venres, 20 de novembro de 2020

O DERRADEIRO TRIPULANTE DO "LA ISLA"



Hoxe, 20 de novembro, ás 15:53 horas, recibín un whatsapp do meu amigo Félix González Túñez, natural da parroquia de Santa Cristina de Barro, Noia e capitán de pesca retirado. Nel comunicábame a luctuosa nova do pasamento do seu veciño, Ramón Martínez Seoane, alcumado Moncho O Caramuxo que ía ser soterrado esta mesma tarde, no lugar que o viu nacer.

Ás cinco da madrugada do 4 de outubro do 1970 con forte mar de fondo e unha mesta brétema, o pesqueiro La Isla voltaba ao porto da Coruña tras unha marea de 15 días no Gran Sol, coas súas neveras ateigadas de pescadas. Nos camarotes aseábanse os tripulantes que non estaban de garda pois arribarían a terra en menos dunha hora. De súpeto, o casco do barco sufriu tres fortes e seguidos golpes e a máquina detívose. Nuns segundos, seu xefe de máquinas Ramón Martínez Seoane, subiu de contado polas escaleiras que comunicaban coa ponte e mentres atravesábao, pasou a carón do pesca que alporizado berraba co costa, ao tempo que o barco escórase a babor e vaise a pique entre a canle do illote do Boi e a pedra da Vaca ao pé da Torre de Hércules. Ramón mantívose a flote termado dun enjaretado, aturando a friaxe das augas, aturando o estrondo do mar na escuridade, aturando a perda de dous compañeiros de balsas improvisadas e co arrepío de ser engulido polas ondas que facían tremer ao mundo esa madrugada batendo contra a costa sen descanso… todo iso, sen deixar de escoitar os laios doutros compañeiros que aínda ficaban con vida.

Naceu a luz do novo día e as correntes foron afastando a Moncho das rompentes cara o centro da enseada do Orzán. Alí foi, onde tras ficar seis horas no mar, exánime, nos seus derradeiros folgos de vida e alentado polo único pensamento na súa familia, unha avioneta do Aeroclub de Alvedro atopouno entre a escuma e facendo seus pilotos voos rasantes por riba de onde se atopaba o náufrago, acadaron chamar a atención da tripulación do pesqueiro Segundo Isabelita, que dirixiu súa proa ata o lugar onde estaba a flote Ramón Martínez Seoane, rescatándoo e levándoo a terra.

Neste tráxico naufraxio perecerían afogados 14 dos 15 tripulantes do La Isla. Súas mortes non serían en van, pois os derradeiros parágrafos da placa conmemorativa que se fixo na súa honra e que se descubriu ese emotivo 4 de outubro, nos actos do 50 cabodano do seu naufraxio na Coruña, rezan:

“Artífices póstumos das operacións de rescate do G.R.A.S. do Club del Mar de San Amaro; da chegada á cidade da Coruña, da primeira base de salvamento marítimo da Cruz Vermella en España dotada coa embarcación “Blanca Quiroga”; da creación da primeira base cun helicóptero do S.A.R. no aeroporto de Alvedro para todo o noroeste peninsular, e das orixes do G.E.A.S.

Á memoria de todos os náufragos que finaron dignificando o seu secular oficio e ás familias e achegados que sufriron as súas irreparables perdas.”

Quédanos a satisfación á A.C. Naufraxios Galegos, (que eu presido) ao Clube do Mar de San Amaro e aos membros da súa escola de mergullo, á Asociación Veciñal As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, á Cruz Vermella do Mar da Coruña e a propio Concello da Coruña, de teren homenaxeado a estos afoutos mariñeiros e ás súas familias como se merecían, no 50 aniversario do naufraxio do La Isla. O único sobrevivente desta traxedia mariñeira, Moncho O Caramuxo, (que no mes de outubro do 2020 aínda vivía) declinou acudir a ditos actos polo seu delicado estado de saúde, sendo debidamente informado desta homenaxe polo seu fillo Manuel, o cal estivo presente nos mesmos, a quen dende aquí mandámoslle unha forte aperta, xunto a súa irmá e a súa nai. 

Xa navegan os 15 do La Isla xuntos, de novo a bordo, rumbo á súa Ítaca para voltar aos seus eternos caladoiros... 


Benito Silva Rodríguez. 39 anos. A Pobra do Caramiñal. Patrón de pesca.  

José Carreño Lamas. 30 anos. Noia. Patrón de costa.  

Juan Manuel Sobrido Maneiro. 30 anos. Porto do Son. Contramestre. 

Ramón Seoane Martínez. 84 anos. Noia. Mecánico maior. 

José Manuel Quiroga Bouzo. 27 anos. Ourense. Segundo de máquinas. 

Antonio Ucedo Gallego. 18 anos. Jaraicejo (Cáceres). Axudante de máquinas.  

José Miranda Caeiro. 57 anos. Seixo (Marín). Engraxador.

José María Vázquez Torea. 34 anos. Camboño (Lousame). Cociñeiro.

Eduardo Rodríguez Devesa. 40 anos. Corme. Mariñeiro.

José María Arrizado Cociña. 36 anos. Viveiro. Mariñeiro.

Darío Collazo González. 33 anos. Santo Tomé de Piñeiro (Marín). Mariñeiro.

Fernando Ríos Espada. 27 anos. A Rúa. Mariñeiro.

Francisco Martínez Rama. 26 anos. Corrubedo (Ribeira). Mariñeiro.

Manuel Constenla Junquera. 18 anos. San Xián de Sales (Vedra). Mariñeiro.

José Manuel Sande Fernández. 18 anos. Porto do Son. Mariñeiro.


Somos salitre.


Fotografía carné de Ramón Seoane Martínez, xentileza da súa víuva María Arca Hermo, sobreimpresa sobre cartaz deseñado por Xurxo Rodríguez Baña, para a exposición: La Isla. Medio século dun naufraxio que removeu conciencias.

© Fernando Patricio Cortizo 2020