sábado, 25 de febreiro de 2017

Erico voltou a Gures


Imaxe idílica amosaba a praia de Gures aquela mañá de agosto do 1989. O sol resplandecía nas cristalinas augas deste virxe areal. O mar, calmo coma un lago, non vía alporizada a súa superficie azulada, nin por unha leve brisa. Na mesma ribeira, Erico, un rapaz de seis anos, desfrutaba do seu paraíso particular a bordo dunha balsa. Ésta, fora construída sobre unha base flotante de cámaras vellas de camión parcheadas que tanto seu pai Antonio como seu tío Jose, tiveran que ir apañando polos talleres da contorna e posteriormente amarrar a unha estructura feita de polas de piñeiro, fixadas con cordas e provista dun pau de eucalipto a modo de mastro o cal armaba unha vela de cor azul, fabricada para a ocasión pola súa tía Mari Carmen.
A familia, instalárase na aba do monte que estaba tapizaba de grandes piñeiros, e que servían tanto para abeirarse do vento, coma do sol polo día. A masa arbórea morría á beira das pedras que lambían a area da praia. Alí estaban instalados en tenda de campaña, en plena natureza, tres adultos e dous nenos: Erico, maila súa irmá Iria de tres aniños. A familia fuxía da vida da cidade de A Coruña, para procurar polo entón, un lugar afastado, tranquilo, e onde desfrutar do período estival sen luxos, pero nun verdadeiro paraíso aos pés do Olimpo Celta do Monte Pindo e a carón da única desembocadura dun río ao mar en fervenza de Europa, a do Xallas.

Antonio, era un namorado dos animais e da naturexa en xeral, pero o que realmente era a súa paisón, era o mar, onde botou moitos anos traballando a bordo de barcos de pesca en mareas longas aproveitando os intervalos de descanso como mariñeiro para adicarse a traballar como fontaneiro, electricista e mecánico, pois dábanselle moi ben estas labouras. Pero se algo era tremendamente destacable na persoalidade de Antonio, era o fervor e o amor que tiña polos seus dous fillos. Descoñezo se esas noites estreladas de verán en Gures, atopou algún intre para lles contar a Erico e a Iria, a lenda que naceu a carón deste fermoso areal. Dita lenda fálanos dun terríbel cataclismo que afundíu por completo a cidade de Duio no mar, salvándose tan só uns bois pertencentes a un veciño da contorna chamado Gures, os cales andiveron perdidos e fuxidíos pola zona, ata que un día os bovinos metéronse no mar, morrendo afogados e ficando seus corpos convertidos en pedras para a posteridade,  sendo bautizados desde entón baixo o fermoso e enigmático talasonímico de Os Bois de Gures. Ubícanse estas cons pegadas á costa, pasada a praia do seu mesmo nome, rumbo a outrora factoría baleeira de Caneliñas, a cal cesou a súa actividade a mediados dos oitenta do século pasado. Desde aquela as súas instalacións ficaron abandoadas.

Máis Erico, pasou parte dese inesquecíbel verán do 1989 bañándose no mar enriba da cámara dun neumático que foi do pouco que sobrevivíu ao naufraxio da balsa que lle construiran seu pai e seu tío, tan só un día despois de botala a navegar. Conta Erico que seu pai berráballe: -¡mira como suena el viento en la vela, navega… navega!-. Máis o que estaba a acontecer realmente, era que as cámaras das rodas que sustentaban a base da balsa de pequenos troncos, se estaban a desinflar.
A mente do rapaz salvagardou tamén a experienza de ter probado por vez primeira neste lugar o excelente sabor do café, o dos camaróns e o dos polbos que seu pai capturaba nas pozas da contorna na baixamar, e que tanto el coma súa tía cociñaban logo con auga de mar no camping gas que posuían no seu campamento ubicado na aba do monte que coroaba a idílica praia. Con especial memoria, lembraba cando seu pai fíxolle cargar polas pedras e pola praia cun polbo de 5 kilogramos de peso que el capturara, sendo entón Erico un neniño de seis anos, recalcándolle varias veces que non o deitase na area. O rapaz finalmente, tivo que recurrir á axuda da súa tía para chegar con el ao campamento sen “rebozalo” nas areas. Tamén lembraba Erico a pesca paciente que seu pai facía de peixes planos na ribeira de Gures, agachado e coa auga polos xeonllos, valéndose dunha especie de arpón feito por el mesmo a base de puntas. ¿Que maís podía pedir un neno da súa idade, rodeado de natureza, arroupado pola familia e vivindo experienzas únicas que o marcarían para sempre?

Tamén lembrábase Erico das pestes que un día botaron uns pescadores que arribaron á praia a bordo dun bote, para apañar miñoca na baixamar, pois moitos dos seus  anzós ficaran presos nos fondos da zona leste do areal que tiñan fronte os seus ollos. Alí estaban os restos das caldeiras da máquina do magnífico Great Liverpool, que xa eran lugar de acubillo de centos de peixes pero tamén de moitos trebellos de pesca, especialmente dos que descoñecían que alí estaba o pecio dun lujoso vapor de paletas británico, embarrancado na coqueta praia de Gures, no mes de febreiro do 1846, sinistro marítimo onde perderan a vida unha nena a súa coidadora, máis a viúva dun oficial británico que voltaban a Londres a bordo deste fermoso navío, tras envorcar o bote salvavidas que as conducía á terra, na mesma ribeira por efecto da forte ondaxe.

Máis a idílica estadía desta familia en Gures, no decurso do verán do 1989, tiña outro obxetivo: sacar aos pais de Erico do cancro da drogadicción que azoutaba a maldita década dos 80 no noso país. Pero Erico non só deixou atrás lembranzas da súa infanza, a vida castigouno duramente. Seu pai Antonio, tras erguerse e voltar a caer mil veces no mundo da droga, axudado pola súa irmá Mari Carmen e seu cuñado Jose, e cando por fin superara este escuro episodio da súa vida, a desgraza fixo que morrera nun accidente de coche a noite do 11 de novembro do 1995, na compaña do seu íntimo amigo, Antonio Miralles, xunto a un terceiro que conducía o coche, o cal os sacara da cama para saír esa noite. Facía moito tempo que non estaba a chover e cando comezou a facelo as estradas convertíronse en pistas de patinaxe, o que provocou o accidente do vehículo. Antonio aprezaba tanto a Miralles que sempre lle dicía que ían estar xuntos ata a morte… e desgraciadamente, así aconteceu. Teresa, a nai de Erico, finaría catro anos despois, vencida polos efectos da droga, levando tempo separada xa de Antonio e facendo vida con outro home co que tivera outra filla: Mónica, a segunda irmá de Erico.

Nunha aldea preto de Miño, pasaría Erico a súa complicada adolescencia, vivindo xunto a seu tío Ramiro e seu avós Dionisio e Maruja, na casa destes últimos. Seguía a lembrar os seus intres máis ledos, cando recibía as visitas periódicas de seu pai, estando separado xa da súa nai, xunto aos seus tíos Mari Carmen e Jose … desas entrañabeis xuntanzas familiares, lembrábase especialmente das conversas de cando seu pai faláballe de que ían pasar un verán en Gures en tendas de campaña e que farían unha balsa de madeira para a cal, a súa tía, confeccionaríalle unha vela de cor azul. Erico lembrábase especialmente deste detalle, pois non acougaba de lle facer preguntas a ela, sentado ao seu carón, mentres a súa tía facía a vela na súa máquina de coser… si, todo iso cumplíuse, non foi un soño de infancia.


 Pasados algúns anos, Erico formouse coma batería, chegando a ser membro de tres grupos musicais con sona da comarca de Ferrolterra. Os seus inicios como músico coinciden cando coñece a Sandra, a súa actual parexa e coa que comparte a súa vida desde entón, na casa de ambos os dous en Narón. Sendo ela consciente de primeira man da experienza vivida por Erico con seus pais en Gures, decidíu agasallalo no 2013, cun fin de semana nunha casa de turismo rural. Erico non soubo da ubicación da mesma ata que chegaron á mesma aldea de Gures. Alí atopouse cunha praia máis pequena da que lembraba na súa memoria e xa non estaba a tenda onde cada dous por tres, entraba co seu pai naquel verán do oitenta e nove a mercar pilas para o radiocasete, que as devoraba mentres escoitaban a Michael Jackson, Sabina, El Último de la fila e de cando en vez música moruna que lle gustaba a seu pai. Naquel espectacular lugar, rodeado de natureza, foi onde se lle metíu en vea a Erico a música e comezou a agromar a semente e a sensibilidade por este arte que o levaría anos máis tarde a ser músico. Pero foi precisamente nesa tenda de aldea, onde a familia ía a proveerse diariamente tamén do pan e da auga. Lembran especialmente Erico e a súa tía Mari Carmen, que cando era seu pai Antonio o que se pasaba polo tendeiro, sempre se retrasaba, pois ficaba a falar cos donos, persoas xa maiores aos que lle gustaba tratar coa xente. Antonio amizou ben con eles e lles fixo un cesto de bimbio de salgueiro, incluso quedara para voltar no inverno, para vir a axudarlles a facer máis. Eles corresponderon á cordialidade e á súa amabilidade, dándolle patacas, froita e ata prestáronlle unha pota grande para ferver o famoso polbo de 5 kg que capturara nas pedras. Máis un domingo, convidaron a toda a familia a  xantar os callos á súa casa.

Un día, mentras xantaban baixo as árbores escoitando o parte meteorolóxico na radio, anunciaron a chegada dunha forte tormenta de verán. Antonio, fixo acopio entón dos anacos de cabos que quedaran do naufraxio da balsa que el e máis seu cuñado Jose, lle fixeran a Erico e con eles amarrou con forza a tenda de campaña ás árbores. Co forte trebón xa iniciado, fixo un rego para que a auga da choiva escorregase pola beira da tenda e non a asolagara. A noite foi terrible, entre o vendabal e o chuvasco. Cando se ergueron pola mañá pasada a tormenta, comprobaron que os cabos da tenda non se ceibaran das árbores e que ésta ficara a salvo.

Pero polo medio destas historias persoais, está a chegada a casa de Erico e de Sandra, do seu primeiro can, defenestrado e maltratado por un cazador que llo remataría por dar a Ramiro, o tío de Erico, e el adoptaríao bautizándoo co nome de Tobías. Ao comezo o can tiña traumas e serios problemas de agresividade que co paso do tempo Erico foi quen de eliminar, sendo hoxe Tobías un can moi disciplinado e intelixente. Máis Erico quería na súa casa un segundo can, ainda sabendo que non lle gustaban á súa parexa. Sandra, aceptaría finalmente, baixo a condición que fose un can de palleiro que é o que lle gustaba a ela. Erico contactou logo cun tipo que coñecía e que pertencía ao clube desta raza e comentoulle que quería un cachorro. Entrou logo nunha listaxe de espera, e cando nacíu unha camada nunha zona de Órdes, chamáronnos e foron a velos. Sandra de contado namorouse do máis pequeno ao que bautizaron como Gures, pola connotación amplamente amosada neste texto e co apelido de Sobreira, por que así chamábase a aldea onde recolleron ao canciño. Tiñan ambos serias dúbidas por ser precisamente este cachorro tan pequecho, se nun futuro podería obter pior valoración para adicarse posteriormente á cría, pero Erico igualmente ilusionado que Sandra en ter este can na casa, díxolle a ela que como ése era o seu preferido, que levábanno sen máis miramentos. Pero Erico que é moi observador, advertíu que ao pouco de dar os primeiros pasos o canciño xa na casa, éste pisaba mal cunha das súas patas dianteiras. De feito chegou a obsesionarse co feito e cando había xente que ía a dar o paseo con el e cos cans, non dicía nada para haber se o acompañante decatábase do mesmo defecto que el estaba a advertir en Gures. Pero un día, Erico determinou levar ao can ao veterinario para que o mirara, cando éste contaba con tres meses de idade. Unha vez na consulta e analizado por un veterinario de sona na comarca de Ferrolterra, determinou que efectivamente, Gures tiña unha lesión nunha articulación, unha  malformación no cóbado que nun can tan noviño era moi malo para o animal, por atoparse éste en plena etapa de desenrolo e crecemento. Tras facerlle o veterinario unha radiografía é un tac para comprobar o alcance da malformación xenética de nacemento, determina que a lesión estaba a derivar nunha neocondrosis; é dicir, que o cachorro nacera con parte do cartílago morto e cunha malformación na articulación, sendo seu caso moi interesante, incluso hoxe para eminencias da veterinaria a nivel mundial, pois é moi estrano por non dicir o único caso coñecido, da aparición de dita malformación nun cachorro desa idade e desa raza. Este veterinario como é un gran profesional, interesouse moito por Gures e recomendoulle a Erico que falara co Clube do Can de Palleiro para trasmitirlle o que lle estaba a pasar ao seu cachorro, pois seguramente gostaríalles de saber do problema xenético do can desta raza, para detectar posíbeis casos noutros cachorros e, deste xeito, axudar a outros donos aos que lles poidera acontecer o mesmo. Cando Erico púxose en contacto co presidente deste clube para informalo do caso, éste respostoulle que non lle podía axudar económicamente, pero que si lle facilitaban unha listaxe de clínicas veterinarias que tiñan concerto co seu clube e que se o can quedaba posteriormente coxo tras a operación, procuraríanlle outra familia, dándolles unha opción prioritaria de facerse a eles cun novo cachorro. O veterinario, díxolles que despois da operación existían moitas posibilidades que o canciño ficase coxo para sempre, e que a pesares de gastar moitos cartos nas súas probas, operacións e tratamentos, non lle ían poder aforrar unha vida de sufrimento, poidendo chegar incluso a ter que sacrificalo. Erico desmoralizado pensou por un intre que efectivamente  ésta última sería a millor solución, pero tras contarlle a Sandra a decisión do veterinario e a opinión que lle deran no Club do Can de Palleiro, foi ela a que cunha decisión firme, decidíu quedar para sempre con Gures, fose cal fose o resultado da operación. E así foi.


Quen si sacrificou a súa vida, foi o Capitán MacLeod, quen estaba ao mando do Great Liverpool, ese vapor británico do que xa falamos anteriormente, afundido na praia de Gures, fai cento setenta e un anos. Tras ver perdido seu barco e ver morrer afogada á súa amada, a señora Helen Archer, días despois, cando estaban os náufragos en Corcubión, agardando a ser levados cara o porto de A Coruña polo axente consular residente nesta vila da Costa da Morte, para ser repatriados ao seu país, o capitán MacLeod non respostaba as chamadas na porta dunha antiga salazoeira onde se aloxaba, no lugar de Fornelos, en Cee. De súpeto, baixo o dintel da porta, comezou a saír un regueiro de sangue… o oficial británico soicidárase curtándose o pescozo.

Na actualidade, Gures de Sobreira, é un bo can é moi solvente, que posúe unha malformación xenética nunha articulación que non impide que un día poda rachar os osos, pero actualmente desfruta da súa vida plena a carón do seu compañeiro Tobías.
Sandra e Erico, xa non pensan en que Gures quite as mellores orellas e o millor rabo e que teña as características idóneas para que lles den a certificación de raza do Clube do Can de Palleiro, para eles é seu can, un membro máis da súa familia e están encatados con el, tal e como é.

Facendo unha retrospectiva no tempo, e curioso lembrar que procedente da documentación histórica da perda do vapor británico, Great Liverpool, acontecido no fermoso areal de Gures, hoxe sabemos que os primeiros en acampar no lugar, foron os propios 142 náufragos deste navío inglés, que tras salvarse do sinistro marítimo e mentres agardaban a ser auxiliados polo seu cónsul e consignatario en Corcubión e na Coruña, respectivamente, montaron coas velas e restos do arboredo do propio barco sinistrado, un campamento improvisado na mesma praia rodeado dun parapeto de area, para defenderse de posibeis raqueiros, os cales achegáronse á costa coma lobos na procura das súas presas, rodeándoos, sentados ao calor das fogueiras que alumeaban o afastado areal. Contan as crónicas da época, que numerosas señoras distinguidas que formaban parte da pasaxe deste navío, foran inicialmente aloxadas nas chozas da primitiva aldea de Gures, (outras fontes falan que acontecíu nalgunhas casas da veciña Ameixenda) onde lles foran roubadas dos petos interiores das súas roupas, xoias, moedas de prata e ouro e outros obxetos de valor, por algúns aldeáns… incluso narra un periódico galego de entón, como os propios carabineiros, (a forza da orde estatal que se creara só dous anos antes de acontecer este naufraxio histórico na Costa da Morte) roubaran aos náufragos do navío británico, por mor á precariedade que estaban a sofrir éstos por impagos dos seus salarios, situación que prolongouse varios meses.
Contan tamén pola contorna que existíu un can coxo que protexíu aos náufragos dos “excesos” desta forza da orde, e que cando algún carabineiro se achegaba ao campamento improvisado dos náufragos, éste ladraba sen acougar ata que “os intrusos” se alonxaban. Contan tamén as lendas que este can sendo moi novo, coñecíu no ano 1837 a George Borrow, alcumado Don Jorgito el inglés, ao cal acompañaba sebastianiño, un mariñeiro licenciado de Padrón que lle servía de guía, cando o famoso vendedor británico de biblias do Novo Testamento, achegouse a estas paraxes, cando percorría a península ibérica, polo camiño da costa que vai de Noia a Corcubión, para difundir as edicións da Sociedade Bíblica Británica y Extranjera. Borrow, ficou entón abraiado coa paisaxe salvaxe e paradisíaca do lugar que so coñecía de lonxe, pois navegara fronte a esta costa en tres ocasións, sempre a bordo vapores británicos; o primeiro viaxe fixérao no London Merchant, pertencente á Peninsular Steam Navigation Company, (ao que tamén pertencera o Great Liverpool,  pero cando cinco anos despois rebautizouse á navieira como Peninsular & Oriental Steam Navigation Company) que o levou de Londres a Cádiz e co que case vaise a pique no propio Cabo Fisterra, tras rompérselle a máquina ao vello vapor británico no medio dun terrible temporal, a noite do 10 de novembro do 1835. Noite por certo, de infausto recordo para os que coñecemos o mundo dos naufraxios na costa galega, pois cincuenta e cinco anos despois e na fatídica Punta do Boi, perdíase o HMS Serpent, perecendo no seu tráxico naufraxio, 172 homes da Royal Navy.
Pero desculpen vostedes a esta mente asolagada nos naufraxios e a unhas mans acostumadas a escribir sobor deles e centrémonos na historia do can. Ese can do que fala a lenda o cal non paraba de ladrar, correndo e saltando ao redor do esbelto e elegante cabaleiro británico, George Borrow, cando éste ía ao lombo dunha égua pola corredoira que o levaba de Ameixenda cara a Cee, na compaña de Sebastianiño, seguramente agoirándolle que ían confundilo cun carlista en Fisterra, tras deixar atrás a aldea de Duio e que dito incidente, de non ser pola intercesión de Antonio da Traba, O Campón e xigante de Fisterra, (que fora grumete a bordo do HMS Victory de Nelson) houbese rematado co Don Jorgito o inglés pendurado no cadalso… pero isto xa é outra historia.


Ao lonxe, soa a campá da igrexa de Ameixenda, da cal escoitei unha vez, que no seu mesmo campanario estivera pendurada o sino pertencente a algún dos barcos afundidos pola contorna… Great Liverpool, Scotia?... A mesma campá por certo que foi tocada por derradeira vez na cuberta dalgún deses navíos, para alertar do seu naufraxio.

Antonio, o pai de Erico, sempre era increpado pola súa irmá Mari Carmen, cando baixaba moitas veces ás pedras a apañar percebes, e el sempre lle dicía: -si el mar no me lleva, cuando me muera tirar mis cenizas en el-. Seu derradeiro desexo ainda agarda a ser cumplido.

Co lombo mallado e pegado ao asiento, o peito aberto polas emocións vividas, a mente valdeira frotando nun sono e as ondas batendo ao lonxe contra as Lobeiras, encendo o motor do coche e ao tempo comeza a soar un retrouso no equipo de música… “ Past your eyes on the ocean... Past your soul to the sea... When the dark night seems endless, please, remember me…” Dante´s Prayer, Loreena McKennitt.


© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Praia de Gures no verán do 1989. Maricarmen P.
Foto: Praia de Gures de augas cristalinas. Ana Castro.
Foto: Gures e Tobías. Erico P.
Foto: Gravado do Liverpool (rebautizado pos. Great Liverpool). Revista americana da época.

3 comentarios: