domingo, 6 de marzo de 2016

O Xanetas Vs Atlético de Madrid



Ainda lembro cando franqueei a porta do local do Sporting Coruñés, aló polo 1985. Un dos seus directivos entón, sen que eu apreciase a súa presenza, mantívose en silenzo ás miñas costas mentres eu admiraba atónito a espectacular foto que penduraba duns dos moitos cadros da parede, pertencentes ao gardarredes de fútbol Juan Acuña, alcumado O Xanetas, lanzándose a por un balón co seu corpo totalmente paralelo ao longueiro da portería. Cando espertei do meu sono, esta persoa que ficara en silenzo, preguntoume: -Que fas aquí chaval?- eu resposteille: -veño a fichar de porteiro-...

Da miña "vida e historia" como gardarredes non imos falar, agás para lembrar aqueles fermosos sete anos de pertenza a este histórico clube de fútbol de entre os clubes modestos de A Coruña, nos que vivín emotivos intres, aprendín a traballar en equipo e coñecín a grandes persoas e a grandes amigos do barrio de As Atochas - Montealto que ainda hoxe conservo a pesares da distancia física e do paso inexorable do tempo que se interpuxo entre nós. Entre eles está Juan o mesmo neto de Acuña, que herdou seu nome, e que para a pandilla da calle San Juan sempre foi e será "Juanito", ainda que eu sempre lle chamei Acuña. Creo que teño ese dereito pois convivín e compartín con el intres inesquecibeis de adestramento nos campos da Torre co Sporting, enlamándonos e rabuñándonos xeonllos e cadeiras ao nos lanzar a polos balóns que os nosos compañeiros tiraban a porta...

Pouco podo falar eu ou máis ben escribir a estas alturas de O Xanetas que non se saiba, pero sí podo facer unha pequena lembranza do que supuxo para o seu barrio, para A Coruña, para Galiza, para o Deportivo e para a súa magnífica e dilatada historia.

Juan Acuña Naya, foi nado na Coruña o día dos namorados do 1924, comezando a destacar polas súas excelentes e atléticas cualidades como gardamallas á temprana edade de 10 anos, fundando o primixenio Club Sporting Coruñés e ocupando o tempo na actividade que máis lle prestaba: a de gardarredes (ainda que tardaría uns anos en velas ás súas costas) entre un grupo de rapaces que mataban o tempo xogando ao fútbol contra a muralla do hospicio, mellorando a súa técnica e aumentando a súa amizade, chegando a enfrontarse polo seu potencial en torneos infantís contra equipos xa totalmente destacados nese intre na cidade herculina, como o Torre, Sporting Ciudad e Wata-Bay, no antigo e desaparecido Campo da Estrada.

Foi tal a miseria e a pobreza da posguerra que as primeiras camisolas do equipo entón, confecciónaronse a partires da tela azul dun toldo de percalina que se empregaba para cubrir o palco da verbena. Posteriormente o equipo xa comezaría a vestir a súa camisola oficial e actual composta de raias azuis e brancas verticais con pantalón de cor negra, que trocaríase posteriormente a cor azul, rematando por ter idéntica indumentaria á do Deportivo.

O primeiro gran éxito do Sporting Coruñés foi acadar a primeira liga local que se denominou entón: Copa de la Coruña, coa a seguinte aliñación: Acuña, Lucho, Celerino, Nando, Reboredo, Hilario II, Mundo, Juanito, Hilario Marrero e Luis. O Sporting Coruñés, non sería oficialmente inscrito na federación ata 1939 polo señor Formoso, primeiro presidente do clube, ano no que remataría a Longa noite de pedra. Neste gran e exitoso equipo había algúns xogadores cedidos polo propio Deportivo e que voltarían a éste equipo rematado dito torneo. Juan Acuña, tras seu breve e posterior paso polo Eureka é descuberto nun campeonato infantil no 1936, polo entón adestrador do Deportivo, Manuel Ponte Patiño que o ficha para o primeiro equipo da cidade herculina dando o salto deportivo da súa carreira. Acuña, xoga o seu primeiro partido vestindo a camisola do Dépor en Santiago, contra o Compostela, e posteriormente xogará tres partidos contra o Rácing de Ferrol, na cidade departamental, no 1938, desputándose o primeiro deles o día 13 de marzo en beneficio das tropas que combaten na Guerra Civil. O primeiro dos encontros remataría con empate a tres tantos. Acuña contaba entón con catorce anos de idade.

Acuña con 16 anos, acada a titularidade indiscultible no Deportivo, onde xa ten un contrato profesional de 300 pesetas ao mes e onde convértese xa no porteiro da segunda división máis difícil de bater. O carácter de Acuña marcará a súa carreira deportiva: bravo, valente e arroutado, sofre unha forte lesión no 1940, unha luxación de ombreiro, feito que non lle impedirá ser peza indiscutible no ansiado ascenso do Dépor a primeira división no ano 1941, nun partido contra o Real Murcia (feito por certo que se repetiría contra este mesmo equipo o 9 de xuño do 1991) xunto a outros históricos do Dépor como Chacho (do seu mesmo barrio) Guimeráns e Elícegui.

Na liga 1941-1942 Acuña obtén o seu primeiro Trofeo Zamora. Encaixa 37 goles en 26 partidos desputados, rematando o Dépor na excelente 5ª posición. A carreira deportiva de O Xanetas é meteórica; nese mesmo verán do 1941, debuta coa selección española, xogando os derradeiros 16 minutos do partido internacional que desputaban as seleccións de España e Suiza en Valencia, no estadio de Mestalla, vencendo España á selección helvética por 3-2. O Xanetas ten entón 18 anos e lle chegan entre outras suculentas ofertas as do Real Madrid e Atlético Aviación (posteriormente Atlético de Madrid) que chegou a ofrecer ao Dépor 500.000 pesetas da época por Acuña. Pero o gardamallas coruñés, rexeitaría todas estas ofertas amosando o seu coruñesismo e amor polo seu clube até o fin da súa carreira deportiva.

Na liga 1942-1943 o Dépor remata 9º clasificado e Acuña repite Trofeo Zamora con 25 goles encaixados en 31 encontros desputados. Moitos equipos xa teñen a ollada fixada nel, ainda que o gardamallas coruñés só ten ollos para o seu Dépor. Recibe ofertas de Real Madrid, Barcelona, e Atlético Aviación (futuro Atlético de Madrid) e volta a rexeitalas.

Na tempada 1943-1944 o equipo roza o descenso pero remata por salvarse, pero na tempada seguinte, 1944-1945 o equipo remata último na táboa con 17 puntos e descende a segunda división.

Ascende de novo o Dépor na tempada 1945-1946, pero de novo na seguinte liga 1946-1947 volven a descender sendo penúltimos na clasificación. No ano 1947-1948 ascenden e na seguinte liga consiguen quedarse na primeira división a un só punto do descenso a segunda.

Coa chegada ao equipo do adestrador arxentino Alejandro Scopelli, na tempada 1949-1950, o Dépor vai rubricar un gran campionato. A gran corpulencia de Acuña e a súa valentía nas saídas corpo a corpo, fai que nun un contra un, derrube ao dianteiro Rafa do Valladolid en Zorrilla, e lle parta a perna de xeito fortuito. O Deportivo vai primeiro a 5 puntos do Atlético de Madrid e Acuña é sancionado "hasta nuevo aviso" e non foi autorizado a xogar ata que se recuperou o dianteiro do Valladolid, como realmente aconteceu. Daquela o porteiro suplente era un "gardarredes de fortuna"; Pita, que era o nome do porteiro "suplente" de Acuña no Dépor, non pode evitar os sucesivos empates do equipo herculino e as desastrosas arbitraxes que sufre o equipo de Riazor, pois non en van está todo orquestado polo presidente da Federación de Fútbol Española, un xeneral fascista e socio do propio Atlético de Madrid, que fará o indecible por regalarlle a liga ao seu equipo, como así acadará finalmente, sendo por primeira vez na historia o Dépor, subcampeón de Liga a un só punto de distancia do equipo do Metropolitano. Aquí comezará o calvario das aldraxes arbitrais que sufrirá o Dépor ao longo dos intres craves da súa historia. Acuña, a pesares da sanción acada na liga 1949-1950 o seu terceiro Trofeo Zamora, con 22 goles encaixados en 29 partidos, grazas á gran dirección de Moll, Guimeráns e aos goles de Franco e Martínez.

Acuña este ano do 1950 é seleccionado por España para xogar un encontro internacional con Portugal. O seleccionador Eduardo Teus, dille a Acuña que como o encontro é doado, Eizaguirre xogará en Chamartín e que el o fará en Lisboa, pero Acuña nunca chegará a xogar na capital lusa.
Acuña é preseleccionado tamén neste mesmo ano do 1950 para o mundial de Brasil como segundo porteiro. O seleccionador é Guillermo Eizaguirre, afín ao réxime de Franco. Cando a selección española se atopa en Baraxas preparando á saída para Río de Xaneiro, e entre os seus xogadores está presente Juan Acuña, o seleccionador Eizaguirre berra: -¡Las maletas que las cargue el gallego!- respostando Acuña de contado: -¡Las maletas las va a cargar tu puta madre!- O seleccionador contrariado, por que en Baraxas nese tempo había moitos galegos facturando e carrexando maletas diríxese a Acuña anoxado e lle di: -Usted no sube al avión. No viaja. Se queda en tierra.- Acuña, do que se sabe que participara en manifestacións socialistas cando era novo, amosa a súa autoridade e afouteza ao respostarlle dese xeito ao seu adestrador, recoñecido afín ao réxime de Franco. Acuña acabou viaxando a Brasil e según conta a historia oficiosa e que ten todos os visos de ser certa, foi por que os vascos do equipo nacional de España negáronse a subir ao avión se Acuña non o facía... Contan que xa na concentración Acuña sentaba cos vascos nunha mesa, os cataláns facíanno noutra aparte e nunha terceira estaban o resto...

Eizaguirre xogará o primeiro encontro cos Estados Unidos neste mundial de Brasil, pero non convence e é relagado á suplencia tras encaixar un gol estrano por un mal bote do balón. Cando todos daban por feito á chegada de Acuña á titularidade da porta da selección española, por influenzas e polo poder do Barça na propia Federación Española de Fútbol, Ramallets, que nin de lonxe tiña a calidade e cualidades de O Xanetas e que ía coma terceiro porteiro, foi quen acabaría xogando o resto do torneo.

Na liga seguinte, 1950-1951 Acuña acada o cuarto Trofeo Zamora da súa historia, con 26 goles encaixados en 36 partidos na que o Dépor queda 12º clasificado na liga a piques de voltar a descender.

No campionato de liga 1951-1952 sufríu Acuña unha gran lesión de clavícula ao desviar un disparo de Estruch no estadio Metropolitano (antigo nome do estadio do Atlético de Madrid). Acuña que xogaría GRATIS esta tempada e a seguinte, pois no Dépor non había cartos, non daba curado da lesión e finalmente acudíu a Madrid e se puso nas mans do doctor Garaizábal, que o operou custeándose dita operación o propio gardarredes herculino. A lesión nunca chegou a curar de todo e dende aquela sempre lle deixou secuelas e doenzas, tendo que alternar a titularidade no equipo con Otero, ata o final da súa carreira deportiva, nas tempadas 1952-1953, 1953-1954 e 1954-1955 a da súa retirada definitiva.

Coa chegada de Helenio Herrera ao Dépor no 1953, éste puxo a Juan Acuña a réxime, por que o ve "gordito". Dille o novo adestrador ao Xanetas que á hora do xantar pode comer o que queira, pola tarde un bocadillo de queixo ou xamón e á noite un vaso de leite e dous plátanos... O Xanetas en 22 días adelgazou 8 kilos e recuperou a forma. Helenio Herrera acuñou unha das súas grandes frases célebres, ao dirixirse aos xogadores do Dépor que adestraba para evitar o seu descenso a segunda división na tempada 1952-1953, decíndolles: -repitan conmigo: ¡somos jugadores de primera división y no podemos bajar a segunda!-.

Na tempada 1953-1954 o Depor remata 7º clasificado e ficha a Pahiño e debuta a perla de Luís Suárez. Ao final desa tempada el e Moll, son fichados polo Barça que paga por Suárez 50.000 pesetas. Éste xogador sería vendido anos máis tarde ao Inter de Milán polo propio Barcelona por 25 millóns de pesetas!!! Nesta tempada outro porteiro branquiazul obtén o Trofeo Zamora; o sustituto real de Juan Acuña, Juan Ignacio Otero, (cuio fillo, Vicente Otero Cerveró, xogou conmigo no Sporting Coruñés e fumos grandes compañeiros do equipo de pesca submarina no Clube do Mar de San Amaro, modalidade deportiva que por un tempo compaxinaríamos coa do propio fútbol).

Na tempada 1954-1955, o Dépor repite 7º posto de clasificación e queda invicto en Riazor, onde o xogador do Dépor Bazán marca o gol 500 na historia do clube na primeira división, no partido desputado en Riazor entre o equipo herculino e o Athletic de Bilbao que remataría 1-1, o 21 de novembro do 1954.

Finalmente, o 10 de maio do ano 1955, tras vinte anos de carreira deportiva ininterrumpida no Dépor dos seus amores, e pasando anos na segunda división entre éstos, Juan Acuña decide retirarse aos 32 anos de idade e 230 partidos as súas costas, tras xogar en Riazor un partido contra o Barça, ainda ca lenda negra di que despois dese partido o que aconteceu realmente e que lle chegou unha carta a casa onde se lle comunicaba o seu cese no Deportivo pola directiva do clube, agradecéndolle os servizos prestados. Nin sequera tiveron o valor de comunicarllo á cara como se merecía.

Juan Acuña, O Xanetas, somentes foi superado en número de Trofeos Zamora polos gardamallas culés Ramallets e Víctor Valdés, en diferentes intres da historia deste clube catalán. Foi de feito o propio Ricardo Zamora, alcumado "El Divino", porteiro que dou nome ao trofeo co que se galardoaba ao gardamallas menos batido da liga española de fútbol, o que públicamente outorgou a Acuña o título de ser "su heredero".

Juan Acuña foi un mito dos gardarredes que acadou o cumio do fútbol grazas ás súas enormes cualidades: axilidade e crase baixo palos, moi valente nas súas saídas e en definitiva pola seguridade que transmitía no campo entre os seus compañeiros.

O día 4 de xuño do 1961, celebrouse en Riazor a homenaxe ao gran Juan Acuña, que desputan un equipo ateigado de vellas figuras futbolísticas galegas contra outras do Athletic de Bilbao, que rematará co resultado de 1-4 para os vascos; antes de dar comezo o choque, realiza o saque de honra a filla de Juan Acuña, Carmen Acuña Real. Posteriormente xogaríase outro encontro entre o Dépor e o CD Ourense. Esa mesma xornada á tarde, inaugúrase a nova sede do Sporting Coruñés onde se lle outorga a O Xanetas a insiña de prata do clube. Días despois será o Real Club Deportivo de A Coruña, o que homenaxeará a Juan Acuña coa distinción da insiña de ouro e brilantes da entidade deportiva herculina.

Levaba Acuña alonxado dos terreos de xogo xa oito anos, cando comezará a traballar na refinería coruñesa no 1963 por mediación do entón presidente do Deportivo, Luis Vázquez Pena. Eran outros anos para o fútbol. Acuña que podería ter sido millonario na súa época de ter fichado por equipos de renome que o pretenderon nos seus anos de esplendor e que el mesmo rexeitou, seguramente houbera obtido máis Trofeos Zamora e hoxe sería de lonxe o gardamallas que maior número destos títulos ostentaría, sen dúbida algunha. Grande, inmensamente grande, único e irrepetible, Juan Acuña, O Xanetas.

No ano 1989 o RCD de A Coruña crea o Trofeo Juan Acuña que se desputará nesta I edición entre o equipo herculino e o Real Oviedo, rematando dito partido con empate a un tanto e gañando os asturianos na quenda de penaltis por 5-4. 

Como Acuña foi quén de superar ao Atlético de Madrid, cando éste tentouno coa súa millonaria oferta e non a aceptou por amor ao seu clube de toda a vida; como a pesares de ter sofrido nas súas carnes a decisión do entón presidente fascista da Federación Española de Fútbol, un xeneral do exército posto pola dictadura e ao mesmo tempo simpatizante do Atlético de Madrid, de apartalo dos terreos de xogo na tempada 1949-1950, por ter causado unha lesión ao dianteiro do Valladolid, fortuitamente e ainda así proclamouse ese mesma tempada por terceira vez Trofeo Zamora, quedando o Dépor por vez primeira na súa historia subcampeón de liga, tras haberlle roubado literalmente a liga a propia Federación; como tras deter o tiro de Estruch no vetusto Metropolitano e sofrir unha grave lesión de ombreiro na tempada 1951-1952 que el mesmo se tivo que custear e conseguíu voltar aos terreos de xogo para dar guerra no decurso das tres seguintes e últimas tempadas da súa gran carreira deportiva; como un home, un deportista, unha gran persoa renunciou a unha vida privilexiada, por seguer a xogar no clube da súa vida, da súa cidade, da súa xente...

Acuña é a historia do Dépor. Acuña foi sen dúbida o mellor porteiro da historia do fútbol. O barrio das Atochas- Montealto son unha das capitais do fútbol mundial. Nel naceron e se criaron o protagonista da nosa historia, Juanito Acuña, O Xanetas, o elegante e inigualable Luis Suárez, ÚNICO BALÓN DE OURO DO FÚTBOL ESPAÑOL ata a data; Chacho, (Eduardo González Valiño) que ostenta o récord de goles nun só partido marcados na seleción española, no famoso 13-0 que España endosou a Bulgaria o 21 de maio do 1933, marcando o deportivista 6 tantos nese partido con 22 anos; récord que hoxe ainda segue vixente... Hoxe ten tamén unha estatua que o lembra a carón de Riazor. Xogaría eu tamén co seu neto Richard, no Sporting Coruñés e no equipo de fútbol sala, Pascual.

Na actualidade os tempos trocaron. Asistimos aos éxitos do Súperdépor de Arsenio coa consecución da primeira copa, de facer medrar a ilusión, de acadar o que nos roubaran no decurso de moitos anos. O equipazo de Irureta... A liga, outra copa e tres Supercopas de España e unhas semifinais roubadas de Champions...

Seguemos a sofrir... Tempada 2015-2016. Unha primeira volta na que o equipo semellaba rexurdir das súas cinzas e facía 27 puntos cos que ninguén contaba, pero de novo as pantasmas do propio Dépor e algunhas nefastas decisións arbitrais fan que nestes intres estemos a só sete puntos do descenso, e dos 10 partidos que nos quedan para rematar a liga, 6 deles son contra os 6 primeiros clasificados. O vindeiro "choque" será contra o Atlético de Madrid, ao equipo que Acuña acadou vencer unha e outra vez co seu espírito e afouteza.

O problema do Deportivo actual é que saen ao campo con medo, dubidosos de empatar por 16ª vez esta tempada ou de perder, ou de ofrecer agasallos a todas as dianteiras da liga. A única crenza e a única fe posible está en autoconvencerse de que poden gañar en calquer campo, que poden facelo se atopan o camiño correcto, por que sempre atopan o camiño que non leva a ningures. O gran Lucas, Borges, Cartabria, Mosquera, Bergantiños and Company teñen que saír ao Manzanares a gañar a sentir que son xogadores proletarios que se deixan a pel no campo; nese mesmo campo onde Simeone lles aprendeu aos seus a ser humildes, a sudar e a traballar con enorme mérito e por iso lle ides a gañar coas súas propias armas...!

Recomendaría a algún xogador do Dépor que esta mesma semana, antes de partir a desputar ese importante partido contra o Atlético de Madrid, cara a capital do imperio onde algunha vez non se puxo o sol, que se achegue á estatua de Acuña e que fale con el, cicais O Xanetas, lle dé a crave da victoria nun campo sempre maldito para o deportivismo, por que nada é imposible no fuchibol. O sabemos moi ben os que xogamos a este fermoso deporte.

Crer é poder e os xogadores do Dépor deberían saber que cando xogan un partido o fan con toda unha afeción detrás, a mellor afeción do mundo, representando a cidade de A Coruña que ten o faro máis antigo do mundo en funcionamento, tamén en Montealto por certo, cunhas cores que representan respeto e admiración aló por onde van e pisando a herba que pisen... Por eso lles digo aos xogadores do Dépor que antes de saír ao Calderón: cabeza ergueita, peito enchido, fachendosos de vestir esas cores e aperta comunal... Logo, só queda a consigna antes de saír ao "campo de batalla". Berrádelle aos de Simeone os consellos de Acuña mesturados coas verbas de afouteza que dirían nese intre Scopelli, Scaloni, Turu Flores, Coloccini e Cartabria, fronte a semellante esceario: -¡Simeone... Hoy os vamos a reventar carajo!-

© Fernando Patricio Cortizo 2016

Foto: retrato de Juan Acuña, O Xanetas. Diario Marca, ano 1950.




Ningún comentario:

Publicar un comentario