mércores, 30 de agosto de 2017

Tano e a historia do avión americano da praia de Langosteira




Nunha solleira mañá de agosto fai agora un ano, franqueáronme a porta dunha fermosa casa de pedra con galería que fora ergueita a finais do século XIX, polo buzo, Juan Bautista Rodríguez Roade, ubicada a carón da Igrexa da Nosa Señora do Bo Suceso, no pobo de Fisterra. Foi no interior desa acolledora vivenda, coñecida como unha das dúas casas da familia de Juan do Buzo que existen na vila fisterrá, onde disfrutei da amabilidade e da conversa con Feliciano García Rodríguez, coñecido na súa familia por Tano, e na vila por Tanito de Maruja España ao cal acompañábao a súa filla Ana, grazas ás referenzas que me dera Lourdes González Rodríguez, sobriña dos famosos nove irmáns González Lago de Corcubión, que herdaron a empresa de salvamento e despece de barcos que fundara seu pai, José González Cereijo.

Un dos primeiros datos históricos que me aporta Tano é que seu bisavó, o buzo, Juan Bautista Rodríguez Roade, foi o primeiro en descender aos restos do pecio do Great Liverpool, afundido na fermosa praia de Gures e que extraeu do mesmo cubertería de prata á que logo lle fixo acunar as súas iniciais e tamén varios cabeiros de alafante, uns vendidos a particulares e outros vendidos a igrexa de San Nicolás, na cidade de A Coruña, ainda que no interior deste templo relixioso na actualidade, non se atopa xa ningún destos valiosos obxetos de marfil.


Cando levabamos xa case que dúas horas falando Tano, súa filla, máis eu, sentados en cadeiras a unha mesa, (mobles todos pertencentes a barcos afundidos na Costa da Morte) entre unha morea de valiosos testemuños, de súpeto agromou unha gran historia, narrada e vivida polo propio Tano. Ésta é…

Lembrávase que xa tiña visto de neno caer avións no Cabo Fisterra, no decurso da II Guerra Mundial, en concreto na praia do Rostro aterrarían dúas avionetas (seguramente cazas) unha separada da outra por dúas semanas de diferencia, cuios motores serían desmontados do corpo dos avións e levados posteriormente a Ferrol.
Na zona de San Roque, exactamente o 28 de agosto de 1943 polo serán, tras producirse un combate aéreo entre un avión aliados e outro nazi, nos arredores do Cabo Fisterra, unha aeronave norteamericana foi acadada polo lume inimigo e perdendo altura, pasando pola tona da auga na zona da praia da Ribeira, rematou por amerizar a carón do idílico areal fisterrán de Langosteira. Conta Tano que: “foise a afundir a 40-50 metros de distancia do arrecife de As Pardas, xusto enfronte de onde desemboca río Grande.”

Grazas ao excepcional artigo publicado sobre este accidente aéreo, no blogue: galiciaenlasgm.blogspot.com.es/2008/02/b-24-en-playa-langosteira-finisterre.html, sabemos que no interior da fuselaxe quedou o corpo sen vida do oficial de derrota Beckner, cosido a balazos.  Os nove homes restantes que compoñían a tripulación deste bombardeiro pesado, Liberator B-24D das forzas aéreas norteamericanas, que despegara horas antes da base aérea en chan marroquí, de Port Lyautei, e que foi posteriormente atacado e derrubado por un FockeWulf200 alemán, salvaron as súas vidas, sendo rescatados sete deles, pola tripulación da lancha Dejen Paso, patroneada por José Canosa; outro pola lancha Lili, patroneada por José López Castreje e o último supervivinte sacado das augas polos mariñeiros da embarcación, patroneada por Antonio Romero. Quince minutos despois do sinistro, e evacuados os tripulantes do avión, con só a cola deste a vista a aeronave estourou, seguramente voada polos seus propios tripulantes, seis feridos de consideración, e entre eles, catro por impactos múltiples de bala.
Reseñar tamén, que fora este avión norteamericano, Liberator B-24D co numeral, 42-40104 e co mesmo piloto, o que derrubara a un Focke Wulf 200 Kondor nazi, o 13 de agosto do 1943, na ría de Camariñas.
Os datos deste parágrafo, reitero, están extraídos do excelente artigo que trata específicamente deste accidente aéreo, acontecido a carón do areal fisterrán de Langosteira. Recomendamos a súa lectura pola pormenorizada bibliografía e documentación aportada, para completar e contextualizar a historia que aquí se narra, froito do noso patrimonio inmaterial.

Voltando a narración de Tano, el lémbrase que ás dúas semanas da amerizaxe do avión norteamericano en Langosteira, aproximadamente a mediados de setembro, houbo un forte temporal de compoñente sur que fixo que o corpo do tripulante falecido, John L. Becker, fose botado polo mar á praia de Langosteira, soterrándose éste no cemiterio de San Martiño de Duio. Anos despois, rematada a II Guerra Mundial, os americanos repatriaríanno ao seu país. O avión sería finalmente dinamitado polos propios americanos para estragar probas sobre o seu deseño e tecnoloxía, da que se poideran beneficiar os espías inimigos.


O pai de Tano, Feliciano García Cordo, como moitos homes da época aos que lles tocou ir á fronte, na Guerra Civil española, fora alistado forzosamente polo bando Nacional, ao ficar nun territorio ocupado polos golpistas, tras o alzamento. Na contenda bélica fóra destinado coma chófer do Comandante do Batallón Navarra 43, e destacouse no seu posto por esquivar as bombas e as minas que acababan de esnaquizar a un dos camións que ían na vangarda do seu convoi. Rematada a guerra, Feliciano volta a Fisterra e aproveitando os seus contactos, fai unha boa amizade na época, co Comandante General de Marina de A Coruña, valíéndose desta relación para conseguir a concesión do despece do avión norteamericano afundido na praia de Langosteira, sacando absolutamente todos os seus restos visíbeis do fondo, incluido seu tren de aterraxe, pois a aeronave estaba afundida a 2,5 brazas de auga. Lembra Tano que ainda ata ben pouco pola contorna, había xente que coma a súa familia, empregaban bandexas de aluminio elaboradas a partires dos anacos da fuselaxe extraída do avión sinistrado, para poñer enriba delas as empanadas e levalas a cocer aos fornos das panaderías da zona. Éstos foron os únicos anacos que extraera seu pai do fondo do mar en Langosteira, que non foran enviados a Barcelona, destino final do ferrancho procedente do bombardeiro norteamericano.
Esta foi a única vez que o pai de Tano, Feliciano García Cordo, adicouse ao despece, pois seu xeito de gañarse a vida fora sempre a través dunha salazoeira e outro negocio de venta de peixe fresco.

Conta Tano que nos restos deste avión había nylon. Fío plástico de enorme resistencia que contrastaba na época coas fráxiles redes de pesca que poseían os mariñeiros galegos que daquela eran de algodón, as cales había que cascar cada tres semanas, máximo, somerxidas en auga quente con coda de piñeiro, para tinguilas. Lémbrase tamén Tano da rapeta, esa rede largada dende terra cara mar aberto por unha embarcación, cun extremo fixo en terra e que unha vez desplegada toda a súa lonxitude, voltaba de novo á beira da praia facendo un semicírculo, amarrando os dous extremos a unha carruaxe de bois, os cales encargabanse de tirar dela ata depositala enriba dos areais. Precisamente Bellamisa, un mariñeiro da zona, pedíulle a Tano un pedazo de aluminio ou de plástico do avión sinistrado, e éste levoulle un anaco grande de biruta de plástico, sacado dos restos dunha das ventaniñas da aeronave, pois Tano facía con este material anéis que logo vendía a dúas pesetas, ocupando tamén o tempo en poñer remaches de aluminio. Cando o rapaz entregoulle a Bellamisa un fío de plástico e díxolle que tirara del a ver se era quen de rachalo, e o mariñeiro díxolle: “aparta que isto vou collelo e soplándolle vouno partir!” cando o mariñeiro pegoulle o tirón ao anaco de plástico, éste fíxolle un corte nun dedo coma un mundo e Tanito do medo, fuxíu correndo.

Tamén recorda Tano, grazas á súa portentosa memoria, que atopou bolsas de caramelos e de comida prensada, seguramente pertencentes ao kit de superviviencia das neumáticas salvavidas do avión, entre os restos extraídos da aeronave, xa depositados en terra. Seu pai, antes de enviar todo o material atopado do avión a Barcelona, tiña que entregar, os anacos pertencentes á fuselaxe como a do armamento atopado no seu pecio, á Comandancia de Marina de A Coruña.


No edificio onde o pai de Tano tivera unha salazoeira que mercara no ano 1942,  houbera con anterioridade unha conserveira, e despois de vender el a salazoeira, posteriormente, restaurado o mesmo edificio que se atopaba enriba da praia, na súa parte occidental, instalaríase alí un dos restaurantes máis famosos e prestixiosos, non só da Costa da Morte, se non de toda Galicia… estamos a falar do Tira do Cordel.

Outra curiosa e fermosa historia que saíu dos restos do avión norteamericano, perdido no areal de Langosteira, foi a concerninte ao paradoiro das súas rodas de aterraxe, pois non todas foran entregadas á Armada. No ano 1944 o pai de Tano conseguíu un soplete para curtar o aceiro das rodas, e deste xeito poder extraer as gomas das mesmas que na época era un artículo de luxo… un verdadeiro tesouro. O Caruncho, que era un sarxento que estaba o mando do posto da Garda Civil de Corcubión e que tiña sona de ser moi mala persoa, un día parou ao camión de o pai de Tano, decíndolle que como non apareceran as rodas que faltaban do avión, íalle incautar o camión; pero Feliciano lle tiña ao seu vehículo un compartimento segredo onde introducía a mercadoría que non quería que lle atoparan, e así foi como as valiosísimas gomas das rodas do avión norteamericano, foron finalmente a parar a Pais que era o zapateiro do pobo de Cee nese tempo, (esta familia ten na actualidade varias ferreterías na zona) pois Feliciano doulle a goma das rodas do avión para facer solas para botas, para un montón de xente.


O meu agradecemento a Tano, á súa filla Ana e a Lourdes González Rodríguez por compartir conmigo as súas historias familiares, para que poidesen ser difundidas. Somos salitre.

© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Liberator B-24. www.warbirdalley.com
Foto: buzo, Juan Bautista Rodríguez Roade. Pub A Galería, Fisterra.
Foto: tripulación do Liberador B-24D 42-40104. Juan Carlos Salgado Torres.
Foto: mapa coa ubicación do lugar do naufraxio do Liberator B-24D. galiciaenlasgm.blogspot.com.es/2008/02/b-24-en-playa-langosteira-finisterre.html
Foto: arrecife de As Pardas, co lugar do naufraxio do Liberator B-24D, a carón da praia de Langosteira. Fernando Patricio Cortizo.