domingo, 28 de febreiro de 2016

O DERRADEIRO LOBO DA SERRA DA PENA FORCADA



Hoxe vexo cumprido un sono despois de ser pai. Tras percorrer no decurso de 23 anos de arriba a abaixo o Concello de Camariñas, de vivir nel e relacionarme coas súas xentes e de aprender a súa historia e admirar o seu patrimonio, tanto material coma inmaterial, especialmente o do meu querido Camelle, a miña filla Lira máis eu vos agasallamos a todos e a todas nesta data especial de Nadal co noso primeiro conto: O derradeiro lobo da serra da Pena Forcada, pertencente á colección Contos da Costa da Morte.
Esta creación escrita é froito do amor, da sensibilidade e da paisón pai-filla. Lira con 7 aniños actualmente, ten acudido conmigo a xuntanzas culturais, presentacións de libros, a roteiros, a charlas, a visitar museos, facer cursiños, acudir a talleres, incluso estivo presente en numerosas entrevistas que eu fixen a persoas maiores cunha memoria infinita para procurar novas para as miñas propias publicacións, vivindo eses intres xuntos e vendo coma a súa faciana e os seus ollos reaccionaban como só reaccionaría unha nena ou un neno fronte a historias que ela pensaba que "habitaban" somentes nas páxinas dun conto.
Teño que dicir que compartir con ela todos estos intres de aprendizaxe e a súa esperta inquedanza por preguntar e facer cousas resultou e resulta un premio que me tocou vivir na vida e que non desaproveitarei. Este conto é unha proba delo.
Lira, enchoupada de historias nadas dos naufraxios e da paisaxe costeira onde se produciron e que nós visitamos e coñecemos, sementou o pracer de que lle conte contos que ela ilustra mentres eu falo. Este traballiño que tendes fronte a vós e o resultado da nosa primeira edición e estrela mundial, para pequechos e tamén para maiores.
Os xoguetes nun neno son importantes pero imprescindibeis son o amor e a atención que requiren, e a cambio nos dan un TODO que ninguén nin nada pode compensar.
Soñade, ride, xogade, lede e desfrutade da vida e compartídea cos vosos fillos e fillas… Asolagádevos nun mundo do que xamáis deberiamos de afastarnos: o dos nosos fillos e fillas que é máxico, na que grandes e pequechos nos mesturamos nun mundo imaxinario (ás veces real), marabilloso e voamos xuntos rumbo aos sorrisos máis fermosos e tamén cara ás bágoas máis emotivas… Os nenos están a agardar a que ollemos para os seus ollos e pronunciemos as verbas: “Había unha vez…”.






























Ningún comentario:

Publicar un comentario