sábado, 31 de outubro de 2020

DE ALEXANDRÍA A LONDRES CON ESCALA EN FERROL.



A historia que imos descubrir de seguido, forma parte dun episodio descoñecido do gran legado marítimo do noso país. Remexendo horas e horas na internet, atopei unha nova procedente do xornal español, El Globo, na súa edición do 25 de novembro de 1877 que informaba de: “Tres magníficas reliquias de la antigüedad ofreció el Bajá Mehemet-Alí en 1801 a la Gran Bretaña, en recuerdo de los salvadores auxilios que las armas inglesas prestaron al Egipto en la batalla de Aboukir, ganada por el gran Nelson en 1798, y en la batalla de Alejandría, donde se verificó la terrible matanza de Ralph Abencromby en 1801: un precioso obelisco de Luxor, una estatua de Sesostris y la Aguja de Cleopatra.”

 Dúas destas tres reliquias que anunciaba o xornal español, foron obeliscos esculpidos en granito vermello que medían preto de 21 metros de altura, con 180 toneladas de peso cada un. A pedra coa que estaban feitos procedía das canteiras de Asuán, moi preto da primeira fervenza do gran río Nilo. Esta parella de obeliscos tamén foron bautizados como as Agullas de Cleopatra e foron construidos polo faraón Tutmosis III, co motivo das festas de Sed no antigo templo do Sol na cidade de Heliópolis, aproximadamente no ano 1468 a.C.; en cada unha das súas facianas atópanse gravadas columnas centrais coas inscripcións propias de Tutmosis III, ás que outro faraón, Ramsés II, uns douscentos anos despois engadíu columnas secundarias co seu nome, títulos e fazañas bélicas. Cleopatra, fixo trasladalos á cidade de Alexandría para destinalos ao seu palacio, O Caesarium, onde rematarían derrubados. Grazas a que ficaron cubertos por unha gran capa de area no decurso do paso dos séculos, conservaron a meirande parte dos xeroglíficos a salvo da erosión.

Precisamente, un destos dous monumentos nomeados Agullas de Cleopatra, (Cleopatra’s Needle, en inglés) foi un agasallo que o Bajá de Exipto, Mehemet-Ali (1769-1849) fixo no ano 1819 a Inglaterra para agradecerlle a axuda que as súas tropas prestaran anos antes ao exército otomano na expulsión das tropas napoleónicas do seu territorio. Gran Bretaña agradeceu o xesto, pero declinou entón costear o seu elevado transporte dende o norte de África a Europa.

 Mais a historia obríganos a facer unha breve reseña deste oportunista e despiadado mandatario turco de posible procedencia albanesa. As tropas galas de Napoleón desembarcan no 1798 ao norte de Exipto, estando este territorio polo entón en poder do Imperio otomano. O obxetivo do exército francés con esta manobra de invasión era curtar as rutas comerciais de Inglaterra co Oriente Medio e coa India. Pero o tempo vai pasando e Napoleón non obteñe nin a gloria, nin a soñada victoria final. Os continuos impagos dos salarios das tropas otomanas fan que entre o seus soldados se produzan centos de desercións e que éstos rematen por adicarse á pillaxe. Éste intre de incertidume e desmoralización do exército local foi aproveitado por Mehemet – Alí, que ascendeu de xeito meteórico no rango militar, ata que toma o mando absoluto á fronte das súas tropas, expulsando definitivamente aos franceses de Exipto tras a súa victoria na toma da cidade do Cairo no 1803.

 A noite do 12 ao 13 de maio do 1805, Mehemet - Alí, foi elexido o valí de Exipto polas autoridades relixiosas do Cairo, os ulemas, provocando seu nomeamento a volta á calma nas rúas. Dous meses despois a autoridade e mando que lle concederan en Exipto, sería recoñecida polo sultán á fronte do imperio otomano,Selim III. Pero a historia tíñalle reservado a Mehemet- Alí un espazo polo que sería lembrado eternamente. A súa obsesión cos bravos mamelucos, dos cales pensaba que o derrocarían trala derrota francesa para facerse de novo coas terras que gobernaran no decurso dos últimos sete séculos, fixo que centrara seu único obxetivo na extensión do seu poder por todo o territorio que gobernaba. No 1811, coa excusa de celebrar unha festa de investidura ao seu fillo Tusun, como xeneral dos exércitos de Arabia, convidou a este evento que se celebraría na súa residencia a 24 príncipes mamelucos e aos seus 400 acompañantes. Cando a comitiva dos antigos mandatarios exipcios cruzaba unha pequena e estreita rúa da cidadela do Cairo, os homes baixo as ordes de Mehemet – Alí lles tenderon unha emboscada e os asesinaron vilmente, na súa totalidade. Este feito é coñecido históricamente coma a famosa Matanza do mamelucos.

 Voltando ao tema do traslado do famoso monolito exipcio a Inglaterra, dende que Mehemet-Alí, o valí deste territorio dominado polo imperio otomano, agasallara a Inglaterra con dito monumento no 1819 ata que o goberno británico decideu ao fin trasladalo ao seu país no 1874, transcurriran xa cincuenta e cinco anos. O xeneral inglés, Sir James C. Alexander que admirara o obelisco de Luxor na Praza da Concordia de París, propúxose voltar á capital da súa nazón cun obelisco que levaba o nome da famosa amada de Marco Antonio, para que fora ergueito nun dos peiraos do Támesis, fronte a Saint Paul.

Pero o tempo foi pasando e no intre que os ingleses deciden ao fin levarse seu monumental agasallo, o virreinato de exipto está gobernado por Ismail Pashá (1862-1879) que fora reticente a deixarllo levar aos extranxeiros, maila importunado por repetidas instanzas, ao fin cede no seu empeño supoñendo que non podería ser transportado do lugar onde se atopaba…trabucábase.

 O monolito elexido tiña 68 pes de lonxitude por 9 de anchura na súa base; estaba ubicado a curta distancia do mar nun terreo cuio propietario era un grego de nome, Dimitri. Xeográficamente achábase onde se producira a Batalla de Aboukir o 8 de marzo do 1801, onde as tropas anfibias do xeneral británico Ralph Abercromby, derrotaran as naponeólicas de Louis Friant.

 Finalmente, unha das famosas Agullas de Cleopatra sería movida da súa ubicación orixinal para o seu definitivo traslado a Londres, grazas ao patrocinio de dita empresa polo británico Erasmus Wilson que a levaría remolcada por mar. A operación do traslado do monolito comezou o 28 de agosto do 1877 baixo a dirección dos enxeneiros británicos John Watkins e Wayman Dixon. A famosa Agulla de Cleopatra dous días despois botábase ao auga con éxito, sendo introducida previamente nun cilindro de ferro de 92 pes de lonxitude por 15 de diámetro e éste á súa vez, introducido nunha gran caixa de madeira. Pero o auga penetrou nos seus contedores, asolagándoos e houbo que remolcar de novo a terra o obelisco.

 O 7 de setembro, fíxose a segunda proba de botadura para poñer a flote o monolito, tras rachar previamente o forro de madeira que o cubría. Flotou sen problema. Foi entón cando se lle amarrou un cable de remolque ao vapor británico Olga. Éste, ao dar avante, afundeu o contedor de ferro saindo éste de novo a flote e manténdose na superficie do mar abaneándose coas ondas. Intres despois, comprobaríase que non sufría vías de auga. Ao fin, o 21 de setembro do 1877 o remolcador de paletas Olga, con 9 pes de calado e un desplazamento de 280 toneladas, con casco de ferro e moi mariñeiro, emprendía definitivamente a súa viaxe rumbo a Londres remolcando o barco cilindro entre os aplausos da multitude que enchía a praia contemplando a escea.

 A nova máis importante que esos días recolleu a prensa do noso país, foi o gran paso para o progreso que se realizou na cidade española de La Habana, (daquela a Illa de Cuba pertencía a España) tendéndose unha liña de teléfonos entre o cuartel de bombeiros desta cidade e a casa dun empresario catalán de apelido Muset e contactando vía telefónica ambos extremos con éxito. O experimento de Cuba producíase o mesmo verán no que Graham Alexander Bell, inauguraba a súa empresa nos Estados unidos: a Bell Telephone Company.

Mentres o vapor inglés Olga, fai a viaxe de volta a Inglaterra, a prensa galega informa o 4 de outubro do ataque de 2.000 moros á guarnición española de Joró nas Illas Filipinas, sendo éstos vencidos polas tropas coloniais, causándolles grandes baixas.

O 15 do mesmo mes, a prensa internacional faise eco que os 240.000 rusos que se atopan en Bulgaria para atacar Plewna e arrebatarlla aos turcos, sofren unha enfermidade espantosa que os está a matar por centos.

Publican os xornais do país nesta primeira metade de outubro do 1877 a perda do vapor correo francés da compañía Mensagerías Marítimas, Paraná, que zarpou de Vigo o pasado 22 de setembro e que vaise a pique na costa de Baía, no Brasil, salvándose afortunadamente toda a súa tripulación, pasaxe e correspondencia.

Seguindo co periplo do vapor Olga que remolcaba rumbo a Inglaterra o cilindro que contiña no seu interior a Agulla de Cleopatra e, despois de ter sofrido innumerabeis dificultades non previstas na navegación na súa longa e lenta travesía cara s costa británicas, cando navegaba ao NW do Cabo Ortegal con mar grosa de compoñente NW, seu capitán, Mr. Booth, ante o grave risco de naufraxio da súa propia nave e do cilindro de ferro que remolcaban, enviou seis voluntarios da súa propia tripulación a bordo dun bote auxiliar para tratar de rescatar aos outros seis tripulantes que ían a bordo da estructura habitable do remolque. Mais o gran mar de fondo fixo envorcar o bote e por desgraza seus seis ocupantes falecerían afogados. Vendo que a situación era insostible e que o perigo de naufraxio de ambas naves era inminente, o capitán Booth por medio do código de bandeiras, comunicouse co capitán Carter ao mando a bordo do cilindro de ferro. Conseguiron tender un cable dende a cuberta do Olga á do remolque e deste xeito súa media ducia de homes de dotación conseguíu subir a un bote, dende o cal foron cobrando a lonxitude do cabo que os afastaba do seu barco ata que por fin poideron pisar a cuberta do vapor Olga, a salvo. A continuación, o capitán Booth ordeou curtar o cable do remolque e a Agulla de Cleopatra quedou abandoada á súa sorte á deriva no mar aberto e no medio dun forte temporal.

Seis días despois de que arribase á costa inglesa o vapor Olga, seu capitán pon en coñecemento das autoridades británicas a perda do valiosísimo remolque que contiña no seu interior o obelisco exipcio. Posteriormente, o goberno británico notificará entre o 19 e o 20 de outubro do 1877 a perda dun barco da súa nacionalidade fronte ao Cabo Fisterra ao Ministerio de Marina español da época, dende o cal telegrafían ao Capitán Xeneral de Ferrol para darlle dita nova, emitíndose dende esta cidade a orde de que os buques españois que naveguen entre o Cabo Fisterra e o Cabo Ortegal, extremen as precaucións contribuíndo deste xeito a buscar a nave-contedor que albergaba no seu interior o famoso monumento exipcio. Pero coma no último cuarto do século XIX, tres de cada catro barcos que navegaban fronte á costa galega eran británicos, finalmente o  Fitzmaurice, un vapor da mariña mercante británica que se dirixía en ruta dende as Illas británicas rumbo a Valencia, atopa o cilindro de ferro preto do Cabo Ortegal despois de que fora descuberto por uns barcos de pesca españois (seguramente galegos) entrando no porto de Ferrol co famoso obelisco a remolque, surxideiro no que ficaría por espazo de tres meses ata que seu casco de ferro danado polo temporal, foi reparado poidendo zarpar definitivamente a Inglaterra. A prensa española que o puido visitar amarrado ao porto galego, defíneo deste xeito: “Está encerrado en un cilindro de plancha de hierro de poco espesor, que presenta en sus extremos unas pequeñas irregularidades o concavidades. Sobre el cilindro se asienta una caseta, también de hierro, de figura rectangular, que tiene una abertura en la cara alta por donde se desciende al interior, donde existen unos departamentos o divisiones que semejan camarotes. Esta caseta está también abierta por su cara inferior y desde allí se descubre la caja de madera en que el monolito viene encerrado y el monolito mismo. Descansando sobre todo el aparato se asienta un puente formado por barandas y puntales de maderas y con su correspondiente plan, al centro del cual está colocado el timón con su guarnimiento. “

 Mr. Dixon, un dos enxeñeiros ingleses que preparara o operativo de desenterrar o monolito para facelo chegar á costa exipcia, demanda ante o tribunal do Almirantado británico ao armador do vapor Olga para que lle aboasen os gastos do salvamento que deben liquidarse, poñéndose ademáis dacordo con Mr. Watkins, o outro enxeñeiro do operativo, para que un dos seus potentes remolcadores da canle se dirixa ao porto de Ferrol para remolcar dende o surxideiro galego ao de Londres, a famosa nave-cilindro que contén a Agulla de Cleopatra, e afirma:  “A travesía dende Ferrol a Londres é de 1.120 km que poderán andarse, sendo favoráveis as circunstancias en cinco días, cun dos buques do señor Watkins.” O prezo de dita operación orzaméntase nuns 12.500 francos, que serán aboados cando o obelisco arribe ao fondeadoiro no Támesis.

 Existen dous fermosos óleos que inmortalizan éste intre histórico pintados con gran realismo e beleza polo artista de talla internacional, Marek Sarba. O primeiro deles, titulado: I most abandon the vessel,  recolle o intre no que a tripulación do Olga tenta auxiliar dende un bote á que está na cuberta do obelisco no medio do temporal o 14 de outubro do 1877.

O segundo é de especial fermosura, recollendo o intre no que remolcador británico de paletas, Anglia, abandoa a ría de Ferrol o 15 de xaneiro do 1878, levando a remolque a famosa nave cilindro que alberga no seu interior ao obelisco exipcio. A escea inmortaliza o paso de ambos os dous barcos entre os castelos de La Palma e San Felipe, no óleo titulado: Passing The Ferrol Castillos.


O xornal, La Correspondencia de España, na súa edición do domingo 27 de xaneiro do 1878, publicaría: “Ha llegado a Londres el vapor Anglia, que remolcaba la Aguja de Cleopatra. La reina ha felicitado al ingeniero encargado del transporte del obelisco, que en breve será erigido en una de las plazas de Londres.”

 No mes de agosto do 1878, comezan a funcionan máquinas hidráulicas para erguer paseniño o enorme monolito exipcio á beira do río Támesis, en Westminster. Supervisan as operacións o enxeñeiro John Dixon e o doctor Erasmus Wilson, xenerosidade a deste último que outorgando un donativo de 10.000 libras esterlinas para dita empresa, permitiu o transporte a Inglaterra do fermoso monumento remolcado dende o porto de Ferrol. As operacións efectúanse con gran precaución polo peso do obelisco exipcio. Finalmente, éste asentarase sobre unha palestra de 5,5 metros de alto, cunha base de 2 metros de lado, acadando os 21 metros de altura en total. Unha colección de obxetos foi colocada no interior da base antes de colocar o obelisco enriba da mesma: un retrato da raíña Victoria; unha colección completa de moedas británicas; un pequeno obelisco en escala feito en bronce; un anaco de granito do mesmo obelisco; copias da biblia en varios idiomas; a historia do traslado do obelisco dende Alexandría a Londres cos seus respectivos planos; o Pentateuch en hebreo; O libro da Xénese en árabe; un mapa de Londres; unha copia da guía telefónica de Londres; unha copia do Almanaque Whitaker; unha copia da Guía de trens Bradshaw; os xornais londinenses editados ese día; un gato hidráulico; anacos de cables empregados para izar o monumento; unha caixa de cigarrillos; pipas de tabaco; unha colección de xoguetes; unha caixa con artigos de tocador de muller e unha colección de fotografías de doce fermosas mulleres inglesas, entre outras. As operacións rematarán finalmente o 21 de setembro deste mesmo ano. Tres anos despois se lle engadirían ao obelisco dúas esfinxes de Tutmosis III, en bronce, que son copias das orixinais que se atopan na valiosa colección exipcia do Duque de Northumberland no castelo de Alnwick, realizadas en basalto negro.

O curioso desta historia é que as denominadas Agullas de Cleopatra non teñen relación coa raíña gobernante de Exipto a finais do século I a.C. A Agulla de Cleopatra que se ergue a carón do Támesis é unha xemelga algo máis pequena da que sería tres anos despois ubicada no Central Park de New York.  Ésta última, fora trasladada a América tras abrirse a Canle de Suez á navegación, no 1869. Ismail Pashá, o virrei exipcio na época, ofreceu éste segundo obelisco aos Estados Unidos para relanzar as relacións comerciais co país norteamericano, feito que rematará formalizando seu fillo e sucesor, Tewfik Pashá, no 1879. William H. Vanderbilt, sería nesta ocasión a persoa que financiaría seu traslado dende o norte de África, instalándose definitivamente dito monumento en Central Park, no 1881.

 Na actualidade, na ribeira do Támesis, en Westminster, concretamente nos Victory Embankment Gardens, entre as pontes de Waterloo e Hungerford, podemos atopar o monumento máis antigo conservado na cidade de Londres, the Cleopatra’s Neddle, a famosa Agulla de Cleopatra, que ten 3.500 anos de antigüedade. Na palestra deste monolito, na súa faciana sur, hai unha inscripción que reza: “William Askin. Michael Burns. James Gardiner. William Donald. Joseph Bendow. William Patan. Falecidos na tentativa de recuperación da nave do obelisco Cleopatra no decurso do trebón do 14 de outubro do 1877.” Dita inscripción dise que foi colocada por suxestión da propia raíña Victoria de Inglaterra.

 Os chanzos e a palestra do obelisco, foron danados  por un bombardeo aéreo o 4 de Setembro do 1917 no conflicto bélico da primeira Gran Guerra que asolou Europa.

Rematarei este artigo cunha descuberta que fixen fai meses cando andaba fedellando polo facebook, concretamente na páxina de Kayak Redes, clube do que é socio meu amigo Xosé Luis Blanco, excelente fotógrafo e cámara de televisión, por certo. Foi aquí, onde vin publicada unha fotografía dunha rapaza que flotaba no mar sacando seu torso por riba da superficie das augas co seu respectivo chaleque salvavidas e casco postos e que sostiña coa súa man esquerda a proa do seu kayak, escorado uns 45º e cuia metade de dita embarcación ficaba afundida no mar.  A cabeceira da fotografía, explicaba: “Formación de seguridade en Kayak Redes. Facendo unha Agulla de Cleopatra, tambucho e bañeira asolagada nun Fun Run Kayak.” Automáticamente, escribín unha entrada nese “post” para saber a procedencia da fonte e un dos seus membros me dirixíu a unha páxina da Internet británica que traducida ao galego, titúlase: A Agulla de Cleopatra e a recuperación do rizo. Aquí explicábase polo seu autor, Wayne Horodowich que: “ás veces había suficiente aire na proa ou na popa para facer que o kayak flote apuntando cara arriba. Pregunteille a Derek Hutchinson (o autor da páxina en cuestión) por que se chamaba Agulla de Cleopatra. Él respondeu: coa proa do kayak apuntando ao ceo, xusto por riba da superficie do auga, lémbrame ao obelisco chamado Agulla de Cleopatra que se atopa no terraplén do río Támesis en Londres.”

Seguramente, Derek non saiba do periplo polo que pasou a famosa Agulla de Cleopatra ata que chegou a Londres… incluso os membros de Kayak Redes, nin saberán que esa foto é unha homenaxe en si mesma ao importante monumento exipcio que a piques estivo de afundirse en augas galegas e que incluso estivo 90 días a escasos kilómetros do seu clube, no porto de Ferrol. Agora xa coñecedes de onde procede o nome da manobra “facendo unha agulla de cleopatra” da xente que practica o remo con kayak.

 O noso gran patrimonio marítimo e por ende mundial, está forxado de episodios heroicos sobre as ondas que encheron as páxinas da historia de epopeas, pero tamén de traxedias.

 Somos salitre.

 © Fernando Patricio Cortizo 2020

Ilustracións

-Gravado: Remolque da Agulla de Cleopatra polo vapor Olga. Cabeceira do xornal español, El Globo, edición do 25 de novembro do 1877.

-Óleo: Retrato de Mehemet–Alí (1769-1849). Louis Charles Auguste Couder, 1840.

-Recurte de prensa: El Globo, edición do 20 de outubro do 1877.

-Óleo: The Transport of Cleopatra's Needle from Egypt to London. Scene 1: I most abandon the vessel. Marek Sarba.

-Óleo: The Transport of Cleopatra's Needle from Egypt to London. Scene 2: Passing the Ferrol Castillos. Marek Sarba.

-Foto: Agulla de Cleopatra, en Londres. www.divento.com

-Foto: Formación de seguridade, Agulla de Cleopatra. Club Marítimo de Redes. 

 Bibliografía

-Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899. Patricio Cortizo Fernando. Ediciones Cartamar,  A Coruña, 2016.

-Enciclopedia Historia del mundo, Larousse. 1999.

 Hemeroteca

-El Globo, 20 de outubro do 1877.

-El Globo, 25 de novembro do 1877.

-La Correspondencia de España, 27 de xaneiro do 1878.

-El Correo Gallego. De setembro a xaneiro do 1878.

Internet

-https://www.facebook.com/ClubMaritimoRedes.

-https://paddling.com/learn/cleopatras-needle-the-curl-recovery.

-www.sarba.com