No ano 1844, inaugúrase en París
a gran Exposición Industrial Francesa que entre outras autoridades, vai ser
visitada polo príncipe Alberto, esposo da raíña Victoria de Inglaterra. Entre a
comitiva real, está o deseñador británico Henry Cole o cal faille ver ao propio príncipe a importancia de celebrar un evento
semellante en Londres, a capital do Imperio Británico. Este precedente
histórico, remataría coa celebración da primeira Exposición Universal no ano
1851, en Londres, para a cal os británicos construiron ex profeso, o fermoso edificio The
Cristal Palace, no londinense Hyde Park.
Catro anos despois, en concreto,
o 15 de maio do 1855, inaugurábase a gran Exposición Universal de París, evento
internacional de moita relevancia baixo
o título de: Exposition Universelle des produits de l'Agriculture, de
l'Industrie et des Beaux-Arts de Paris 1855 (Exposición Universal de los productos de la agricultura, de la
industria y las bellas artes de París 1855) a cal estaría aberta ao
público ata o 15 de novembro do mesmo ano. Era a segunda edición dunha Exposición
Universal, ésta celebrada na capital do imperio francés, París (capital gala
que repetiría edición, no 1889 construíndose para a ocasión a famosa Torre
Eiffel) sendo organizada polo recén establecido goberno do emperador Napoléon III o cal tentou para a ocasión, superar aos británicos (anfitrións da edición
anterior) erguendo un edificio inaugurado para dito evento: o Palais de l'Industrie (Palacio de la industria),
acadando que as exhibicións artísticas e industriais fosen posteriormente consideradas
pola crítica internacional, superiores ás da Exposición Universal británica,
celebrada catro anos antes.
Feita esta pequena introducción
histórica, podemos dicir agora que foi precisamente, nesta Exposición Universal
de París do 1855, onde o francés Joseph-Martin Cabirol, obtivo a medalla de
prata da mesma ao presentar un revolucionario e integral equipo de buzo que
constaba dun traxe impermeable de lona cauchutada e un innovador escafandro provisto de catro claraboias, á cal ía soldada
unha válvula manual de regulación de aire, un dispositivo que facía gañar moita
seguridade ao propio buzo.
Seis anos despois, os tamén
galos, Benoit Rouquayol e Auguiste Denayrouze, inventan o aeróforo, un trebello semiautónomo para dar aire aos buzos. Éste
tamén se alimenta dunha mangueira de aire que procede da superficie pero
comprímese a 30 atmósferas nun depósito que os propios mergulladores levan
amarrado con correias ao seu lombo, e este á súa vez, pasa a unha válvula que
fai as veces de regulador de presión o cal funciona según a demanda de aire que
requira o buzo a través dunha boquilla que por vez primeira, este introduce na
súa boca. Unha excelente representación deste invento a temos na parte baixa do
parque do Pasatempo de Betanzos, tristemente abandoado e que no seu tempo foi o
primeiro parque temático de Europa, un espazo marabilloso e preciosista, deixado
esmorecer pola ignominia do home.

Eu descubrín por vez primeira,
aos oito anos de idade, estos antigos escafandros de buzos, na inmortal e
fantástica novela: Vingt mille lieues sous
les mers (20.000 leguas baixo o mar),
do visionario e universal escritor francés, Jules Verne, o cal seguramente,
valíuse dos deseños dos seus paisanos Cabirol, Rouquayol e Denayrouze, para
describir e ilustrar a súa marabillosa obra editada no 1869, onde nela, os
buzos do mítico Nautilus capitaneados
por Nemo, chegaron a descender aos fondos da ría de Vigo para “aprovisionarse”
do ouro e da prata que portaba a Frota da Prata española, afundida alí. Esa foi
a primeira nova que anos despois me levaría realmente a descobrir que na Badía
de Rande, o 23 de outubro do 1702, acontecería a mundialmente famosa batalla naval
que enfrentou a unha frota aliada francoespañola, contra unha inimiga
angloholandesa.

Moi pouco seguemos a saber hoxe
do que foi a época dos grandes buzos de escafandro galegos, que agás os
formados na Escuela de Buceo da Armada española en Ferrol, o resto deles, aventuráronse
nun medio que descoñecían por completo no que ademáis desenrolaban unha
ocupación profesional ateigada de perigos cunha elevada tasa de mortalidade
laboral. Na meirande parte dos casos, era total o descoñecemento das táboas de
descomprensión necesarias para facer as debidas paradas antes de ascender á
superficie, o que provocaba que seus corpos se enchesen de burbullas de
nitróxeno baixo a pel, pola rapidez coa que ascendían. Ditas burbullas,
formabanse especialmente ao longo da columna vertebral e nos pes, téndolles que
aplicar fregas de alcohol unha vez estaban fora da auga ata facerllas
desaparecer; operación esta que tenme contado Pocholo Santa Cruz, (un dos
protagonistas deste artigo) que lles aplicaba aos seus buzos sobre a cuberta do
España, o barco do ferro de seu pai, José
Santa Cruz López, que foi un dos pioneiros das empresas de despece de buques na
península ibérica.
A propia metodoloxía que
empregaban ditos buzos no seu oficio baixo as augas, case sempre en solitario,
resumíase prácticamente no estandarizado número de veces que tiraban do cabo
guía amarrado ao seu cinto do cal termaba permanentemente un mariñeiro desde a
cuberta do barco, mentres que outros dous viraban a roda do compresor para
enviar aire á mangueira que saía deste, desde a cuberta do barco ata o escafandro do buzo. Dito código de tiróns, previamente establecido entre buzo e
mariñeiros, podía significar entre
outros: arrear máis mangueira, recollela, izado do buzo, izado de carga, auxilio
e en moitos casos, por desgraza, ningún… a morte.
A primixenia xeración de buzos de
escafandro galegos, podemos afirmar sen erro a trabucarnos, que foron homes
afoutos e autodidactas que a base das súas propias experienzas e de esforzo
persoal sacaron ás súas familias adiante, con sacrificios que moitas veces por
desgraza, remataban en traxedia. Mergullabanse e traballaban estos buzos nos diversos
fondos cambiantes e perigosos das frías e sempre difíciles augas do Atlántico e
do Cantábrico galego, embutidos naquel aparatoso equipo que ás veces superaba
os 100 kg
de peso que constaba dun mono de lona recauchutada flexible e impermeable, sobre
os que penduraban dous escapularios de chumbo, un no peito e outro no lombo cun
peso de entre 15 e 20 kg
cada un; os zocos de chumbo cun peso de entre12 e 15 kg cada un, de onde
nacería a famosa frase “de andar con pes de chumbo”; cubrían as súas cabezas cos
románticos, aparatosos e pesados escafandros que acadaban un peso de entre 10 e
20 kg
según o modelo e o metal co que estaban confecioados (principalmente bronce e
latón, pero tamén se fixeron de latón e cobre e de bronce e
chumbo) e que estaban compostos de dúas pezas que encaixaban entre si: o peto
do escafandro que pasábase pola cabeza e descansaba sobre os ombreiros, o cal
uníase ao traxe por medio dun axuste hermético a unha arandela metálica da que este
ía provisto; a esfera de visión que se axustaba ao pescozo do peto e en cuxo
interior aloxábase a testa do buzo. Dita esfera, tiña unha claraboia na parte
frontal que se colocaba e se sacaba por medio de dúas chaves que se accionaban
desde o exterior, completando a visión baixo o auga, dous buracos que se
situaban á ambos lados da cabeza, e que estaban cubertos dun groso cristal con reixa de bronce para protexelos dos golpes e que tiñan a función de permitir a
visión lateral. A esfera ou casco que compoñían no seu conxunto o antigo escafandro de buzo, levaba dúas comunicacións esenciais: a entrada da mangueira do aire limpo que desde
o exterior facíase chegar ao buzo por medio da bomba de compresión (trebello
compresor Siebe Gorman & Co) e que tamén regulaba no interior do propio escafandro a presión do aire en función da profundidade á que o operario traballaba, e a
saída de aire viciado cheo de CO2.

Foron por unha parte, a
deficiente administración de oxíxeno aos buzos en función á profundidade na que
se atopaban traballando, e por outra, as rápidas ascensións á superficie destos
sen facer as debidas e obrigadas paradas de descomprensión, motivos que
causaron non poucas mortes neste antigo oficio ao longo da historia, como vimos
reiterando. Tráxico exemplo do que conto, é a propia experienza vivida polo buzo
de Ribeira, José Teira, O Cabalán. Cando este aínda era un neno, o seu avó, primeiro buzo da estirpe familiar, fixo un rápido
ascenso á superficie portando uns obxetos de valor atopados nun pecio, nos
baixos de Corrubedo…”La ignorancia a
veces, la osadía otras, hacía desgracias irreversibles como la que malvivió el
abuelo el resto de sus días: aquellos calambres en sus miembros inferiores le
tulleron de por vida y su figura, arrimada para él, apoyada para los demás a
sus muletas, fueron la constante imagen de mi recuerdo.”… “Había sido una
inmersión demasiado cara. Pero valió la pena haberla realizado: dos piernas
contra seis bocas que alimentar era un bagaje positivo.” Anos despois, Pepe
Teira (o 3º buzo da familia despois de seu avó e de seu pai) traballando xa
para a Armada española no litoral catalán e destinado a bordo do remolcador R.R. – 18, describiranos a arrepiante
morte de dous buzos compañeiros seus, cando fronte ao pobo costeiro de Malgrá,
tentaban por a flote o barco correo, Ciudad
de Barcelona, traballando por parellas a 35 metros de profundidade…
“Arriba, la escena no se me olvidará más.
Menéndez y Molina están destrozados por la presión. Al quedarse sin aire, la
presión del agua los ha aprisionado de tal modo que se hace difícil quitarles
la escafandra. Tienen totalmente la cara pegada al borde interno de la
escafandra. Una masa de carne y sangre se esparce por todo el casco.” Parágrafos
textuais recolleitos do libro biográfico de José Teira: Gárgolas de muerte, escrito e publicado polo médico, Juan M. Mayán
Santos, no 1986, nas súas páxinas 14 e 38, respectivamente.
Pepe Teira crearía unha das
empresas de salvamento marítimo e de despece de barcos, máis importantes non só
da historia de Galiza, se non de toda a península ibérica. Tiven a sorte e
entrevistalo na súa Ribeira natal en marzo de 2003, e o resultado deste
traballo foi publicado no meu libro: Historia
da costa galega e os seus naufraxios. Século XX, editado por Edicións Xerais
no 2004, no capítulo titulado: Xosé Teira,
unha lenda viva baixo as augas, pp 296-300.

Estamos a falar logo, dos buzos
que comezaron a mergullarse no último cuarto do século XIX, para construir as
primeiras grandes estructuras portuarias galegas, colocando os pilotes dos
peiraos de ferro de A Coruña (1870) Vigo e Vilagarcía de Arousa (1893) e tamén,
como non, dos mesmos buzos que comezan a descender ás ducias de pecios que xa
“acougaban” no fondo do mar galaico, desde o apoxeo da revolución industrial en
Inglaterra, (do 1830 a
1840) onde se comeza a instalar a máquina de vapor a bordo dos barcos, sendo esta nación a meirande potencia naval de Europa na época, á que pertencían por
certo as ¾ partes dos grandes barcos que surcaban a costa galega, nese intre da
historia. Moitos desos naufraxios acontecían en lugares illados da Costa da
Morte, que non contaban con ningún tipo de infraestructura, xa fose no concerninte
á sinalización marítima, (o primeiro faro que se ergueu neste perigoso litoral
foi o do Cabo Fisterra, no verán do 1853) ou á inexistencia dunha primitiva
estrada pola que poidese moverse algún medio de transporte… todo quedaba
reducido a cobrir por estreitas corredoiras a pé ou montado a lombos dalgunha
besta, as distancias desde estes puntos afastados na costa até as principais
vilas a onde levar en persoa as novas dun novo naufraxio, dando parte sempre á
autoridade local, e ás veces se existían, á Ayudantía de Marina, a algún
consignatario de buques ou algún axente consular.
Moitos destos barcos perdidos na
noite dos tempos, serían descubertos polos mariñeiros deste litoral, ben ao
iren a levantar seus aparellos, pois estes viñan oxidados ou reventados polos
cortes das pranchas de ferro dos pecios, ou ben polo emprego que estes facían
do espello (caixón de madeira con asas que ten na súa base un cristal) ou
espallando pola tona da auga aceite de sardiña, o famoso saín. En ambos os
dous casos, os mariñeiros eran quen de ollar o fondo do mar se as augas tiñan
a suficiente claridade, sendo moito máis efectivo obviamente o emprego do
espello para este mester. Ambos os dous métodos servíanlles para capturar
centolas, axudados dun raño curvo provisto dunha longa vara, e grandes peixes,
axudándose do francado, que era un pau longo que remataba nunha fisga de tres,
cinco ou seis puntas de ferro, co que os arponeaban. Noutras ocasións serían os
propios buzos, os que descendendo aos restos dun naufraxio recente, atopaban
baixo ese mesmo barco ou nos seus arredores, restos doutros navíos afundidos
anteriormente e descoñecidos, como no caso que me contou Paco de Bajeras de Camelle, (rana e neto do pioneiro buzo camellán,
O Praghiño) sobre o perigosísimo baixo
de O Farelo ou Ghalluda, que está na tona da auga con pleamar, nas coordenadas 43º 03.21 N,
09º 18.66 W, exactamente a 0,58
millas ao W do Cabo Touriñán, onde seus fondos están
cubertos dun bo número de pecios descansando uns sobre outros, quilla sobre
quilla, ata os 45 metros
de profundidade…
Os centos de sinistros marítimos
acontecidos na costa galega, desde mediados do século XIX ata a década dos
sesenta do século XX, especialmente desde os baixos de Baldaio aos de
Corrubedo, vai xerar unha incipiente actividade para as empresas de salvamento,
no referido ao auxilio, acubillo e repatriación dos seus respectivos náufragos,
así como o gran negocio do propio despece e recuperación da carga dos
navíos perdidos por estas illadas e bravas latitudes atlánticas. A figura do
buzo convertirase nunha peza clave e imprescindible para este negocio, medrando
exponencialmente os seus salarios, feito que lle vai permitir a algúns deles
xubilarse tras ter traballado por espazo de vinte anos… algo impensable na
época.
Esta demanda de buzos e o
atractivo dos seus emolumentos na época, obrigaría involuntariamente nalgún
intre, a dar o paso a quen non tiña ningunha experiencia no oficio como xa
indicamos anteriormente, nun litoral ateigado de historias arrepiantes sobre
naufraxios e tamén sobre salvamentos heroicos efectuados polos propios
mariñeiros e veciños destes pobos costeiros. A chatarra, o ferrancho e o cargamento que
portaban a bordo estos barcos afundidos, era un beneficio moi grande para as
empresas de salvamento que nutriríanse da man de obra da propia veciñanza
destas afastadas e illadas vilas costeiras, onde as opcións para sobrevivir a
diario reducíanse ao que se podía obter da pesca e do marisqueo e dos escasos
recursos que daba a terra. Ata ben entrado o século XX, non foi posible gañarse
a vida con ditas ocupacións… está ben lembralo.
Pero se houbo dúas vilas na costa
galega que sobresaíron por riba das demáis, aportando un bo número de buzos
para as puxantes empresas de salvamento, esas foron Lira e Camelle, ambas as
dúas situadas xeográficamente na Costa da Morte. Da poboación carnotá nacerían
as familas de buzos: Dosil Portela, Maceira Dosil, Lago Dosil, Lago Louro, Lago
Senande e Oliveira Lago (estos últimos alcumados en Corcubión, Os Lirachos), e en Camelle, os pioneiros buzos de escafandro, serían: Manuel Sánchez Carril, O Ruchelo; Crisanto Devesa; Manuel Tajes Sánchez, O Praghiño; Agustín Sánchez Alonso, Tío Aghustín; Pepe de Moreno, Manolo do Conde, e José Sánchez López, Petrallo. (As empresas de salvamento na Costa da Morte. Patricio Cortizo, Fernando. Inédito).
Precisamente, coa familia de
buzos Dosil de Lira, comeza esta historia…
Téñolles que confesar que
descubrín o meu primeiro escafandro de pedra, aló polo mes de febreiro do ano
2003, cando pasei na fermosa vila de Lira unha estadía dunha semana, nas miñas
vacacións de inverno, limpando o litoral de Ardeleiro da marea negra máis
importante que un petroleiro causara en Europa: a do obsoleto Prestige. Nunha das noites que
paseabamos un grupiño de xente a carón da Ermida dos Remedios para baixar a
cea, descubrín nunha casa que estaba a súa esquerda, algo que sobresaía da
fachada. Achegueime canto puiden á beira da estrada e vin o que semellaba un escafandro de buzo, dato que confirmei na seguinte xornada coa luz do día.
Estaba perfectamente talado en pedra e tiña no seu peto a inscripción: Dosil
1970. Estaba no primeiro andar dunha casa de pedra, nunha columna que separaba
dúas ventás. Ao carón desta casa había un galpón cun cartel onde tamén había
debuxada un escafandro de buzo, nun cartaz que anunciaba: Ferretería Dosil.
No decurso desa semana nós
ceabamos no restaurante
A Xouba, no
centro de Lira, onde nos trataron como se fosemos os seus fillos. Este local de
hostelaría convertiríase ao longo dos anos nun gran museo marítimo onde se
poden admirar na actualidade, desde maquetas de barcos, a fotografías e obxectos
procedentes do despece de barcos que ao longo da vida foi recompilando Antonio
Xoubanova Yermo, mariño mercante natural de Corcubión, cuxo pai fora buzo, adicándose este por un tempo ao despece de barcos nesta vila, asociado co
Verde, o tamén buzo e familiar seu, José Yermo Mandallo, do cal herdou o oficio
seu fillo, José Yermo Trillo. Deste último existen fermosas fotografías expostas
no acolledor restaurante A Xouba de
Lira, rexentado por Antonio Xoubanoba e súa muller, Maritina Dosil, que tamén
se ocupan da pensión Casa Dosil, ubicada no primeiro e segundo andar do mesmo
edificio. Ata fai pouco, entre as alfaias que se poden admirar neste fermoso local,
ao mesmo tempo que degustas as súas exquisitas viandas nun ambiente mariñeiro,
estaba un compresor para buzos coa súa estructura de madeira e roda de latón que
ainda se conserva intacto e que foi recentemente trasladado a Cee, á casa de
Jose Antonio Yermo, fillo do
Verde e primo
de Antonio Xoubanova Yermo.
Teño que confesar que desde que
pasei a miña primeira estadía en Lira, onde coñecín o restaurante A Xouba, segue a ser este local un lugar
ao que me achego tanto como mo permite meu tempo libre e a disposición da familia,
onde sempre que acudimos sóos ou con amigos, nunca falla a boa mesa cos
mellores produtos do mar e o seu excelente ambiente sementado polos seus donos,
tendo ademáis a opción de alugar unha boa habitación onde descansar, tras
desfrutar da paradisíaca praia de Xasebe…
E foi alí, no restaurante A Xouba, onde finalmente Maritina Dosil informoume,
que a casa que tiña o escafandro de pedra na súa fachada e do que falaba ao
comezo pertencía ao buzo José Dosil, home a quen eu faría unha entrevista anos despois
na súa propia vivenda, para sair publicada esta xunto á que lle faría tamén ao buzo
e parente seu, Domingo Dosil, na miña recente publicación: Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899, no capítulo
que leva por título: Desguazadores de pecios,
pp. 204-209, publicada por Ediciones Cartamar, no 2016.

No 2015, ano do nacemento da
Asociación Cultural Naufraxios Galegos e da súa páxina de facebook na
internete, unha das persoas que máis participaba nela subindo fotos e
comentarios da época referentes ao despece de buques, era Carlos San Claudio
Santa Cruz, actualmente herdeiro das concesións de pecios na costa galega do
seu finado tío, José Luis Santa Cruz Rojo. Foi precisamente Carlos, quen nos
puso en aviso que nunha casa da vila de Camelle existía un escudo de pedra que
tiña talado un escafandro de buzo que coroaba unha roda de leme, a cal no seu
interior, contiña a inicial S e unha cruz, que simbolizaban o apelido composto, Santa Cruz. Esa casa coñecida
hoxe como a de María de Traba, fronte a farmacia de
Camelle, foi propiedade de José Luis Santa Cruz Rojo, Pocholo Santa Cruz, fillo do pioneiro chatarreiro coruñés José
Santa Cruz López, quen xa comezara a traballar pola Costa da Morte, e
especialmente desde a súa base de Camelle, porto onde posuía un almacén de
salvamento a principios do século XX, despezando navíos afundidos na zona co
seu barco de ferro, España. Pocholo
Santa Cruz herdou a empresa do seu pai e seguiu a traballar despezando barcos
na Costa de Morte, entre outros lugares do mundo, co novo remolcador de
salvamento Finisterre, establecéndose
precisamente a vivir coa súa familia na casa arriba nomeada, na vila de Camelle,
no decurso da década dos cincuenta e dos sesenta do século pasado. De aí a existencia
dese fermoso escudo do escafandro de pedra, na fachada do inmoble antes descrito.
Para miña sorpresa, cando se realizou o 10 de outubro de 2015
a I edición do Roteiro
marítimo e histórico por Camelle. Homenaxe a José Baña Heim, elaborado e
organizado pola nosa AC Naufraxios Galegos, numerosos veciños do propio Camelle
que acudiron a facer o percorrido entre o nutrido grupo de xente que se deu
cita esa xornada, non coñecían a historia e nunca se decataran que na fachada
da vivenda de María de Traba, existía un escudo de pedra dun escafandro de buzo
que sinalaba a que fora antiga vivenda da familia dun chatarreiro, ben coñecido
no lugar…
Foi precisamente Pocholo Santa Cruz, o último habitante desta casa xunto á súa familia o que me narrou unha historia ben abraiante e que reproduzo aquí, pois ten vencello co patrimonio marítimo de Camelle. Lelo e Virxilio, eran dous homes
de Arou que traballaran para Pocholo Santa Cruz, vixiando a mercadoría e pertrechos que
éste gardaba no almacén de salvamento de Camelle. Unha noite, estando ambos os
dous durmindo nos seus catres, comezaron a sentir uns ruidos estranos… unha
especie de pequenos estouridos. De contado, cunhas candeas dirixíronse ata o
fondo do almacén e revisaron recuncho por recuncho, pero non viron nin voltaron
a escoitaren máis nada.
Ao día seguinte e de novo á
noite, Lelo e Virxilio descansaban xa nos seus camastros, no interior da
estación de salvamento, cando de súpeto, voltaron a sentir os estranos ruidos
que escoitaran onte. Realizaron a mesma operación que no día anterior:
percorreron cada recuncho do almacén, pero nin viron nin voltaron a escoitar
nada fóra do normal.
Os dous vixiantes do almacén de
salvamento, ían a vivir a terceira noite no interior deste inmoble, cando se
lles ocurreu antes de se deitar, dar unha volta coas súas candeas por todos os
recunchos do almacén…non viron nin sentiron nada. Botáronse a durmir e cando a
madrugada ía avanzada, comezaron a sentirse uns ruidos secos e fortes, uns tras
os outros e que se repetiron no decurso dun bo anaco que remataron por erguer alporizados
dos seus catres a Lelo e a Virxilio que sen comprobar de onde procedían, saíron
escopeteados do almacén de salvamento.
Ao día seguinte comentáronlle o feito
a Pocholo Santa Cruz, que non lle deu máis importancia ao caso, contratando a un novo
vixiante que sustituira á parexa que marchara. Cando este home estaba a durmir no seu catre no interior do almacén,
comezaron os sons estranos dos que lle falaran, un tras outro, unha serie de
pequenos estouridos que remataron por minar a moral deste terceiro vixiante,
pois na súa cabeza xa rondaba a historia que escoitara polo día nas tabernas de Camelle, e que se extendera coma un regueiro de pólvora pola vila, pois xa se encargaran de espallala Lelo e
Virxilio: no almacén de salvamento había unha pantasma.
O terceiro vixiante contratado
por Santa Cruz, tras comentarlle o acontecido a noite anterior ao seu patrón,
declinou seguir traballando no almacén e a Pocholo non lle quedou outro remedio
que ser el mesmo o que pasara a seguinte noite na estación de salvamento. Durmía Pocholo placenteramente, cando de súpeto voltaron os ruidos
dos que lle falaran os seus tres vixiantes. Máis a Pocholo o son, facíaselle
familiar. Colleu unha lanterna e foi percorrendo os recunchos do almacén guiado
polos sons secos que escoitaba e polo arrecendo a acidez no ambiente. De súpeto
un pofff! veu acompañado dun pequeno golpe na súa fronte, alumeou ao
chan e alí veu un tapón de corcho abaneándose...acababa de atopar á pantasma
que causaba os misteriosos sons no almacén de salvamento de Camelle! Eran unhas botellas de
champaña estibadas nas súas caixas de madeira que tras seren rescatadas do casco
asolagado do barco grego Maria Laar,
que embarrancara no ano 1950 na pedra do Sal, en Santa Mariña, o salitre fixo
que empodreceran os alames que suxeitaban o tapón de corcho ao pescozo de vidro
da botella e axudado este polo efecto do troco de presión, facía que estes saisen disparados,
provocando o ruido que tanto medo meteu no corpo aos tres vixiantes.
O noso patrimonio marítimo é inmensurable…
a historia sempre está agardando por nós. Descubrir, divulgar, preservar…
Pérdome na inmensidade oceánica
no interior do meu batiscafo imaxinario, alumeado pola luminiscencia dos seres
abisais e adormezo co movemento dos peixes, mentres a miña cadeira biónica
deita meu lombo, erguendo meus pes… soa Beneath
the shining water, dos galeses Dare.
© Fernando Patricio Cortizo 2017
Foto: Dous escanfandros de pedra. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Buzo co trebello de buceo Rouquayrol-Denayrouze. Parque de
O Pasatempo, Betanzos. Fernando Patricio Cortizo.
Ilustración: 20.000 leguas de viaxe submnarino. Ilustrador descoñecido para a novela de Jules Verne.
Foto: traxe completo de buzo de escafandro. José Antonio Yermo.
Foto: Pepe Teira e Fernando Patricio no porto de Ribeira no 2003. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Escafandro, retrato e zocos de buzo de José M. Dosil Portela. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Interior do restaurante A Xouba de Lira. Turgalicia.
Foto: Restaurante A Xouba e Pensión Casa Dosil, en Lira. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: Casa de María da Traba, en Camelle. Beatriz Maroño.