas e que non se sentía ao lonxe, como o fixera a anterior... Alfonso rematou laconicamente:  -Seghuro que a amarraron de máis ao campanario e non abaneaba como tiña que abanear-.




O día está solleiro. Séntome no banco de madeira de Lema, xusto nunha curva da estrada que vai cara Razo, na súa marxe dereita. A vista é espectacular. A lagoa de Baldaio en todo o seu esplendor, as espectaculares dunas e ao lonxe, como a marea está baixa, vense aflorar as cabezas dos baixos de Baldaio que pintan de branco o nidio azul que hoxe amosa o atlántico neste cemiterio de barcos dende a noite dos tempos…ao fondo a liña do horizonte é rachada por un gran portacolectores... aquí comeza a Costa da Morte para un servidor.



© Fernando Patricio Cortizo 2016

Foto: lagoa de Baldaio. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: campanario da capela de Santa Irene. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Aries. jrvarela.net
Foto: capela de Santa Irene. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: o banco de Lema ollando aos Baldaios. Fernando Patricio Cortizo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario