Félix Ruiz Calvo, foi un proxectista xubilado natural de
Ferrol pero que residíu moitos anos na cidade de A Coruña. Veraneaba na
parroquia de San Pedro de Barizo (Malpica) onde coñeceu a Isaac Sánchez López,
un señor que eu descubrín na televisión, grazas a dúas reportaxes que o programa Jara y Sedal de TVE
emitíu fai anos sobre a pesca submarina nas illas Sisargas e na costa de Corme,
respectivamente.
Isaac foi unha lenda no que respecta aos comezos da pesca
submarina na provincia de A Coruña e na Galiza. Comezou a súa afección a este
fermoso deporte da man de Juan Cancelo, socio fundador do Club del Mar de San
Amaro de A Coruña, pioneiro xunto a outros grandes pescadores submarinos da
época e socios do mesmo clube, como: César Bonilla, Roberto Diehl, Vila e
Miguel San Claudio. Eu tiven a honra de pertencer no decurso de moitos anos a
este histórico clube marítimo e dende o cal me inculcaron os valores de
desfrutar, coidar, admirar, querer e respetar ao mar.
Isaac era un gran amante da natureza o que lle levou a
namorarse de Barizo e da súa costa, construindo na década dos setenta do século
pasado unha casa familiar neste litoral, xunto ao fermoso restaurante As
Garzas, o cal colle precisamente este nome do talasonímico duns baixos que
están situados fronte o mesmo, afastados da costa só por uns metros. Este
negocio de hostelaría está actualmente rexentado pola filla de Isaac, María
José Sánchez Abad e polo seu home. Neste establecemento hostaleiro, pódense
degustar os mellores productos mariños da comarca, excelentemente preparados e
ao mesmo tempo, desfrutar dunha vista excepcional da costa, especialmente das
Illas Sisargas.
Sería precisamente este esceario privilexiado o que lle permitíu
a Isaac practicar a súa gran paisón: a pesca submarina, asemade como o mergullo
con botellas, actividade coa que atoparía varios pecios antigos descoñecidos
ata o de agora pola costa de Malpica, sendo espectador de excepción Félix Ruiz
Calvo, patrón da súa embarcación neumática quen chegaría a facerse amigo íntimo
do mergullador.
Félix contaríame varias anécdotas das súas vivenzas
marítimas xunto a Isaac; entre elas, destacaba a ocasión na que seu amigo foi
operado do estómago. A ferida non lle acababa de cicatrizar e ademáis lle
xeneraba serios problemas de saúde, aparte de producirlle unha terrible dor.
Isaac entón fala con Félix e lle di que decidira botarse grasa sobre a ferida.
Logo vendaría o ventre para a continuación poñerse o traxe de neopreno por
riba. A súa intención era a de descender en varias inmersións e que a presión
do mar lle axudase a pechar a ferida. Tomándose varias pírulas para mitigar a
dor, e con Félix, o seu inseparable barqueiro fitando para el, Isaac ao fin
descende repetindo a operación en varias ocasións; efectivamente, tal e como
prevera o veterano mergullador, o mar fixo o seu traballo e varios días despois
a ferida pechou.
Outra anécdota que nos conta Félix de un día de pesca con
Isaac e que éste acostumaba a pendurar as capturas que facía ao redor do pincho
do seu cinturón de chumbos. Félix alarmado, ve pasar a silueta dunha enorme
touliña que ía directo cara a Isaac, o cal levouse un susto de morte a pesares
de que a única intención do mamífero mariño era arrebatarlle os peixes que penduraban
da súa cintura, para comelos. Félix, alporizado, acendeu o motor foraborda e co ruido que fixo iste a touliña fuxíu, deixando
a Isaac en estado de shock.
Isaac era un gran coñecedor das Illas Sisargas, o que
motivou nada máis e nada menos que o gran Jacques Cousteau contactara con él
para realizar unha reportaxe submarina na zona, ao que tamén estaba convidado a
participar, Félix Ruiz. Esto evidencia o coñecemento do buzo galego en pecios,
o que espertou o interese do comandante galo,
pois non en van na zona que se saiba ata o de agora, xacen afundidos
dous pecios franceses…navíos artelados pertencentes aos séculos XVIII e XIX,
respectivamente. Pero a mala sorte fixo que Jacques Cousteau falecera o 25 de
xuño do 1997 e con el morreu tamén o soño de realizar ese documental con Isaac.
Grazas á memoria de Félix Ruiz Calvo, sabemos que Isaac
descendía a pulmón libre ata case os trinta metros para capturar peces co seu
arpón, e foi nalgún destos descensos practicando a pesca submarina, o seu
deporte favorito, o que lle permitíu atopar varios pecios antigos. Cando esta
parella inseparable de barqueiro e mergullador se trasladaban a pescar a Punta
Nariga, Isaac, ao subir á embarcación, lle falaba a Félix duns naufraxios
antigos
que
se atopaban nestos fondos, igualmente que na Punta Langosteira de Suevos, onde
empregando as botellas descubrira varios pecios a máis de 50 metros de
profundidade, tendo coma compañeiro de inmersión a César Bonilla, gran pescador
submarino e creador das actuais e mundialmente famosas, Patatas Bonilla.
Tamén coñecía Isaac Sánchez a ubicación de pecios antigos na costa
de Barizo. Un
estaba concretamente nos baixos das Garzas, fronte mesmo da súa casa; outro, na
punta noroeste da Sisarga Grande, un navío artelado, pecio por certo que pode
coincidir na súa descripción coa que me dera o camellán, José Lobelos
Carracedo, alcumado O Paquete que traballou para a empresa de
desguaces Petrallo, desta mesma localidade mariñeira, na década dos anos
sesenta do século pasado. Isaac, na costa oriental de Beo atopou tamén restos
de pecios antigos descoñecidos ata o de agora, en concreto crese que poden ser
dúas antigas goletas arteladas, afastadas entre si somentes por unha distancia
de entre 50 e 60 metros
e que fican afundidas a uns 25
metros de profundidade. Foi nestos naufraxios onde
atopou e recuperou unha campá, unha brúxula e un sextante, obxetos que el mesmo
se encargou de restaurar e de conservar. Éstos, anos despois, según testemuño
do propio Félix Ruiz Calvo, corroborado tamén por María José a filla de Isaac,
serían entregados ao Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón na cidade de A
Coruña, para montar con eles unha exposición itinerante. Máis na actualidade,
estos valiosos obxetos están en paradoiro descoñecido.
Isaac Sánchez López, practicou a pesca submarina ata os 73
anos, falecendo no mes de agosto do 2012.
Esta gran historia que acabamos de ler foi posible grazas a que,
fai seis anos e a través das redes sociais coñecín a Félix Ruíz Calvo;
posteriormente, fixemos amizade e, nun par de conversas distendidas no seu piso
de A Coruña, a súa boa memoria foi parindo todas esas historias e intres
irrepetibles, axudado por algunha fotografía, na compaña do seu querido e
admirado amigo Isaac, ao que lembra constantemente.
Quero agradecer enormente á xente ilustrada e erudita coma
Félix Ruiz Calvo, que me axudou a descubrir información descoñecida ata o de
agora e da que se nutríu o meu modesto traballo literario, incluso a outras persoas
que preferiron agocharse no anonimato que desinteresadamente colaboraron
conmigo, para que simplemente trascendese o importante: o contido da súa
historia.
Pero Félix Ruiz Calvo, posúe outra gran
historia: a de seu pai, Félix Ruiz Manieva, artilleiro da Armada española e un
verdadeiro portento na construcción de maquetas de navíos antigos. Entre elas, están
a dun espectacular veleiro, agasallo para o pequeño Félix, cando éste contaba
con só dous anos de idade e a do galeón San Juan Nepomuceno,
capitaneado por Cosme Churruca, morto en Trafalgar batíndose cos británicos ás
ordes de Nelson. Dito navío sería capturado polos ingleses e posteriormente rebautizado
e posto de novo no servizo arbolando pabillón británico co nome, HMS
San Juan, e sería destinado a Xibraltar para empregalo como esceario
de recepción de autoridades, onde na honra ao seu célebre capitán Churruca, os
ingleses colocarían unha placa co seu nome na que fora súa cabina, ordeando a
todo aquél que entrara nela a quitarse o sombreiro e a cadrarse en sinal de
respeto a un digno inimigo. Este navío, tras rematar seus días como pontón,
sería despezado no 1818.
Pero a máis alucinante e marabillosa maqueta que construíu o
pai de Félix en tamaño moi reducido, foi a do navío Santísima
Trinidad, a colosal nave que perdeu a Armada española na batalla naval
de Trafalgar, no mes de outubro do 1805, a cal causou tan fonda impresión e
admiración entre os xerentes do propio Museo Naval Nacional de Madrid que lle
ofreceron fai tempo unha suma de cartos considerable que él rexeitou, por
considerar que é unha herdanza familiar única e intransferible.
Esta historia que acaban de ler, foi a derradeira que
descubriron para mín, xusto unhas semanas antes da entrega do meu último libro
(Naufragios y crónica marítima de Galicia
hasta 1899. Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016) á editorial e porén, enche
as derradeiras páxinas do mesmo para honrar a memoria de Félix Ruiz Calvo, falecido
o 7 de decembro do 2014 e a do seu amigo Isaac Sánchez López, que nos deixaba
dous anos antes. Éste último, pescador submarino co cal me identifico
plenamente, figura por certo que ao longo das últimas décadas na Galiza, localizou
numerosos pecios e numerosos restos illados de navíos baixo o mar, achádegos
que serviron para engrandecer o xa xigantesco patrimonio asolagado que posúe noso
país baixo as súas aguas atlánticas e cantábricas.
Xunto á memoria de Isaac e Félix, fican as de Pocholo Santa
Cruz, Tío Leiloio e as de tantos outros que por desgraza xa non están con nós e
que nos deixaron a medida que os últimos oito anos foron pasando, cos cales
tiven o gran privilexio de conversar nas súas propias casas e de sacar á luz
incríbeis e inéditas historias, conservadas nas súas privilexiadas e áxis
mentes. Un patrimonio inmaterial de incalculable valor que sen dúbida foi o
sentimento máis reconfortante que experimentei como investigador e como
historiador, nestos últimos trinta anos. A súa pegada, grazas a este traballo
que acaban de ler, é xa imborrable.
Antes de que Félix Ruix nos deixara para sempre o 7 de
decembro do 2014, tiven a sorte de poder rematar esta historia que vostedes
estan a ler e mandarlla ao seu correo electrónico para que me dese o seu
beneplácito, para deste xeito poder publicala. Cando me chamou para darme a súa
opinión, sen dúbida obtiven unha das respostas máis fermosas da miña vida de
parte dun colaborador: -Fernando… ¡Te has pasao! … ¡Que tesoro les dejo a mis
hijas!-
Meus máis sinceiros agradecementos a Ana Ruiz Amigo e a María José Sánchez Abad,
por compartir conmigo os recordos gráficos da súas vidas.
© Fernando Patricio Cortizo 2019
Foto: Félix Ruiz no seu estudo de A Coruña, na década do 1970. Cedida por
Ana Ruiz
Amigo.
Foto: Costa de Barizo. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: A las Sisargas. Isaac, Barizo. 1978. Félix Ruiz Calvo.
Debuxo: Naufraxios atopados por Isaac na costa de Beo. Félix Ruiz Calvo.
Foto: Félix Ruiz Calvo con 14 anos, sostendo a maqueta do San Juan Nepomuceno,
feita por seu pai.
Cedida por Félix Ruiz Calvo.
Foto: Maqueta do Santísima Trinidad, construida por Félix Ruiz Manieva no
1958.
Cedida por Félix Ruiz Calvo.
Foto: Félix coa súa muller Marisa e coa
súa filla Ana. Cedidas por Ana Ruiz
Amigo.
Padrino Isaac. <3
ResponderEliminar