luns, 30 de decembro de 2019

LEMBRANZAS DE BARIZO. A HISTORIA DE AMIZADE ENTRE FÉLIX E ISAAC.



Félix Ruiz Calvo, foi un proxectista xubilado natural de Ferrol pero que residíu moitos anos na cidade de A Coruña. Veraneaba na parroquia de San Pedro de Barizo (Malpica) onde coñeceu a Isaac Sánchez López, un señor que eu descubrín na televisión, grazas a dúas reportaxes que o  programa Jara y Sedal de TVE emitíu fai anos sobre a pesca submarina nas illas Sisargas e na costa de Corme, respectivamente.

Isaac foi unha lenda no que respecta aos comezos da pesca submarina na provincia de A Coruña e na Galiza. Comezou a súa afección a este fermoso deporte da man de Juan Cancelo, socio fundador do Club del Mar de San Amaro de A Coruña, pioneiro xunto a outros grandes pescadores submarinos da época e socios do mesmo clube, como: César Bonilla, Roberto Diehl, Vila e Miguel San Claudio. Eu tiven a honra de pertencer no decurso de moitos anos a este histórico clube marítimo e dende o cal me inculcaron os valores de desfrutar, coidar, admirar, querer e respetar ao mar.

Isaac era un gran amante da natureza o que lle levou a namorarse de Barizo e da súa costa, construindo na década dos setenta do século pasado unha casa familiar neste litoral, xunto ao fermoso restaurante As Garzas, o cal colle precisamente este nome do talasonímico duns baixos que están situados fronte o mesmo, afastados da costa só por uns metros. Este negocio de hostelaría está actualmente rexentado pola filla de Isaac, María José Sánchez Abad e polo seu home. Neste establecemento hostaleiro, pódense degustar os mellores productos mariños da comarca, excelentemente preparados e ao mesmo tempo, desfrutar dunha vista excepcional da costa, especialmente das Illas Sisargas.


Sería precisamente este esceario privilexiado o que lle permitíu a Isaac practicar a súa gran paisón: a pesca submarina, asemade como o mergullo con botellas, actividade coa que atoparía varios pecios antigos descoñecidos ata o de agora pola costa de Malpica, sendo espectador de excepción Félix Ruiz Calvo, patrón da súa embarcación neumática quen chegaría a facerse amigo íntimo do mergullador.

Félix contaríame varias anécdotas das súas vivenzas marítimas xunto a Isaac; entre elas, destacaba a ocasión na que seu amigo foi operado do estómago. A ferida non lle acababa de cicatrizar e ademáis lle xeneraba serios problemas de saúde, aparte de producirlle unha terrible dor. Isaac entón fala con Félix e lle di que decidira botarse grasa sobre a ferida. Logo vendaría o ventre para a continuación poñerse o traxe de neopreno por riba. A súa intención era a de descender en varias inmersións e que a presión do mar lle axudase a pechar a ferida. Tomándose varias pírulas para mitigar a dor, e con Félix, o seu inseparable barqueiro fitando para el, Isaac ao fin descende repetindo a operación en varias ocasións; efectivamente, tal e como prevera o veterano mergullador, o mar fixo o seu traballo e varios días despois a ferida pechou.

Outra anécdota que nos conta Félix de un día de pesca con Isaac e que éste acostumaba a pendurar as capturas que facía ao redor do pincho do seu cinturón de chumbos. Félix alarmado, ve pasar a silueta dunha enorme touliña que ía directo cara a Isaac, o cal levouse un susto de morte a pesares de que a única intención do mamífero mariño era arrebatarlle os peixes que penduraban da súa cintura, para comelos. Félix, alporizado, acendeu o motor foraborda  e co ruido que fixo iste a touliña fuxíu, deixando a Isaac en estado de shock.                                      


Isaac era un gran coñecedor das Illas Sisargas, o que motivou nada máis e nada menos que o gran Jacques Cousteau contactara con él para realizar unha reportaxe submarina na zona, ao que tamén estaba convidado a participar, Félix Ruiz. Esto evidencia o coñecemento do buzo galego en pecios, o que espertou o interese do comandante galo,  pois non en van na zona que se saiba ata o de agora, xacen afundidos dous pecios franceses…navíos artelados pertencentes aos séculos XVIII e XIX, respectivamente. Pero a mala sorte fixo que Jacques Cousteau falecera o 25 de xuño do 1997 e con el morreu tamén o soño de realizar ese documental con Isaac.

Grazas á memoria de Félix Ruiz Calvo, sabemos que Isaac descendía a pulmón libre ata case os trinta metros para capturar peces co seu arpón, e foi nalgún destos descensos practicando a pesca submarina, o seu deporte favorito, o que lle permitíu atopar varios pecios antigos. Cando esta parella inseparable de barqueiro e mergullador se trasladaban a pescar a Punta Nariga, Isaac, ao subir á embarcación, lle falaba a Félix duns naufraxios antigos que se atopaban nestos fondos, igualmente que na Punta Langosteira de Suevos, onde empregando as botellas descubrira varios pecios a máis de 50 metros de profundidade, tendo coma compañeiro de inmersión a César Bonilla, gran pescador submarino e creador das actuais e mundialmente famosas, Patatas Bonilla.

Tamén coñecía Isaac Sánchez a ubicación de pecios antigos na costa de  Barizo. Un estaba concretamente nos baixos das Garzas, fronte mesmo da súa casa; outro, na punta noroeste da Sisarga Grande, un navío artelado, pecio por certo que pode coincidir na súa descripción coa que me dera o camellán, José Lobelos Carracedo, alcumado O Paquete que traballou para a empresa de desguaces Petrallo, desta mesma localidade mariñeira, na década dos anos sesenta do século pasado. Isaac, na costa oriental de Beo atopou tamén restos de pecios antigos descoñecidos ata o de agora, en concreto crese que poden ser dúas antigas goletas arteladas, afastadas entre si somentes por unha distancia de entre 50 e 60 metros e que fican afundidas a uns 25 metros de profundidade. Foi nestos naufraxios onde atopou e recuperou unha campá, unha brúxula e un sextante, obxetos que el mesmo se encargou de restaurar e de conservar. Éstos, anos despois, según testemuño do propio Félix Ruiz Calvo, corroborado tamén por María José a filla de Isaac, serían entregados ao Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón na cidade de A Coruña, para montar con eles unha exposición itinerante. Máis na actualidade, estos valiosos obxetos están en paradoiro descoñecido.
                               

Isaac Sánchez López, practicou a pesca submarina ata os 73 anos, falecendo no mes de agosto do 2012. 

Esta gran historia que acabamos de ler foi posible grazas a que, fai seis anos e a través das redes sociais coñecín a Félix Ruíz Calvo; posteriormente, fixemos amizade e, nun par de conversas distendidas no seu piso de A Coruña, a súa boa memoria foi parindo todas esas historias e intres irrepetibles, axudado por algunha fotografía, na compaña do seu querido e admirado amigo Isaac, ao que lembra constantemente.

Quero agradecer enormente á xente ilustrada e erudita coma Félix Ruiz Calvo, que me axudou a descubrir información descoñecida ata o de agora e da que se nutríu o meu modesto traballo literario, incluso a outras persoas que preferiron agocharse no anonimato que desinteresadamente colaboraron conmigo, para que simplemente trascendese o importante: o contido da súa historia.

Pero Félix Ruiz Calvo, posúe outra gran historia: a de seu pai, Félix Ruiz Manieva, artilleiro da Armada española e un verdadeiro portento na construcción de maquetas de navíos antigos. Entre elas, están a dun espectacular veleiro, agasallo para o pequeño Félix, cando éste contaba con só dous anos de idade e a do galeón San Juan Nepomuceno, capitaneado por Cosme Churruca, morto en Trafalgar batíndose cos británicos ás ordes de Nelson. Dito navío sería capturado polos ingleses e posteriormente rebautizado e posto de novo no servizo arbolando pabillón británico co nome, HMS San Juan, e sería destinado a Xibraltar para empregalo como esceario de recepción de autoridades, onde na honra ao seu célebre capitán Churruca, os ingleses colocarían unha placa co seu nome na que fora súa cabina, ordeando a todo aquél que entrara nela a quitarse o sombreiro e a cadrarse en sinal de respeto a un digno inimigo. Este navío, tras rematar seus días como pontón, sería despezado no 1818.


Pero a máis alucinante e marabillosa maqueta que construíu o pai de Félix en tamaño moi reducido, foi a do navío Santísima Trinidad, a colosal nave que perdeu a Armada española na batalla naval de Trafalgar, no mes de outubro do 1805, a cal causou tan fonda impresión e admiración entre os xerentes do propio Museo Naval Nacional de Madrid que lle ofreceron fai tempo unha suma de cartos considerable que él rexeitou, por considerar que é unha herdanza familiar única e intransferible.


Esta historia que acaban de ler, foi a derradeira que descubriron para mín, xusto unhas semanas antes da entrega do meu último libro (Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899. Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016) á editorial e porén, enche as derradeiras páxinas do mesmo para honrar a memoria de Félix Ruiz Calvo, falecido o 7 de decembro do 2014 e a do seu amigo Isaac Sánchez López, que nos deixaba dous anos antes. Éste último, pescador submarino co cal me identifico plenamente, figura por certo que ao longo das últimas décadas na Galiza, localizou numerosos pecios e numerosos restos illados de navíos baixo o mar, achádegos que serviron para engrandecer o xa xigantesco patrimonio asolagado que posúe noso país baixo as súas aguas atlánticas e cantábricas.

Xunto á memoria de Isaac e Félix, fican as de Pocholo Santa Cruz, Tío Leiloio e as de tantos outros que por desgraza xa non están con nós e que nos deixaron a medida que os últimos oito anos foron pasando, cos cales tiven o gran privilexio de conversar nas súas propias casas e de sacar á luz incríbeis e inéditas historias, conservadas nas súas privilexiadas e áxis mentes. Un patrimonio inmaterial de incalculable valor que sen dúbida foi o sentimento máis reconfortante que experimentei como investigador e como historiador, nestos últimos trinta anos. A súa pegada, grazas a este traballo que acaban de ler, é xa imborrable.

Antes de que Félix Ruix nos deixara para sempre o 7 de decembro do 2014, tiven a sorte de poder rematar esta historia que vostedes estan a ler e mandarlla ao seu correo electrónico para que me dese o seu beneplácito, para deste xeito poder publicala. Cando me chamou para darme a súa opinión, sen dúbida obtiven unha das respostas máis fermosas da miña vida de parte dun colaborador: -Fernando… ¡Te has pasao! … ¡Que tesoro les dejo a mis hijas!-


Meus máis sinceiros agradecementos  a Ana Ruiz Amigo e a María José Sánchez Abad, por compartir conmigo os recordos gráficos da súas vidas.

© Fernando Patricio Cortizo 2019

Foto: Félix Ruiz no seu estudo de A Coruña, na década do 1970. Cedida por Ana Ruiz  
         Amigo.
Foto: Costa de Barizo. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: A las Sisargas. Isaac, Barizo. 1978. Félix Ruiz Calvo.
Debuxo: Naufraxios atopados por Isaac na costa de Beo. Félix Ruiz Calvo.
Foto: Félix Ruiz Calvo con 14 anos, sostendo a maqueta do San Juan Nepomuceno,
          feita por seu pai. Cedida por Félix Ruiz Calvo.
Foto: Maqueta do Santísima Trinidad, construida por Félix Ruiz Manieva no 1958.
          Cedida por Félix Ruiz Calvo.
Foto: Félix coa súa muller Marisa e coa súa filla Ana. Cedidas por Ana Ruiz
         Amigo.