domingo, 10 de marzo de 2019

Viaxando entre arquivos… Reina Regente, in memoriam.


Levaba dous anos traballando de noite. Según chegaba a casa dábame a repoñedora ducha de rigor, almorzaba e sen descanso, camiñaba dende o meu domicilio ubicado ao comezo da Carretera de Castilla ata o solleiro inmoble da Auditoría Marítima del Cantábrico, ubicado nunha das miñas zonas preferidas da cidade de Ferrol. Ao franquear a súa impoñente porta, atendíame unha muller con uniforme militar que me pedía as miñas credenciais, para a continuación, pasar á unha pequena sala que fedía a humidade, onde estaba a alfaia que cribei no decurso deses dous anos: un gran archivador metálico de cor gris con varias alturas de caixóns. Alí estaban centos de expedientes da Armada, clasificados en fichas furadas por dous eixos de aceiro (como antigamente se facía nas bibliotecas para atopar unha referenza bibliográfica) os cales se amoreaban ás veces sen moito xeito e cunha numeración que Ramón, seu funcionario civil, axudoume en numerosas ocasións a descifrar. Coa referenza atopada, baixabamos a unha gran sala, onde se gardaban os expedientes con todos e cada un dos seus documentos metidos entre dúas tapas duras de cartón cor turquesa, xa comido polo paso do tempo que se unían grazas a unhas cintas de lazo vermello que unha vez anudadas, evitaban que os valiosos e antigos papeis se esparexeran polo chan.

Quedabanme poucos meses para rematar o meu traballo, Historia da costa galega e os seus naufraxios. SXX. Lembro que unha mañá que visitaba como tantas outras o edificio da AMC a comezos do mes de febreiro do 2003, escoitei unha voz alporizada que me resultou familiar. Ao entrar nunha pequena estancia atopeime con Ramón e a persoa que lle falaba era Bernardo Máiz Vázquez, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor en Historia contemporánea pola Universidade de Zaragoza e catedrático de Instituto na cidade Departamental, natural de O Seixo (Mugardos). Bernardo era un excelente orador, divulgador e gran coñecedor da historia marítima de Ferrolterra, especialmente á que abrangue as lanchas de pasaxe e os tristes episodios de detencións, torturas e fusilamentos no decurso da Guerra Civil española e na súa posguerra, a persoas de esquerda polo exército golpista do bando nacional. De ambos temas, ten Bernardo excelentes traballos publicados. Era coñecido polos seus alumnos do instituto de bacharelato ferrolán de O Masculino, co alcume de Barbarroja. Souben despois que o señor Máiz Vázquez elevaba á voz, por mor a que anexa á sala onde el investigaba, estaba o despacho dun Capitán de Fragata que seguía a vivir na ditadura franquista e que “custodaba arquivos públicos” gardados no seu armario persoal. Bernardo enterouse e esixíulle a Ramón ter acceso aos mesmos e éste non tivo máis remedio que transmitirllo ao mando da Armada. Entre os arquivos que foran sacados da sala de expedientes por éste militar, estaba o do Mar Cantábrico, un buque fletado pola República española no mes de febreiro do 1937, que navegaba na viaxe de volta dende Veracruz rumbo ao porto de Santander, con cargamento de armas destinado ao exército republicano, grazas á axuda prestada polo Xeneral, Lázaro Cárdenas del Río, presidente mexicano da época. O Mar Cantábrico non podería levar a cabo a súa misión pois foi interceptado e capturado polo crucero Canarias unhas millas antes de chegar ao seu destino. Bernardo aconselloume pedirlle dita documentación ao Capitán de Fragata, pero agardei ao día seguinte para facelo. Cando franqueei a porta do despacho deste mando da Armada, semellaba estar nunha pequena sala da exaltación de símbolos do antigo réximen. Mentres ollaba de pé ao meu redor, agardando a que me entregara o devandito expediente, ergueu a ollada da mesa, fitoume e xogando cunha pluma entre os seus dedos, díxome unha frase que xamais se me esquecerá mentras viva: “el mejor archivo que le puede ofrecer la Armada a alguien como usted, es el archivo quemado.”

Foi nas vacacións do inverno do 2003, cando rematei e entreguei finalmente meu traballo a Edicións Xerais de Galicia, ubicada na rúa Doctor Marañón, na cidade de Vigo. Ao día seguinte subinme a un tren na estación de San Cristóbal que me levaría dende A Coruña a Madrid, cidade ésta última onde tería que facer un transbordo á velocidade da luz na mesma estación de Chamartín, para subirme a un segundo tren que dende a capital de España saía rumbo a Andalucía. Meu obxetivo era chegar á localidade de Viso del Marqués, (Ciudad Real) para visitar o inmenso Arquivo General de Marina Álvaro de Bazán, o AGMAB, que conten 50.000 legajos, correspondendo a metade deles á Zona Marítima do Cantábrico a cal abrangue dende a desembocadura do río Bidasoa ata a desembocadura do río Miño, que polo entón tiña a súa sede e Almirantado, na cidade de Ferrol. O transporte ía ateigado de sudamericanos que ían á procura do seu sustento e o das súas familias aos campos e aos invernadoiros de Al – andalus. Era preto da unha da madrugada, cando os dous policías nacionais de paisano que me convidaran horas antes a sentarme na súa cabina, me espertaban para avisarme que o tren acababa de deterse na estación de Almuradiel. Despedinme deles ainda medio durmido descendín o escalón do tren para pisar terra castelá manchega. A vella estación tiña o seu cartel de madeira caido e pendurado só por unha cadea, penetrei no seu edificio coa única luz que reflectían unhas farolas do outro lado da rúa… foi como entrar nunha oficiña dos anos cincuenta do pasado século, onde perfectamente colocados estaban os mobles, quinqués e ata unha máquina de escribir de museo. Cando acadei a rúa, unha liña de farolas iluminaba unha urbanización a ambas as dúas marxes da estrada. A continuación collín o móbil e chamei a un taxi nun número de teléfono que gardara previamente a comezar a viaxe xunto ao da miña hospedaxe. Dez kilómetros afastaban Almuradiel da localidade do Viso del Marqués. Media hora despois chegaba a meu destino, na Hospedería La Almazara del Marqués, onde me aloxaría no decurso de catro días, para pescudar no AGMAB, ubicado no Palacio do Viso del Marqués.

Foi Felipe II, o monarca español que concedeu a Álvaro de Bazán y Guzmán, grazas ás súas fazañas e victorias no mar para a coroa de España o título nobiliario de Marqués de Santa Cruz de Mudela, pois xa era éste señor da mesma vila e que se convertiría deste xeito no I Marqués de Santa Cruz. En consecuencia, a localidade que ata ese mesmo intre se denominaba Viso del Puerto, rebautizouse co seu actual nome de Viso del Marqués.
Con só 28 anos, Álvaro de Bazán y Guzmán fora nomeado Capitán Xeral da Armada. En Galicia coñecémolo ben, pois a carón de seu pai, Álvaro de Bazán El Viejo, obtiveron unha heroica vitoria coa súa frota de galeras, fronte a unha frota francesa que asediaba a vila de Muros que os quintuplicaba en número de naves e de homes, o famoso 25 de xullo do ano 1544. Dito episodio histórico ficaría para a posteridade rexistrado como a Batalla naval de Muros.
Álvaro de Bazán y Guzmán mercaría tamén a Felipe II, o señorío da vila de Valdepeñas para engrandecer as súas posesións e construiría dous palacios no último terzo do século XVI, un na mesma praza Maior de Valdepeñas que xa non existe, e outro anexo á igrexa parroquial do Viso del Marqués, coñecido como o Palacio del Marqués de Santa Cruz, que comezou as súas obras no 1564. Hoxe este maxestuoso edificio está considerado unha alfaia do renacemento español, e non é para menos, pois alberga 3.000 metros cadrados de frescos pintados por artistas venecianos que comezaron a súa obra no 1574 contratados polo propio Marqués de Santa Cruz, para tan magna empresa.

A estancia das tropas napoleónicas neste ilustre inmoble, no decurso da Guerra da Independencia de España contra Francia, causou perdas e deterioros nas pinturas dos seus excelentes e preciosistas frescos, pois moitas estancias da zona baixa do edificio foron empregadas como cortes para os cabalos e mulas das tropas francesas.

É precisamente, no Palacio del Marqués de Santa Cruz, declarado Monumento Nacional no 1931, onde a Armada e todas as institucións do estado que ela xestionou, trasladou a partires de mediados do século XX, todos os seus arquivos dende mediados do século XVIII ata a finalización da Guerra Civil española, se ben éstos últimos ainda están en proceso de catalogación. Un proceso de recentralización documental, nun afastado recuncho castelán manchego, a tan só dúas horas en coche de Madrid e a tan só uns kilómetros do comezo da provincia de Córdoba, cuio clima seco axuda e moito a que se manteña en bo estado o delicado papel que conteñen os seus 50.000 legajos, especialmente os pertencentes á zona marítima do norte da península, moi castigados e moitos deles por desgraza, xa inservibles, tras ter sufrido o efecto da humidade no decurso de case dous séculos gardados nos seus lugares de orixen.


Na actualidade, Francia posúe no seu Arquivo Nacional, legajos que foron roubados polo exército francés do Palacio do Viso del Marqués como botín de guerra. Documentos históricos que seguen sen ser reclamados e recuperados polos nosos gobernantes. Non sei de que nos extrañamos, se a día de hoxe un impresionante arquivo como o do AGMAB, segue sen contar en nómina cunha equipa de persoas que se adiquen a restaurar e a escanear a inxente documentación alí almacenada que no decurso de dous séculos xerou a Armada e os seus estamentos, do que foi un dos meirandes imperios marítimos da historia da humanidade.

A primeira vez que un entra no Pazo do Viso del Marqués, fica abraiado. O edificio renacentista é maxestuoso, incluso un se pode relaxar na sala de investigadores sobre o respaldo da cadeira ollando aos frescos do teito. Non parecía ter suficiente despois de seis anos de pescudas e traballo, recén entregado un libro, que xa estaba outra vez nun arquivo para investigar ésta vez sobre un só naufraxio. Craso erro. Se soubera o que sei hoxe, houbera aproveitado esta primeria estancia neste arquivo doutro xeito e adicando o tempo aos miles de naufraxios que ainda agardan a seren descubertos.


 Unha nova editada polo xornal coruñés, La Voz de Galicia, no mes de marzo do 1895, ficara cravada na miña mente, dende aquela. Era o centeario do cabodano do tráxico naufraxio do cruceiro español, Reina Regente, no Estreitro de Xibraltar. Unha traxedia para España e máis en concreto para a Armada, que perdería neste naufraxio, a un barco de nefastas condicións mariñeiras (como así o acreditaban as contínuas queixas dos seus mandos anotadas nos dous cadernos de bitácora do buque que se conservaban no Viso e que tiven o pracer de poder ollar: un para os días pares e outro para os días impares, ata a data do 26 de xuño do 1893. Os seguintes cadernos perdéronse co barco) e nada máis e nada menos que a vida de 412 homes, a totalidade da tripulación do navío, dos cales unha boa parte eran galegos. Lembro especialmente desta primeira estancia no AGMAB, a gran atención e amabilidade que me prestaron a súa directora polo entón, Silvia Weihl e Vicente del Campo, o funcionario máis veterano do arquivo que leva traballando nas súas dependencias case que trinta anos, na actualidade. Grazas a estas dúas persoas que me orientaron, trouxen de volta para Ferrol, unha carpeta ateigada de información e de fotocopias (daquela non tiña ordeador portátil) sobre a traxedia humana que supuxo o naufraxio deste buque da Armada española a finais do século XIX.


Nos catro días que permanecín no Viso a mediados de febreiro do 2003, entraba cos funcionarios no arquivo xa a primeira hora da mañá para aproveitar ao máximo o tempo ata o peche do mesmo, intre no que voltaba a xantar á hospedería onde me aloxaba. Trala sesta, ordeaba as miñas notas e as fotocopias e íame facendo un relato de tremenda e xigantesca cantidade de información que se gardaba sobre este sinistro marítimo, no AGMAB. Á tarde daba un paseo e despois ía ao único cíber que había na localidade e tras cear polo pobo, voltaba ao meu aloxamento a pasar a noite.

Reina Regente. Cruceiro protexido de 1ª clase, construido en aceiro nos estaleiros británicos de James & George Thomson de Clyde Bank para a Armada española baixo a dirección do enxeneiro británico, Sir Nathan Barnaby, quen fabricaría un barco moi pouco mariñeiro con deficiencias na propulsión e elevadas diferencias de pesos entre as partes altas do buque e as partes baixas, polo excesivo peso da súa artillaría na cuberta que facía abanear de máis o buque. De feito algúns dos seus comandantes aconsellaron sustituir as pezas de artillaría de 24  por outras de 20,3 para equilibrar os pesos anteriormente descritos. Idénticas deficiencias e carencias de navegación amosaban os xemelgos construidos para a Royal Navy polo mesmo enxeneiro. O Reina Regente de similar liña ao británico Australia, foi botado no 1887 e ata Escocia trasladouse a súa dotación poara facerse cargo do buque. Foi dado de alta no 1888, tendo que servir de modelo para que nos estaleiros españois se construisen dous buques xemelgos. O primeiro deles foi o Alfonso XIII, construido e botado en Ferrol no 1898 e retirado do servizo dous anos despois, sen chegar a estar operativo. O Lepanto, foi construido en Cartaxena, dado de alta no 1898 e dado de baixo no 1910. Foi empregado como buque de adestramento. Ambas as dúas unidade navais serían un auténtico fiasco e farían se cabe máis grande o buraco xa de por si enorme de endebedamento da Armada española que se completaría co naufraxio do barco máis moderno da Armada española: o cruceiro Reina Regente, cando afundíuse na viaxe de Tánxer a Cádiz o 10 de marzo do 1895, con 412 persoas a bordo que pereceron na súa totalidade.
Desprazamento: 4.664 toneladas.
Dimensións:  97,3 metros de eslora, 15,4 metros de manga e 5,9 metros de puntal. Propulsión: montaba dúas máquinas horizontais Thompson de tripla expansión, con 2 hélices e 11.598 cv a tiro forzado que daban unha velocidade de 20 nóos. Nunca os acadou quedándose nos 14.
Tripulación: 420 homes.
Coraza: cuberta protectora de 50 mm na parte alta e 75 mm na zona inclinada; de 90 a 125 mm adicionais protexendo as caldeiras, máquinas e pañois.
Armamento: 4 canóns Hontoria de 240 mm, 6 canóns hontoria de 120 mm, 6 canóns Nordenfelt de 57 mm, 1 canón Nordenfelt de 42 mm, 2 ametralladoras e 5 tubos lanzatorpedos.


Ás 10 da mañá do día 10 de marzo do 1895, o cruceiro Reina Regente, rendía a súa derradeira travesía, abandoando a rada do porto de Tánxer, surxideiro ao que arribara o día anterior procedente do porto de Cádiz, para deixar en terra á embaixada do Sultán de Marrocos presidida pro Sidi Brisha, o cal viña de Madrid de manter conversas co goberno español, sobre a revisión do Tratado de Marraquech do 5 de marzo do 1894 que poría fin á contenda cos rifeños no 1893. As presas dos mandos militares españois por facer voltar a Cádiz ao día seguinte ao Reina Regente, para que éste poidese asistir á botadura do cruceiro Carlos V, que ía ter lugar nos estaleiros Vea Murguía Hermanos, xa desaparecidos na actualidade, fixo que non se tivesen en conta as condicións meteorolóxicas adversas que se aveciñaban, cando o barómetro de a bordo comezou a descender bruscamente ata os 720 milibares. Nada máis por rumbo a Cádiz e a unhas tres millas da costa, o cruceiro detense e dende terra, algunhas autoridades alviscan cos seus prismáticos e catalexos a numerosa dotación do barco agolparse na popa e vese descender o que parece un buzo. Pasada media hora o buque reanuda á marcha. Ás 12:30 horas, o Regente é visto polos mercantes británicos Mayfield e Matheus, dando grandes cabezadas a unhas 12 millas do Cabo Espartel, rumbo á costa española, no medio dun impoñente temporal de SW. Ás 14:00 horas o vento era furacanado con frecuentes chubascos e cunha forte marexada. Uns labregos da zona de Bolonia, en Cádiz, afirmarían ter visto a un navío similar ás características do Reina Regente, no medio do temporal.

En numerosas ocasións, os comandantes que tivera este navío denunciaron nos seus informes e deixaron rexistrados nos cadernos de bitácora do Reina Regente que se conservan no arquivo do Viso,  que con mal tempo o barco daba cabeceos excesivos quedando coa proa e popa asolagadas baixo o mar, tardando en adrizar para recuperar a súa posición natural, mentres as ondas rachaban contra a propia cuberta e contra a ponte, provocado este efecto polo sobrepeso da súa coraza e dos seus canóns de proa e popa; erro gravísimo do seu enxeneiro que xa cando o navío se estaba a construir en Escocia, calculou mal o seu centro de gravidade. Este erro constructivo, puido deixar o barco coa quilla ao ceo, polos seus coñecidos e nunca correxidos problemas de estabilidade que mantiñan unha importante diferencia de equilibro entre os seus pesos altos por riba da cuberta e os seus pesos baixos, por debaixo da coraza protectora. Este efecto poido provocarlle ao buque, o máis moderno da Armada de España na época, dotado con compartimentos estancos e casco de dobre fondo que moitas toneladas de auga foran asolagando seu casco ou incluso que varios golpes de mar embarcados o pasasen por ollo. Existe unha terceira posibilidade: que as fortes ondas que acadaron os 12 metros de altura aquel lonxano 10 de marzo do 1895, lle arrincaran a ponte ou que algún dos seus xigantescos canóns de 24 fora literalmente arrincado das súas suxeccións, por onde embarcaría unha cantidade de auga enorme que o condearían irremisiblemente a ser engulido polo mar.

O Reina Regente posuía un moderno sistema de achique de auga formado por catro bombas de achique reais centrífugas, sistema Drysdale, conectadas cun tubo principal de achique que percorría a totalidade da eslora do buque de popa á proa, comunicándose con otros tubos transversais que ían a outros tantos compartimentos.

Da tripulación do Reina Regente, houbo catro supervivintes: dous mariñeiros que ficaron no porto de Tánxer ao perder o barco por acharse ebrios, ainda que no apartado de comentarios do gran artigo existente sobre este naufraxio, https://vidamaritima.com/2010/06/la-tragedia-del-reina-regente/, un tal José Navarro di que seu tataravó o Tenente de Navío, Navarro, non puido embarcar no Reina Regente por padecer a febre marela e que o segundo tripulante en cuestión que non subíu a bordo do cruceiro español, puido ser Ricardo Maderal Figueroa. Fálase dun terceiro que foi rescatado en pleno Atlántico por un buque inglés, a bordo do cal morrería pouco tempo despois, sen ter aclarado que aconteceu no naufraxio e sen ser enviadas as súas pertenzas ao goberno español. O carto supervivinte foi un can de Terranova, propiedade do Alférez de Navío, Jose María Enríquez Fernández, natural de Sanlúcar de Barrameda, que ao producirse o naufraxio, salvouse enriba duns madeiros sendo recollido posteriormente pola dotación un buque inglés. Resulta que tempo despois, este mesmo barco recalou no porto de Sanlúcar e o can coñecendo a zona, guindouse ao mar e ao chegar a terra chegou ata a casa dos pais de seu dono, que abraiados poideron comprobar como seu can se salvara do naufraxio onde morrera seu fillo. (José María Blanca Carlier. Un mundo de historias. El naufragio del Reina Regente y otros naufragios ocurridos en 1895.)

“¿Qué barquito será aquel que viene dando tumbos? Será el Reina Regente que viene del otro mundo.” Copla popular.

Outubro foi históricamente un mes gafe para as antigas Armadas de España. No outono do 1588, vintecatro naves que formaban parte da Gran e Felicísima Armada de Felipe II, vanse ir a pique cando tentaban circunvalar as Illas británicas e Irlanda para voltar a península Ibérica; en concreto a perda dunha delas, a galeaza La Girona, no lugar de Port na Spaniagh, no litoral irlandés de Causeway Giant, provocou que neste sinistro marítimo atoparan a morte, 1.300 españois; o desastre da Frota de Padilla nos arredores do Cabo Fisterra, afundíndose 25 naves no 1596 perdendo a vida 1.800 homes; Batalla naval de Rande no 1702, onde tras a minuciosa e pormenorizada revisión histórica elaborada polo arqueólogo Ramón Patiño Gómez, na súa obra editada no 2014, Los Tesoros de Rande, na súa páxina 40, nos describe que as baixas polo lado aliado francoespañol según os franceses “foron unhas 200 vítimas” e finalmente a Batalla naval de Trafalgar no 1805, onde o número e falecidos ascendeu a preto dos 3.300 homes, polo bando francoespañol.

O mes de marzo tamén se convertiría nun mes negro para a mesma Armada española, dende a data do naufraxio do Reina Regente, onde atoparían a morte 412 homes. No decurso da Guerra Civil española, o 6 de marzo do 1938, o cruceiro Baleares sería afundido fronte o Cabo de Palos ao seren torpedeado polo destructor Lepanto, causando seu naufraxio, 786 mortos. O día 7 de marzo pero do 1939, un mes antes de que rematara este conflicto bélico e formando parte do bando sublevado contra a República española, era afundido O Castillo de Olite, tras ser canoneado polas defensas costeiras da cidade de Cartaxena fronte a este mesmo porto, producindo seu naufraxio a arrepiante cifra de 1.476 mortos.

Nos dous meses posteriores ao naufraxio do Reina Regente, no Estreito de Xibraltar foron atopados moitos obxetos foron pertencentes ao malogrado navío da Armada española, esparexidos pola costa norte de África e polo litoral andaluz, especialmente entre Tarifa e Conil. Misteriosamente, ningún corpo da súa tripulación foi atopado na costa, ainda que sabemos tamén que en todos os pobos marítimos desde ben antigo, existe a costume de soterrar aos mortos cuspidos polo mar en areais ou nos mesmos lugares onde apareceron.


O Reina Regente foi un buque que naceu con mal fario. Acrecentadas dende a súa botadura, as súas deficiencias e avarías a cotío no seu sistema de propulsión, especialmente nas súas catro caldeiras, xunto aos reiterados avisos dos seis comandantes que estiveron baixo o seu mando, do excesivo peso dos seus canóns de proa e popa que facían abanear perigosamente o cruceiro, asemade como asolagar a súa proa e popa con algo de mar, non o facía un buque cómodo para a súa dotación. Ao comezo do ano 1895, como agoiro do que acontecería dous meses despois, un dos seus botes identificado co numeral 6, afundiríase no baixo do Levante no porto de Santa María con cinco homes a bordo, morrendo dous deles afogados e sendo salvados os tres restantes por botes que tripulaba a dotación da corveta, Nautilus.

O 19 de abril do 1895, faise público o achádego que o Axudante de Mariña de Rivadesella fai dunha botella corchada na praia desa mesma poboación, onde no seu interior gardaba un papel escrito a lápiz que poñía: “10 marzo 1895 a las 9 de la noche, sin esperanzas de salvación 12 millas bajo Aceiteras, Segundo del Reina Regente.” Este documento foi tantas veces examinado e manoseado que o seu deterioro fixo que se tivese que pegar sobre outro papel para que non desaparecese e poder conservarse. Un servidor o tivo nas súas mans. Amigos do mariño falecido, aos que lles foi ensinado dito papel, afirmaron que non se podia tratar da firma de Francisco Pérez Cadrado, Capitán de Fragata a bordo do Reina Regente, no intre do naufraxio deste buque.

“Imposible salvarnos, nos ahogamos, recuerdos a mi familia, 3º Contramaestre, Reina Regente.” Esta nota que remata asinada por un nome inintelixible, foi atopada na superficie do mar a media milla de terra, dentro dunha botella tapada cun corcho lacrado o 17 de xullo do 1895. Curiosamente revisando as follas de servizo existentes en terra, correspondentes aos membros da dotación do malogrado cruceiro, descúbrese que dita sinatura se corresponde coa de Manuel Vega Cordón, tripulante a bordo do Reina Regente, no intre da súa perda.

Chégase á conclusión que existen moitas posibilidades que despois das 13:00 horas do fatídico 10 de marzo do 1895, desaparecese fronte o litoral de Bolonia o cruceiro Reina Regente, pois un vapor semellante a éste e de dúas chimineas foi avistado á capa na mesma zona, polos irmáns labregos de Bolonia, Antonio e Francisco Rodríguez, no decurso dunha hora ata que éste desapareceu. Existe tamén a testemuña de dous pastores da Serra de San Bartolomé, que o mesmo día e á mesma hora viron dende a súa situación privilexiada un vapor de gran porte que non era quen de avanzar entre as ondas que o envolvían. Conta o redactor do xornal gaditano, La Dinastía, que tamén uns pescadores próximos a este punto da costa, localizaron e evidenciaron unha gran mancha de aceite frotando no mar, no mesmo lugar que estamos a identificar.


Por razóns do destino da propia vida de cada un, ao chegar a casa procedente do Viso, ateiguei unha carpeta de cartón azul de documentación manuscrita e fotocopiada por mín procedente das fontes documentais do AGMAB, referente ao naufraxio do cruceiro de guerra español, Reina Regente, coa cal humildemente este servidor pretendía escribir un traballo sobre este naufraxio. Pero, dita carpeta ficou esquecida ata onte, 9 de marzo do 2019, nun estante dun armario onde teño documentación sobre naufraxios acontecidos na costa galega, e tamén de naufraxios no que morreron galegos en calquera parte do mundo.

Co cruceiro de guerra da Armada española, Reina Regente, fóronse ao fondo do mar 83 tripulantes que eran de procedencia galega: 40 de Ferrol, 16 de A Coruña, 12 de Vigo, 6 de Vilagarcía de Arousa, 3 da Póboa do Caramiñal, 2 de Sada, 2 de Muros, 1 de Corcubión e 1 de Noia. Descoñecemos a razón pola cal non se especifica a procedencia doutros 139 tripulantes, moitos deles con apelidos galegos e que están repartidos do seguinte xeito: 74 mandos e oficiais superiores; 44 de Guarnición, e 21 fogoeiros de 1ª e de 2ª. A meirande parte da dotación do cruceiro de guerra, Reina Regente, era de procedencia galega e andaluza.

Sirva este pequeño artigo para lembrar a memoria dos nosos paisanos que sucumbiron ao abeiro dun cadaleito flotante, coa impotencia de non poder facer nada por salvarse, sabendo que nunca máis poderían voltar a ver ás súas familias e amigos, nun dos meirandes temporais que se produciron no Estreito de Xibraltar na segunda metade do século XIX.

© Fernando Patricio Cortizo 2019.

Fontes documentais do AGMAB:
Expedientes de buques. 11 legajos (años 1886 a 1929).
Donativos. 1 Legajo (1895-1896).
Hundimiento. 2 Legajos (1895-1896).
Historiales. 1 Legajo.
Cuadernos de bitácora. 6 Legajos (1888-1893).

Gravado: Reina Regente.Revista de Navegación y Comercio. Año 1892.
Foto: pasillo interior do Palacio do Marqués de Santa Cruz, Viso del Marqués. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: teito da sala de investigadores do AGMAB. Palacio do Marqués de Santa Cruz, Viso del Marqués. Fernando Patrico Cortizo.
Foto: Vista de proa do Reina Regente, pertencente ao libro: El Crucero Reina Regente y su Hundimiento el 9 de Marzo de 1895. Autor Joaquín Gil Hondubilla.
Debuxo: cruceiro Reina Regente coas súas características, no 1890. Wikipedia.
Debuxo: "R" dus suposto bote ou parte do casco onde ía o nome do cruceiro español, Reina Regente atopado na costa de Cádiz. AGMAB.
Debuxo: a famosa elipse onde se cre que afundíu o Reina Regente. Autor, Miguel Aragón Fontenla.


Ningún comentario:

Publicar un comentario