sábado, 4 de febreiro de 2017

Serpes e Dragóns (VII) A amizade dun mariñeiro cun xuíz.



José Brión Ajeitos, o pai de Roberto, lía e escribía na súa casa á luz dunha candea cando chegaba do mar, ainda que fora de madrugada. Non era un mariñeiro común. Aquí collían centolas e llas trocaban por patacas. Namorouse dunha muller de Arou e xa casou e afincouse aquí. Estivera traballando anteriormente de planchador en Barcelona, antes de a adicarse á vida do mar. Foi dunha xeración de bos patróns, e de grandes oficiais da marina mercante que paríu o pobo mariñeiro de Corrubedo. Chegou a ser o único socio do casino de A Ponte do Porto, que non era da mesma Ponte. Privilexio que na época non lle era concedido a ninguén. Vestía elegantemente sombreiro e traxe e tiña unha boa planta. Era moi amigo de Evaristo Mouzo Vázquez, un xuíz oriundo da parroquia de Xaviña, nado no pazo de Tasaraño que comezou a súa profesión tras sacar a carreira de dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, entre os anos 1911 e 1917, sendo precisamente nesta cidade galega, onde exercíu por vez primeira como xuíz de instrucción, no 1933. O 28 de xaneiro do 1936, o xornal El Pueblo Gallego, publica a  nova onde Evaristo Mouzo Vázquez é elexido candidato polo Partido de Izquierda Republicana. Tras ser suspendido de emprego e soldo, (estamos no inicio da Guerra Civil española) tal e como indica o xornal santiagués, El Compostelano, na súa edición do 7 de xaneiro do 1937, mes e medio despois lle serán restituidos ambos. Tras contraer matrimonio coa señorita Carmen Álvarez, na vila de Melide, foi trasladado a Santa Cruz de Tenerife, concretamente á vila de Telde, onde traballaba seu sogro na adxudicatura. O xornal, La Noche, publica o 13 de xullo do 1957 a nova que amosa o nomeamento de Evaristo Mouzo Vázquez, como Maxistrado do Tribunal  Supremo. Cinco anos despois, en concreto no BOE nº 188, con data do 7 de agosto do 1962, sae publicada a nova da entrega da Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort a este xuíz camariñán, o cal recibirá polos seus veciños unha calurosa homenaxe, no casino desta localidade costeira, no mes de agosto do 1963.
Co Decreto 3545/1970 do 3 de decembro, xubilábase por cumplir a idade reglamentaria, como Maxistrado do Tribunal Supremo, pero pouco podería desfrutar do seu retiro, pois falecería na súa casa do lugar de Paxariña, na parroquia de Xaviña, (Camariñas) ao ano seguinte, sen descendencia.
Ao mariñeiro José Brión Ajeitos, uníalle unha gran amizade con Evaristo Mouzo Vázquez, e ás veces xantaban xuntos. Nunha destas xuntanzas, o mariñeiro agasallou ao nomeado xuíz coas dúas espectaculares figuras de dragóns de bronce que atopara nos arredores dos baixos dos Trinacras, co seu fillo Roberto e con Alfredo O Paquete. Tendo enfronte semellante historia, tentei pescudar sobre o paradoiro das marabillosas e inusuais obras de arte que constituían as pezas dos dragóns dos Trinacras.


Tras procurar atopar a descendentes ou familiares de Evaristo Mouzo Vázquez, o cal morrera sen descendencia, no mes e xullo do 2016, localicei a Antonio Vázquez-Guillén, na páxina web do seu bufete internacional de abogados VCGH (Vázquez-Guillén, Canals, Gaspar, Herrero) ubicado en Madrid. Noutrora éste home fóra avogado do Estado no caso Prestige, Tras conseguir o seu número de teléfono, chameino e tras identificarme á súa secretaria, estiven agardando un intre ata que me pasaron con directamente con el. Falamos por espazo de sete minutos. Comenteille a que me adicaba, e a continuación conteille a historia pola cal o chamaba, que non era outra que saber do paradoiro das famosas figuras dos dragóns doados a seu tío avó, Evaristo Mouzo, polo mariñeiro José Brión Ajeitos de Santa Mariña. Pero desgraciadamente, Antonio nunca os víu no pazo familiar de Tasaraño, tamén chamado dos Mouzo, onde nacera Evaristo e os seus nove irmáns, na parroquia de Xaviña, nin escoitou nada relacionado con estas pezas, ou outras relacionadas con naufraxios na zona que foran  parar a inmobres da familia. El mesmo ademáis, reformou ese pazo e afirmou que nunca apareceran tales pezas, nin as vira nunca alí. Dixo que seu tío avó, Evaristo, pouco desfrutara da xubilación pois morríu un ano despois de trasladarse a vivir a outra casa da familia preto do pazo, ubicada no lugar de Paxariñas, tamén na parroquia de Xaviña. Agradecíame que contactase con el e que sentía non poder axudarme. Si algún día tiña novas ao respeito, avisaríame. El xa ía pouco polo pazo de Tasaraño, en Xaviña, pois pasaba os veráns en Vilagarcía de Arousa, de onde é a familia da súa dona. Tampouco lembraba a presenza destas míticas pezas no interior da casa que ocupara seu tío avó, Evaristo Mouzo Vázquez, no lugar de Paxariñas, (aldea pertencente ao Concello de Camariñas) que pertencera a un marquesado e fora trasladada pedra a pedra desde o lugar de Dor, pasada A Ponte do Porto ata o seu actual emprazamento en carros de bois pola veciñanza quen axudou na reconstrucción do inmoble, na súa actual ubicación de xeito “gratuito”, pois na época contan que dito maxistrado era un home de moito poder e que ninguén se negaba a facer traballos “de xeito altruista” para el. Algún veciño da zona asegura que víu no interior desta noble edificicación, unha especie de celda con cepos e cadeas e cóntase pola contorna que se aparecían xéneros na ribeira cuspidos polo mar, había que entregarllos a el en persoa para non ter problemas. 
Pero, que foi logo do paradoiro das figuras dos dragóns de bronce atopados no pecio do Trinacria?


O vento zoa con forza. As ondas do Atlántico estouran nos cantís, purificando praias e coídos. A choiva escorrega polas fiestras... A invernía arribou para ficar ancorada unha tempada... Claudico ao poder da dixestión, adormecendo e sentado a carón do lume, cun libro entre as mans... Soa de fondo, O mar de Madredeus.

© Fernando Patricio Cortizo 2017

Foto: Aldea de Santa Mariña en agosto. Fernando Patricio Cortizo.
Foto: nota de prensa, xornal La Noche, edición do 13 de xullo do 1957.
Foto: Vivenda de Evaristo Mouzo, nas Paxariñas. Pepe O Prixelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario