sábado, 22 de xullo de 2017

De Corcubión a Bantry. A historia dun salvamento.


Aínda facía pouco que mencera cando un bote a remos achégase á costa para desembarcar un home, nun coído abeirado do vento. Ao lonxe, aínda é visíbel o casco dun pesqueiro embarrancado sobre un baixo, afundido de popa. Mentres os mariñeiros alónxanse do litoral a bordo da pequena embarcación, ollan como seu armador conversa cuns labregos da zona que teñen pacendo as vacas nun inmenso pradío que cubre toda a súa vista. Máis tarde, cando o bote acodérase ao barco de salvamento, principiará a laboura diaria de prestar apoio aos buzos que xa traballan na operación do reflotamento da baca de arrastre galega cravada nunha perigosa pedra, no interior dunha fermosa, húmida e ventosa ría, ao SW de Eire.
Horas despois, o armador fai sinais dende terra requirindo de novo ao bote para que o veñan a recoller. Xa a bordo, cóntalles aos mariñeiros que foi convidado polos lugareños a entrar na súa casa que alvíscase no alto do outeiro, onde ofrecéronlle o calor do lume da súa cheminea, café e licores, intercambiando opinións na conversa que xira sobor do naufraxio, grazas aos xestos e tamén en boa parte, grazas aos debuxos que o armador corcubionés debullaba na súa libretiña…

Deste xeito, con este verídico, fermoso e pequeno episodio que acaban de ler que foi reconstruido e agora divulgado, grazas á gran memoria do maquinista-motorista, Juan Pérez Areas, natural de Corcubión, protagonista do mesmo e no que únicamente permitinme a licenza de converter en ficción o detalle dos debuxos na libreta do armador, podería principiar a historia dunha expedición pouco coñecida que zarpou da Costa da Morte, en concreto do Porto de Corcubión, a comezos do outono do 1961 a bordo do barco de salvamento Josefa Cambeiro, con base neste abeiro e propiedade do armador Antonio Pardiñas e que arribaría á costa irlandesa da ría de Bantry, para reflotar o pesqueiro coruñés, Andrés G, alí embarrancado e pertencente ao tamén armador corcubionés, Benigno O peruano. Necesitaría esta empresa dunha segunda expedición que zarparía do mesmo porto galego no verán do ano seguinte, onde esta vez si, acadaríase poñer finalmente a flote esta baca de arrastre que tras ser remolcada dende a costa de Irlanda ata augas galegas, remataría os seus días nos famosos e aínda existentes estaleiros Valiña, na Coruña, no lugar de Oza, onde perdémoslle a pista, incluso na hemeroteca, con moitas probabilidades que fose finalmente despezado ao quedar moi danado sendo moi caro o seu arranxo.

De seguido reconstruímos esta abrainte historia dende os seus comezos ata o seu fin, grazas ás vivencias conservadas aínda na áxil memoria de Juan Pérez Areas, un dos protagonistas da mesma, (como xa indicamos antes) persoa coa que tiven oportunidade de contactar e conversar grazas a Domingo Antonio Lestón Mosquera, máis coñecido no mundo do salvamento e dos despeces de barcos en Galicia, como Antón Pardiñas, fillo de Domingo Antonio Lestón París, Don Antonio, precisamente o armador que ía nesa expedición a Irlanda e que faría amizade cos labregos da zona, visitando súa casa en varias ocasións…

Conta Juan Pérez Areas que conta con vinte anos de idade cando o día 4 de outubro de 1961 saen do porto de  Corcubión rumbo a Irlanda, sete homes a bordo do barco de salvamento, Josefa Cambeiro, propiedade de Don Antonio Pardiñas, de 100 toneladas de rexistro bruto e que montaba un motor de 390 cabalos de potencia, remolcados pola baca de arraste Miguel A, con base no porto de A Coruña. Nada máis dobrar o cabo Fisterra collen un tempo terrible e á altura do Cabo Vilán teñen que curtar o remolque de 500 metros de longo feito a base de cable e cadea que os unía ao pesqueiro polo mar de fondo, e para non irse a pique. Ambas as dúas embarcacións poñen rumbo ao porto da Coruña, non exenta esta travesía de moito perigo para a tripulación do Josefa Cambeiro, pois o seu motor non respondía nese mar, como lle informa o patrón Ramón Barreiro a Juan, o maquinista, ademáis de non contar a bordo nin con radio nin con electricidade. Finalmente, e tras arribar ao porto herculino e permanecer tres días nel, o armador aproveita para mercar unha dinamo nova para o Josefa Cambeiro, despéxase de estopa a súa sentina, e conséguese limpar e arranchar o barco para voltar a navegar, poñendo a expedición de novo rumbo a Irlanda con bo tempo, arribando sen novidade ao porto de Bantry, aos tres días, tras penetrar e navegar pola fermosa e profunda ría do condado de Cork.

A expedición corcubionesa na que ía o armador Don Antonio Pardiñas a bordo do Miguel A, ía co obxetivo de poñer a frote a súa parella, o arrastreiro xemelgo, Andrés G, propiedade do tamén armador corcubionés, Benigno o peruano. O Andrés G, estaba embarrancado dentro da ría de Bantry coa popa cravada e afundida nun baixo coa proa ergueita por riba da superficie do mar.

A tripulación do Josefa Cambeiro, compoñíanna: Juan Pérez Areas, mecánico naval, maquinista-motorista; unha parexa de buzos valencianos de nomes Enrique e Adolfo, os cales non rematarían a campaña, pois non estaban afeitos a estas augas lodas e frías. Serían sustituidos por outra parella de buzos: Valeriano Cerviño de Corcubión e Juanito Liracho, residente en Corcubión e natural de Lira. Serían estos buzos os que finalmente rematarían por poñer o Andrés G a flote; Ramón Barreiro, natural de Noia era o patrón do barco; Alfonso, mariñeiro e cociñeiro, de Corcubión; Alberto Giminal, mariñeiro de Corcubión; Alejandro Domínguez, alcumado o japonés, mariñeiro de Corcubión. Actualmente o único que queda con vida da tripulación do Josefa Cambeiro é Juan Pérez Areas.

Os sete homes de tripulación facían vida a bordo do barco cando chegaban a porto. Tiñan que ir dous homes a diario a unha fonte a por auga, axudándose para elo dun carretiño sobre o que portaban un bocoi enriba que lles deixara un patrón dun pesqueiro irlandés. Logo a bordo, para asearse e co frío que facía, (pasaron dende outubro a principios de xaneiro en Irlanda) botábanse primeiro un caldeiro de auga por riba, logo enxabonábanse e finalmente con outro caldeiro de auga por riba, aclarábanse.
O Josefa Cambeiro tiña un rancho na proa onde durmían os catro mariñeiros; o patrón e o buzo de nome Enrique tiñan dous catres no puente; Juan fixérase un bo catre no motor e Don Antonio Pardiñas e o buzo Alfonso, durmían na adega.


Conta Juan Pérez, que a carón do barco embarrancado, na mesma costa, había casas de labregos irlandeses que tiñan vacas criándose nos inmensos e verdes pradíos da contorna e que nalgunhas ocasións arrimáronse á ribeira co bote do Josefa Cambeiro, que sempre era arriado para axudar nas labouras de refrotamento do Andrés G que facían os buzos que eles levaban a bordo. Foi entón cando Don Antonio Pardiñas tomou terra e visitou aos lugareños e rematou por quentarse no interior dunha destas casas facendo certa amizade con eles. Os irlandeses logo convidaron tamén a café aos mariñeiros do bote.

Os únicos medios de rescate cos que contaban en Irlanda a expedición de Corcubión, eran os que levaba a bordo o propio barco de rescate, Josefa Cambeiro, o cal tardaba quince minutos en cubrir a distancia de aproximadamente unha milla que afastaba o porto de Bantry co lugar do embarrancamento do Andrés G. O obxectivo era erguer o barco e taponar por baixo as fendas que tiña no casco, mais na primeira campaña foi unha misión imposible, pois estaba moi cravado nas pedras. O tempo foi pasando e os gastos aumentaban. A pesares que o mar no interior da ría irlandesa permitía traballar sen contratempos e doadamente, era estrano o día no que o forte vento non fixese acto de presenza. Finalmente, e fronte a imposibilidade de safar o barco das pedras, decídese que volte a Galicia a expedición ao completo, ficando amarrado ao porto de Bantry o Josefa Cambeiro, sen tripulación a bordo, a pesares que inicialmente barallárase a posibilidade que Juan Pérez, o maquinista, ficara a bordo agardando á unha futura segunda expedición.

Esta vez e a bordo do Freire Costas, un barco da mesma compañía, voltan a casa os sete tripulantes máis o seu armador, abandoando o porto de Bantry o 5 de xaneiro de 1962. O patrón deste pesqueiro empeñouse en largar os aparellos para aproveitar a marea cando un forte golpe de mar estivo a piques de afundir o barco, arrincándolle un bote salvavidas, chegando a auga dentro da ponte ata o pescozo do patrón e no costado de estribor unha porta aberta fixo que o mar metera moitas toneladas de auga a bordo, onde ían 15 homes: sete tripulantes do propio Freire Costas, e outros oito do Josefa Cambeiro. O patrón do pesqueiro quixo poñer proa de novo a Irlanda pero Antonio Pardiñas negouse e dixo que seguirían viaxe ata arribar ao porto da Coruña, como finalmente aconteceu.
Cando o Freire Costas levaba un día de travesía rumbo ao porto herculino, cruzan unha conversa por radio co pesqueiro coruñés, Testal, que navegaba en rumbo oposto a eles proa ao Gran Sol, e que desaparecería no mar esa mesma xornada, índose con el ao fondo, os seus 14 homes de tripulación, constituindo este naufraxio, unha da meirandes desgrazas para a gran familia mariñeira galega que faenaba fóra das nosas augas patrias. Juan Pérez en persoa, lembra as terríbeis imaxes que poideron ollar cando eles a bordo do Miguel A arriban ao porto da Coruña, o día 8 de xaneiro do 1962, onde agardaban en primera liña os familiares, as mulleres e os fillos dos tripulantes desparecidos do Testal. En canto pisan terra son abordados polas mulleres que os interrogan preguntándolles se saben algo do paradoiro de seus homes… familiares que neses intres de angustia aínda gardaban un esperanzador fío de luz na tensa e dramática espera polos seus, e que por desgraza, xa nunca chegaría.

Habería que agardar ao verán deste mesmo ano do 1962, cando a segunda expedición corcubionesa traballando na ría de Bantry, acada por fin reflotar ao Andrés G, tras acadar erguelo de popa co guinche do Josefa Cambeiro. Grazas a esa operación por fin os buzos poideron taponar as fendas no casco do barco e unha vez achicada a auga que tiña no seu interior, foi remolcado ao porto da Coruña, onde foi reparado ou despezado nos estaleiros de José Valiña.


Foi nesta segunda expedición para reflotar ao Andrés G, na que conta Juan que fora enrolado seu irmán Carlos, tamén de motorista e que foi éste o que lle dixo que a prensa irlandesa sacara moitas fotos ao barco e a súa operación de reflotamento. Non se lembra Juan Pérez Areas se o barco unha vez a flote volviu a navegar. En canto el chegou a Corcubión desta experiencia irlandesa, embarcouse nun costeiro dunhas 500 toneladas de nome, Sirius.

O propio Juan, lémbrase que comezou a traballar no mundo do rescate e despece de barcos con 14 anos, a bordo do Josefa Cambeiro. Lémbrase do buzo Leopoldo Lamela, (tío de Luis Lamela o xornalista e escritor que traballou no xornal La Voz de Galicia) que era de Corcubión e vivía nas casa baratas. Este traballou con Pardiñas e con outros armadores da chatarra de Muxía (seguramente Pérez Leis) tamén coñeceu Juan Pérez ao Carrilo, outro buzo de Corcubión. Tamén traballou na zona Querejeta, (de Querejeta sabemos que traballou no pecio do Highland Warrior, perdido na costa de Cobas, en Ferrol, no 1915) outro empresario chatarreiro polo que lle escoitara a seu pai José Pérez Domínguez, que tamén traballlou de maquinillero a bordo dos barcos de salvamento para Pardiñas. Todos os chatarreiros da zona vendían o ferro extraído dos pecios no lugar de A Viña, Corcubión.

Segue a contar Juan que antes de ir a Irlanda traballara xa con Pardiñas noutros puntos da costa gelega sacando chatarra dos pecios, especialmente cos buzos valencianos que eran moi bos. Traballaran ata 58 metros de profundidade no baixo de La Carraca, en Fisterra. Adolfo, un deles, tiña entón 25 anos e non ascendía ata que dende o barco dábanlle o sinal de subir. Lémbrase Juan que o cabo do que dependía o buzo tiña un nóo cada tres metros. Fora este mesmo buzo o que localizara na costa de Touriñán, concretamente nos fondos de O Farelo, un eixo de cola de ferro que tras pasarlle á cadea no fondo para amarralo, foi izado polo Josefa Cambeiro grazas ao seu guindastre que era quen de erguer carga por un peso de ata 14 toneladas. Cando izaron por fin dito eixo, con grave risco de que o barco de salvamento dese a volta polo sobrepeso, os tripulantes descubriron que viñan amarrados tres eixos á cadea do guinche: un de cola, un do medio e outro de encaste coa propia máquina do barco, pesando cada un deles 3,5 toneladas. Dita peza pertencera a un buque de bo porte dos numerosos pecios que existen nos fondos de Touriñán, estando ademáis revestido dunha camisa de bronce de 18 mm, feito que o facía máis valioso se cabe. O armador, Antonio Pardiñas, ficou tan abraiado da descuberta e das ganancias que lle ía reportar esa rescate que tras ancorar ao Josefa Cambeiro en Muxía, convidou a toda a tripulación a cear no restaurante O Rápido da mesma vila, lugar de parada do coche de liña, na época. Alí preparáronlles unha langosta de tamaño considerable.

Segue a lembrar Juan Pérez Areas que traballar na zona de Touriñán era terrible, pois no mes de setembro do 1961, estiveron no porto de Muxía coma base e que ese mes só poideron traballar en Touriñán catro días. Tamén traballaron nos fondos da Praguiña en Corrubedo, estando de buzo Lamela, sacando moitas toneladas de ferro. Cando non había traballo no verán, Juan reparaba e arranxaba outros barcos do ferro de Pardiñas, o Rosalía Matilde e o Santa Isabel, e no inverno traballábase na marea baixa en A Viña, curtando e carrexando a chatarra que alí depositaban os barcos do ferro que se extraían dos pecios coa dinamita polos buzos e logo Pardiñas levábaa en camións para unha empresa de Carballo e outra de Vigo, (da que non lembra os nomes) ou incluso, ás veces, eran as propias empresas as que facían a operación á inversa indo a recollela in situ. A chatarra pagábase moito nesa época; o ferro gordo de 20 mm de grosor a 14/ptas o kilo, mentres que o de plancha pagábanno menos; o cobre estaba a 50 ptas/kg… era ouro. Os chatarreiros facianse millonarios, entón. Tiñan a sona de que pagaban mal, e Juan a punta que non só era mala sona, senón que pagaban mal, tarde e arrastro.


© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Faro de Crookhaven, Bantry Bay, Lola Soto Vilasuso.
Foto: Josefa Cambeiro, Aquiles Garea.
Foto: Josefa Cambeiro a carón do Andrés G, na ría de Bantry, *Irish Examiner, edición do 31 de xullo do 1962.