xoves, 12 de outubro de 2017

O Cíclope do Mar de Reira


Conta a mitoloxía grega que na Illa dos Cíclopes, Polifemo e os seus seis irmáns, agochábanse entre os cantís e cando alviscaban naves que estaban preto da costa, guindábanlles grandes pedras para afundilas. Cando acertaban, festexaban o seu éxito saltando e golpeando cos seus enormes membros o chan da illa e facían que se sentiran os grandes tremores en toda a superficie da mesma, provocando ata algunha das súas arroutadas, erupcións do volcán que a coroaba. 
Todo comezou un día de novembro do 1986 cando chamoume a atención un libro no escaparate da desaparecida libraría Colón, na rúa Real de A Coruña. Tiña unha capa azul celeste e nela representábase a costa noroeste galega en cor marrón, cun título en negro: Costa de la Muerte, e cun subtítulo no ángulo superior esquerdo, en branco: Historia y anecdotario de sus naufragios. Seu autor era José Baña Heim. Era un día desos de inverno dos que había fai anos… Moito frío e moita choiva. Ao chegaren a casa xa era de noite. Puxen a secar as botas e o anorak ao carón da estufa e despois da ducha senteime no meu escritorio coa nova adquisición entre as mans, moble, sobre o que xa levaba uns meses deitado un libro encadernado en pel de antílope e cos bordes das follas bañadas en ouro que sacara da gran libraría do salón. Era a obra La Odisea, cuia autoría atribuíase ao poeta grego, Homero. Este libro acompañoume no decurso de catro anos pousado naquel esceario atlántico, a mín e a todas cantas obras ía lendo sen que nunca fose quen de finalizala. Esa noite zoaba o vento e a choiva petaba con forza no ventanal de aluminio. Encendín o flexo e senteime fronte ao faro máis antigo do mundo en funcionamento que xa estaba alumeando. Non se podía ter mellor ambientación. Nese intre estaba a piques de descubrir que o contido da obra literaria do mestre de Camelle ía a ser a máis abraiante e a máis influinte da miña vida. Non me trabucaba. 
Coma unha obsesión xenética que percorre cada recuncho do meu corpo, releo este libro anualmente, cada inverno dende entón… Unhas veces ata rematalo, outras, parcialmente e ainda me segue a descubrir na actualidade, un litoral inhóspito, unha terra lendaria e unhas xentes únicas que tiveron coma protagonistas aos centos de naufraxios que aconteceron neste bravo e perigoso litoral que inherentemente formaron parte das súas vidas e da nosa historia marítima. 
Penso que foi no mes de febreiro do 1993, cando por vez primeira fixen unha viaxe á Costa da Morte, no confortable habitáculo do meu querido e inolvidable Fiat Tempra. Había un lugar que ficara na miña mente como de peregrinación obrigada desde 1986. Ao chegaren á entrada da Ponte do Porto, collín un desvío á man dereita que poñía: Camelle. A medida que ía percorrendo esta fermosa estrada, penetraba noutra dimensión, onde as árbores cubrían ambos os dous lados da vía e de cando en vez alviscábanse regatos que descendían pola aba dos montes desbordantes de auga. Xusto antes de achegarme a un desvío que sinalaba Arou e Santa Mariña á esquerda, ascendía correndo pola costa en dirección oposta e pola marxe dereita, un home maior con cabeleira e de poboada barba. Tan só levaba posto unha especie de cueiro… Ía descalzo. De contado identifiquei ao persoaxe como o “anacoreta” do que falaba o mestre Baña Heim no seu libro que viaxaba ao meu carón, no asento do copiloto. Lémbrome perfectamente coma se fose hoxe mesmo que nese intre soaba no meu radiocasete o marabilloso tema, Night in that land de Nightnoise… si, era Manfred Gnädinger. 
Nada máis entrar en Camelle, unha sinal desvioume en dirección ao Museo do Alemán. Antes de por alí os pés, detívenme para tomar un café no Bar Rotterdam, ao final do porto. Alí fun atendido por unha muller que meteu un cazo nunha pota coa súa base ennegrida e botou seu contido abondosamente nunha taza. Era a primeira vez que probaba o café de pota. Celestial descubrimento. Ofrecíume caña branca para lle botar unhas pingas, mais declinei a oferta… Chovía a eito. Percorrín coa vista todos os recunchos deste local, onde ao fondo do mesmo e baixo unha feble luz, había mulleres palillando sentadas nunhas bancadas. A señora de nome Barca, intercambiou algunhas palabras de cortesía conmigo e faleille do home que acababa de ver semiespido correndo pola estrada. Ela díxome: -é Manfré-. Pasou un bo anaco no que fiquei medio durmido sentado a unha mesa, saboreando unha segunda taza de café. O alemán acaba de pasar correndo de volta cara a súa vivenda ubicada ao comezo da escolleira que tiña decorada con esculturas, crebas e círculos de cores. Non sería nesa xornada cando o coñecería persoalmente, pois voltando sobre os meus pasos, chamoume poderosamente a atención a existencia dun antigo edificio rectangular de pedra, derrubado, e que entre os seus restos, tiña un mastro de barco no que se notaban as marcas das xarcias, (do cal entereime por Juanjo de Vita, veciño de Camelle que anos despois fora curtado en toradas e queimadas estas nunha fogueira do San Xoán) restos de ferralla, anacos de madeira, botellas e gomas. Era o que quedaba do outrora florecente, Almacén e Estación de Salvamento de Camelle, un dos máis importantes de Europa na súa época, o cal comezou a funcionar no 1898 (según Pacucho de Petrallo, existía nunha das súas paredes unha placa de bronce que así o atestemuñaba) e que deixaría de empregarse como tal a mediados da década dos anos sesenta do século pasado. Esos restos esquecidos e abandoados, albergaban unha gran riqueza patrimonial para a historia marítima galega. 
Lembro tamén con total nitidez mental que ese día xantei no bar Chalana, (no mesmo Camelle) un dos mellores cocidos da miña vida por oitocentas pesetas. Apetecíame camiñar despois de engulir toda a cantidade de comida que meu estómago puido embarcar, pero de súpeto, ao pisar de novo a rúa voltaba a chover arreo e a soprar con forza o noroeste o que truncou as miñas pretensións de rebaixar as calorías do xantar e perderme polas rúas deste engaiolante pobo mariñeiro. Obrigado pola climatoloxía, metinme no coche e dando a volta en dirección ata A Ponte do Porto, máis adiante collín o desvío que marcaba Arou á dereita. A vista que ofrecía a estrada sobre esta antiga aldea mariñeira era de película. Maxestosa. Pero ao pouco, esa paisaxe viuse superada ao pasar Santa Mariña e aparecer o cumio do Monte Branco, ao que rebasaba a fina e albina area da meirande duna rampante de Europa, para descubrirse ante mín un litoral de beleza indescriptíbel… a enseada de Trece, franqueda polo Carreiro da Caghada e pola Punta do Boi, lugar este último a onde me dirixía a visitar o Cemiterio dos Ingleses. 
Era tal a forza do vento que a faciana enchíaseme de salitre pulverizado. Penetrei no muro do camposanto e nunha especie de panteón, deitei sobre unha lápida unhas frores que lle mandara mercar a miña nai o día anterior para tal fin. Supoñíase que baixo esa lousa de pedra esculpida, estaba soterrada a oficialidade británica do cruceiro torpedeiro de terceira clase, HMS Serpent. Este navío de guerra inglés, perdera 172 dos 175 homes que ían a bordo, a fatídica noite do 10 de novembro do 1890, aproximadamente ás 22:30 horas, no medio do temporal e da escuridade nocturna, xusto aí, na Punta do Boi. A traxedia máis lembrada na memoria popular das xentes do lugar, pois non en van foron ata obrigados polo crego de Xaviña, o señor Carrera Fábregas a recoller os cadáveres desfeitos dos tripulantes do Serpent que o mar ía deitando nas pedras deste bravo litoral baixo risco de seren excomulgados de non facelo. Moita xente descoñece que na fosa onde hoxe están soterrados os 144 corpos pertencentes á dotación do barco da Royal Navy, (o último cadáver pertencente á tripulación deste barco, aparecíu desfeito sobre as pedras na baixamar, no mes de febreiro do 1891. 28 corpos nunca aparecerían, engulidos polo mar) existiu a primixenia que albergou os restos de parte dos 36 tripulantes do Iris, afogados nestas augas; outro vapor británico que sete anos antes que o Serpent, desfacíase tamén a carón da Punta do Boi. O lugar onde se ergueu o Cemiterio dos Ingleses chámase Porto Trigo, pois dise que antes incluso que afundise o Iris, foise a pique outro barco perdido nesta paraxe do que xa ninguén se lembra, o cal portaba a bordo sacas deste cereal como cargamento. Unha vez que o mar desfondou ao navío saíron a frote e foron depositadas en terra para a súa custodia. Na fatídica Punta do Boi, e nun radio de 300 metros con respecto a este accidente xeográfico, fican documentados nove naufraxios. 
Deixando atrás a Punta do Boi, de contado achegueime á furna dos Defuntos queimados, sempre tendo coma guía o marabilloso libro de Baña Heim. Alí foi onde aos cadáveres do vapor mixto británico, Trinacria, se lles prendeu lume días despois do naufraxio do seu buque, cando flotaban nas axitadas augas mesturados con bocois de graxa, cabos, anacos de madeiros e outros restos do barco que ninguén era quen de rescatar para darlles sepultura. Manolo do Canle, veciño de Camelle, home de mar, artista excelente, creador entre outras obras, de cadros que recrean a antiga historia da súa vila natal, contoume dúas terríbeis historias sobre este naufraxio. A primeira delas fai referenza ao can que ía a bordo do navío inglés que tras salvar a todos cantos náufragos puido, rematou morrendo por esgotamento e coas súas patas esnaquizadas de golpearse coas pedras. A segunda, lembra á rapaza de 15 anos que ía a bordo e que faleceu afogada coa arrepiante imaxe das súas pernas sobresaindo da superficie das augas, ficando seu corpo preso no fondo mariño boca abaixo pola súa longa melena loira.
Proseguín a estrada de terra que levaba ao telúrico faro de Vilán ao nivel mesmo do mar. Non poucos salseiros ese día chegaban ata a súa mesma beira. A choiva abrira regos no firme, facendo que fose moi doado deixar os baixos do coche alí mesmo se non se conducía a modo. Fai vintecatro anos esa estrada non tiña colocado un groso zócalo de madeira como posúe na actualidade, cuio efecto evita que a area escorregue formando fochancas cando a choiva fai acto de presenza no outono e no inverno, principalmente. 
Estaba no salvaxe e afastado areal de Reira, antigamente chamado Area Longa. Alí fixen un descubrimento ollando cara o lugar que figura nos mapas do Instituto Geográfico Nacional, coma Porto Desastre; alí estaba ben ergueita e recoñecíbel unha pedra zoomórfica con “forma de cíclope.” Dito achádego ficara esquecido estos vintecatro anos, ata que fai uns días, revisando fotos que tiña gardadas en álbunes de tapa dura, atopei esta alfaia xunto a outras fotos desa viaxe do inverno do noventa e tres que cría perdidas; entre elas estaban tamén as correspondentes ao xardín pétreo e ás da caseta de Man. Na famosa foto do “cíclope” pódese ver perfectamente unha inmensa pedra coa forma deste ser mitolóxico grego e baixo o seu rostro aos seus “fillos xemelgos”. Nesta costa, nestas paraxes, compre deterse a admirar, a ulir, a escoitar e de cando en vez, pechar os ollos e perderse no seu misticismo… Estamos nunhas latitudes onde o silenzo fala e os sons mergúllanche na esquecida historia. 
Moi preto deste Cíclope de Reira, atopeime na mesma zona outra marabilla de pedra, ésta xa construida pola man do home: o foxo dos lobos, construción formada por dous longos muros de pedra do que só sobresae da terra medio metro e que converxen nunha gran fochanca, monumento ao que adiquei vintetrés anos despois desta primeira visita, un pequeno estudo que incluín no conto: O derradeiro lobo da Serra da Pena Forcada, o cal que podedes ler noutra entrada deste mesmo blogue. 
Costeando pola estrada de terra achegueime á Arliña do Vilán, ata os mesmos pés do imponente faro do Cabo Vilán, que por aquí din de Villano. Ascendendo pola súa serpenteante pista asfaltada o coche abaneábase como se fose de papel. Cando cheguei á explanada do faro novo, (o primeiro en alumear con luz eléctrica da península ibérica, en xaneiro do 1896) case que non puiden abrir a porta do coche para saír a contemplar o espectáculo que o mar estaba dando ao meu redor. Descendín do faro e tras pasar por diante dos primeiros muíños eólicos da zona, proseguín camiño ata Camariñas mentres caía a noite invernal, onde rendido aloxaríame na Pensión A Gaviota, non sen antes agardar no coche a que escampara a choiva que voltaba a caer con forza. Esa noite escribín no meu caderno todas as vivenzas, experienzas e revelacións deste día inesquecíbel ao que seguirían seis días máis. Trala cea, delicatessen de caldo con freba servido na mesa nunha pota, durmín dun tirón dez horas e soñei... 
Soñei con Ulises. Soñei co heroe de Troia que tras perder á metade da súa tripulación devorada polo cíclope Polifemo, urdíu un plan para fuxiren da cova onde estaban presos os sobreviventes da súa expedición. Tras ofrecerlle Ulises ao xigante monstroso o excelente viño que viaxara a bordo do seu barco, éste ficou posteriormente durmido, intre que aproveitou o rei de Ítaca para queimarlle seu único ollo cun tronco ardente e fuxir definitivamente el e seus homes as agachadas, e cubertos seus lombos de peles de ovella, animais que criaba Polifemo e que tocaba antes de abrir e pechar a gran cova onde vivía, cunha inmensa pedra. Cando os homes sobreviventes da expedición estaban a bordo da súa nave, Ulises  berroulle a Polifemo ao lonxe que lembrara que fora el, o pícaro home que o burlara... O rei de Ítaca. Pero Ulises descoñecía que Polifemo era fillo do mesmo Poseidón. Polifemo, enchido de xenreira, subíuse aos cantís da illa e guindou pedras xigantescas contra a nave de Ulises, sen ter éxito; incluso arrincou o cumio dun monte e arrebolouno tamén contra a nave grega. Pero todo foi en van. Polifemo, vencido pola raposeira de Ulises e ferido na súa dignidade, pregoulle a seu pai que botara un meigallo á expedición do rei de Ítaca, pero éste acadou arribar finalmente á illa do deus Eolo, en menos dunha xornada de travesía. 
Seguín a soñar crendo que foran os cíclopes os primeiros naufragadores de barcos da historia. No mesmo soño, facíame as preguntas de se foi convertido en pedra o cíclope do Mar de Reira por unha maldición? Por causar naufraxios nesta zona dende a noite dos tempos?... Ou simplesmente, sería este xigante pétreo unha casualidade ou un capricho granítico da natureza? 
No Mar de Acitrezza, a uns poucos centos de metros da propia costa siciliana, ainda fican ergueitas as pedras que arrebolou Polifemo contra o barco de Ulises, hoxe convertidas en farallóns. 
Aquí remata a miña icónica viaxe daquel inverno do noventa e tres… Ulises, Homero e a súa Odisea, perdurarán eternamente. 
© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Cíclope do Mar de Reira, Fernando Patricio Cortizo.