sábado, 22 de abril de 2017

A áncora do paseo marítimo de Camelle


Lembro que fai dous anos mantiven a primeira conversa en Camelle con Pepe de Lucha. Este home que na actualidade supera xa os oitenta anos e que traballara coma mariñeiro a bordo do Ameixide, o barco do ferro de Agustín Sánchez Alonso, Tío Aghustín, (coma era coñecido na súa vila natal) contárame entre un cento de anécdotas e historias vencelladas cos naufraxios e co despece de barcos que a áncora situada no paseo marítimo de Camelle, (monumento aos náufragos e as empresas de salvamento deste porto) pertencera a un barco afundido na ría de Viveiro do que non lembraba o seu nome e que o propio Tío Agustín despezara xunto aos seus socios, os Boallos de Muxía. Mais os meses pasaban e a pesares de ir entrevistando a outras persoas do mundiño do despece de barcos e aos mariñeiros máis veteranos de Camelle, o paradoiro do barco que portara dita áncora seguíase a resistir…

O pasado 11 de outubro, no acto de inauguración das xornadas culturais, II Conversas Atlánticas, celebradas na vila de Camelle, a AC Naufraxios Galegos organizadora deste evento coa colaboración do Concello de Camariñas, presentou a súa edición en papel do Roteiro Marítimo e Histórico por Camelle. Homenaxe a José Baña Heim, traballo no que ficaron inmortalizados esta áncora, xunto ao escafandro de pedra de Santa Cruz, a Rampla dos Buzos, o Petón dos Ferros e os obxectos de pecios expostos permanentemente no bar O Estanco, correspondentes a un portillo do HMS Serpent e pezas do leme da draga Rosario, constituindo todos eles actualmente, os únicos vestixios materiais dunha esplendorosa época, na que chegaron a traballar no porto de Camelle ata 16 empresas de despece de buques, entre o 1898 e o 1966, convertíndose esta base de salvamento marítimo nunha das máis importantes de Europa, como non nos cansaremos de repetir. 

O punto onde se atopa esta áncora de ferro na actualidade, constitúe a parada nº 11 deste roteiro nun terreo gañado ao mar, estando antigamente fronte a ela a desaparecida Rampa de Lema, no lugar de Os Casales.

Proseguindo coa teima de atopar información sobre esta áncora, e esgotadas xa as fontes en Camelle, trasladeime a Muxía onde lle preguntei ao carteiro desta vila se quedaba alguén aquí da familia dos Boallos, dándome este home unha valiosa información que me serviu para atopar a Chucho dos Boallos. Este home ía facerme dúas descubertas que levaba perseguindo desde facía moito tempo. Era fillo de José Pérez Leis, o cal xunto ao seu irmán Manolo, asociáranse con Tío Agustín de Camelle, para montar unha empresa dedicada ao salvamento e despece de buques. Fora precisamente esta fuxidía empresa, Pérez Leis, a cal xa nomeara Baña Heim na súa imortal obra: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, da que agora sabiamos que era coñecida popularmente co alcume de Os Boallos, pois precisamente esta familia era oriunda da aldea do mesmo nome, situada na estrada que vai de Berdoias a Muxía. Máis avanzada a conversa, pregúntolle a Chucho, se lembraba un barco no que estivera a traballar o seu pai con Agustín pola zona de Viveiro… tras un silenzo, respóstame que el tamén estivera traballando co seu pai a bordo do Ameixide e que o barco polo que lle preguntaba era un mercante de 7.000 toneladas que se partiu á metade na punta Roncadoira, no ano 1951 e do cal estiveron extraendo ferrancho no decurso de máis de dous anos… seu nome seguía sen aparecer.
Aproveitando a oportunidade de poder entrevistar a este home, o cal gardaba na súa memoria detalles espectaculares de toda unha vida dedicada ao despece de buques e, cando xa estaba a piques de rematar a miña visita, transcurrida no interior do taller que  montara o seu pai e onde ainda segue hoxe un neto seu a traballar o ferro e o aceiro, Chucho exclamou: Casteldor! por fin a bombilla iluminábase e lembraba que ese barco fora o que eles despezaran e de onde saíra a áncora que hoxe adorna o paseo marítimo de Camelle, traída a bordo do mesmo Ameixide de Tío Agustín, desde a mesma punta Roncadoira.


Recentemente, os compañeiros do CAS Buceo Viveiro, subiron unhas magníficas fotos deste pecio ao facebook, tras facer nel unha inmersión aproveitando o espectacular clareo das augas, ás cales quixera eu corresponder hoxe con esta pequena historia.

Coma información final, apuntaremos que o cargueiro británico Castledore, tiña 7.176 toneladas de rexistro bruto e que o 28 de xaneiro do 1951 afundíuse na Punta Roncadoira, a carón do peirao de Portocelo, tras quedar sen goberno a varias millas do litoral ata que o vento foino aconchando contra a costa. Non houbo que lamentar vítimas entre os seus 38 tripulantes que foron rescatados na súa totalidade por un pesqueiro galo que os desembarcou no porto de La Rochelle. O Castledore era un cargueiro tipo Liberty, construido nos USA, no 1944. (Puentes Novo 2003:280)

Pregúntome se somos conscientes do noso inmenso patrimonio marítimo, mentres O son do ar de Luar na lubre, asolaga ata os recunchos máis afastados do noso litoral, enfeitizando ribeiras entre as temidas e impenetrabeis brétemas, causantes de centos de naufraxios…

© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Áncora lucindo a ofrenda feita polos nenos e nenas do CEIP Campo da Area de Camelle, aos náufragos deste porto, no acto a súa lembranza, nas II Conversas Atlánticas. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Castledore. http://www.wrecksite.eu/wreck.aspx?86861.

Ningún comentario:

Publicar un comentario