domingo, 25 de febreiro de 2018

Traxedias mariñeiras esquecidas dende Caión a Malpica



Ao longo dos trinta anos que levo pescudando naufraxios, houbo un especialmente que me chamou a atención. Nel, morreran afogadas catro mulleres naturais da vila de Malpica de Bergantiños. A pegada que deixou na miña memoria, fai que hoxe lles adique unhas sentidas liñas, xunto aos sete homes que compartían embarcación con elas e que por degraza tamén atoparon a morte esa fatídica tarde, fai agora case que cento vinteún anos. Este tráxico sinistro marítimo, no que faleceron once persoas, atopeino cando estaba a peneirar o rexistro do Xulgado Municipal de Malpica de Bergantiños, no decurso do ano 2013, tentando documentar e ampliar algunha historia oral e algunha nota de prensa escasa, sobre algúns sinistros marítimos, acontecidos no tramo de litoral comprendido, entre Caión e as Illas Sisargas. Aproveitando a valiosa información atopada neste arquivo de reducidas dimensións, fun dando forma (unhas veces con máis acerto que outras) aos seus respectivos textos e publicando cada caso, nos libros: “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam.” (Edicións Embora, 2014) do que son coautor xunto ao meu amigo, Xabier Maceiras Rodríguez, e no “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” (Ediciones Cartamar, 2016).

Os rexistros dos xulgados municipais que comezan aló polo 1870, permitiron entre outros, ir inscribindo e deixando constancia do achádego de cadáveres de náufragos que foran deitados polas ondas do mar e polo efecto das mareas na costa, asemade como o posterior traslado de ditos corpos en presencia dun médico forense, existente nestes confíns oceánicos, para que fosen examinados e se lles practicasen as correspondentes autopsias, sempre que o estado dos mesmos o permitía; no caso da acta nº 91, do Tomo VII, correspondente ao libro de defuncións do Rexistro Civil, do Xulgado Municipal de Malpica de Bergantiños, escríbese: No se pudieron obtener datos para identificar el cadáver ni noticias, por venir completamente destrozado.”* Ditas actas de defuncións, recollen con tal nivel de detalle o estado físico no que se atopaba o cadáver achado na ribeira, que ás veces a súa lectura, como neste caso, produce arrepío, pois reprodúcese literalmente o escrupuloso examen forense do falecido, polo galeno destinado na zona.
Remataba o historial do devandito expediente, indicando o lugar do soterramento do náufrago, que no caso concreto de Malpica de Bergantiños a partires do último cuarto do século XIX, era no cemiterio municipal e só en contadas ocasións, dábanselle sepultura no adro da igrexa de San Xulián, como acontecería concretamente, neste caso, con tres cadáveres de mulleres pertencentes á pasaxe do vapor británico “Priam” (por non ter a condición de católicas) perdido nas Olgas da Cistela, xunto a outro sen identificar e posiblemente procedente do sinistro do mesmo barco**, acontecido o 11 de xaneiro do 1889.

A información contida nestas actas de defuncións século e pico despois, foi crucial para mín, xa que grazas á ter acceso a estos documentos, puiden descubrir ata en once ocasións, (período pescudado de 1870 a 1899) novas de naufraxios, sendo a meirande parte deles descoñecidos, ou que ampliaban en grande medida, as informacións que deles se tiñan ata o de agora. Algúns exemplos destas once descubertas que fixen no Rexistro Civil do Xulgado de Malpica de Bergantiños, son as seguintes:

Caso 1º. Encabezamento da acta nº 308, correspondente ao Tomo III, Libro de Registro Civil, Defunciones, onde aparece a inscripción: “se ignora el nombre y apellidos”. A continuación, escríbese: “En la parroquia de San Pedro de Barizo, el día 5 de enero de 1874, el Señor Don José Varela Leis, juez municipal de este distrito, le da en el día de hoy sepultura en el atrio de esta iglesia (suponse que na de Barizo); en la playa do Pono, (así no orixinal da época) perteneciente a la parroquia malpicana de San Pedro de Barizo, apareció el cadáver de un hombre completamente desnudo con unas botas puestas, sin pelo en la cabeza y cara, presentando en el antebrazo derecho una figura de mujer con vestido como hecha a punzón con los colores coral y verde. Tenía unos 35 años de edad. Hará un mes que acaeció su fallecimiento y debió de ser marinero del vapor inglés que naufragó en las cercanías de Laxe. Después de haberse instruido las oportunas diligencias por este juzgado, se remitieron al de 1ª instancia, con lo cual se termina esta diligencia que la firman el juez municipal, Don Manuel Álvarez y su alguacil, José Otero”. O achádego deste cadáver unido á información recolleita na propia acta de que pode pertencer a un navío británico afundido na zona, recentemente, lévanos a pensar que podemos estar ante a constatación da perda do vapor mixto británico, S.S. Lady Clare, construído en 1872 de 1.315 toneladas de rexistro bruto e que foise a pique, concretamente, o 19 de novembro do 1873 entre as Illas Sisargas e Laxe, cando navegaba de Bona a Rótterdam, tal e cómo se recolle na páxina www.wrecksite.eu. (Patricio Cortizo, Fernando. “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016, p. 287).

Caso 2º. Acta nº 88, pertencente ao Tomo VII, do Libro de Registro Civil, Defunciones, escríbese: En el lugar denominado A Lapachán, volcó la embarcación Vencedora, con varios marineros a bordo, la noche del 22 de junio de 1881. En el naufragio, fallece Manuel Mosqueira Facal, natural de la aldea Porto de San Adrián de Corme, de 40 años de edad. Su cadáver fue hallado el 4 de julio por otra lancha de Malpica, patroneada por Ramón Chouciño. Estaba casado el fallecido con Nuria Romay, natural ésta de la parroquia de San Tirso de Vilanova, perteneciente al distrito municipal de Malpica, teniendo dos hijos en común, de nombres Fructuoso e Isabel.” En canto o corpo de malogrado mariñeiro arriba oa porto malpicán… “tras habérsele efectuado la autopsia, el juez local manda darle sepultura y hacer una inscripción en su tumba en el cementerio municipal de la villa.”
Outro cadáver, éste pertencente a un home duns 30 anos de idade, foi atopado no mar pola lancha de Malpica patroneada por Nicolás Aguyó, que o trouxo a porto o día 12 de xullo, transcurridos vinte días dende que afundira a embarcación, Vencedora. Unha vez foi depositado no muelle dito cadáver, en avanzado estado de descomposición… “el juez municipal, señor Ramón Sande, ordena hacerle la autopsia y darle sepultura en el cementerio de Malpica, poniendo la correspondiente inscripción en su tumba. No se pudieron obtener datos para identificar el cadáver ni noticias, por venir completamente destrozado”.* (Patricio Cortizo, Fernando. “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016, p. 308-309).

3º Caso. Recóllense tamén no Libro de Registro Civil, Defunciones, Tomo VI-VII, correspondente ás datas (5-7-1878/30-12-1882) senllas actas nas que se dá coma causa da morte: “fallecimiento por sumersión” o 29 de xullo de 1882. Trátase de dous nenos que morren afogados ao envorcarlles a embarcación que tripulaban, na praia de Veo, Malpica. (Patricio Cortizo, Fernando. “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016, p. 309).

4º Caso. Libro del Registro Civil, Defunciones, Tomo XII, que abrangue as datas (18-9-1888/ 7-5-1890.) Acta nº 65. Inscrita co encabezamento: “un cadaver de muger”.  No seu expediente, lese: “cadáver aparecido en las playas del arenal de Seaya, se instruyeron las primeras diligencias, estando expuesto al público y no ha parecido identificar, hecha practicada la autopsia y recibió sepultura en el atrio parroquia de esta villa, dicho cadaver era de mujer y no se ha podido averiguar quién era y según declaración de facultativo murió ahogada. Fueron testigos D. Manuel Rivas Fernández, casado, carpintero y D. Antonio Lans Lacaci, fiscal municipal ambos vecinos de esta villa.” Os carabineiros son avisados da aparición deste cadáver, o 19 de xaneiro do 1889. Trátase do corpo dunha muller, en concreto, unha das tres pasaxeiras que viaxaban a bordo do vapor británico, “Priam”, afundido o 11 de xaneiro do 1889 ao carón das Illas Sisargas, tras colidir violentamente no medio do temporal, e no medio da escuridade nocturna, coas Olgas da Cistela. Existen moitas posibilidades que fose  a señora Derbyshire que viaxaba a bordo co seu home, John Derbyshire, tamén falecido no naufraxio, ambos naturais da localidade británica de Wigan. Éste foi o primeiro cadáver atopado dun náufrago que ía a bordo deste navío inglés e que foi achado nun punto sen concretar do litoral malpicán. A prensa española da época, faise eco de que o cadáver desta muller, foi atopado espido e deitado de costas sobre a area, faltándolle as orellas e os dedos dunha man, que lle foran arrincados para roubarlle as alfaias que neles levaba postas. (Maceiras Rodríguez, Xabier. Patricio Cortizo, Fernando. “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam.” Edicións Embora, Ferrol, 2014, p. 100-101).


Tres días despois, no lugar de Novenllos, ao carón do areal de Seaia, sería atopado un segundo cadáver de muller, (e segundo pertencente aos nove náufragos desaparecidos no naufraxio do “Priam”.) éste en avanzado estado de descomposición, o cal ainda conservaba nos dedos da súa man esquerda, dous aneis de ouro; un deles tiña engarzados cinco brillantes e outro quince perlas. Crese que este cadáver podería ser o da señorita Helen Clark, natural  de Liverpool. No libro 12 de Difuntos, pertencente ao fondo parroquial de San Xulián de Malpica, na súa páxina 193, especifícase que se trata dunha muller duns 24 anos, que non se poido identificar e que foi soterrada no atrio deste templo, o día 23 de xaneiro. (Maceiras Rodríguez, Xabier. Patricio Cortizo, Fernando. “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam.” Edicións Embora, Ferrol, 2014, p. 101-102).

O mesmo día, o 22 de xaneiro pola tarde, o mar depositaba moi preto da praia de Seaia, o cadáver dunha terceira muller, duns 60 anos de idade que podería ser con toda probabilidade o corpo de Elizabeth Smith, a criada dos señores Derbyshire, que xunto ao matrimonio falecido no naufraxio, era tamén natural da localidade de Wigan e tiña o seu pasaxe a bordo rumbo á India. Este terceiro corpo pertencente a un náufrago do “Priam”, levaba posta unha camisa branca na que se distinguía o bordado: “B. Labiun Vor.” Sería tamén soterrada no atrio da igrexa de San Xulián de Malpica. (Maceiras Rodríguez, Xabier. Patricio Cortizo, Fernando. “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam.” Edicións Embora, Ferrol, 2014, p. 101-102).

5º Caso. Libro del Registro Civil, Defunciones, Tomo XII, (18-9-1888/ 7-5-1890). Acta nº 109. Ten como encabezamento a inscripción: “restos de un cadáver.” Correspóndense a restos humanos atopados na ribeira, o 5 de setembro do 1889. Na súa entrada, escríbese: “desconocido y reconocido por los médicos D. Pedro Abelenda y Benigno Romero, dichos restos cadavéricos en putrefacción consistentes en tronco y extremidades inferiores, restos aparecieron parroquia Malpica. Desprovistas en su mayor parte de las partes blandas. Se le dió sepultura en el atrio de la iglesia parroquial de Malpica”.** Podería tratarse do cuarto e último cadáver atopado e pertencente a un dos nove falecidos no naufraxio do “Priam”, acontecido a carón das Illas Sisargas o 11 de xaneiro do 1889. (Maceiras Rodríguez, Xabier. Patricio Cortizo, Fernando. “De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam.” Edicións Embora, Ferrol, 2014, p. 103).

6º Caso. Libro de Registro Civil, Defunciones, Tomo XV-XVI que abrangue as datas (9-11-1892/8-7-1893) Acta nº 43. Recolle a inscripción do cadáver do mariñeiro Eusebio José Ramón Bruz, natural de Pontedeume, o cal foi atopado aboiando no mar, o 2 de novembro do 1893, nun punto preto á vila de Malpica. Acta nº 46. Aparece aboiando no mar, nun lugar preto do porto malpicán, o día 8 de novembro, o corpo do mariñeiro, Nicolás Fernández Doldán de 30 anos de idade, compañeiro de tripulación do anterior, tamén natural da vila de Pontedeume. O xuíz municipal de Malpica na época, José Martelo Doldán, ordenará darlles sepultura a ambos os dous no cemiterio municipal.
Según as novas publicadas o 2 de novembro polo xornal español, “El Liberal”, o trincado “Villa de Ortigueira”, tras cargar madeira no porto de Malpica, forase a pique o mesmo 30 de outubro, no Cabo San Adrián, colidindo contra os arrecifes do propio promontorio empurrado polo forte vendaval, falecendo afogados no naufraxio, catro dos seus oito tripulantes, que grazas á axuda prestada pola veciñanza e por outros mariñeiros dende as mesmas rompentes, auxiliaron e salváronlle a vida a outros catro dos seus compañeiros. Os náufragos eran naturais da vila de Pontedeume. (Patricio Cortizo, Fernando. “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016, p. 385).

7º Caso. Libro de Registro Civil, Defunciones, Tomo XX (11-2-1898/25-8-1899) actas nº 35, 36, 37 y 38, que se corresponden coas inscripcións dos cadáveres atopados na costa, pertencentes ás catro mulleres malpicás, falecidas no naufraxio da lancha do mesmo porto, “Victoria”, o 13 de abril do 1897 fronte ao porto de Caión.
Eran, Dolores Blanco Villar, de 21 años e filla do pescador Bonifacio Blanco; Ramona Varela Loureiro, de 19 años; Dolores Varela Cerdeira, de 27 años, e Dolores Garrido Varela, de 17 años. Todas elas solteiras. (Patricio Cortizo, Fernando. “Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.” Ediciones Cartamar, A Coruña, 2016, p. 406.)

A tráxica historia do que aconteceu realmente no naufraxio da embarcación, “Victoria”, propiedade de José Martínez, patrón e armador de Malpica, amplieina polo miúdo coa documentación achegada da prensa antiga, tanto galega, como española e foi como sigue…
A embarcación malpicá, “Victoria” zarpou do seu porto rumbo ao de A Coruña, sobor das 13:00 horas, do día 12 de abril de 1897. Iniciada a travesía o tempo era bó, pero achegándose á altura da costa de Caión, sobor das 15:00 horas, desatándose un forte vendaval de NO cun intenso chubasco que acabou por cubrilo todo cunha mesta cerrazón, non divisándose, nin o horizonte, nin a costa. A embarcación comezou a abanearse con inminente perigo de envorcar aparte de ir embarcando moita auga, por mor ás grandes ondas que se formaban co recén desatado temporal. A “Victoria” que ía cargada con madeira, con catorce persoas a bordo, con cestos de peixe e cunha saqueta con moitos duros, vendo o seu patrón que se ían ir a pique, pois non corríu a driza, cando éste dispoñíase xa a picar a escota, foi tarde… De súpeto, á embarcación corríuselle a carga e deu a volta pola costado de estribor. As fontes documentais da época, non se poñen dacordo de onde aconteceu o punto exacto do naufraxio; unhas sitúanno a seis millas do porto de Caión e outras nos baixos da enseada de Lourido, lugar precisamente, onde na actualidade, remata o concello de Arteixo e comeza o de A Laracha, en dirección oeste cara o mesmo porto de Caión.
Coa embarcación “Victoria” recén envorcada sobre a superficie alporizada do mar, vese nun primeiro intre, ao seu patrón e armador, José Martínez, ao tripulante José Torrente, natural de Pontedeume, á pasaxeira Manuela Castiñeiras, natural de Malpica, unha das pescantinas que ía a vender o seu producto á rula do Muro, e ao lonxe, a outros dous mariñeiros, tentando un deles axudar a outra muller, subíndoa a unhas táboas que flotaban no mar.
Nun primeiro intre, os mariñeiros acadaron termar do casco da embarcación envorcada, mentres que o patrón nadaba para facerse co casco da chalana auxiliar que ía a bordo e que agora frotaba á deriva a unhas cuarenta brazas de distancia do casco da “Victoria”. Pasado un intre tralo naufraxio, tres mulleres e dous mariñeiros, serían engulidos polo mar. O patrón acada subir a bordo da chalana que estaba desprovista de remos e toletes e ve alonxarse a un mariñeiro xunto a unha muller termados a unha especia de balsa feita con tablóns. Non se voltaría a saber nada máis deles. Posteriormente subiría a bordo da chalana, o mariñeiro Torrente o cal axudaría a Manuela Castiñeiras, a facer o propio, pois seu patrón xa estaba exánime. No auxilio da embarcación sinistrada acudiron outras lanchas mariñeiras da zona que se percataron do acontecido, pero foilles imposible achegarse para efectuar labouras de auxilio por mor ao gran temporal.

Recobradas as forzas, a bordo da chalana auxiliar da “Victoria”, o seu patrón, José Martínez, fronte o perigo de embarrancar na costa, a onde levábaos o vendaval, guíndase ao mar termando da chalana para guiala nadando, ata por pé en terra nun abeiro, quen coa axuda do mariñeiro Torrente, serán quen de baixar a terra á única muller supervivinte. O patrón, camiñaría entón ata Caión, porto onde pedíu axuda a outros mariñeiros, para sair na procura da embarcación sinistrada, da que non atoparon rastro algún, nin tampouco dos malogrados once náufragos desaparecidos.


Ao día seguinte do naufraxio, José Martínez, achégase ata o areal de Sabón, praia onde hai ducias de tablóns amoreados pertencentes á carga da súa embarcación, que están sendo cargados en carros por raqueiros. Unha parella de carabineiros enviados dende Caión, tentaba por orden no mesmo areal, máis según os testemuños recolleitos na prensa escrita da época, cando os propios raqueiros enteráronse de que o patrón da “Victoria”, era o náufrago que estaba alí presente fronte a eles, inmóvil, ollando con tristura, e ao mesmo tempo con xenreira e impotencia, como lle roubaban vilmente o que era da súa propiedade, achegáronselle, rodeándoo e curiosamente, preguntándolle polo lugar da embarcación onde tiña gardada a saca cos centos de duros que se foran a pique co seu barco e cal era o tipo de xénero que levaba a bordo. Matínez, afirmaba ao correspondente de prensa que o entrevistou, que se non estivese tan rendido de cansanzo, alí mesmo houbese feito pagar a algún daqueles bárbaros a súa cobiza e a súa falla de humanidade, coas súas propias mans. Os carabineiros vendo que a chusma íase contra o náufrago, enfrontáronse aos raqueiros disparando ao aire, pois estos fixéronlles fronte con bisarmas (así no orixinal) e paus, non tendo máis remedio que disparar sobre eles para defender a súa vida e a do patrón José Martínez, o cal confesoulles que traía gardados nun saquiño a bordo, exactamente 288 duros, pertencéndolle boa parte deles, e sendo o resto a suma do fondo de gastos para mentemento do barco. Con el levaba tamén un xiro de 1.000 pesetas, endosado por Don Santiago Cachón ás ordes de Don Santiago Cabanillas, de a cidade de A Coruña.
O patrón sería recollido na casa do seu parente, Ramón Casal, na cidade de A Coruña a onde chegara exhausto, para descansar, xunto ao seu mariñeiro , José Torrente, mentras que a malpicá sobrevivinte, Manuela Castiñeiras voltaría dende Caión a Malpica.

Os sete mariñeiros falecidos, tripulantes da embarcación afundida, “Victoria”:
Miguel e Manuel Leira, de Maniños.
Juan Cierto, Juan Ríos, Ramón e Evaristo Vila e José Fernández. Estos, naturais de San Martiño do Porto. Agás Miguel Leira que tiña 52 anos, o resto dos tripulantes da embarcación tiñan, entre 24 e 25 anos de idade.
As catro mulleres falecidas, naturais de Malpica e que se dispoñían a vender o seu peixe na lonxa do Muro, na Coruña que ían a bordo da “Victoria”: Dolores Garrido, Dolores Blanco Dolores Varela e Ramona Varela.

Fica pois demostrado, con esta ampliación da información sobre o naufraxio da embarcación, “Victoria” de Malpica, acontecida aquel lonxano, 12 de abril do 1897, que o seu sinistro marítimo foi unha gran traxedia esquecida, como por desgraza acontece con outras moitas que pouco a pouco imos descubrindo para coñecemento da nosa historia marítima.

Sirva este texto, coma sentido recoñecemento e coma homenaxe á perda destas xentes do mar da Costa da Morte, e tamén para seguir poñendo en valor o gran patrimonio inmaterial e os contos da tradición oral mariñeira, que seguen a facer se cabe máis importante e máis grande a nosa nación mariñeira.

Somos salitre.

© Fernando Patricio Cortizo 2018

Fontes:
“EL Alcance”, diario católico, noticiero independiente, telegráfico, edición do 17 abril 1897.
“El Diario de Pontevedra”, edición do 16 de abril do 1897.
“El Correo Gallego” edición do 13 de abril do 1897.

Foto: Cruceiro de Santo Hadrián, Fernando Patricio.
Foto: Panorámica das Illas Sisargas, Fernando Patricio.
Foto: panorámica antiga da vila de Caión, autor descoñecido.