Nunha tarde solleira de principios de
outubro do 2015, tras conducir dúas horas rematada a xornada laboral, arribei a
aldea costeira de Santa Mariña. Alí, no seu porto,
pregunteille a un percebeiro duns 45 anos, quen era a persoa de máis idade da
contorna que tivese ademáis boa memoria. De contado, este amable home deume o
nome de Roberto Brión Mouzo, de 80 anos. Seguindo os datos que me foran
facilitados, aparquei o coche preto da súa casa, atopándome a un home maior
sentado á entrada dun galpón amañando as nasas para o polbo. Éste, advertindo a
presenza dun estrano, díxome: -Ola, quere falar comigho ou con meu fillo?-. Eu
coméntolle que si é mariñeiro, dime que si e entón pídolle que me conte algunha
historia ou algunha anéidota do mar, e el entón me resposta: -¿E eu que lle ei
contar?... Eu nacín o ano que comezou a gherra no 1936… Empesei de rapás ao
mar-. Seu pai fóra natural de Corrubedo e Chegara a Santa Mariña a bordo dunha
dorna pois os deste porto acostumaban a vir traballar a esta zona, no verán.
Despois coñecería a súa nai en Santa Mariña, casou e xa se asentou a vivir
aquí. Conta Roberto: -Eu empesei a ir ao mar co meu pai aos 8 anos. Iamos a
pescar ao rodaballo no areal de Soesto. Despois de pescalos os levábamos a
vender nun sesto á Ponte (A Ponte do Porto) aos médicos por que lles ghustaba
moito… Os de Camelle viñan a traballar aquí á langhosta con barcos pequenos que
tiñan motoriños de ghasolina… Logo amarraban no abeiro natural de Santa Mariña
e voltaban a Camelle andando polo monte. Lembra tamén que …-un fulano de Lira,
(cre) arribou sedo aquí un día de verán fai moitos anos e foise a durmir cunha
señora á noite deixando solo ao seu fillo na dorna… Ao rapaz metíuselle o vento
e a lancha foise mar adentro e uns que andaban ás alghas para botarlle ao
campo, sentiron chorar ao neno que morríu afoghado-.
Chama poderosamente a atención a gran memoria de
Roberto Brión Mouzo. Lémbrase antigamente de cando as embarcacións tiñan que
poñelas por riba das leiras de millo da cala de Ríos, pero a forza do mar era
tal nos temporais que subía os bolos de pedra ás leiras, esnaquizándoas. Entra
na conversa seu fillo Xosé Manuel o cal apunta que seu bisavó paterno que
morríu con cen anos, lembrábase moito do Serpent,
-de cando tiveran que carrexar os corpos dos náufragos británicos en
angharellas- apunta seu pai, Roberto Brión. Á miña pregunta pola historia de O
muíño de Cunchas, lugar onde no decurso de moitas décadas descansara o mascarón
de proa do HMS Serpent, Roberto Brión, respóstame: -o muíño era de todo
o pueblo, non dos Cunchas… Íase a moler cada un na súa vez á noite e si, é onde
tiñan os Cunchas aghachado o
mascarón; vendíuno o Cunchas na época
a un médico de Santiagho. -.
Tamén lembra e conta Roberto, o tristemente famoso
episodio que lle queimou a casa a esta familia ao principio do século XX.
Estaban cocendo no forno da súa vivenda o pan e ao carón do lume había un bidón
seguramente de alcool metílico que este grupo de xente recuperara procedente
dun naufraxio acontecido pola contorna. Ao redor do mesmo, amoreabanse un grupo
de persoas ao calor do lar e entón unha delas, metíu unha tea feita de pallas
no seu interior para ver o que contiña, produzíndose nese intre un estourido
terrible que esnaquizou a casa e matou no acto a sete persoas, ficando outra
que se atopaba preto deles, cunhas feridas gravísimas para o resto da súa vida.
Roberto Brión, cóntanos: -quedou con feridas ghraves un home de nome Federico
ao que nunca lle curaba a ferida e sempre tiña a carne ao aire…-. Apunta seu
fillo, Xosé Manuel que Herminia, unha señora do pobo é a que se lembraba moi
ben deste tráxico suceso. Tamén lembrábanse pai e fillo, doutra traxedia
acontecida a continuación do baixo de A Baladora, concretamente na pedra da
Bargha, onde indo a pescar á vara hai anos morreron varios homes de Santa
Mariña engulidos polo mar. Outros tres falecerían levados polas ondas, por fóra
da mesma Bargha, anos despois, sendo un deles natural de Arou, a poboación
veciña.
Pola memoria áxil e viva de Roberto Brión que coñece
como ninguén o mar e a zona que alviscamos desde a fiestra do seu salón, vaime
nomeando e sinalando os lugares dos principais naufraxios acontecidos a carón
do porto de Santa Mariña… O baixo do
Barcelona, talasonímico que recolle o nome deste buque alemán que se foi
alí a pique, o 25 de xullo do 1898, nun día de brétema mesta que cubría o mar,
por esas datas e que causou varios naufraxios ao longo da Costa da Morte. Hai
outros tantos baixos que tamén foron bautizados na contorna cos nomes dos
barcos afundidos tras petar neles: o baixo do Modesto, ubicado no fatídico Carreiro da Caghada, regueiro
sementado de baixos e pedras que penetran no mar saindo do propio Cabo Veo. É a
tumba do mercante español, Modesto
Fuentes, embarrancando alí o 20 de xullo do 1930. Deste naufraxio contounme
en Camelle Manolo da Canle, a historia de cómo apareceron seus tripulantes
cantando nos botes; o baixo do Rivadavia,
onde perdíuse fronte á Punta Capelo, tamén pola brétema, este vapor mercante
francés, o 20 de agosto do 1880; existe na memoria popular outra víctima do
Capelo, perdido na noite dos tempos e do que somentes se lembra xa a pegada que
deixou seu alcume nas pedras que ficaron desde entón bautizadas como As Cadenas; o baixo do María Laar, buque grego de 7.500
toneladas que o 7 de novembro do 1950 perdíuse para sempre a carón da Pedra do
Sal, conta Roberto Brión: -quedou o barco entre ésta e o baixo de terra subido
enriba de ambas facendo coma un puente, e antes de que chegharan os
carabineiros xa estaba a bordo Petrallo curtando a campá do barco!-. Contárame
Santa Cruz, na entrevista que lle fixera na súa casa de A Coruña, no mes de
outubro de 2014 que cando subiron a bordo do navío atoparon que a roda do leme viña
amarrada á súa caña, o que pode dar indicios da intencionalidade de facelo
afundir na costa, polo seu capitán.
Moitos barriles de viño saíran a frote cando un
submarino alemán botara a pique por fóra da Caghada o Cabo Verde Antes, os alemáns déranlle permiso aos pescadores que estaban
pola contorna a subir ao barco e coller o que atoparan antes de botalo a
pique. Logo, unha vez desaloxados os
mariñeiros, subiron os alemáns a bordo e mataron un becerro e puxéronno en
anacos envoltos en sabas, xunto con outros víveres que atoparon e que levaron
para o submarino. Tras colocar as cargas magnéticas temporizadas, avisaron aos
mariñeiros para que se alonxaran. Nun intre o barco estourou e foise a pique,
saindo un feixe de peixe á superficie. Desde entón, o pecio de 8.000 toneladas do
buque portugués, Cabo Verde que foi
botado a pique o 12 de xullo do 1917 é unha boa posta de fanecas e de abadexos.
Cóntase, que a mercadoría máis buscada na época polas
ribeiras desta contorna, a constituían os fardos de gomas que
supostamente procedían do cargamento que portaba a bordo o Cabo Verde, ainda que non é descartable que procedesen doutro navío
botado a pique polos submarinos alemáns, en calquera das dúas grandes contendas
bélicas mundiais, pola zona. Ditos fardos estaban compostos por un feixe de
follas de goma que viñan pegados uns a outros e había que afastalas con auga e
un coitelo, con moito coidado…
Roberto Brión facendo gala da súa gran memoria nomea
outro lugar descoñecido: o Porto do Aceite, ubicado por terra do Carreiro da
Caghada, ollando cara a Enseada de Trece, por onde foise a pique o Perrenchíns (Perranchies, realmente) no século XIX, que ía cargado de sacos de
Zinc, según lle dixo Petrallo a seu pai, José Brión Ajeitos...
Soa o comezo demoledor e solemne de Sacred Heart de DIO, ao vivo… Coas primeiras palabras de Ronnie,
fico durmido sobre ondas de lendas mareiras transportado a outros tempos.
© Fernando Patricio Cortizo 2017
Foto: aérea do porto de Santa Mariña. www.eltiempo.es/playa-de-santa-marina-camarinas.html
Foto: Abeiro vikingo. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: mascarón de proa do HMS Serpent. culturmar.org/files/images/barbudo.jpg
Foto: María Laar, embarrancado na Pedra do Sal. (Baña Heim, J. 1980:65).
Foto: Réquiem polos durmintes mariños. Fernando Patricio Cortizo.
Justoume muito esa historia,
ResponderEliminarSaludos desde Suiza
Hola son Manolo fillo do Finado do Rancheiro e da Finada de Dorinda de Arou nacin no 19:08:1962 é teño 62 anos gustoume moito esa publificación gracias por publicala un abrazo desde Suiza
ResponderEliminar